sábado, 7 de julio de 2012

MAÑÁ CON MÚSICA



              A botella do leite está sobre a tarima da cociña á espera de que alguén se dispoña a preparar o almorzo. Por uns altofalantes a música de Milladoiro expándese por todo a casa. Fóra quere chover. Baldosas de cor branca e un bolígrafo vermello sobre a mesa da cociña. Para as simples anotacións, alguén usa esta cor. Para escribir adóitase usar tinta azul ou negra. É lei de vida, dende sempre. Unhas cantas mazás e dúas laranxas sobre un froiteiro. Un rapaz que se levanta da cama. Son as doce menos vinte e cinco da mañá, sábado. O longo tema de Milladoiro, “O noso tempo”, segue deixando caer a fermosa melodía sobre os oídos de quen o escoita. Hai temas musicais que paga a pena escoitalos unha e outra vez. Haberá que poñer o cazo con leite ao lume.

              Finca Fierro. Sábado, 7 de xullo de 2012

POLA CARA BONITA



              Imaxino que moitos ao ler a nova de que “o goberno fará públicos os soldos dos alcaldes e edís” pensarán que, por fin, empeza a haber claridade nas administracións locais, autonómicas e centrais. Intúo que iso pode ser algo así como un pequeno perdón para os que cobran. Pensarán que ensinando as súas contas será como unha bondade nunha profesión (a de político) que hoxe en día non está moi ben vista. Vaia parvada! Por moito que amosen ou por moito que publiquen os soldos, non os van baixar. É máis, algúns ata se fachendearán, se gabarán do que cobran e outros cantos aínda son capaces de aprobar en pleno (coa súa maioría absoluta, por suposto) algunha suba. Sinceramente, ás veces é mellor non saber o que se embolsan para que o sangue non se vexa alterado polas enormes cantidades, para non cabrearse. E principalmente neses alcaldiños e edís que coñecemos e que vemos que non moven unha palla, que tan só serven para erguer a man nas votacións dos plenos afirmando ou negando o que diga o seu xefe, o seu alcaldiño. Falando claro, que cobran tan só pola cara bonita.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Sábado, 7 de xullo de 2012

viernes, 6 de julio de 2012

AS TENTACIÓNS DO DEMO



              Quere o demo apoderarse de Isaías Relojero Sampaio porque este leva na man un fouciño co que roza unhas cantas toxeiras na leira de Tras das Poulas. O demo anda a manexar de tal maneira o rabo que en calquera momento este enredarase no fouciño polo que en vez de cortar nos toxos, ao mellor, chouta cara ao brazo esquerdo de Isaías. Non obstante, e dándose de conta do que está a pasar, este non lle fai caso e cun sorriso malicioso espétalle de súpeto que ao mellor a onde chouta o fouciño é cara aos cornos de diaño. O demo, a pesar de estar no inferno, quedou frío e marchou coa rabo entre as pernas na procura de un que fora máis incauto. Estaba visto que ninguén se metía en serio con Isaías Relojero Sampaio. O paisano, cando rematou de xuntar as gavelas, envolveu o fouciño e marchou para a casa.

              Finca Fierro. Venres, 6 de xullo de 2012

O SILENCIO E A NUGALLA



              O silencio queda só porque a nugalla marchou con parsimonia cara á unha habitación na que unha cama a estaba esperando. O silencio non mete ruído. A nugalla déitase na cama e reza un kirieleisón pola paz que está a piques de chegar. Mentres non chega, viaxa pola estela do aire que mete ruído e esquiva os obstáculos que asoman polo camiño, unha árbore centenaria, un penedo escarpado e unha casa abandonada. Cando xa chegou a paza, a probe nugalla tamén queda en silencio e o ruído deixa escapar unhas bágoas silenciosas que producen un abouxado chop! ao caer sobre as baldosas da habitación. O silencio queda só porque a nin a nugalla fai xa ruído.

              Finca Fierro. Venres, 6 de xullo de 2012

O OLLO DO CU



              Xa sei que o teño dito varias veces e case podo asegurar que se está a converter na miña frase fetiche, a que di iso de “Galicia é o cu do mundo e Ourense é o ollo do cu”. Pero unha vez máis hai que pronunciala noutro relato porque este mesmo xornal anunciou que a Xunta é a administración que máis reduce a súa inversión en Ourense. O ollo do cu. E algúns poden pensar que precisamente é a Xunta á que menos lle importamos e sendo o noso presidente ourensán. Algo semellante ao cu do mundo, ou sexa, a Galicia; que mandando personaxes galegos, nunca miraron pola nosa terra, dende Franco ata Rajoy e pasando por Fraga. Pero é igual, somos tan inocentes que seguiremos confiando nos nosos paisanos porque nos mitins van de galegos pola vida... se ata defenden a Castelao, que xa é dicir.

              Maceda. Venres, 6 de xullo de 2012

jueves, 5 de julio de 2012

SOBRE COCHES



              O rapaz ía pegadiño ao pai pola beirarrúa e non deixaba de lle dicir que tal ou cal coche era bo, que me gusta este, que me gusta aquel. O pai dicíalle a todo que si, pero tamén lle explicaba que para qué querían un cochazo se, á hora da verdade, non se podía correr. Como moito tan só se pode ir a 120, e a esta velocidade “aínda corre o noso velliño”. Certo que de uns a outros adoita haber algunha diferenza, por exemplo, na comodidade do habitáculo, pero o pai cre que o rapaz tira máis polo asunto da velocidade e incluso polo deseño e a forza, xa que cada dous por tres faláballe dos 4 X 4, dos todoterreo. Non era parvo o rapaz. O pai, aos poucos, soltáballe aquilo de “si, mercámolo mañá”. E botábase a rir.

              Maceda. Xoves, 5 de xullo de 2012

martes, 3 de julio de 2012

CON 9 E SEN 9



              Máis que alegría pola consecución da Eurocopa, sentín unha auténtica gozada polo xogo da selección española no último partido e para darlle na cara a aqueles agoireiros que empezaban a criticar xa tanto o xogo como as decisións do adestrador Vicente Del Bosque. É certo que o xogo nos primeiros partidos non foi o que namora, pero é normal; cada vez coñecen mellor a España e intentan apertala como poden. Por exemplo, antes a Iniesta cubríano dous, agora, tan axiña como pilla o balón, bótanse a el coma lobos uns catro xogadores contrarios. Logo estivo a ladaíña do maldito 9. E digo eu, para que queremos un 9 se temos catro ou cinco gnomos que marean, que esgotan a auténticos cabalos de batalla. Aí estivo tamén a grandeza de Del Bosque; primeiro esgotaba aos contrarios e logo rematábaos. Con 9 e sen 9 houbo xogo e goles. Todos temos un adestrador dentro, pero non nos respectamos.

              Maceda. Martes, 3 de xullo de 2012