sábado, 14 de enero de 2012

MÁIS CA UNHA CARALLADA


              A pesar do frío, do intenso frío causado por unha impresionante xeada caída o sábado pola mañá, un servidor e a súa dona tivémonos que poñer a sacar nas vides que o sogro ía podando. Fose polo frío ou fose porque os traballos da viña adoitan ser abondo monótonos, o caso é que non había moitas ganas de falar. Ó non falar é cando máis actúa o pensamento, sobre todo neses temas máis candentes ou neses asuntos que viches durante toda a semana ou en certo momento. O máis, máis candente xa sabemos que é o da crise, pero creo que o temos xa tan asumido que cada vez lle dedicamos menos tempo. Emporiso, nos últimos días aconteceron dúas cousas que, tanto a unha coma a outra, case revolven o estómago. A primeira foi saber e ver cómo uns estúpidos ianquis mexaban sobre os cadáveres duns presuntos talibáns. A verdade é que iso xa non ten nome nin ningunha xustificación. Sinceramente, espero un castigo exemplar para eles. E a segunda foi a esperpéntica sentenza sobre o caso de Marta del Castillo. É normal que a xente pense (eu o primeiro) que a xustiza é unha carallada. Moito máis ca unha carallada.

              Finca Fierro. Sábado, 14 de xaneiro de 2012

jueves, 12 de enero de 2012

MEMORIA QUE BRINCA


              Sento sobre nubes de algodón e un arado de pau abre o rego dunha memoria infantil. Memoria que brinca por entre as toxeiras dos recordos, de cando un can de palleiro me buscaba para pasar o tempo. Deixo que o sorriso aflore ós meus beizos ó debuxar o tic dunha perna traseira do Uriarte e meneo a cabeza ó pensar nos continuos ladridos que deixaba escapar diante do burro que estaba a pacer tranquilamente e sen meterse con ninguén. Pero o Uriarte dálle que dálle durante toda a mañá o toda a tarde. Ás veces cansaba xa, acababa coa paciencia. Dáballe uns lostregadas e, logo, abrazábao. Baixo das nubes de algodón e contemplo o ceo azul da vida que pasa mansiñamente.

              Maceda. Xoves, 12 de xaneiro de 2012

martes, 10 de enero de 2012

AS CORES DO CEO


              Agora mesmo, sobre o horizonte, o ceo está de cor laranxa e unha máquina fotográfica apousenta sobre unha mesa para, dentro dun chisquiño, retratar esa marabilla de ceo. Hai ceos azuis e hai ceos negros. Pero tamén os hai laranxas. A estas horas da mañá predominan máis os laranxas e os negros. De madrugada, os ceos azuis brillan pola súa ausencia porque a esa hora aínda non se ve moito que digamos. Pero estamos a piques de que asome o sol alá polo alto daquela serra e o ceo cada vez se vai poñendo máis guapo. Hai ceos guapos e hai ceos feos. Pero tamén os hai grises. O home que está mirando cara ó ceo, vai coller a máquina de sacar fotos para retratar esta clase de ceo. Hoxe toca a de cor laranxa.

              Maceda. Martes, 10 de xaneiro de 2012

lunes, 9 de enero de 2012

SUSPENSE NA ÁREA PEQUENA


              Tensión no ambiente. Un piollo quere choutar á cabeza dun rapaz que está xogando ó fútbol, de porteiro. O piollo mide a distancia dende o traveseiro da portería. Decátase de que o rapaz non está quieto. Anda a moverse continuamente dun lado para outro, dun poste ó outro poste, da raia da portería ó punto de penalti. O piollo xa súa a causa da impotencia. Fai varios intentos de choutar pero, nun suspiro, o cativo dá un paso ou retrocede outro. Suspense na área pequena. O piollo reza para que se produza un córner. Pensa que é a mellor opción de pillalo a tiro; ó porteiro. Dito o pensamento, realizado o feito; hai un córner. Pero o rapaz non para. Emporiso, o piollo pecha os ollos e lánzase ó baleiro. Ó caer nota a suave cama do cabelo. Respira e pensa na gran parada realizada polo porteiro.

              Finca Fierro. Domingo, 8 de xaneiro de 2012

sábado, 7 de enero de 2012

A COARTADA DO COCHE


              Antes de quedar durmido e incluso xa durante as dúas películas que vira, Ricardo Corcuera López botou todo o tempo pensando en que ó día seguinte tiña que levantarse ás nove. Non puxo o reloxo porque sabía que ía espertar a esa hora. Fíxoo cinco minutos máis tarde, ás nove e cinco. Polo que choutou da cama coma un lóstrego. Intuía que o tempo se lle botaba encima. Sabía que cando chegase á aldea, entre unhas cousas e outras, non empezaba a traballar na parcela ata preto das once, o que significaba que a mañá non daba para moito. Avivou nos rapaces para que se moveran. Se non estaba enriba deles, a saída da casa ía para un longo período. Ultimamente adoitaba poñer o coche de escusade coartada para estimulalos, dicíndolles que baixaba xa a quentalo, a poñelo en marcha, para que así eles pensasen que o seu pai xa estaba abaixo esperando. Ricardo Corcuera López tiña dous cativos ós que non lles gustaba nada ir á aldea e dedicábanse a poñer unha traba detrás dunha pexa para alongar a saída. A un leváballe unha morea de tempo almorzar e o outro eternizábase vestíndose. Ricardo Corcuera tamén aproveitaba a coartada do coche para non perder a paciencia. No coche esperaba escoitando a radio ou música.

              Finca Fierro. Sábado, 7 de xaneiro de 2012

jueves, 5 de enero de 2012

VERSOS DE MORRIÑA


              Deixo caer os ollos nos puntos negros da chaira castelá e vexo debuxada sobre unha folla de aciñeira a cara de Rosalía de Castro. Semello un cantar galego na negra sombra dunhas follas novas. Cheiro o aire da nostalxia e véxome lendo a Celso Emilio Ferreiro no parque do oeste do país dos ananos. Apoio contra un érbedo e noto a leña de carballo sobre as costas. Cruzo na Gran Vía madrileña con Valle-Inclán e son tan parvo que non me atrevo a pedirlle un garabato sobre as comedias bárbaras que levo na cabeza. Pero a súa presenza foi suficiente para marchar correndo ó Café Comercial e, alí, aínda co alucine nos meus ollos, deixo caer as primeiras letras dunha novela galega. De cómo un labrego de poucos anos sementou os seus campos con versos cheos de morriña. Rosalía.

              Finca Fierro. Mércores, 4 de xaneiro de 2012

martes, 3 de enero de 2012

SOLDOS VOMITIVOS


              Agora entendo que haxa veces nas que, ó ler as noticias, se che quede a cara de pampo o se che revolva o estómago. E para que isto último suceda, non é necesario ver miolos esparexidos polo chan, senón que chega con ollar unha columna cos soldos de certos personaxes nacionais. Pensas nos mileuristas ou nos que ganamos un chisquiño máis (tan só un chisquiño) e xónguelos ó carro de, por exemplo, Augusto César Lendoiro cos seus 429.500 euros ó ano, e non me estrañaría entón que esa xugada descompoña o carro da nosa vida. Como pode ganar tantos cartos o presidente dun club que, hoxe, ¡milita en segunda división! Como non van dar ganas de, agora si, rebentar miolos ó ver o soldo anual do conselleiro delegado do Atlético de Madrid, máis dun millón de euros. Dan ganas de vomitar ó ver estes soldos nesta época de crise. Perdón, crise tan só para nós.

              Finca Fierro. Luns, 2 de xaneiro de 2012