miércoles, 4 de diciembre de 2013

NOITE ESCURA


              Taconea a esperanza e cala a rebeldía dun suspiro. Noite escura. Corre a inercia pola beira esquerda do río Arnoia. Anda a modiño o latexo dun corazón ferido pola carreira da Porfía Golpes nunha sinal de tráfico. É o vento nordés. Quere o pardal ser rabo de gaitas, pero as rodas dun carro de vacas esmagan, destripan o verme luceiro da aurora. Árdelle o eixe á parsimonia dun asubío. Chouta unha ra en catro metros cadrados da Pitediña e o palán golpea a billarda para que corran detrás dela dúas andoriñas. Baila o rei do polo frito sobre a punta dun aloumiño e canta o silencio a nugalla dun recordo. Por que temos medo cando oímos o ouleo dun lobo, cando nel viaxa un momento melancólico? Ou triste. O ouleo arrepía coa súa tristura, pero é bonito de carallo. Móvense os pensamentos por entre as lagoas dos tempos de neno e a nostalxia acouga nunha lareira con catro chourizos e moitas conversas.


              Café Oren Express da Valenzá. Martes, 26 de novembro de 2013

martes, 3 de diciembre de 2013

POLO ESPAZO SIDERAL


              Quedei coa boca aberta de tanto contemplar o universo. É grande de raio! Está cheo de silencio, de calma, de sosego. Orbitei por todos os planetas e fixen parada e fonda nun satélite calquera. Como hai tantos, non sei cal era. A lúa, non, porque esa coñézoa. Xa estiven alí varias veces. Mentres descansei, oín varios asubíos que rompían ese silencio. Un sentino tan cerca que ata me meteu o medo no corpo. Pero vin o que eran... cometas que pasaban a gran velocidade, coma lóstregos acendidos de luz e cor. Que susto, meu Deus! Quixen seguir un coa mirada, pero non foi posible; tan só acadei ver un ronsel de luz e, iso si, moita cor. Que bonito! Ata por isto xa merece a pena o susto, o sobresalto. Cando cansei de asentar, de campar no satélite descoñecido, emprendín de novo camiño polo espazo sideral para coñecer novos mundos. Nada, tan só planetas, satélites, cometas e silencio, moito silencio. Que bonito! Aínda sigo coa boca aberta. É tan grande o universo!


              Biblioteca da Valenzá. Martes, 26 de novembro de 2013

O ÚNICO




     Onte vin pola Cuatro e en versión orixinal subtitulada a película "O único" (2001), de James Wong; con Jet Li, Carla Gugino, Delroy Lindo e Jason Statham. Unha "cousa" que quere ser película, que quere ser unha mestura de Matrix e Bruce Lee, pero que queda niso... nunha "cousa" de golpes, acrobacias, efectos especiais e tiros, moitos tiros. Pero non había outra película que ver na televisión.

SOÑANDO COA IMAXINACIÓN


              A cunca é orixinal. Ten o debuxo dunha muller manipulando nun móbil. A muller é guapa e achica moito os ollos. Fixo que ten miopía, pero, quizais por vergonza, non quere usar anteollos. Digo eu. Ó mellor é un simple xesto que fixo nese momento. Asómalle un fermoso sorriso nos beizos. Ante isto, a pregunta é sinxela e, por suposto, curiosa: que estará mirando no móbil?. Aquí temos o gran quid da cuestión; que nos importa un carallo a fermosura da muller e o seu achicamento de ollos; agora o esencial do debuxo é o que mira a muller. Que, sinceramente, non pode mirar nada polo simple feito que nada está debuxado, porque sobre a cunca só vemos a parte traseira do aparello, do instrumento. Pero o inconsciente noso busca sempre o que non hai, o prohibido, o inalcanzable, o imposible. Sempre soñamos coa imaxinación. Que, por certo, é bonito. Non se amosa nada, nada hai, pero pensamos nesa pantalla invisible ó ver o sorriso da muller.


              Café Oren Express da Valenzá. Luns, 25 de novembro de 2013

lunes, 2 de diciembre de 2013

ASALTO Ó TREN PELHAM 1 2 3



     Onte vin en Antena 3 e en versión orixinal dubtitulada, a película "Asalto ó tren Pelham 1 2 3" (2009), de Tony Scott; con Denzel Washington, John Travolta, James Galdolfini, John Turturro e Luis Guzmán. A música é de Harry Gregson-Williams.
     Se un esquece un chisquiño a orixinal "Pelham 1 2 3" (1974), ata poida que o pase algo ben coa de Tony Scott. Produto típico ianqui  e do típico estilo de Tony Scott: imaxe e son a ritmo frenético.

A PONTE DOS ASASINOS



     Onte, domingo, acabei de ler "A ponte dos asasinos". Está coma os anteriores de Arturo Pérez-Reverte, os da saga do capitán Alatriste. Hai anos lera os dous ou tres primeiros, cando saíran, e este segue a mesma tónica.
     A verdade é que, cando o pillei na biblioteca da Valenzá fíxeno ás presas e non pensei moito nas aventuras do Alatriste. Tiven outras veces oportunidade de ler máis libros da saga, pero non me apetecía. Por esta vez, xa digo, ás présas, porque se me botaba a fin de semana encima e quería libros para ler. Nesta biblioteca non hai moito onde escoller. A partir de xa, teño intención de ir pedindo tamén libros doutras bibliotecas.

O SEU CORAZÓN DIXO BASTA


              Acabouse. Acabouse o latexo dun corazón que estaba vivo. O corazón dun sapo concho. O pobre estaba sprintando cando acordara cruzar a estrada que vai de Baños de Molgas ós Milagres. Xusto cando lle quedaban uns setenta centímetros para chegar á cuneta, e a causa da sufocación, o seu corazón dixo basta. E aí acabou o peregrinar do pobre sapo concho. Quedara coa súa nai en xantar ó outro lado da Pitediña, no lameiro de Dafne Corona Loureiro, á que lle chamaban A Toupeira. Pero o pobre sapo concho xa non comería ningunha folla de cardo máis. A súa nai fartouse de esperar, ata que acordou mandar a súa filla máis nova na procura de noticias. A tartaruga cruzou o río Arnoia e toda a Pitediña. Axiña atopou ó seu irmán. Logo de deixar caer unhas bágoas de pena, marchou de novo para darlle o recado á nai. Cando chegou era noite pecha e a dor instalouse entre os xuncos por toda a noite. O pobre sapo concho acabou esmagado pola roda do tractor de Tancredo Consello Ruíz, O Refugallo.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Sábado, 23 de novembro de 2013