jueves, 13 de junio de 2013

SEMELLA XA UN VELLO


              Caetano Tostado Salmerón está canso. Caetano Tostado Salmerón traballou arreo. Aínda hai xente que traballa neste país. Pero hai millóns que non poden e a pesar de querelo. Tamén hai uns cantos nugalláns. Ou uns moitos. Todo hai que dicilo. Caetano Tostado Salmerón, por sorte, ten traballo. E moito. Non para. Desde as sete e media da mañá ata as dez da noite. E súa ao traballar. E ponse negro coma un pote de tanto que lle dá o sol. Pobre home. Así semella xa un vello. Coa cara toda queimada. Cos brazos queimados. Co pelo branco. Caetano Tostado Salmerón vai vello. Pero aínda así non deixa que os fillos lle boten unha man. Quen máis culpa ten é a muller, que axiña lle pon a escusa de que non saben facer tal ou cal cousa. E Caetano Tostado Salmerón é precisamente o que quere: inicialos. Que saiban polo menos os nomes de tales ou cales aparellos. Pero nin por esas. Así é que, o pobre, segue traballando de sol a lúa. E cansa.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 12 de xuño de 2013

martes, 11 de junio de 2013

O GRAN ESPÍRITO MALIGNO


              Quere o demo ser escornabois na charca dun outeiro, pero tan só consegue chegar ata a metade da ladeira. Alí bufa, resolla, folguexa, mete o rabo entre as pernas e confía en atrapar a unha bolboreta. Non hai papoias nesa época. Cando se dá conta do asunto, alza a ollada cara ao ceo e quere iniciar un sorriso sarcástico, pero tenlle medo a Deus. É capaz de cabrearse, pensa o demo. E aínda que realmente lle ten ganas, opta por reptar por entre as carqueixas do Medo, a ver se se enreda, se se enguedella nun atrapasonos ou se canta un soneto que aínda non se compuxo. Quere o demo pasar á historia como o gran espírito maligno, pero un lóstrego de luz ráchalle a forquita que leva na súa man dereita. Esa, esa é a sinal de Deus!, exclama. Por pensar máis alá do seu propio pensamento. Agora sabe, definitivamente, que o seu poder é efémero, que nin tan sequera consegue atrapar a unha simple formiga viaxeira.


              Biblioteca da Valenzá. Xoves, 6 de xuño de 2013

lunes, 10 de junio de 2013

PIRATA SEN BARCO


              Teño medo de non varrer os entullos que vai deixando a pomba mensaxeira, pero Balbino Pirata Núñez non é do mesmo parecer e por varrer ata varre á propia pomba, á que lle manda uns cantos perdigóns que a fan aterrar ferida de morte. Balbino Pirata faille honor ao apelido e en toda a contorna ten fama de pirata, de pirata sen barco. Pasou a infancia traumatizado por unha película que viu no cine da aldea (antigamente ata nas aldeas había cine), na que o protagonista era un pirata con parche no ollo e pata de pau. A Balbino gustoulle o parche, pero traumatizouno a pata de pau. Desde aquel momento quixo ser pirata. Pero sen barco; para evitar a pata de pau e porque non sabía nadar. O parche no ollo púxoo igual, aínda que tanto o esquerdo coma o dereito os tiña sen ningunha lesión. Cando chegou a mozo iniciou as súas falcatruadas precisamente para que a xente se enganchara ao seu parche no ollo e ao seu primeiro apelido. Balbino Pirata, o pirata sen barco que varreu a unha pomba mensaxeira cuns cantos perdigóns.


              Biblioteca da Valenzá. Xoves, 6 de xuño de 2013

viernes, 7 de junio de 2013

O TOUCIÑO COA VELOCIDADE


              Xa sei que hai tempo que se dixo, pero hai frases polas que non pasa o tempo. Hai frases que son esperpénticas na época de Valle-Inclán e na época actual. A Xunta contestoulle hai uns días á oposición que “é imposible mostrar os contratos de Dorado”. E o secretario xeral de Sanidade, Antonio Fernández-Campo, rematou co esperpento: “Sería como traer ao Parlamento todas as camas do Sergas”. Tal como o escribo! Que terá que ver o allo co bugallo ou o touciño coa velocidade? Se non erro, uns contratos fanse nuns simples papeis, e aínda que sexan mil ou dous mil ocupan ben menos que unha simple cama do Sergas. Ao mellor igual se refería a todas as persoas que ocuparon, ocupan e ocuparán as camas do Sergas, incluídas as que están nos corredores dos hospitais. Ao mellor. Ben certo é que certos personaxes políticos son máis guapos e máis listos canto máis calados están. Pero disto, o PP creo que non ten a ninguén. Como non queren que lles rosmen, contestan. E claro, as contestacións...


