O que me pasou o outro día sáese dos límites da realidade, da lóxica e, se me apuran, tamén do sentido común: resucitei de entre os mortos. Tal como o digo e tal como o vou contar.
Morrera dun infarto de miocardio cando me vin colgado da ponte das Cepas. O susto foi monumental: mirei para o río Arnoia, alá embaixo, tan ó fondo que me pareceu que estaba noutro concello e nin tempo tiven de deixarme caer.
Eu presentárame alí ás seis da tarde coa intención de saltar de boas a primeiras. Non por suicidarme, que tampouco hai que poñerse dramáticos, senón por curiosidade científica: quería saber como se cae desde case cincuenta metros e, de paso, comprobar se era posible caer de pé no medio do río. Un experimento coma outro calquera, aínda que recoñezo que o método era un pouco definitivo.
Non sei como caín, porque antes de soltar as mans xa estaba morto. Polo infarto. Axiña me atoparon, grazas a que eu deixara avisado nas redes que me ía tirar. As cousas ou se fan ben ou non se fan. O primeiro en chegar foi precisamente o médico de Baños de Molgas, que certificou a miña morte e confirmou que, aínda que o infarto non se me adiantase, o deceso viña de camiño.
Do río sacáronme coma quen recolle un saco despois da feira: máis que escarallado, roto por completo. Eu xa daba por rematada a experiencia, con moi pouco entusiasmo, todo hai que dicilo. Pero, contra todo prognóstico, ó pouco tempo volvín á vida. E aquí comeza a parte que nin eu mesmo dou explicado.
Porque resucitei sen feridas, sen traumas e, cousa aínda máis rara, sen ganas de volver probar. Ninguén sabe como volvín de entre os mortos; máis ben de entre os esnaquizados. Pero volvín.
Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 23 de setembro de 2026

No hay comentarios:
Publicar un comentario