miércoles, 13 de noviembre de 2013

SOÑOS VISUAIS


              Cando asistín á inauguración da exposición fotográfica do coruñés Román Montesinos na Casa da Cultura de Barbadás recoñezo que ía coa idea das típicas paisaxes ou dos típicos rostros de personaxes ou descoñecidos, é igual. Aínda que así fora, non tiña porque desmerecer tampouco a exposición. Todos sabemos que hai fotos con rostros ou paisaxes que marcan, que impresionan, que gustan. Mais cando entrei na sala, co aliciente de que o fixen un chisco antes, ou sexa, só e con tempo de contemplalas ó doután, a pracer; aí vin e descubrín que eran “outras” fotografías, que eran algo así coma soños visuais ou, como dicía o mesmo cartel de promoción, coma metáforas visuais. Ás veces preguntábame se serían reais, e o autor, máis tarde aseguraba e recalcaba que eran auténticas. Creo nesa autenticidade, porque así se me amosaban. Paga a pena perder unha tarde e achegarse ata A Valenzá antes do día 30. Prometo que gustarán as fotos.


              Café Paco Paz de Ourense. Martes, 12 de novembro de 2013

viernes, 8 de noviembre de 2013

CATRO PALABRAS MAL ESCRITAS


              Ás veces chega con sentarme á beira da cama para que o abrigo dunhas palabras escritas ou duns pensamentos soñados me envolva nun relato diario. Hoxe quixen deitarme no medio do leito, pero as sabas con frases de flanela non queren nin encherme un parágrafo. Tremo coa ansiedade de non saber completar o relato e rincho os dentes con rabia cando me decato de que, algunhas veces, unha simple palabra é suficiente para imaxinar unha historia. (E non digo nada se en vez dunha palabra é unha frase). Pero hoxe, hoxe lin varios xornais, escoitei as novas pola radio do coche e ata puiden ver algunhas noticias tamén pola televisión (xantei só, polo que os rapaces non manipularon no aparato), e nin así. Hoxe podo dicir xustificadamente que a manta rascoume ata os ósos e a colcha esvarou cara ó chan. Quixen deitarme enriba da cama para soñar cun escrito hebdomadario, mais a almofada, polo que se ve, estaba dura, demasiado dura. É terrible notar tal ansiedade por catro palabras mal escritas. Pero, ás veces, non queda máis remedio que escribilas, que soltalas. Aquí quedan coa roupa da cama toda no chan. Nunca me sentira tan nu, tan espido e sen folgos para me tapar.


              Finca Fierro. Venres, 8 de novembro de 2013

jueves, 7 de noviembre de 2013

AMIGOS DA VÍA


              Dime, neno, e ti de quen es? Son da Marujita da Calambraca. Sabe?, a muller de Rogelio, o Toupeiro. Ai, pois si; agora que o dis, seméllaste ben ó teu pai. É un bo home o teu pai. Fomos amigos, de cando andabamos traballando na vía. Que tempos aqueles! Recordo a forza que tiña. Erguía as travesas coma nada. E mira que pesaban de raio! Sempre lle quería axudar, mais el nunca me deixaba. Non, que te me podes herniar –dicía sempre-, e es aínda moi novo. Érao, por certo. Aínda non tiña 17 anos. Acababa de saír da escola. Naqueles tempos, neniño, os estudos non eran coma agora. Ó acabar a escola, ou ías para un colexio de curas ou te puñas a traballar, xeralmente nas leiras ou de peón de albanel. Escoita, neno, cando vexas os teus pais dilles que te atopaches con Nazario, o Boitorto, o fillo de Odón, o Pombo, o de Chaodarcas. Acordaraste, neniño? E estuda moito. Recorda que naqueles tempos o noso traballo era unha escravitude. Por certo, como te chamas? Coma meu pai.


              Café Paco Paz de Ourense. Martes, 5 de novembro de 2013

martes, 5 de noviembre de 2013

ARANDO PARA O MEU REGO


              Aburrido. Desanimado. O partido tamén está aburrido. Non é o mesmo ver un partido co rapaz que velo só. Hoxe estou só. Co rapaz sempre se fala algo, sempre lle comento xogadas, accións ou pareceres. É certo que adoito tirar para o meu rego. Pobre Xoel! Ten que aburrirse dos meus pareceres, das miñas opinións, dos meus comentarios. Porén, de cando en vez, aro un chisquiño para o rego del. Para que eu non lle caia moi pesado. Non sei por qué, pero imaxino que tan axiña como poida ver os partidos el só, a min vaime mandar para aquel sitio. Botareino de menos. Hoxe estou só e bótoo de menos. Tamén axuda o mal xogo do Barcelona. Si, Xoel só ve os do Madrid. Non, eu non son do Barça. Son dos galegos e antimadridista. Se quero que gane o Barça, tan só é para amolar, para xiringar ós do Madrid. Son antimadridista pero vexo os seus partidos; porque me gusta o fútbol e vexo todos os que podo. E se o Madrid xoga ben, recoñezo que así o fai... aínda que me amole. Mais, sempre busco algo para arar cara ó meu rego.


