Teño a boca seca. A calor é moita, mesmo andando pola sombra. Andei polo paseo do regato dos Muíños lendo en “Brooklyn Follies”, de Paul Auster. Á sombra aínda se pode ir tirando, pero cada vez que tocaba pasar polo sol era como morrer un pouco... asfixiado, sufocado, coa dignidade xusta para chegar ó seguinte anaco de sombra. Ó final, máis que ler a Auster, parecía que estaba esperando pola miña autopsia.
Teño a boca seca. Van traerme o café. Sempre oín dicir que o café é bo para cortar a sede, aínda que nunca entendín moi ben como unha cousa quente pode solucionar outra cousa quente. Eu sede non teño —son de pouco beber—; simplemente teño a boca seca. Que o café corte ou non corte a sede dáme igual. Eu tomo café porque é o que tomo. Se mo trouxesen salgado, supoño que tamén o tomaría. Hai hábitos que están por riba da meteoroloxía e mesmo da razón.
Vaise acabar o mundo. Non digo que sexa hoxe, pero con estas temperaturas, a practicamente finais de setembro, tampouco sería unha sorpresa. E ben pensado, se se acaba o mundo, non é tanta perda. Temos asumido que imos morrer todos, uns antes e outros despois. Así que, chegados ó caso, tanto ten morrer por separado como facer unha morte colectiva e aforrar trámites.
Non habería velorios, nin enterros, nin responsos, nin curas, nin aquelas visitas nas que todo o mundo di que era unha boa persoa. Seríamos simplemente corpos mortos espallados polos confíns do universo. A Terra desaparecería e o universo seguiría sendo universo, que é unha maneira bastante indiferente de dicir que non nos necesitaba.
Con sorte, se hai vida máis alá das estrelas, máis alá do infinito, e se os extraterrestres son espelidos, igual aproveitan o noso desastre para algo: abono para os seus terreos, por exemplo. Dáme que toda poboación mundial dá para moita semente.
Café Brétema. A Valenzá. Martes, 22 de setembro de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario