Ano novo, vida nova. Que va; a vida segue igual. Julio Iglesias era listo cando cantou iso. A vida só cambiou en que, en vez de escribir 2024, hai que escribir 2025. Os minutos seguen a ser os mesmos, como as horas e os días e as semanas e os meses. Tamén os berros son os mesmos. Si, poden ser con maior entoación ou máis secos ou máis esgazados ou máis odiosos, pero son berros. Tamén os silencios e os barullos. O toxo, dun ano para o outro, segue a ser toxo. Medrará quizais unha milésima, pero tamén pode agachar a cabeza a causa da xeada; pero é o mesmo toxo.
Dun ano para o outro, todo é o mesmo. O ser humano segue a sentir angustia, e ansias, e medos, e desexos, e carraxe, e morriña, e soidade. Segue a ser amigable e odioso; ás veces ó unísono. Porque si, porque somos así; cun corazón de ouro, pero tortos; con sentimentos, pero fríos; con anhelos, pero pasmóns; con señardade, pero rebuldeiros. Tal cal como eramos o ano pasado, e hai dous, cinco, vinte, trinta anos. E como seremos no futuro. O de que o tempo pasa e todo cambia é simplemente un dicir, unha frase para que quede bonito.
Dun ano para o outro volverá chover, e xear, e nevar, e asaranse os paxariños, e arderán os montes, e morreremos en accidentes, e de cancro, e porque nos gusta matar. Tal cal como o ano pasado, e como os anteriores. E como no futuro. Somos homes de costumes, e de lei de vida, e de non hai volta de folla, e de punto final. Do punto final non nos salva nin Rita a Cantaora.
Dun ano para o outro o mellor é deixar a mente en branco e vivir o momento, sen pensar no 2024 que xa foi nin no 2025 que está por pasar. Ou non. Moitos non o contaremos. Realidade pura e dura. Como a vida.
Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 2 de xaneiro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario