miércoles, 10 de octubre de 2012

POEMAS INMATERIAIS



              Hai que ver cómo rima a espuma do leite coa cunca de porcelana e a luz do farol coa baldosa da beirarrúa. A espuma do leite quere verter e a luz do farol está a piques de fundirse. Leva un bo cacho acendendo e apagando, apagando e acendendo, e facendo ruidiño nas súas conexións. Hai poemas inmateriais que queren encher un libro, pero este xa está completo con palabras teatrais. Non hai quen entenda aos escritores que contemplan o ceo cheo de nubes grises para buscar unha inspiración que lle rime a cunca de porcelana e a baldosa da beirarrúa. Ao final, o poema non ten nis pés nin cabeza, polo que queda nun esperpento ridículo e escarallado. Hai escritores que soñan cun bolígrafo de tinta azul.

              Cafetaría do pavillón Os Remedios de Ourense.
              Martes, 9 de outubro de 2012

martes, 9 de octubre de 2012

ENTRE COUSAS ANDA A PAROLA



              As túas cousas e as miñas cousas non son as mesmas. As túas cousas son túas e as miñas son miñas. Non é o mesmo un repolo que un bacallau. Así lle razoaba o saltón ao verme luceiro nunha tarde de outono. O verme luceiro non brillaba porque estaban a parolar a pleno sol. O saltón, polas noites, non se atreve a saír de debaixo da folla ou da herba sobre a que encaixa. Tampouco ten nada que ver unha nube cun peido, contéstalle agora o verme luceiro. Eu nunca dixen que as túas cousas e as miñas foran as mesmas. Tes toda a razón, replica o saltón; era tan só un dicir, unha forma como outra de iniciar contigo unha conversa. Ás veces es malo de pillar... como só se te ve de noite. Pois nada, agora aquí me tes e parolamos sobre o que queiras. Pero os dous quedaron mudos ata que chegou a noite. O saltón acubillouse baixo unha pedra e o verme luceiro marchou a brillar nos camiños.

              A Cervexaría de Maceda. Luns, 8 de outubro de 2012

lunes, 8 de octubre de 2012

CENSURA DITATORIAL



              Aos do PP non lles chega coa censura cultural, política e social, senón que se teñen que botar tamén á censura material ou física. Aconteceu na Bola, onde os do BNG quixeron realizar un acto reivindicativo sobre o peche da escola infantil. A mellor forma de que non levaran a cabo ese acto era nun deixalos entrar ao recinto no que ían parolar cos veciños. Que mellor forma entón que cambiarlle a pechadura á porta, á mesma porta da escola infantil. “Se non vos podemos pechar a boca, polo menos pechámosvos as portas”, digo eu que pensarían así. Actitude caciquil cento por cento. Censura ditatorial. A verdade é que son parvo intentando denunciar tal actitude; pois que se pode esperar dun partido que gorecía baixo as súas siglas a un home que confesa que as mulleres están para violalas. Aínda así, moitas delas seguirán a votalos para que sigan imperando, e censurando, e esbarrando.

              Maceda. Luns, 8 de outubro de 2012

sábado, 6 de octubre de 2012

RUÍDO NO TEMA MUSICAL



              Vexo a moto ao lonxe no vídeo musical. Axiña pasa como unha frecha. Como se quixese choutar da pantalla televisiva. Pero non chouta. Quen chouta é a muller que baila e canta. A escena cambia a uns transformers que se transforman. Fano nun cemiterio de coches. Hai cemiterios para todo… cemiterio de elefantes, de coches, humanos, etc. Agora os transformers ocupan toda a estrada, a mesma estrada pola que asomou ao principio a moto. Ruído, moito ruído no tema musical. Moito tremelicar das imaxes. Armas superpoderosas. Que te apuntan. Que disparan. Como na realidade no país dos ianquis. Máis e máis guerreiros que encaixan no vídeo musical. Algúns transformers ata voan como Supermán. Pero xa quixeran eles ser como Supermán! Remata o ruído. E as imaxes.

              Cafetaría do pavillón Os Remedios de Ourense.
              Venres, 5 de outubro de 2012

POR COMPROMISO



              Hai que saber o que significa a palabra compromiso. Sinceramente, agora mesmo estou a escribir para este recuncho por compromiso. Pois por ganas, hoxe, estas brillan pola súa ausencia. Fundidiño por completo! A vendima. Tres días seguidos collendo centos de cestos e caixas. Agachado. Tres días seguidos cortando uvas. Agachado. Pero o que peor levo, o que máis me esgota é cargar os camións. Aí faise a un ritmo frenético. Para que non espere. E os meus brazos que son como palillos. E os riles que se dormen, que non senten xa nada. E a hernia inguinal que se incha como a barriga dun cabalo, con medo a que rebente. Pero o Recuncho hebdomadario de La Región está á espera, e hai que facer de tripas corazón para cumprir co compromiso. Sinceramente, estou baldado. Si, ao principio, todo empeza con bromas, con risas, incluso con cantos; estás en familia e con amigos íntimos. Pero xa polo mediodía do primeiro día notas cómo o sorriso se che apaga, como a boca se seca, como o cuspe xa non sae. Chega a noite e o propio cansazo non te deixa durmir ben. E volta ao ora pro nobis do día seguinte. Outro sufrimento: tres días sen ler os xornais. Síntome baleiro por non saber o que acontece no mundo. Maldita vendima! De bonita… nin un pelo!

              Cafetaría do pavillón Os Remedios de Ourense
              Venres, 5 de outubro de 2012

miércoles, 3 de octubre de 2012

O PASPÁN CANTANTE



              Desastre de canción! Como se pode dicir que o silencio compartido é igual có ruído entre cabazos! Hai retrousos que se escribiron para repetir unha e outra vez e para que uns paspáns bailen ao ritmo do trequele-trequele. O cantante fai que canta pero non canta. O cantante tan só imita. Porque o retrouso é sempre o mesmo: o silencio compartido é igual ao ruído entre cabazos. Entón, o cantante mira á cámara, move os beizos e segue o ritmo da canción cuns pés que queren ser coma papoias, pero acaban sendo coma cascos de cabalo desbocado. Desastre de canción a que se desenvolve na mente dun paspán cantante.

              Finca Fierro. Mércores, 3 de outubro de 2012

martes, 2 de octubre de 2012

A GADAÑA DA MORTE



              Funga a morte por entre os castiñeiros da Cavada e un home corre por entre as leiras do millo dos Piuales. Quen avanza máis rápido, a gadaña segando vidas ou o medo correndo a cegas? O home respira forte, quizais demasiado forte xa, porque ve que a gadaña corta todo o que se lle pon por diante. Quere sentar nunha pedra calquera, pero ten medo. A distancia entre a morte e a súa existencia é cada vez máis curta. Unhas bágoas grosas empezan a asomar xa pola súa cara. Pero, como é normal, négase a morrer tan novo, non se quere deixar entregar. Sen loita. O home bota man dela (da loita) e acelera a súa carreira. Consegue acochar detrás dunha parede, moi preto da aldea. Espera ao fío da gadaña. Ao pouco ve como esta racha contra o campanario da igrexa de Baños de Molgas. Por unha vez, non houbo unha morte anunciada.

              Finca Fierro. Martes, 2 de outubro de 2012