              Café Oren Express da Valenzá. Venres, 1 de novembro de 2013

OS ASUBÍOS DUN SOLDADO


              Un floreiro nun estante con flores artificiais. Cazadoras nun colgadoiro que hai xunto á porta principal. Imaxes de publicidade na televisión. Rapaces (e non tan rapaces) con móbiles a todo xogar. O ruído viaxa polo ambiente do local. Pestanexa unha muller á velocidade da luz, aínda que sexa unha esaxeración. Queren os bombardeiros da RAF arrasar toda unha cidade, pero o lobo solitario de Barricobos oulea con tanta forza que as bombas non conseguen caer, polo que non chegan nin tan sequera a estourar. Queren os asubíos dun soldado matar a todo unha compañía, mais a súa música é tan melancólica que o inimigo baila a un ritmo tan lento que a auténtica nugalla é a que gana a guerra. Hai guerras que case non existen na memoria colectiva, porque non hai tiros, porque non hai feridos, porque non hai berros, porque non hai mortos, porque non hai dor. Emporiso, quizais a guerra silenciosa sexa a peor de todas.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 30 de outubro de 2013

lunes, 4 de noviembre de 2013

A MEDALLA DE HEROE


              Ai que tempos aqueles nos que un podía batallar contra as hostes inimigas! Ensináballes un sorriso malvado ou perverso, levaba o fusil ó ombreiro e pum! Se lle acertaba, o inimigo abría os ollos cun xesto de terror, de espasmo e caía ó chan coma gato coa barriga cara á arriba. Se non lle acertaba... dáte por morto, amigo! Como aínda estou vivo, presúmese que deixei a uns cantos nun requiescat in pace eterno. Logo, para máis aquel, nin tiña que enterralos. Alí se quedaban, podrecendo ou sendo festín de lobos ou alimarias. Que tempos aqueles nos que sobrevivín nunha guerra podre, nunha desfeita que iniciaron os que nunca foron ó campo de batalla. Fun algo así coma un heroe. Eu só conquistei o outeiro das almas solitarias e sen pegar un tiro. Non había ninguén. Eu mesmo me disparei a unha perna para simular a gran batalla,  gran combate. Doeu de carallo. Pero, hoxe, a medalla de heroe está gardada no faiado da casa. Que gran vitoria!


              Café Oren Express da Valenzá. Luns, 28 de outubro de 2013

viernes, 1 de noviembre de 2013

CLARO QUE É DE INTERESE


              Aínda que estou un pouco canso (ou un moito) do asasinato da nena Asunta, ás veces non queda outro remedio que seguir lendo sobre el, só que sexa os titulares coas súas letras en grande, porque os medios seguen unha e outra vez sacando o tema. E como non queda máis remedio que botarlle unha ollada a esas letra grandes, atópome coa declaración da nai da vítima, na que di que “o falecemento da miña filla non é de interese para ninguén”. Penso que aí erra un pouco, e por moito que queiramos meter polo medio a intimidade das persoas. Creo que o interese pola morte dunha nena, de calquera cativo é normal que o sintamos. Aquelas persoas que teñan algo de conciencia teñen que sentir certa dor ou certo abatemento ante a noticia de calquera morte infantil. Iso por unha beira. E pola outra, a morte da súa filla Asunta pasou os límites da normalidade. E se nos impactaba, se nos impresionaba a morte natural dunha cativa, imaxinade se esa morte non é tan natural, tan normal. Xa digo que a estas alturas o asasinato da nena empeza a cansar de tanto saír nos medios, pero segue sendo unha morte acontecida en circunstancias especiais… era unha nena con toda a vida por diante. Señora Rosario Porto, claro que interesa a morte da súa filla. E moito. Só era unha nena, señora. Seres inocentes e indefensos.


              Finca Fierro. Venres, 1 de novembro de 2013