jueves, 10 de octubre de 2013

REQUIESCAT IN PACE PARA UNHA VIÑA


              Boca seca, pastosa. Angustia no peito. Bágoas nos ollos da muller. Ningunha bodega quere as uvas. Falsas informacións. Falsas declaracións. “Ningunha uva do Ribeiro quedará colgada”. Mentira! Cheira a podre no Consello Regulador do Ribeiro e na Xefatura Territorial do Medio Rural. 20.000 quilos de uvas perdidos. Máis de 5.000 euros de simples gastos. Máis de 500 cepas novas que empezan agora realmente a producir. Un ano de traballo, de suor, de esforzo, de medo ás xeadas, á pedra e ás pestes. É igual. A verdade é que puido escarallarse ó principio; polo menos non vivía agora esta angustia e houbese aforrado cartos. Angustia de semanas; con reunións, manifestacións, peches. Para nada. Ou si, para descubrir as falsidades da administración. “Ningún viticultor quedará sen vender as uvas”. Mentira! Dan ganas de facer estourar bombas e de queimar adegas. Aínda o sinto máis polo sogro, que é o que realmente mamou esa viña e o que, hoxe, máis sofre. Requiescat in pace para unha boa viña. Aí se queda!.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.

              Mércores, 9 de outubro de 2013

miércoles, 9 de octubre de 2013

O REPARTIDOR DE COELLOS


              Gabriel Osorio quixo coller o touro polos cornos, pero cando chegou á súa altura decatouse de que era unha vaca. Non lle gustaban as vacas. Estaba farto de vacas. Media vida coidando vacas. Agora dedicábase a repartir coellos polos cotos de caza de toda a provincia. Os coellos procedían dunha granxa que tiña a Deputación no val de Baños de Molgas, á altura das Pedradarcas. Gabriel cargaba as caixas de coellos nun furgón branco e ía de concello en concello repartíndoas. Ós poucos días volvía polos mesmos cotos para saber se realmente soltaran os coellos. Intuía que algúns presidentes dos cotos quedábanse cos coellos. Nesta vida, no fondo, ninguén é parvo. Por certo, Gabriel Osorio tampouco é parvo. E agora, cada un que entenda o que lle dea a gana. Largou de xunto á vaca, subiu ó furgón e seguiu percorrendo os camiños para soltar coellos polos cotos da provincia. Gustáballe o seu traballo; se a isto se lle chama traballo.


              Café Paco Paz de Ourense. Xoves, 3 de outubro de 2013

O GRAN NO CU


              Incho o peito. Deixo escapar o aire. Berro. Polo ronsel dun avión que se escapa. Por unha rula que coxea. Por un toxo que un fouciño corta. Suspiro con forza. Dou unha puñada no aire. Bailo. Bailo sobre a orballada ás sete da mañá. Sobre a punta dunha galla seca dun castiñeiro. Pero non rompe. Pego un brinco. Sento. Canto. Canto unha canción que ninguén escoita. Canto unha panxoliña en pleno verán. Cando caio na conta de que ó meu arredor só hai silencio, volvo berrar. Berro por un país asoballado. Por unha lingua que se acaba. Por un gran no cu na nosa España. Galicia é o cu. Eu son o gran. Que rebenta. Que mancha. Mais quixera ser a bomba. Que estoura. Que manca. Que mata. Mágoa! Incho o peito. Deixo escapar o aire. Quedo en silencio. Súo. De angustia. De pena. De rabia. Quero rebentar o mundo. Quero vinganza. Por uns pasmóns que rouban, que se aproveitan, que se rin dun. Berro. Bailo. Canto. Calo.


              Café Paco Paz de Ourense. Mércores, 2 de outubro de 2013

lunes, 7 de octubre de 2013

A CADEA DOS BERROS


              O home contempla cómo bota o balón sobre a canastra e espera para saber se entra ou non entra. O balón non entra. O rapaz que o lanzou pilla un cabreo supino e ó home non lle queda outra opción que sorrir ante a reacción do rapaz. O home deixa de estar atento á cancha de baloncesto e préstalle atención a unha tele que fai ruído detrás súa. O ruído é porque o aparato amosa a cadea de Telecinco. O home entende, entón, o ruído. El mesmo lle chama a esa cadea “a do ruído”, ou aínda mellor, “a dos berros”. Sempre están berrando. Practicamente as 24 horas do día. Aínda que, o home, cando máis a padece é polos mediodías e polas tardes. Pola noite, adoita instalar uns auriculares nos seus oídos, pilla outra televisión e mata o tempo ou goza contemplando unha película. Cunha mala, mata o tempo. Cunha boa, goza ata case o orgasmo. Agora mesmo, o home, para non escoitar o ruído, abandona a cafetaría do pavillón e métese no coche a ler.


              Café Paco Paz de Ourense. Mércores, 2 de outubro de 2013

viernes, 4 de octubre de 2013

E DESPOIS, QUE?


