martes, 8 de noviembre de 2011

DEBATE CINEMATOGRÁFICO


              Medio país pendente do gran debate entre Pérez Rubalcaba e Mariano Rajoy, varias televisións proxectando o gran cara a cara entre ideas políticas bipartidistas (coma se non existiran outras), cando un servidor gozou coma nunca contemplando na Sexta 3 a película “O que queda do día”. Aí si que houbo debate, si que houbo un auténtico cara a cara entre Anthony Hopkins e Emma Thompson. Os dous non falaban moito de política, pero o enfrontamento interpretativo foi realmente impresionante. Chegaban as súas olladas, os seus xestos, as poucas palabras de Hopkins para arranxar divinamente a mansión na que servían, algo así coma o país noso polo que estaban a loitar os dous políticos nas outras cadeas de televisión. Seguín a película porque sabía que me ía ensinar cousas. Os políticos ían falar do que xa sabemos todos. ¿Para que perder o tempo?

              Oficina de Maceda. Martes, 8 de novembro de 2011

lunes, 7 de noviembre de 2011

UN RATO NO ESTERCO


              O tractor de esterco iniciou a marcha cara á leira de Germelina Ruiz. O remolque ía tan cheo que o vehículo deixaba pegadas por onde pasaba a causa da labra que caía polo troupelear do propio tractor. Detrás do tractor marchaba Franco Carrascosa por se había que botar algunha man para que o remolque non envorcase. Cando chegaron a unha curva abondo ladeada, Franco Carrascosa agarrou do ladral e viu ó instante cómo un rato ollaba fixamente para el. Así botou un tempo, o suficiente para que ós beizos do home asomase un sorriso de complicidade e de asombro porque viu e apreciou que o tal rato non lle fixo nin caso á súa presenza; seguiu a furgar polo esterco e Franco Carrascosa, a verdade, deixouno en paz. Axiña o perdeu de vista.

              Oficina de Maceda. Luns, 7 de novembro de 2011

viernes, 4 de noviembre de 2011

O QUE ME GUSTA


              Xa está. En quince minutos xa realicei todo. É certo que me movín coma unha bala, pero xa está. Selei as primitivas. Merquei catro cousiñas nun supermercado e unha barra de pan nunha panadaría; para rematar levando todo iso ó coche, para meter todo iso no Filomeno. Agora xa estou sentado nunha cadeira do bar Aitana 39. Facendo, non o que mellor sei, senón o que me gusta, que é escribir. E escribo co ruído da televisión como música de fondo. E contemplo xa a noite escura pola porta de cristal, noite na que está a chover abondo. Era o que queriamos, non si? Que chovese. Pero, ai!, o asunto xa empeza a cansar. Porque a chuvia molla. Porque a chuvia molesta. Porque a moita chuvia arrasa. Collo folgos para, dentro dun chisquiño, iniciar outro relato.

              Bar Aitana 39 da Valenzá. Xoves, 3 de novembro de 2011

SILENCIO POLO DEFUNTO


              Corrían os carrouchos do millo polos regos da Cavada e choutaban os cempés de repolo en repolo e de remolacha en remolacha. Voaban os peixes polo espazo sideral da Pitediña e cantaban as pedras dos valados que separaban as leiras das Pedradarcas. Un escritor escoitaba o ruxerruxe do vento, pero quen realmente facía ruído era o burro de Graciliano Pérez que orneaba con dirección ó muíño de Gumersindo de Escornabois. O burro non era tan burro; sabía que no muíño estaba a burra do muiñeiro. Cando as campás da igrexa de Baños de Molgas tocaron a morto, todo quedou, por un instante, en silencio. Acababa de morrer o vello lagarto que levaba anos subido no cruceiro das Lamas. O silencio rachou no seguinte aviso polo defunto.

              Bar Aitana 39 da Valenzá. Xoves, 3 de novembro de 2011

jueves, 3 de noviembre de 2011

DOENTES DE MISERICORDIA


              A grampadora mira cara ó norte  e un caderno está colocado en horizontal nunha mesa que precisa dunha limpeza moi urxentemente. A mesa está instalada nun despacho que semella máis unha rateira. Vivimos na posmodernidade máis enxebre dun país que racha pola invasión dos ultracorpos. Somos enfermos de misericordia e clamamos por unha pílula con sabor a esperanza. Pero a febre, o mal agarrótanos os sentidos e pensamos que máis alá da inconsciencia está o mar cheo de olas que se bambean para arrolar os nosos corpos. Hai ritmos que non sabemos controlar e que nos levan por certos planetas coas cores cheas de soños. O replicante Rick Deckard cámbianos os soños por ovellas eléctricas. Somos doentes de misericordia que non queremos morrer coma androides sen alma.

              Oficina de Maceda. Xoves, 3 de novembro de 2011

miércoles, 2 de noviembre de 2011

CUBRÍNDOSE DA CHUVIA


              Visperina Lucero Ruiz abre o paraugas para trasladarse do portal da súa casa ó coche que ten aparcado a tan só un dez metros. Pouca distancia, pero suficiente como para poñerse coma un pingo. Chove a mares. Chove a máis chover. Visperina Lucero Ruiz leva na súa man esquerda un bolso de cor vermella que se bambea ó compás dos seus pasos. Estes son apresurados porque, aínda que leve o paraugas aberto, sabe que sempre o aire conseguirá filtrar algunhas pingas de auga que caerán sobre a súa elegancia. De todas formas, ela tan só se preocupa polo pelo. E tamén sabe que a tela dos paraugas de agora deixa coar unha babuxa que lle pode estragar o cabelo. Nun amén métese no coche, toca o pelo, nótao seco e sorrí. Visperina Lucero Ruiz pérdese na distancia.

              Oficina de Maceda. Mércores, 2 de novembro de 2011

A RODA DUN CAMIÓN


              Quero rachar o vento cun sopro da trompeta de Louis Armstrong e subir ó alto do outeiro do Corno para, dende alí, cantar a grito pelado que a vida é un par de ás planando sobre a morte. Debuxo arabescos sobre o firmamento e deixo que unha laverca me acompañe por entre as xestas do monte Medo. Logo, con parsimonia, ollo para as nubes que pasan e sei que dentro dun chisquiño vai chover. Porque o vento xa deixou de fungar. Agora, tan só a trompeta de Louis Armstrong asubía por entre os piornos dos Currás. E a chuvia xa cae con forza sobre as miñas ás. Non consigo planar e aterro sobre o chapapote da estrada, onde, nun santiamén, a roda dun camión esmaga os meus soños. A trompeta de Louis Armstrong é unha amasadura de penalidades.

              Oficina de Maceda. Mércores, 2 de novembro de 2011