viernes, 9 de agosto de 2013

BOTAR A LINGUA A PACER


              Ó mellor son as altas temperaturas que adoita facer nesta época estival as que lle fan ferver a algúns a cabeza. Principalmente a algúns dirixentes do Partido Popular. Porque non me diredes que non lle ferveu a cabeza ó portavoz do PP de Celanova, Máximo Losada, cando declarou que “eles non ían poñer unha bomba como fan algúns de vostedes”, en clara referencia ós edís do BNG, ou o que é o mesmo , os nacionalistas. Coma se todos os nacionalistas se dedicaran a poñer bombas. Eu nunca vin a ningún nacionalista poñer bombas; tan só as poñen os terroristas, señor Máximo. Botan axiña a lingua a pacer pero sen p… idea de que herbas comen. A ver se se decata de que os nacionalistas non somos terroristas. Despois, para rematala, aparece o alcalde de Baralla fumegándolle a cabeza porque “os mortos do franquismo será que o merecían”. Se un do BNG declara que “os mortos por bomba será que o merecían”, como sentaría iso? Normal, sería catalogado de terrorista. Agora, señor alcalde de Baralla, señor portavoz do PP de Celanova, que diferenza hai dunha bomba a un pelotón de fusilamento ou a un paseo nocturno? Ó da bomba esnaquízano, ó do franquismo descúlpano. Logo declararon que se as frases ofendías, retirábanas. Si, pero primeiro dixéronas; primeiro saíron da alma. De todas formas, quedades desculpados; entendo que, moito sol, ás veces, fai verdadeiro dano.


              Finca Fierro. Venres, 9 de agosto de 2013

miércoles, 7 de agosto de 2013

POLO ESPAZO SIDERAL


              Chouto desde a estrela máis afastada e viaxo polo espazo sideral dando voltas coma unha buxaina, ou aínda peor, coma un monicreque. Máis ou menos. Quixen aterrar en Saturno, pero dei tal hostión contra o seu anel que pensei que aí se acababa definitivamente o meu salto. Pero non, por graza da providencia, ou sexa, pola gravidade (digo eu) seguín vagando polo universo sen fin. Xa non me importaba o salto; o único que quería era deixar de dar voltas. Sentíame coma un obxecto, ou aínda peor, coma un balón de fútbol; o anel de Saturno mandoume ata a órbita de Xúpiter; esta empurroume ata o planeta vermello. Alí, tanta cor, fíxome dano nos ollos e rebotei para seguir dando voltas. Mercurio era tan pequeniño que pasei de largo; nin tiven tempo de asentar un pé. A pena foi que conseguín traspasar a atmosfera da Terra e esnafrei contra o Outeiro do Corno, no concello de Baños de Molgas. Aí rematou a miña viaxe polo espazo sideral.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 7 de agosto de 2013

DO ABRAIO ÁS MOFAS


              Unha noite na aira da vila, o neno Nabor Ruído Silencioso berrou todo o que lle permitiron os seus pulmóns. Os veciños saíron apresurados das súas casas e co medo xa aniñando na alma. O berro non fora un berro normal. A primeira persoa que chegou á aira, toda sufocada, foi Susana Seara Siareira, que tiña fama de mala pécora ou de puta barata, pero que no fondo era unha boa veciña. E foi ela quen berrou tamén cun berro arrepiante, un deses berros que te deixan cravado e sen folgos, aínda que non te movas. Hai sustos que espantan. Algún veciño, ante os berros, colleu de camiño unha foucegata por se había que matar a alguén. De pé, á beira dun palleiro de herba seca, estaba o neno Nabor coas súas mans cheas de sangue e coa súa pirola entre os dedos... pingando. Acababa de cortar o pito. Paralizada, ó seu lado, estaba a cativa Rut Aira Cortello. Despois confesou que o neno Nabor quería ter unha raia coma a dela. A xente persignouse paralizada. Logo levaron a Nabor ó hospital e xa do abraio pasaron ás mofas.


              Finca Fierro. Luns, 5 de agosto de 2013

martes, 6 de agosto de 2013

DA INTELIXENCIA DE PORTUGAL


              Xenial! Xenial o comentario de José Soalleiro, o veciño de Vivenzo, en Melón, cando atopou sobre a súa figueira un globo pinchado que botaran uns portugueses desde a localidade de Barcelos: “Estes son da intelixencia de Portugal”. De película! Imaxino que lle saíu da alma ese comentario. Éntrame a risa cada vez que penso no da intelixencia. Coido que o homiño volveu ós tempos dos espías. Supoño que as películas tamén axudan unha barbaridade. Vería unhas cantas e soltou o da intelixencia. Sempre me deixaron abraiado eses comentarios de certas persoas maiores cando falan ante os micrófonos da televisión galega; nótaselles que din as cousas tal como as senten. E sóltanas coma se lle estiveran falando a un familiar, a un amigo, a un veciño. Somos auténticos! Por iso me gustan esas entrevistas que lle adoitan facer a xentiñas das aldeas. Responden con toda a inocencia do mundo.


