martes, 7 de enero de 2014

UNHA BOA MEDIDA


              Ós concellos non lle están os tempos como para arranxar todas as estradas do seu territorio; porque non teñen cartos e porque os que teñen xa sabemos todos cómo empregan a maioría dos mesmos... soldos desmesurados. Criticado xa isto, falemos hoxe dos arranxos das estradas. Moitas destas escarállanse porque hai demasiados piñeiros ás súas beiras. As raíces destes están moi á de riba e levantan o asfalto de tal forma que chegan incluso a rebentalo nun santiamén. Hai un concello que vai obrar en consecuencia. O de Cenlle obriga a talar os piñeiros máis próximos ás estradas para evitar a caída deles (tivemos a mostra nestas festas de Nadal, Aninovo e Reis a causa do temporal que azoutou a nosa terra, que caeron uns cantos) e para que non rebenten ese asfalto que comentaba. Adoito pasar moi a miúdo co coche por estradas entre piñeirais e aseguro que os parafusos do vehículo roxen a máis non poder. Por iso opino que é unha boa medida a adoptada por ese concello e que moitos ou todos deberían copiar.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Luns, 6 de xaneiro de 2014

lunes, 6 de enero de 2014

INTEMPERIE

                 


                Acabo de ler “Intemperie” (2013), de Jesús Carrasco. Foron 189 páxinas de moi boa literatura, dunha preciosa historia e dunha emoción sen límites. Marabilloso libro! Curto e fácil de ler.

            CONTRAPORTADA:

            “Preto xa do home, volveu dubidar e considerou a idea de non roubar o zurrón. Simplemente agardaría xunto ás brasas a que espertase. Logo amosaríase ante el como o que era: un neno indefenso que non lle ía supoñer ningunha ameaza. Pensou que, con sorte, o home sería un pastor doutra comarca, chegado ata alí na procura dos restos da última sega. Acostumado á soidade, incluso poida que agradecerá a súa compaña. O home ofreceríalle un pouco de comida e algo de beber e logo cada un seguiría o seu camiño”.

            SOLAPA DA PORTADA:

            Un neno que fuxiu da casa escoita, acazapado no fondo do seu escondedoiro, os berros dos homes que o buscan. Cando a partida pasa, o que queda ante el é unha chaira infinita e árida que deberá atravesar se quere afastarse definitivamente daquilo que o fixo fuxir. Unha noite, os seus pasos crúzanse cos dun vello cabreiro e, a partir dese momento, xa nada será igual para ningún dos dous.
            “Intemperie” narra a fuxida dun neno a través dun país castigado pola seca e gobernado pola violencia. Un mundo pechado, sen nomes nin datas, no que a moral escapou polo mesmo sumidoiro polo que se foi a auga. Nese escenario, o neno, aínda non do todo malogrado, terá a oportunidade de iniciarse nos dolorosos rudimentos do xuízo ou, pola contra, de exercer para sempre a violencia que mamou.

            SOLAPA DA CONTRAPORTADA:


            Nado en Badaxoz en 1972, Jesús Carrasco licensiouse en Educación Física e formouse como profesor de secundaria, pero que a penas exerceu como tal. Durante un tempo compaxinou o seu traballo como redactor publicitario coa carreira de Filosofía, aínda que finalmente decidiu abandonar os estudos. A súa vocación literaria vén de antigo, dado que leva máis de vinte anos escribindo novelas e relatos infantís, que emporiso nunca viron a luz. “Intemperie” supuxo un dos debuts máis sorprendentes dos últimos anos no panorama literario internacional, e os seus dereitos de publicación foron adquiridos por prestixiosas editoriais de trece países. Despois de residir durante doce anos en Madrid, en 2005 Jesús Carrasco trasladouse a Sevilla, onde vive na actualidade.

domingo, 5 de enero de 2014

MEMORIAS DUN NINGUÉN




            Rematei de ler o libro galego “Memorias dun ninguén”, de Carlos Mella. Cento setenta páxinas que me entretiveron bastante cunha rápida e sinxela biografía deste economista, político e escritor pontevedrés.

            CONTRAPORTADA:


            Contar o pasado para traelo ó presente é o obxectivo de Carlos Mella (O Foxo, A Estrada, 1930) en “Memorias dun ninguén”. Unha biografía novelada que tamén é un conto longo escrito con  esa fina ironía que todo o relativiza á vez que o fai esencial. Desde a senectude, o protagonista percorre o fío do tempo vivido: a Guerra Civil vista a través dos ollos dun neo, a mocidade durante o franqismo, a fartura da ilusón e as ambicións loragadas… a inanidade final. O autor de “Non somos inocentes” volve contemplar os tempos idos porque, fóra dese escenarios onde dá brincos a vida, os actores non somos ninguén.

sábado, 4 de enero de 2014

CHOVE SOBRE ALADINO


              Chove no raio de sol que cae sobre a cara escura da lúa. Chove. Uns anteollos están colocados ó revés nunha mesa. Sen dono. Sen dono os anteollos e sen dono a mesa. Soidade nun comedor calquera. Chove. O ruxerruxe do vento escóitase ó outro lado dos recordos, de cando o tempo estaba cheo de ruído e o mar bailaba unha muiñeira galega. O tempo é aquel instante que pasa. Sempre pasa. Nunca se detén. Chove. Chove sobre unha rúa asfaltada e chove sobre unha beirarrúa acimentada. É dicir, que están ben arranxadas. Nunca tal se vira nunha cidade que lle daba as costas ó mar. Agora mesmo, non sei se tiña mar. Tan só oía o ruxerruxe das ondas, mais cría que era o rúido dos soños, de cando un durmía a perna solta por entre os piornos. Chove. Chove sobre o silencio dunha alfombra que voa sobre os tellados dunha aldea perdida e sobre as árbores de moitas carballeiras. Chove sobre Aladino.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.