              Cando estas liñas saian á luz ata poida que xa estea vendimando ou que o vaia facer, porque o venres (cando escribo isto) semella que chegaron a un acordo as adegas e a administración para que, aquelas, recollesen todas as uvas que quedaban aínda sen vender, preto de media tonelada de quilos. Repito: ata poida que xa estea vendimando. Polo que, “adeus, problema”. Xa! E despois, que? Que pasará coa seguinte colleita? Volverán as cartas das adegas negándose a recoller máis uvas? Volverá o baile de San Vito? As reunións? As manifestacións? Os encerros ou peches? Non estou disposto a pasar unha vez máis esta situación. Levo xa dúas. E por moito que se diga “non hai dous sen tres”, non quero unha terceira angustia, unha terceira incerteza. Nin a administración nin o consello regulador do Ribeiro poden permitir unha cagada máis nesta denominación de orixe. Un traballador do sector primario ( o máis débil, o menos pagado) non pode arriscar un ano de traballo e de gastos, porque se non consigue vender, o afundimento da súa familia pode ser total. Teño asumido que se para a época da poda non teño segura a venda das uvas, abandono a viña dunha hectárea e axiña quedará para o pasto das lapas. E penso que coma min farán moitos. E a xuventude, vendo o que hai… O Ribeiro debería pensar máis no futuro.


              Café Paco Paz de Ourense. Venres, 4 de outubro de 2013

jueves, 3 de octubre de 2013

BERRO COMPARTIDO


              Vento ferido na rima dun poema que fala do asubío dun instante nunha tarde de treboada, de cando o verán aínda non chegara á nosa terra. Berro compartido nunha película barata, chea de rostros coñecidos, de estrelas que non brillan, que nunca asinarán autógrafos nas páxinas dunha novela. Cada quen que aguante a súa vela. Mágoa pola lingua que moitos intentan matar con discursos negativos e con estradas cara ó inferno, chea de fochancas con palabras estranxeiras. Xa sei que o ruxerruxe dunha manifestación é como unha estaca no silencio. Botarei man dunha maza para golpear as palabras encadeadas en calquera lingua estranxeira. Hai que morder no silencio para que non nos atrape o ruído daqueles que non ven o poder e a liberdade dunha terra que berra, que esperta, que loita, que goza. Miña terra. Miña lingua. Meu berro.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Sábado, 28 de setembro de 2013

martes, 1 de octubre de 2013

DIARIO DUN ENCERRO VITIVINÍCOLA


              Aínda que o auténtico peche non se iniciou ata as dez da mañá do martes pasado, un servidor empezou a vivilo xa ás cinco da madrugada, porque a preocupación é moita. A vendima empeza a estar a pleno rendemento, pero medio cento de viticultores estamos sen poder vender as uvas porque as adegas mandaron hai dous meses cartas nas que, por exceso de produción, non recollían máis uvas. Tan só as recollerán a baixo custe, ou sexa, regaladas ou, como moito, a 20 céntimos o quilo. Pero non dicían que tiñan exceso de produción? Por certo, a ese prezo, prefiro deixalas colgadas ou esmagalas no chan.
              Ás sete e cuarto erguinme como se fose para a oficina. Pero non fun (pedira o día por asuntos propios), e logo de “despachar” ós rapaces para o colexio, a miña muller e máis eu emprendemos camiño de Ribadavia, onde quedaramos co sindicato Unións Agrarias para falar do encerro que tiñamos que realizar, pois a esas horas aínda non se sabía cómo se faría. Ás nove da mañá acordouse marchar a Ourense, nos coches particulares, e encerrarse na Xefatura Territorial da Consellaría do Medio Rural, sita na rúa Florentino López Cuevillas. A consiga era entrar en pequenos grupos para evitar prohibicións e subir para o primeiro andar, onde se atopa o despacho do Xefe Territorial.
              Dito e feito; ás dez e uns minutos estabamos eses medio cento de viticultores no corredor dos despachos do primeiro andar. Como, no meu traballo, pertenzo a esa Consellaría, saúdos e bromas con compañeiros que coñezo ben. Axiña asomou o Xefe Territorial solicitando tres representantes para falar con eles. Ás once e cuarto saíu e, logo de boas palabras, faltaría máis!, nada de nada. O típico, que intentaría seguir o asunto pero que deixásemos libre o corredor. Por suposto, non se lle fixo caso.
E foi a partir de aí cando asomaron xa os distintos medios de comunicación (uns informarán e outros non). E foi a partir de aí cando as caras de moitos empezaban a amosar xa auténticos xestos de preocupación. O traballo de todo un ano está a piques de irse ó traste. Os cartos de todo un ano están a piques de non obter ningunha recompensa. Aínda preocupados, as bromas esperpénticas saín das bocas de todos nós. Bromas que, no fondo, producían unha intensa e gran dor. Repito: é o traballo de todo o ano. E moitos gastos. Son practicamente novo nisto da viticultura (vivín nos tempos e na zona dos sachos, aixadas, arados e carros) e non imaxinaba que nunha viña se gastasen tantos cartos.
              Non obstante, dentro da preocupación, aínda houbo momentos de relax; á unha, a muller e máis eu buscamos ó meu amigo e excompañeiro Alberto para tomar xuntos un merecido café. Levaba horas de pé e doíanme os pés.
              Pasaba das tres cando, antes de que nos botase a policía, optamos por saír da Xefatura Territorial e deixar, por este día, o encerro, o peche. E como penso que isto non ten solución, pois haberá que seguir guerreando, haberá que seguir chamando a atención. Como dicía o famoso Buzz Lightyear: “ata o infinito e máis alá”. E se non hai máis alá, a vendima poida que a faga igual, pero cos acios esmagados no chan.


              Café Oren Express da Valenzá. Martes, 1 de outubro de 2013