Vexo un paxaro voar. Quixera ser como Superman. Ou como o paxaro. Son pouquiña cousa: unha pequena voaxa, un baleiro nun recanto, un pequeno salouco, un oremus relixioso, un paspán real. Son o calendario que avanza e que, de cando en vez, recorda. Ou moi a miúdo. Depende das circunstancias.
Vexo un ceo azul con pequenas nubes brancas. Quixera ser o demo. Ou un ceo de home. Son a multiplicación da ansia polo desexo, co resultado final dun baleiro quimérico, esperpéntico. Son a parálise dun bico e o gozo dun orgasmo. Son o mes de xaneiro polo que o tempo pasa e todo cambia. Ou non. Depende dos acontecementos.
Vexo unha palabra mal escrita. Quixera ser como Cervantes. Ou como Quevedo. Ou como Valle-Inclán. Ou como Cela. Ou como Saramago. Son un pobre corrector que, na propia rectificación, xa erra. Son o Día das Letras Galegas que, no caderno, cuspo palabras de orballo, ou de morriña, ou de señardade. Depende dos sentimentos.
Vexo un silencio que se palpa e un ruído que se intúe. Son o buxán que está á espreita. Ou a nada que non ten ren. Son o amén nunha frase curta e o R.I.P. deitado sobre unha lápida do cemiterio. Son o Rápido de Bouzas porque o tempo aperta. Depende da situación.
Vexo a auga que corre polo río Arnoia. Son o peixe que corre pola súa beira. Ou o toxo que o contempla. Son o asubío mal entoado e o fouciño mal afiado. Son o suspiro que salouca, o verme que se arrastra, o pombo que chora, o lobo que oulea, o silencio que se queda mudo e o astronauta que navega por entre as estrelas. Son a estrela que brilla. Ou o planeta que se apaga. Depende da sensación. Da miña sensación.
Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 3 de xaneiro de 2025
No hay comentarios:
Publicar un comentario