sábado, 9 de febrero de 2013

UN POBO GANGRENADO



              Segue a corrupción maltratando a nosa sociedade. Seguen os políticos ríndose ante o noso nariz. É· normal, entón, que, ás veces, a rabia nos altere un pouco o entendemento. Quéirase que non, un cansa de traballar para ineptos e ladróns. É certo que a gran culpa é nosa… por votalos. Pero cando o fas é porque confías un chisco neles e porque cres e pensas que poden cambiar o mundo. Logo descobres que aínda escarvan máis na ferida. E canto máis gangrenada está, máis se aproveitan eles da nosa dor. Un pobo gangrenado non ten espírito de reacción. Sempre se dixo que as feridas cicatrizan. É verdade. Pero as gangrenas sempre cheiraron a podre. Só os vermes se manexan ben por entre a gangrena. Nós somos a gangrena; eles son os vermes. A rabia asoma, pero seguimos apandando.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 7 de febreiro de 2013

viernes, 8 de febrero de 2013

ADESTRAMENTO ESPECIAL



              Pola fiestra vense as nubes de cor laranxa que, por pouco que te despistes, xa tornaron a unha tonalidade moito máis clara; é a causa do sol que vai caendo polo poñente. Agora mesmo, a maioría das nubes que alcanzo a ver xa son de cor gris, tan só a esquiniña dunha segue a ser laranxa. A risa dun neno acouga sobre un globo azul e viaxa cun bambán cara á nube esa á que aínda se lle debuxa o resplandor do sol. Mentres contemplo o disfrace de señorita nun neno infantil do ABO, xa todas as nubes son grises por completo e incluso a escuridade quere asomar xa por ese cacho do ceo que contemplo. Mentres o meu rapaz, que vai de indio harapahoe, é o punto neurálxico dos seus compañeiros grazas ao móbil que ten sobre a mesa. Hoxe, en vez de adestrar, atenden á semifinal da Copa do Rei de baloncesto entre o Barça e o R. Madrid. Tamén este é un bo adestramento. As nubes xa non teñen cor. É noite.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 7 de febreiro de 2013

miércoles, 6 de febrero de 2013

O PACIFICADOR DA VILA



              Un revólver na cartucheira. Unha man que colle a cartucheira. É a man de Estebo Loboso Williams, do que din que é o pistoleiro máis rápido de máis alá do río Arnoia. Estebo Loboso sae da taberna e diríxese moi amodo cara ao seu cabalo Corre Poldro Corre. Acaríñalle a crin e dun chouto enérxico, limpo cae sobre a sela de montar e colle camiño da rúa Principal de Entreloríos, a cidade sen lei deste lado do río Arnoia. Non obstante, hai xa uns meses que Estebo Loboso Williams conseguiu pacificala con catro tiros ao aire e unha panda de espantallos entre rexas. A todos os bandidos e alborotadores chegoulles con ver a cara de Estebo Loboso e a forma de colgar na cintura a cartucheira para saber que ese home non gastaba bromas. O alcalde, o cura e o taberneiro nomeárono axiña o pacificador da vila, antigamente coñecido como shérif; si, nos tempos do salvaxe Oeste, de cando o río Pecos non era o Arnoia.

              Cafetaría Perla 6 de Ourense. Venres, 1 de febreiro de 2013

lunes, 4 de febrero de 2013

CONFERENCIA CON TÍTULO RETORCIDO



              Chove sobre a rúa que asoma tras o cristal. E Lorenzo Reitorto Gracioso contempla as baldosas da beirarrúa, molladas. Incluso ve unha medio levantada que está á espera de que a pise alguén para luxarlle o pantalón ou as medias. Lorenzo Reitorto Gracioso raña a cabeza e pensa na súa dona Margarita Clavel Jardinera. Leva tres días que non a ve. Marchou a Molina de Aragón a unha conferencia sobre o “Xantar na culler cando hai fame”, que segundo lle explicou a el seica versa sobre o brillo nos ollos daqueles que están famentos e ven a culler chea de comida. De todas formas, Lorenzo Reitorto Gracioso pensa que hai sermóns ben retorcidos, polo menos no título. Bota de menos á muller. Ten ganas de lle pegar uns bicos con sabor a fabada ou a lacón con grelos. Os beizos cunha pizquiña de sal do lacón e da acidez dos grelos derrétense nun pequeno orgasmo de pracer. Pola noite xa pode abrazar a Margarita Clavel Jardinera.

