lunes, 13 de enero de 2025

COMA O SONETO SEN VERSOS

 

Collo a conciencia e, con pachorra, case con nugalla, déixoa no chan. Doulle unha patada e mándoa a rañala, a sementar fabas. Arestora xa non a teño. Quen ten hoxe conciencia? Ou principios, crenzas, conviccións, ideas? Cada un búscase a vida como pode, incluso arrastrándose polos versos enredados, enmarañados dun soneto. Agora tampouco é plan facer poesía dunha conciencia atrapallada, trangalleira, rota.

Non quedando contento, marchei correndo á palleira para coller pico e pa e intentar enterrar definitivamente a esa conciencia golpeada, escarallada e sen folgos xa para opinar ou deixar de opinar. As conciencias non opinan... actúan; para ben ou para mal, pero nada máis.


Co pico cavei sobre os soños que algún día tiven nun ir e vir descontrolado e sempre coa infancia facéndome sombra. Algo tamén lle tocou á adolescencia. Coa pa liberei os pesadelos que por veces asomaban entre os poemas que pensaba que tiña escritos, cando, na realidade, todas as páxinas estaban en branco.

Enterrada xa toda a conciencia e todo o que albergaba esta, realicei unha misa de réquiem desde os outeiros do peito. O amén final foi como un ouleo no que o silencio incluso tremeu de medo. Tanto medo colleu que se lanzou ó baleiro. Ó baleiro no que nada hai, no que nada se sente e no que nada se pode facer. Agora cada quen que acomode, que adapte a conciencia se a ten ó seu albedrío, á súa vontade. A miña insulteina, malleina e enterreina. Así, xa podo dicir definitivamente que son coma o soneto sen versos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 10 de xaneiro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario