martes, 7 de mayo de 2013

BERRO LONGO



              Longa noite nos parafusos do tempo da auga. Que enroscan. Que apertan. Berro longo que xorde do medio da pedra caída na charca da auga. Que clama. Que sofre. Fino asubío que voa por entre as gargalladas da infancia e que se detén ante a imaxe altiva dun recordo. Dun recordo calquera. Que brota. Que fumega. Berro longo que cae seco e con dor nunha longa noite de silencio. Berro que brúa por unha independencia que non chega. Berro que esgaza as palabras dunha lingua que envelenan con herbicidas de indiferenza. Que mollan. Que mancan. Que matan. O asubío penetra por entre a néboa da xenreira e as gargalladas empezan a calar pola forza da tristura que asoma impulsada por unha sociedade amorfa e cruel. Berro longo dun país que morre aniquilado, maltratado pola súa propia xente. Que rosman. Que fungan. Que o negan. Berro longo na noite escura. Logo… o silencio.

              Finca Fierro. Martes, 7 de maio de 2013

domingo, 5 de mayo de 2013

NON ESCARMENTAN



              E non escarmentan. Seguen nas súas de ter as casas cheas de armas. E díxose sempre: as armas cárgaas o diaño. Agora tocoulle a unha nena de dous anos en Kentucky. O seu irmán, de cinco anos, matouna accidentalmente cun rifle calibre 22. Si, un accidente. Un accidente pódeo ter calquera, pero o que realmente me chama a atención do asunto foi que o tal rifle fora un agasallo para o neno. A ver se consigo asimilalo… como se lle pode regalar a un cativo de cinco anos un rifle que dispara balas, un rifle que mata! Agora achacan un chisco o accidente con que era un pequeno rifle para nenos. Pero rifle. Que dispara. Que mata. Non me entra na cabeza este agasallo. Por que non lle regalaron libros? Déronlle un rifle por, imaxino, se alguén asaltaba a súa casa ou, o máis probable, para que afixera ás armas. Empezou ben cedo. Pero aínda así, os ianquis seguirán sen escarmentar e seguirán coa fanática defensa da posesión de armas.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 2 de maio de 2013

A MISERIA QUE SE BAÑA EN SUOR



              Déixate levar polo sacho que cae desde os ombreiros e furga na terra na procura dun suor que molla, dun ril que doe e dunha semente que será vida cando o tempo pase a modiño e cando o sol bañe o seu froito. Déixate levar polo sacho que golpea o terrón seco, duro e en cada golpe vai un xesto de rabia, unha adrenalina que se bambea ante unha tensión acumulada en horas, incluso en días. Cada sachada é unha liberación, un verso necesario nun poema cheo de rimas entre as consonantes do propio sacho e as asonantes de calquera eixada. Déixate levar polo sacho que deixa os regos limpos de herbas que enmarañan a alma, de herbas que se pegan ás cepas coa ansiedade de esnaquizalas. Déixate levar por unha tarde escrava de sol e sofre a bóchega que rebenta, o calo que se endurece e a miseria que se baña en suor e que queima a pel. O traballo que te encolle, a miseria que axiña te volve vello.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.
              Xoves, 2 de maio de 2013

DE FAVORITOS A APESTADOS



              A semana pasada houbo unha nova no noso país que estivo por enriba incluso da lacra do paro e da ineptitude dos políticos que nos gobernan, tanto estatais como autonómicos. Estou a falar das semifinais da Liga de Campións. Nun suspiro coma quen di, pasamos de ser os dous grandes favoritos para xogar a final en Wembley a uns apestados futbolísticos, tanto en xogo como en declaracións. En xogo, porque o Barcelona, abofé que leva un tempo que xa non é o que era. Ao meu parecer, creo que iso é algo normal; leva uns cinco anos xogando practicamente co mesmo equipo; sabíase que chegaría un momento en que terían que rebentar, a maiores de que os contrarios cada vez teñen máis estudado o seu xogo. En declaracións, porque axiña choutou Morinho baduando contra todos os seus, como non podería ser doutra maneira. Desde que chegou ao Madrid nunca tivo culpa de nada. Os culpables sempre eran os outros: os árbitros, os xogadores, a UEFA, os periodistas e ata algunhas veces os propios afeccionados seus que non entendían nada de nada. Aínda que a estes estalles ben; cando non estaba no Madrid era un baboso, para pasar a ser un crack e, agora, semella que volve ser egocéntrico.