              Cafetaría Perla 6 de Ourense. Venres, 1 de febreiro de 2013

domingo, 3 de febrero de 2013

LOGO DO TRONO, ASOMA O SOL



              A que está caendo! Frase que serve para diversos asuntos. Agora mesmo, venres, para a chuvia que cae sobre Ourense. Pero, para este relato, a tal frase serve como escusa perfecta para a política que nos toca estes días. Perdón, rectifico; uns non teñen porque pagar polos outros, aínda que son dos que penso que todos, máis ou menos, son iguais ante o poder e os cartos. Rectifico porque a política, hoxe, é tan só o Partido Popular, ese grupo de persoas que son sinónimo de honorabilidade, honradez, compromiso e bo estar co cidadán español. Claro que é un dicir! Faltaría máis! Falando claro, é unha auténtica burla! Non teñen nada de nada, e moito menos nada deses tres adxectivos. O de dicir que dimitan é unha carallada porque sei que non farán caso e porque sempre quixeron ser máis chulos cós demais. E como a xustiza é súa, xa se sabe, logo do lóstrego, despexa o ceo e logo do trono, asoma o sol. Estou por apostar que están estudando a posibilidade de prohibirnos pensar, como nos prohiben entrar nos Parlamentos, e incluso nos botarán a culpa declarando que ao votalos dámoslles carta branca para facer e desfacer ao seu antollo. A que está caendo! Tranquilos, logo escampa. E os sobres seguirán circulando de man en man.

              Cafetaría Perla 6 de Ourense. Venres, 1 de febreiro de 2013

viernes, 1 de febrero de 2013

A PINGA VIAXEIRA



              Quixo a pinga de auga ser viaxeira por unha avenida do campus universitario, pero atopou máis obstáculos dos que imaxinaba. O primeiro, é certo que o resolveu sen dificultade e incluso con parsimonia; atopou unha folla de carballo e tan só impactou contra o seu pecíolo. Mais axiña soubo que o seguinte obstáculo sería difícil, moi difícil. Viu a roda dun coche e sen opción de salvala. Chocou contra ela, pero non rebentou. Tivo que esperar un bo cacho a que chegaran outras gotas para formar unha pequena ancorada e así poder seguir viaxe polo lateral esquerdo. Desexaba xa un sumidoiro para perderse nas augas das canalizacións ou un campo no que acocharse entre as herbas e darlle de beber ás raíces. Non tivo esa sorte, pobre pinga de auga; a bota dun pé humano caeulle enriba e xa quedou feita un cisco en pleno asfalto. Non tardou en secar.

              Cafetaría Perla 6 de Ourense. Venres, 1 de febreiro de 2013

MALDITA COSTA DA GÁNDARA!




              “Espérame na cafetaría, que xa vou”. E como os seus desexos son ordes, xa estou na cafetaría do pavillón dos Remedios esperando á muller. Ela anda polo centro e eu acabo de chegar da aldea, onde andei quitando vides e espichando estacas. Levo máis dunha semana cravando estacas. A Costa da Gándara non se acaba nunca. Claro que tan só vou polas tardes. E non todas. As que non vou é porque o tempo climatolóxico non axuda ou porque, sinceramente, ás veces non apetece. Aínda que isto, no fondo, é unha parvada, xa que o traballo, máis cedo ou máis tarde, haino que facer igual. Os sábados son cando realmente se pode traballar algo máis, pero, arre demo!, xa levamos uns cantos que os rapaces teñen algún partido de baloncesto ese día; se non é un rapaz e o outro. Este último sábado tiven que perder o partido do máis novo porque a maldita Costa da Gándara me reclamaba. Entra a muller. Xusto a tempo. Punto final.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 31 de xaneiro de 2013