domingo, 9 de diciembre de 2012

O GRAÑA, O HOME



              Cando leo os xornais pola noite non adoito prestarlle moita atención aos titulares; non sei, xa non apetecen as noticias. Este sábado lin un titular polo que pasei, claro, de corrido… ata que vin unha foto. Era a do Graña. Volvín ao titular e xa devorei o artigo de Lalo Pavón. O Graña, o home que revolucionou todo un colexio. Algo tiña xa ese personaxe cando, en vez de chamarlle “o cura”, lle chamo “o home”. A súa vida xa a reflectiu moi ben o colega deste xornal. Eu paso ás anécdotas (dúas tan só entre un cento nos oito anos que convivín con el). A capela do colexio, na súa cabeceira, ten un Cristo enorme de aceiro ou ferro (xa non lembro), colgado de dos arames potentes, e nunha das súas homilías, volveuse cara el e espetou aquilo de “porque aí tedes a ese manazas…”. Verdadeiramente as mans do Cristo son descomunais. Pero, que cura lle falaba así á máxima autoridade relixiosa a principios dos setenta! Era “raro” este cura. Claro, era “o home”. Tamén se dicía que lles botaba unha man nas súas labores aos gandeiros da serra. E sabendo como era el, créoo perfectamente. Despois, o poder e a propia igrexa disparou balas de incomprensión contra el ata que o botaron. Pero o Graña, o home, xa deixara a súa marca de liberdade.

              Finca Fierro. Domingo, 9 de decembro de 2012

viernes, 7 de diciembre de 2012

EQUILIBRAR A BALANZA



              Raio de presidente! Querer equilibrar o castelán co galego! Foi a palabra que lle oín pola radio ao noso presidente da Xunta, a do equilibro. Ademais, repetida varias veces... equilibrio, equilibro, equilibrio. A min, o do equilibrio faime pensar que a balanza estaba moi torcida para o lado da nosa lingua. Digo eu. Senón non pediría o equilibrio. Se pides equilibrio na túa terra, enténdese que algo domina unha barbaridade. Neste caso a lingua. E xa sabemos todos cómo impera o galego sobre o castelán. De aí que haxa que equilibrar a balanza... máis gramos de castelán, máis materias en castelán, máis publicidade en castelán, máis publicación en castelán. Non vaia ser que se escaralle a balanza e o galego lle salte na chepa ao castelán. E non pode ser; o señor Feijóo ten que chegar á Moncloa sabendo moi ben o castelán, que é o que realmente lle interesa... a Moncloa e o castelán.

              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 5 de decembro de 2012

martes, 4 de diciembre de 2012

CAOS



              Caos na mente do poeta cando disimula uns versos mal feitos e sen punto final. Ruxerruxe nas follas dun libro que ninguén le. Si, unhas mans pasan esas páxinas e uns ollos percorren as liñas escritas por un autor que non soubo dicir as cousas e por un lector que nin tan sequera as le. Caos na vida dun estudante que empeza e na vida dun soldado que marcha. Hai palabras que matan como as balas; pero nin o estudante as sabe usar nin o soldado as sabe disparar. Caos en certas idades e en certas ordes que reflicten a impotencia dunhas mentes aínda inocentes. Caos na relación entre un verso e unha batalla, entre un poema mal escrito e unha guerra mal levada. Todas as guerras están mal levadas. Caos.

              Biblioteca da Valenzá. Luns, 3 de decembro de 2012

É UN DICIR



              Case sempre digo o que quero dicir, aínda que non o diga. É un dicir. Digo que o birlibirloque da esperanza é unha pegada que deixa o ruxerruxe da algarabía. Digo que os aparellos que están colgados no lateral dunha inocentada serven para xunguir as ideas dunha nostalxia á beira dunha lareira. Non digo que o verme luceiro da aurora choute desde o carballo da Castiñeira, porque realmente baila sobre unha raíz que atravesa os camiños da Costela. Non digo que o dixomedíxome dos veciños sentados na Aira do Pombal insultaran ao fantasma que vagou polas rúas de Baños de Molgas, porque nas noites de inverno os espectros non saen ao frío. Certo, todo isto é un dicir.

              Café Aitana da Valenzá. Sábado, 1 de decembro de 2012

lunes, 3 de diciembre de 2012

MISERIA CULTURAL



              Seis cadeiras verdes arrodean unha mesa longa, tamén verde. A mesa ten as patas de ferro, de cor negra. Ás cadeiras pásalle o mesmo. A mesa está limpa, non hai nada sobre ela. É a mesa dunha biblioteca; baleira. Baleira a mesa, que a biblioteca... A biblioteca tamén está case sen ninguén. Que pena! Só estamos tres. Un home lendo un xornal. Un rapaz manipulando un ordenador. E un servidor escribindo. Ninguén máis. Ningún neno lendo. Ninguén pillando libros en préstamo. Dá pena ver o espazo practicamente baleiro. E dá aínda máis pena ver todos os libros nos estantes criando herbas ou arañeiras. É normal, entón, que haxa silencio. Tan só de cando en vez, as teclas do ordenador rompen esta miseria cultural. É dicir, que entre esas pastas dos libros hai miles de soños que ninguén quere descubrir.

              Biblioteca da Valenzá. Venres, 30 de novembro de 2012

domingo, 2 de diciembre de 2012

O SAL DA DISCORDIA



              Déitate no saleiro da carne e enzóufate co sal da discordia. Intenta imaxinar a estrutura dunha gaita sen fol para que alguén baile ao compás duns puntos e comas ben postos. Todo queda na escritura dun monicreque manexado por catro fíos de arame. Hai cercados que non te deixan ir máis alá dunha liberdade que pensas que ganaches a pulso, pero que cha censuran cun sorriso de complicidade. Déixate caer no bulleiro da ansiedade e verás cómo se pegan a ti os pesadelos que compartiches nos invernos da infancia. Hai cortes que agariman os recordos e hai calor baixo a influencia de tres vacas e dúas becerras. Senta no relato que se escribiu nunha tarde de silencio e baixo o influxo dunha sarabia que semella neve.

              Biblioteca da Valenzá. Venres, 30 de novembro de 2012

CANTA RIQUEZA PERDIDA!



              Os meus ollos contemplan un póster sobre a campaña de fomento da lectura. Pero a xente non le. Xa non lía moito antes, menos le agora. Cos teléfonos móbiles sendo donos e amos das nosas vidas. Non vexo a ninguén nunha parada de autobús, ou nun parque, ou no propio autobús cun libro aberto. Agora tan só contemplo dedos que se moven a velocidades vertixinosas sobre raquíticos teclados, ou tan só escoito voces por detrás que incluso ás veces te volves pensando que che fala alguén, pero é un descoñecido que latrica por un celular. Lin moito, moitísimo. En cada aldea, vila ou cidade nas que estiven, os veciños axiña me coñecían porque andaba polas estradas e rúas lendo. Cando ía para o monte acochaba os libros ou novelas do Oeste na barriga para que non as descubrise a nai. A ela ensináballe as materias do colexio. En Madrid coñecíanme en todos os cines porque adoitaba chegar media hora (ou máis) antes de que empezase a película e pateaba todo o vestíbulo lendo. E andando, por suposto. Sempre gocei máis lendo andando que sentado. Ía ás novenas aos Milagres lendo e volvía lendo. Hoxe cóntanse os lectores cos dedos das mans. Canta riqueza perdida! Cantos soños abandonados! Ao ler soñas á túa maneira.

              Biblioteca da Valenzá. Venres, 26 de outubro de 2012