miércoles, 22 de enero de 2025

SEMENTE DE VERZAS


Mirei para a verza. Collina polo cañoto. Tirei. Arrinqueina. Así unha detrás doutra. Un cento. Miles. Ó mellor o que estaba arrincando era a culpa, os pensamentos, os pecados, todo o malo. Porque arrincaba con nervio, con forza, con carraxe. Aquel cañoto que se resistía, collía o fouciño e dáballe. Igualmente con ganas. Seguro que era para descargar a rabia.

Que rabia? Ningunha. Son un punto e seguido no relato dos soños. Todo o anterior parágrafo foi para disimular, para dar a entender que logo da tempestade chega a calma. O que pasa é que o disimulo pagárono as verzas. Pobres verzas! Seguro que agora me compensan cunha boa pota de caldo e eu cun agradecemento eterno. Onde estean as verzas que se quite todo o demais.


Cando cheguei á derradeira verza penseino mellor. Nin a arrinquei nin a cortei. Si que a collín tamén polo cañoto pero para bailar ó seu arredor ó ritmo dun tema musical de Paula Fernandes. Ó mellor era de Carminho. Ou de Mariza. É igual; bailei tanto con ela, coa verza, que ó final non lle quedou outra que espallar, que esparexer a semente. Polo visto, xa rematara coa culpa, cos pecados, coa conciencia negra.

Agora quedaba estrado o terreo con novos soños, con grandes ilusións, con mellores perspectivas e con, seguro, magníficos resultados. Tempo ó tempo. Nun amén haberá máis verzas, máis ansia, máis desexos, máis aspiracións, máis cobiza.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 20 de xaneiro de 2025

No hay comentarios:

Publicar un comentario