              Biblioteca da Valenzá. Mércores, 5 de xuño de 2013

SIMPLES “TRATANTES” DOS CONCELLOS


              Dous concellos de A Coruña, Oza dos Ríos e Cesuras, acaban de fusionarse nun tan só: Oza-Cesuras. Non sei se realmente a fusión de concellos é unha opción de aforro económico para Galicia e, incluso, para España. Penso que algúns si podían fusionarse. Creo que hai demasiados concellos en todo o territorio nacional. Non obstante, onde creo que hai un maior dispendio económico é nas Deputacións e no elevado número de concelleiros en todas as corporacións municipais. A ver, as Deputacións están como simples “tratantes” dos concellos. Si, é verdade que acometen empresas que os pequenos concellos non conseguen levar á cabo... porque non teñen a suficiente economía para tal fin. Pero segundo os cartos pasan polas Deputacións, por que non van directamente aos propios concellos? Xa se sabe que cando os cartos andan de man en man, moitos pérdense polo camiño.
              Hai concellos que con tres ou catro concelleiros e outros tantos administrativos serían abondo para levar o municipio. A maioría dos concelleiros están tan só para erguer a man nas votacións dos plenos. E por ese simple xesto, cobran. Se eliminamos 41 Deputacións, algúns centos de concellos e uns miles de edís, imaxinade o aforro. Pero claro, non compensa; irían moitos chupatintas ao c...


              Maceda. Venres, 7 de xuño de 2013

martes, 4 de junio de 2013

POLO CORREDOR DUN SOÑO


              Folla que baila ante a forza do vento. Raio de sol que quere asomar por entre unha nube negra. Pero non asoma. Unha canción pop que se oe de fondo nunha televisión calquera. Hai gargalladas que non teñen graza ningunha; incluso molestan. E o son dun móbil que se escoita na distancia. Silencio no barullo da chusma.
              Videoclip de pumba! pumba! e pouca letra, de moitos corpos e pouca cabeza. Agora si cae o raio de sol sobre a folla seca, pero axiña a nube negra atravesa o ceo para que as sombras lle poñan letra a unha canción que daba pena.
              Pasos que pasan calados polo corredor dun soño. Soños que berran catro versos de emoción por unha terra que loita contra a desidia dun goberno que non goberna. As sombras que se apoderan do corredor, e o soño esfúmase no silencio dunha noite pecha. Dorme o pensamento nunha terra que non esperta.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.

              Mércores, 29 de maio de 2013

lunes, 3 de junio de 2013

A VANTAXE DOS CATIVOS


              A nena escribe catro liñas azuis nun papel branco. Ao mesmo tempo mete os dedos da man esquerda por entre o pelo e raña na cabeza ata que ela mesmo fai un xesto de dor e retira a man con rabia. A nena atende ao nome de Zulima, porque así a chama a súa nai. Cando remata de escribir chouta da cadeira e ponse a xogar á beira da mesa. Ao pechar o seu caderno alcancei a ver un adhesivo branco, no que brillaba en letras de cor negra todo o seu nome: Zulima Perea Espigada. Andará polos oito ou nove anos. Ao mellor, algún menos. Pero non máis. Vexo tamén un libro de cor vermella... cerrado. Polo que se ve, Zulima Perea cansou de escribir e, claro, de estudar. Segue xogando á beira da súa nai, que está lendo un xornal. A nena, e vendo que aquela non lle fai moito caso, opta por saír fóra da cafetaría para seguir xogando na beirarrúa. É a gran vantaxe dos cativos: que saben divertirse sen compañía, que saben vivir inocentemente nun mundo cheo de infortunios.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.

              Mércores, 29 de maio de 2013