viernes, 16 de noviembre de 2012

IMAXES DA FOLGA XERAL



              Hai imaxes da folga xeral acaecida a semana pasada que quedarán na retina, na memoria dalgúns durante un tempo. Para os do Partido Popular, as imaxes serán as dos piquetes de folga, nunca as dos crebafolgas. Para os partidos de esquerda e nacionalistas, serán as das moreas de xente nas concentracións. Pero para un servidor hai tres imaxes a destacar: a dun neno sangrando en Tarragona, a dun energúmeno lanzando un obxecto contundente contra un escaparate nunha rúa de Ourense, e unha frase do ministro de Asuntos Exteriores. A do neno amosa que ninguén está libre da forma ditatorial que teñen os gobernos (centrais e autonómicos) para disolver as manifestacións. A do energúmeno afea por completo a unha sociedade que tan só quere un cambio, un salvamento a esta situación que nos afoga. E coa frase de José Manuel García Margallo entendo que non chega a ministro calquera; que antes hai que fincar os cóbados para licenciarse en Dereito e así poder soltar coa toda pachorra do mundo, en referencia á folga, por suposto: “vexo absoluta normalidade, aínda que non teño datos”. Non ten datos, pero sabe o que hai. Comprendo que sexa ministro de Exteriores... ve moito máis alá.

              Maceda. Venres, 16 de novembro de 2012

jueves, 15 de noviembre de 2012

A IMPARCIALIDADE DOS XORNAIS



O gran problema dunhas folgas ou dunhas manifestacións chega cando rematan. Aí empeza unha guerra de cifras moito máis dura cá propia manifestación ou cás propias perdas económicas. Nesa guerra de cifras, un consegue apreciar ás leguas a politización dos xornais españois; pois segundo para uns as cifras non pasaron dos tantos miles, para outros van máis alá incluso dalgún millón. Se para uns foi un éxito, para os outros, lóxico, un fracaso. E aos que amamos os xornais, aos que non sabemos vivir sen lelos, aos que esperamos auténtica información, isto dóenos a máis non poder. Porque entendes e esperas que os periódicos, calquera periódico tería que ser imparcial. Imposible! Hainos de esquerdas e de dereitas. Hainos nacionalistas e fascistas. Sinto pena por non coñecer ningún totalmente imparcial.

Maceda. Xoves, 15 de novembro de 2012

miércoles, 14 de noviembre de 2012

MEDO AO MEDO



              Folga xeral. E Veneranda Soutomaior Pastilla vixía ao piquete de folga que ten enfronte por medo a que lle rompan a crisma se ergue a persiana do seu negocio. O seu negocio é un pequeno recanto no que ten almacenados catro estrofas e un relato. Estrofas que falan de infancias compartidas entre casiñas de papel e monecas de porcelana. O relato fala dunha xuventude paupérrima na que a súa vida non era de cor rosa. Veneranda Soutomaior Pastilla pasou tanto medo na súa vida que, agora mesmo, día de folga xeral, non quere ser valente por medo a non saber saír da situación. Tenlle medo ao medo. Unhas bágoas de impotencia baixan polas súas meixelas e escribe un relato máis na escuridade, por non subir a persiana.

martes, 13 de noviembre de 2012

UN INDIO LISTO




              O indio que cabalga pola meseta do Medo ten os dentes brancos e a alma negra. Hai un dito popular dos harapahoes que di que os que teñen os dentes brancos tamén teñen a alma negra. O indio desta historia chouta do cabalo e acocha detrás dunha verza. Axiña pasa un tropel de xinetes do Sétimo de Cabalaría Non viron ao indio porque este procurou non abrir a boca nin sorrir para que non se lle viran os dentes brancos. Son as doce do mediodía e brillarían a unhas sete leguas. O indio que cabalgou pola meseta do Medo aínda non quería morrer ás mans dos rostros pálidos. Hai indios que, aínda que teñan a alma negra, son listos de raio. Cando pasou o perigo, o indio dos dentes brancos, montou no cabalo, pegou unha reviravolta e marchou para o seu campamento.

              Maceda. Martes, 13 de novembro de 2012

viernes, 9 de noviembre de 2012

TENSIÓN NOS CHANZOS



              Tensión nos chanzos. O silencio roto tan só polo bote duns balóns e polos berros dun adestrador. Xa non é silencio. Un refacho, unha lufada de sol penetra por unha fiestra e chega incluso a molestar. Silencio na parella que está sentada no chanzo. Silencio por unha foto invisible. Ruído por un partido que está a piques de iniciarse. Chanzos anchos de cemento. Parqué multicolor a causa das raias que o atravesan, que o circundan, que o arrodean, que o marcan. Típicos exercicios de adestramento. Tensión nos chanzos, na parella. E o sol que vai baixando, polo que cada vez é máis molesto. Tensión na parella, nos chanzos. O tempo borrará a foto invisible.

              Pavillón do IES Blanco Amor de Ourense.
Domingo, 4 de novembro de 2012

DOUS CADROS



              Esperando. Nun bar de Xinzo de Limia. Esperando a que empece un partido de baloncesto de categoría infantil. O ABO contra o equipo local. O bar ten folios colgados nos que di que hai tostadas. E colgados tamén ten dous cadros, estreitos, moi longos. Un amosa a dous xogadores sobre unha mesa de billar, un home que está mirando e unha muller loura que, desde a distancia, aseguro que é Marilyn Monroe e que está sentada sobre a mesa citada. O outro cadro, tamén das mesmas características ou medidas, deixa ver a cidade de Nova York en branco e negro, menos o Empire State, que ten unha cor rosa porcelana. Deixo de escribir porque a miña dona pechou este xornal e dixo: “cando queiras, imos”. E xa se sabe que os seus desexos son ordes. Imos ver ao rapaz.

              Café Vai Ben de Xinzo de Limia. Venres, 2 de novembro de 2012

TRÍO DE NOVAS HEBDOMADARIAS



              Por esta vez creo que teño fácil o resumo das novas hebdomadarias acaecidas nesta semana pasada. Conforman un trío que, ademais, pódese dividir polas seccións que adoitan facer os xornais; ou sexa, internacional, nacional e local; ou o que é o mesmo, Obama, Madrid Arena e Festival de Cine de Ourense.
              Barak Obama, que semellaba que o tiña complicado, acabou ganando sen sobresaltos as eleccións norteamericanas. O de Madrid Arena ten para dar e tomar; pero a gran conclusión que se saca despois do suceso é a que se comete cada vez que acontece unha desgraza… que logo desta é cando realmente se toman medidas. Ten que morren alguén (ou mellor dito, varias persoas) para que se tomen cartas no asunto. Moi triste pero é así. E con respecto ao acontecemento local, que queredes que vos diga… pena de que rematara o festival de cine e esperanza de que o tempo corra axiña para que chegue unha nova edición; esperemos que sen tantos sobresaltos como a deste ano. Para iso, lembrade que o fútbol é un dos eventos que máis subvencións recibe, e moi pouquiños se queixan. O cine é cultura. Nada máis.

              Finca Fierro. Venres, 9 de novembro de 2012