              Finca Fierro. Domingo, 5 de maio de 2013

viernes, 3 de mayo de 2013

UN VERSO ESCACHADO



              A expresión de cabreo na cara de Agapito Cristal Suárez era como un verso escachado no medio dunha novela. A súa dona, Agripina Lamas Calada, comunicoulle por teléfono que tiñan que mercar, o que significaba que Agapito tiña que deixar o seu traballo e presentarse inmediatamente na casa porque “a señora” non era quen de aparcar o coche no aparcadoiro do supermercado. O sangue de Agapito Cristal Suárez, como é normal, alporizouse. O seu pensamento rosmou a ladaíña de “dous coches na casa e había que levar a señora a mercar catro trapalladas”. Pero non lle quedou outra; sabía que se non facía de chofer, sería ela a que collería o típico cabreo de “no me pises que llevo chanclas”. E os cabreos de Agripina duran máis cás pilas Duracell, aínda que pareza unha verdade de pé de banco. Agapito Cristal Suárez deixou o traballo, fixo de chofer e non fixo nada por intentar rimar o verso dentro da novela. O asunto ten o seu aquel.

              Biblioteca da Valenzá. Martes, 30 de abril de 2013

jueves, 2 de mayo de 2013

POLOS VERSOS DO LOUREIRO



              Estou pendente da folla de loureiro que cae sobre a punta do meu pé dereito. Neste axiña baila unha mazurca impulsada polo vento. Deixa escapar o típico aroma que me enche o nariz de tal maneira que non quero marchar lonxe do loureiro. Hai cheiros que dulcifican o pensamento e hai momentos nos que unha mazurca amansa os latexos dunha ducia de amieiros. Din que a natureza é sabia e que asubía nas tardes de inverno e nas noites de silencio. O asubío fai ruído e os gatos negros refréganse contra os palleiros. De noite non todos os gatos son pardos; tamén os hai negros. Mentres os pensamentos ían e viñan polos versos do loureiro, a folla da que estaba pendente alzou o voo do meu pé dereito e foi aterrar sobre unha morea de codesos. Xusto naquel momento, un labrego púxolle lume á morea e cando pensaba que a folla de loureiro ardería, o vento meteuma nun peto do gabán. O cheiro, entón, xa foi eterno.

              Biblioteca da Valenzá. Martes, 30 de abril de 2013

INCONGRUENCIA TOTAL



              Na televisión recuperaron as misas católicas e as corridas de touros, pero rexeitan de forma sistemática as películas independentes e as proxeccións en versión orixinal subtitulada, co que axudaría hoxe a eses nenos que intentan aprender inglés e francés. Precisamente ante isto, existe unha incongruencia total; nos colexios implantan varios idiomas, pero na televisión pública eliminan as versións subtituladas. A pobreza cultural no noso país avanza a pasos axigantados. Por culpa do IVE pechan teatros, pechan cines, pechan bibliotecas, pechan librarías e ata pechan escolas; e para que a xente non pense nese IVE amosan touros e películas ianquis cheas de balas e porradas nas que van escritas a cultura bravucona e sanguenta. Agora tan só nos queda a “mobilidade exterior” de Fátima Ibáñez para ver filmes independentes e doutros países; porque tamén se fai cine noutros países. Moi bo cine. Descubrilo agora, nestes tempos, xa ten os seus bemoles.

              Biblioteca da Valenzá. Martes, 30 de abril de 2013