miércoles, 8 de febrero de 2012

IDEAS ATROFIADAS


              Un furacán percorre o videoclip de Michael Jackson e os meus ollos que escudriñan as letras que acabo de escribir. Bulen as ideas para plasmalas no papel. Pero non asoman. Non consigo conxugalas. ¿Unha bala na recámara para ser disparada? ¿Un bico entre dous cativos que se abrazan no parque? ¿Unha cunca de café na que caen as letras dunha canción de Lolita? Mestura de dixomedíxome sen conxunción. Seguen os ollos a percorrer as letras, as palabras, as frases e quedo bloqueado sen saber cómo seguir. ¿Unha bomba que está a piques de estoupar de novo en Irán? ¿Un asubío dun home que camiña por entre a néboa? ¿Unha lapa que queima a conciencia dun político? ¡Imposible!, estes son inmunes a todo. Rematei o relato e non conxuguei nada. Ideas atrofiadas.

              Cervexaría La Abadía de Ourense. Luns, 6 de febreiro de 2012

martes, 7 de febrero de 2012

O ESCUDO


              Cae a pedra sobre o penedo e a marca deixa un risco de soidade e silencio. En dúas tardes os riscos foron collendo forma ata que completaron o debuxo dunha afección infantil. Nas tardes de verán. Nas tardes de soidade e silencio. E a pesar dos ladridos do can. E a pesar da compaña de tres vacas e un burro. Pola noitiña deixou de caer a pedra sobre o penedo e alí quedou, con rúbrica incluída, o escudo no que unha memoria infantil se exercitaba a todas as horas. Hai afeccións que marcan. Como marcou a pedra sobre o penedo. Aínda que agora os pensamentos son outros, os riscos seguen a novelar un tempo no que a inocencia brincaba polo monte de Barricobos.

              Cervexaría La Abadía de Ourense. Luns, 6 de febreiro de 2012

TSUNAMI DE ENCORDIOS


              Imposible dar unha cabezada na sesta. Porque en tan só media hora, un tsunami de encordios, idas e voltas fixeron que a miña paciencia estivese a piques de explotar. Catro chamadas telefónicas dun amigo do meu rapaz máis novo. Dúas viaxes ó cuarto de baño do cativo, o que significou uns ruídos espantosos na pechadura, seguido, por suposto, do ruído da cisterna. Unha petición de chaves para ir ó garaxe buscar un balón. Outra petición das chaves do coche para ir á rúa e pillar a bomba de aire que andaba no maleteiro. Idas e voltas da habitación á cociña e deste a aquela. ¡Alán, por Deus, deixa durmir algo! Cando meu pai me berraba, eu non daba unha fala. Agora seguen ó seu... queremos isto, dime estoutro. Mexan por enriba de min e teño que dicir que chove. ¡Condenados!

              Cervexaría La Abadía de Ourense. Luns, 6 de febreiro de 2012

lunes, 6 de febrero de 2012

PEDAIS TRABUCADOS


              Acendín o coche, toquei o acelerador e non se me puxo en marcha. Calquei máis a fondo e nada. Cando quixen acelerar de novo, o pé fóiseme cara ó freo e case parto o pescozo ante a brincadela do vehículo. Ante o susto volvín tocar o freo e o coche aceleraba máis. O pensamento levoume a cambiar de pedal por aquilo de... a ver se por un casual. E a casualidade resultou, xa que ó tocar o acelerador o coche freou de golpe. ¡Meu Deus!, alguén me trabucou os pedais do meu Filomeno. Gotas de suor asomaron axiña na miña fronte. Acelerei para frear. Tiña medo de seguir. Mentres non me acostumase ós cambios, podía darlle por detrás a algún outro vehículo. ¡Que angustia! Non sabía que facer. O espertador mandou ó traste a miña angustia. ¡Menos mal!

              Maceda. Luns, 6 de febreiro de 2012

viernes, 3 de febrero de 2012

A BASE DE TRABALLO


              O vento fungaba con tanta forza que chegaba incluso a mover o coche. Pero o peor do tempo climatolóxico chegou cando Sandalio Cachomba e Librada Agonías baixaron do vehículo e os lampos dese vento golpearon nas súas caras. Eran fríos coma cadornos de xeo. Encollían ata as propias almas. Os bufidos e as queixas dun e doutro foron a menos cando, logo de cambiarse de roupa, se puxeron a cargar uns tractores de leña e de tela que picar despois, segundo a ían descargando. Os seus corpos axiña entraron en calor e soltaron aquilo de “¡quén dixo frío!”. Sandalio Cachomba non tardou en quitar a cazadora que tiña abrochada ata o mesmo papo e Librada Agonías colgou dun estadullo o gorro que lle cubría case toda a cabeza. Ós cachos pegaban un descanso para ver os xogos que estaban a realizar os cans que andaban polo patio. A cadela pequena era a que estaba a armar todo o cotarro, encirrando nos outros de tal forma que mesmo semellaba un cachafello molesto, demasiado molesto, pero que os estaba a divertir. Rematados os dous tractores de leña, Sandalio e Librada volveron cambiar de roupa, saíron da aldea e baixaron para a capital. Escorrentaran o frío a base de traballo.

              Maceda. Venres, 3 de febreiro de 2012

UN CHISTE


              Cotexa cun selo de caucho as catro liñas nas que se comunica que a vida son unhas risas e a morte é un chiste, o mesmo que cantaba o crucificado á beira de Brian, o home ó que confundían co Mesías. E deixa que o funcionario asine o cotexo para que a felicidade que produce unha vida alegre vaia moito máis alá dunha chistosa morte. Asubía o tema musical de “A vida de Brian” e verás como agonizas feliz e contento nunha cruz na que te crucifican polos esperpentos cos que está feita a cruzada que vai da nenez ó final dunhas risas que se soltaron ó longo de toda unha vida. Alguén lerá o teu chiste e dirá que ninguén te dobregou.

              Maceda. Venres, 3 de febreiro de 2012

miércoles, 1 de febrero de 2012

ESBIRRA O CALENDARIO

              Esbirra o calendario días de frío polar a causa dun inicio de ano que cabalga sobre o pasado. E quere a historia ser dona do firmamento, no que unha partícula de po leva consigo un tema musical de Ottmar Liebert. Calquera día do mes de febreiro treme de ansiedade para achegarse ós días de primavera, onde a música, din, que amansa ás feras. Hai silencio na segunda semana, cando o barullo do rachar da xeada cae vencido ante o sol que asoma por calquera serra. Hai melodías que adormecen os pés dos que bailan sobre o xeo nun encoro conxelado. Esbirra o calendario pingas de orballo que, ó instante, quedan solidificadas.

              Maceda. Mércores, 1 de febreiro de 2012