miércoles, 28 de octubre de 2026

O GOZO DE SER LIBRES


A tarde tiña a luz morna dos días de outubro. O río baixaba amodo, levando consigo follas douradas e segredos antigos. Ela camiñaba pola beira esquerda e el pola dereita, unidos por aquela corrente que, malia separalos, parecía achegalos máis ca ningunha ponte. De cando en vez, os seus ollares cruzábanse e un sorriso invisible tendía fíos entre as dúas beiras.

Ela berroulle que non esmagase as follas, que algunhas tiñan memoria e outras, quizais, sentimentos. El respondeu cun asubío desafinado e preguntoulle se as bolboretas sangraban cando os toxos lles roubaban un anaquiño das ás. Ela botou a rir, e a súa gargallada espantou os paxaros das silveiras. Durante uns intres, o mundo pareceu perder a seriedade, coma se a felicidade non fose outra cousa que unha broma compartida entre dous descoñecidos.


Cando o camiño rematou e o río deixou de ofrecerlles escusas para demorarse, cada un seguiu o seu rumbo. Ela internouse nos montes, lixeira coma unha bolboreta que busca unha flor nunca vista. El ergueu os ollos ó ceo e, nun salto imaxinario, montou nunha estrela fugaz que viaxaba sen destino polo universo.

Ela soñaba cun lugar onde as árbores contasen historias e as persoas non tivesen medo de mostrar as súas feridas. El imaxinaba un universo onde as estrelas puidesen deterse a descansar e os soños non precisasen permiso para existir. Ás veces, sen sabelo, os seus pensamentos coincidían no mesmo punto, coma dúas pingas de orballo que recoñecen a súa orixe no fondo do lameiro. Quizais a liberdade fose iso: poder andar por separado sen deixar de compartir un mesmo horizonte.


Finca Fierro. Barbadás. Mércores, 28 de outubro de 2026

No hay comentarios:

Publicar un comentario