jueves, 6 de septiembre de 2012

QUEN...



              Lume no arame de espiño. Sol na crista dun galo. Rodan os coios brancos polo barranco de Barricobos. Quen lle ten medo ao balanceo dun bambán? Chouta o sapo sobre a cova do grilo e unha rula voa ao longo do río. Queda o silencio deitado no ruxerruxe da auga e penetra unha estrela fugaz por entre os piornos do Outeiro Miau. Quen lle canta a un gaio nunha tarde de treboada? O rapaz mide o perímetro da circunferencia e a nai resolve a área do círculo. (“Cosa más fácil / ¡válgame Dios!/ área del círculo / pi erre dos” π x r²). Tocan a morto as campás da igrexa parroquial e unha procesión de formigas atravesa o camiño da Cavada. Quen corre detrás do cabalo de ferro cando pasa pola estación de Baños de Molgas? Queda o silencio en silencio.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Martes, 4 de setembro de 2012

AS NUBES DE COR GRIS



              Estou pensando que cando a nube negra pasa por enriba da de cor branca é porque a chuvia se traslada ao hemisferio de máis alá da fronteira. Con iso basta. Non me importa saber en qué país vai caer, qué planeta vai anegar, que vai alagar. Hai planetas que brillan pola súa ausencia. Certo, non brillan porque non están. Os que non están foi porque unha nube de cor gris pasou a tan só 104 quilómetros de distancia. Esa pequena distancia foi a causante de que eses planetas que non están, non estean. Sempre oín que as nubes de cor gris absorben os ruxerruxes das chuvias que ameazan o firmamento. Ante estes acontecementos, creo que as nubes de cor gris obnubiláronme a cabeza.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Martes, 4 de setembro de 2012

miércoles, 5 de septiembre de 2012

45, 5 E 6



              Xa sei que aconteceu hai tempo (en concreto, o día 1 de xullo), pero a noticia e o vídeo que vin deixoume tan trastornado que me prometín que escribiría sobre iso, pero que o faría máis tarde, coa cabeza fría, para non deixarme influenciar polas imaxes en quente. Non obstante, cada vez que o penso, alporízaseme o entendemento. Un home coas facultades mentais bastante minguadas, recibiu 46 tiros de pistola en 5 segundos efectuados por 6 axentes da policía de Detroit. Resumindo: 46 tiros, 5 segundos, 6 axentes. A un home diminuído que tan só portaba un coitelo. E xa para rematar: aos axentes asignáronlles outras operacións mentres se revisa a súa actuación. Que teñen que revisar se a maldade, a descomunalidade da acción gravouse en vídeo? Como dixo máis tarde a nai do falecido: non lle chegaba con un tiro? Sen máis comentarios.

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Martes, 4 de setembro de 2012

OS ESFORZADOS DA RUTA



              Que animalada! A etapa raíña da Vuelta Ciclista a España. A subida ao Cuitu Negru. Como chegou o ciclista italiano Cataldo! Coa boca aberta. Imaxino que buscaba desesperadamente aire, osíxeno. E como se pode acelerar da maneira en que aceleraba Contador! E como se pode ter ese aguante na resposta de Purito Rodríguez! Un atacaba. O outro respondía. Ao final; o cazador, cazado. E en desniveis de ata un 24%. Que animalada! Como non vai gustar o ciclismo! Que gozada ver a etapa! Como non vou defender este deporte! É normal que o poña incluso por enriba do fútbol. Si, vexo máis fútbol porque o proxectan máis. Pero onde se atopen os esforzados da ruta que se quiten os malabaristas do balón. E aínda queda máis montaña! A conquistala aínda que sexa sen folgos!

              Cafetaría Os Carrís da Valenzá. Martes, 4 de setembro de 2012

martes, 4 de septiembre de 2012

A MALA CAÍDA



              Cando Augusto Luis Sotillo se quixo sentar nunha cadeira do bar que estaba na rúa principal da aldea, Luciano Suárez, nun rápido movemento, quitoulle a cadeira e o seu amigo foi dar cos ósos do cu no chan. Era seu amigo e gastábanse bromas coma esa moi a miúdo. Pero por esta vez, a broma foi un pouco máis alá, xa que Augusto Luis Sotillo pegou un berro descomunal e non conseguía erguerse. Axiña asomou o sangue por debaixo do seu traseiro. Luciano Suárez non daba creto; dunha simple caída non podía saír ese sangue. Pero pola mañá, Augusto Luis manipulara nunha navalla que tiña e metéraa aberta no peto de atrás do pantalón. Agora tíñaa espetada no cu. Tras o primeiro susto, as gargalladas dos clientes invadiron o local. Augusto Luis Sotillo rosmou e aí acabou a broma.

              Cafetaría do pavillón Paco Paz de Ourense. Luns, 3 de setembro de 2012

MONO DE TRASFEGA



              Esbardallando moitas veces pola trasfega das actividades extraescolares e deportivas dos rapaces ao telos que levar de aquí para alá, do baloncesto ao kung fu, deste a aquel, e resulta que agora, aos dous meses e pico, teño mono de todo iso. Cómo botei de menos o baloncesto de Xoel!, máis co kung fu de Alán, porque este ía moitas veces só por aquilo de estar preto da casa. Cómo botei de menos os partidos de un e os campionatos do outro! E digo botei porque... por fin!, a trasfega, o baqueteo, o movemento volveu. Sempre me gustou a ansiedade, o estrés, o espírito, o nervio; e a partir de agora andarei a cen: baloncesto (os dous e en distinta categoría), kung fu, viña... Por fin volveron as présas. Por fin rematou o mono da trasfega.

              Cafetaría do pavillón Paco Paz de Ourense. Luns, 3 de setembro de 2012

sábado, 1 de septiembre de 2012

CANSADO DA TRAPALLADA ECONÓMICA



              Nos últimos anos buscar novas semanais que destaquen abondo, empezo a recoñecer que é bastante complicado, porque todo se volve a un tema que sempre recoñecín que non domino ben: a economía. E xa teño contado aquí que me cansa, que incluso no coche adoito poñer as casetes antes de seguir escoitando toda a trapallada da crise. E seguimos nesas. Por exemplo, nesta semana que nos acaba de deixar non se falou doutra cousa que non fose a subida do IVE. Menos mal que apareceu por aí o señor Feijóo comunicando que se adiantaban as eleccións. Pero resulta que como é un señor que non me cae nada ben, que pertence a un partido que non soporto, pois sigo sen poder “saborear” unha nova que me encha. Entón, fóra desas dúas noticias que “paso” un chisco delas, só me quedan as deportivas: a Volta Ciclista a España, por aquilo de que pasou pola nosa terra; a contundente vitoria do Atlético Madrid sobre o Chelsea, cun Falcao que rebenta as porterías e, a que máis me alegrou de todas, a designación de mellor xogador de Europa ao meu admirado Andresiño Iniesta. Díxeno sempre; nin Messi, nin Cristiano Ronaldo, nin gaitas… Iniesta é o mellorciño do mundo mundial.

              Finca Fierro. Sábado, 1 de setembro de 2012