              Finca Fierro. Martes, 6 de agosto de 2013

A FRASE


              Quen son eu para axuizar a alma de Deus. As palabras de Ladislao Salgueiro deixaron o seu amigo Macías Puercoespín completamente abraiado. Nunca imaxinara que soltase unha frase como esa. Axuizar a alma de Deus. Macías tragou cuspe, mirou a Ladislao de esguello e soltou aquilo de... ti bebiches!? Aínda sabendo que non tal fixera, porque o seu amigo era abstemio. Este ensinoulle os dentes amarelos nun lindo sorriso e díxolle se realmente lle gustara a frase. Botara toda unha noite pensando na frase. Empregou tanto tempo porque cando a discorreu non se atreveu a erguerse da cama para anotala. Non quixo espertar a súa dona Trindade Pajara Lemos; tiña mal espertar e non quería levar a rifa e, para máis inri, esquecer a frase. Así é que, segundo uns contan ovellas para durmir, el pregoou unha e outra vez: quen son eu para axuizar a alma de Deus. O efecto foi o contrario das ovellas; non pechou ollo. Pon outros viños, berroulle Macías ó camareiro e vendo que o seu amigo andaba nos biosbardos.


              Finca Fierro. Luns, 5 de agosto de 2013

O RA-TA-TA-TA DUN CARROUCHIÑO


              É pouquiña cousa, pero é moi riquiña. Latrica á velocidade dunha metralleta, pero é moi riquiña. Desde cativa sempre presumiu do seu tío. Toda a súa existencia baseábase no seu tío, incluso por enriba do amor e cariño dos seus propios pais. O seu tío era o Deus que a agasallaba cada vez que chegaba de Madrid. Logo, para máis aquel, percorría Baños de Molgas mostrando tal ou cal agasallo... do meu tío. Cantas noites quedou a durmir en Baños de Molgas porque a ver quen era o chulo de levala para Maceda e separala do seu tío!. Babeaba polo seu tío. E ó seu tío non lle quedaba outro remedio que babear polo seu carrouchiño. E como latricaba xa a condenada! Pero como o tempo pasa e todo cambia, agora entornou o seu amor no home que lle mostrou paciencia, moita paciencia duns anos para acá. Porque hai que ter paciencia, amigo, para aguantar o ra-ta-ta-ta da xa túa muller. Ti, cando empece a disparar, oídos xordos e pensa tan só no riquiña que é. Pequeniña pero riquiña. Que a súa metralleta dispare balas de convivencia e felicidade.


              Café Aitana da Valenzá. Xoves, 25 de xullo de 2013

viernes, 2 de agosto de 2013

A EQUIVOCACIÓN QUE NON É TAL


              O presidente confesou que se equivocara coa súa amizade con Luis Bárcenas. Que va, home, que va! Non podes confesar iso, Mariano. O erro sería aceptable se cando descubriches que Bárcenas era o que foi e o que é, optases por apartarte del ó instante. Pero logo de descubrir isto, aínda lle deches ánimos por medio de mensaxes de móbil; o que significa que non estabas nada arrepentido de ter unha (frutífera) relación con ese corrupto, con ese cliente de non sei cantos bancos en países de fóra. Moitos crerán no teu arrepentimento. Eu, co que sei, non. Imaxina agora con todo aquilo que aínda non se sabe. A ver se vas pensar que algúns somos parvos; porque se che pedimos a dimisión por tan só o que sabemos, non quero imaxinar o que che pediriamos por todo aquilo que aínda non saíu á luz. A triloxía de “O padriño”, comparada coa vosa propia película, quédase en panos menores. Vaia camándula de monifates aplaudindo as túas intervencións. En cada “fin da cita”. Normal, terán medo que se lles acabe a bicoca. Non me estraña que a moitos se nos alterara o sangue; é moi triste pensar en recortes, en baixadas de soldo, no paro, mentres contemplas os aplausos da maioría dos corruptos; porque xa me dirás se entre eses todos, moitos non recibiron os famosos sobres. Non sei para qué predico tanto… tedes maioría absoluta.


              Finca Fierro. Venres, 2 de agosto de 2013