              Sábado, 4 de xaneiro de 2014

EN DEFENSA DO NENO BONITO


              Neste país noso moitos rachan as vestiduras polas subvencións ó cine, polas subvencións á cultura e enchen os xornais de cartas ó director protestando por tales ou cales axudas a persoas que viven “coma Dios”. Esperei un tempo para ver qué facían esas mesmas persoas ante a nova de que a Comunidade Europea expedientou a sete clubs de fútbol españois por posibles axudas públicas incompatibles coa normativa comunitaria. Ninguén dixo nada. Ninguén rosmou. Semella que non nos importa que os nosos cartos vaian parar a persoas que viven moito mellor “que Dios”. É máis, o propio ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel García-Margallo, confesou que “o goberno vai dar a batalla ata a fin en defensa dos clubs españois”, é dicir, en defensa do ladroízo, en defensa do neno bonito, da vaca sagrada de todas as actividades deportivas habidas e por haber. Neste noso país, o fútbol sempre imperou por enriba de calquera actividade, de calquera profesión, de calquera ensinanza, de calquera traballo. Facenda, os bancos, os políticos métenlle man ós pombos de sempre con impostos, con desafiuzamentos, con recortes, mentres que ante ó deporte rei miran de esguello cara á “marca España”. Como ganamos un mundial e unha eurocopa xa poden mexar por enriba de nós. Dicimos que chove.

              Cafetaría do pavillón dos Remedios de Ourense.

              Sábado, 4 de xaneiro de 2014

viernes, 3 de enero de 2014

TOY STORY 3




     Onte vin coa muller, por Antena 3, a película de animación "Toy Story 3" (2010), de Lee Unkrich. A música é de Randy Newman. A estas alturas creo que xa todos os afeccionados ó cine saben da compañía Pixar e dos seus éxitos. É que, realmente, ata agora, todo o que teñen sacado son auténticos éxitos. Esta, por exemplo, acadou 2 Oscars (mellor película de animación e mellor canción), dos 5 ós que estaba nomeada. Dose de felicidade ata comparala incluso coa triloxía de "O padriño", como fixo algún crítico. A verdade é que temos ante nós unha auténtica obra mestra.
     Eu xa a vira en DVD no mes de marzo de 2011. E imaxino que a seguirei vendo.

VIVIR DE NOITE




     Onte pola tarde metinlle tal atracón ó libro "Vivir de noite", de Dennis Lehane, que o acabei rematando antes de ver a película nocturna. Foron 487 páxinas de puro entretemento facilón. Típico libro de serie negra, é dicir, tiros, gánsteres, policías, ladróns, etc.

     CONTRAPORTADA:

     Boston, 1926. Os anos vinte están no seu apoxeo. O licor flúe. As balas sobrevoan a cidade e un home disponse a deixar a súa pegada no turbulento mundo que o arrodea.

     SOLAPA DA PORTADA:

     Boston, 1926. Joe Coughlin, fillo dun eminente capitán da policía da cidade, non segue precisamente os pasos do seu pai. Empezou con pequenos furtos, pero xa deu o salto a crímes de máis envergadura. A súa ascendente carreira no mundo dos gánsteres en plena Lei Seca levarao do Boston da Idade do Jazz ó barrio latino de Tampa e as rúas de Cuba. No seu camiño cruzarase unha muller, Emma Gould, que cambiará para sempre a súa vida.
     Unha radiografía implacable dunha época de destilarías e casas de xogo clandestinas, tiroteos en plena rúa e corrupción policial e política, cun elenco de secundarios entre os que se inclúen traficantes de licor, policías subornados, sensuais mulleres fatais, evanxelistas que citan a Biblia e temibles membros do Ku Klux Klan.

     SOLAPA DA CONTRAPORTADA:

     Dennis Lehane. Naceu en 1965 en Dorchester, por aquel entón unha das áreas máis deprimidas e conflitivas de Boston, no seo dunha familia de orixe irlandés. Antes de dedicarse por completo á escritura traballou con nenos mentalmente discapacitados e maltratados, e tivo empregos tan distintos coma cameriro, chofer de limusinas e dependente nunha libraría. En 1994 publicou "Un trago antes da guerra", a primeira dunha exitosa serie de novelas policiacas e de intriga composta por "Darkness. Take My Hand" (1996), "Sacred" (1997), "Desapareceu unha noite" (1998) e "Pregarias na noite" (1999). Con "Mystic River" (2001), novela que levaría ó cine Clint Eatwood, consagrouse coma escritor e mereceu os máis acendidos eloxios da crítica, que se repetiron con "Shutter Island", adaptada á gran pantalla por Martin Scorsese. A estes dous títulos seguirían "Calquera outro día" e "Vivir de noite", a súa máis recente novela. Na actualidade, Lehane reside en Boston e compaxina o seu traballo como novelista coa creación de guións para televisión e as clases de escritura que imparte na Universidade de Harvard.