lunes, 20 de abril de 2026

A PROBA DA SUOR


Collín a gadaña e un caldeiro de metal e marchei segar a herba ó lameiro do Río Vello. Alí mesmo, á sombra duns amieiros, cravuñei a gadaña e, cando rematei de preparalo todo, púxenme á faena. Antes, iso si, colguei o caldeiro ó pescozo. E empecei a segar.

A estampa que ofrecía co caldeiro colgado debía ser bastante esperpéntica. Para que levar o caldeiro desa maneira e nesa parte do corpo? Moi sinxelo: para recoller a suor. “Ganarás o pan coa suor da túa fronte”, din, e eu quería comprobalo. Ademais, tiña curiosidade por saber canto suaba. Ós dez cabañóns aínda non caera a primeira gota. Son dos que case non súan nada. Porén, ante certos esforzos físicos, con sorte, igual pingo algunha gota.


No cabañón número trinta foi cando caeu a primeira. Rematei o lameiro con tan só unha pinga de suor! Marchei á casa, collín o pico e a pa e fun facer un pozo, só coa intención de ver se suaba. “Dándolle a estas dúas ferramentas todo o día, malo será”, pensei. O caldeiro estorbábame bastante, pero seguín teimando. Con todo, despois de vinte metros de profundidade, apenas pingaran tres gotas.

Seguín realizando traballos a esgalla: cortar leña, carrexar pedras, cavar máis fondo... e nada de nada. A suor resistíase como se fose un ben escaso.

Un pouco máis tarde decateime de algo inesperado: como realmente suaba, e ademais a cachón, era pensando. Pensando intensamente. Os pensamentos facíanme suar! En pouco máis de media hora, mergullado en reflexións fondas, case enchín o caldeiro. Desde aquel día comprendín que non todo esforzo é físico, e que ás veces a mente traballa moito máis ca o corpo.


Café Brétema. A Valenzá. Domingo, 19 de abril de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario