lunes, 7 de abril de 2014

O XOGO DE RIPPER






              Onte, domingo, 06-04-2014 rematei o libro “O xogo de Ripper” (El juego de Ripper) (2014), de Isabel Allende. A estas alturas creo que non descubro a Isabel Allende, unha escritora que creo que lle gusta moito a practicamente todo o mundo. Eu mesmo recoñezo que teño varios libros dela. Pois ben, este último non me decepcionou. É máis, gustoume bastante ou incluso moito. É deses libros que segundo vas pasando páxinas máis te vai enganchando. O suspense vai in crescendo. Ata se fan curtas as 478 páxinas que ten. Bonita historia policial. De verdade.

CONTRAPORTADA:

<<”A miña nai aínda está viva, pero matarana o Venres Santo a medianoite”, advertiulle Amanda Martín ó inspector xefe e este non o puxo en dúbida, porque a rapaza dera probas de saber máis ca el e todos os seus colegas do Departamento de Homicidios. A muller estaba cativa en algún punto dos dezaoito mil quilómetros cadrados da baía de San Francisco, tiñan poucas horas para atopala con vida e el non sabía por onde empezar a buscala.>>

SOLAPA DA CONTRAPORTADA:

As estrelas sempre din a verdade…

SOLAPA DA PORTADA:

Isabel Allende naceu en 1942, en Perú, onde o seu pai era diplomático chileno. Viviu en Chile entre 1945 e 1975, e residiu durante longas temporadas noutros lugares, en Venezuela ata 1988 e, a partir de entón, en California.
Iniciou a súa carreira literaria no periodismo, en Chile e en Venezuela. En 1982 a súa primeira novela, “A casa dos espíritos”, converteuse nun dos títulos míticos da literatura latinoamericana. A esa seguíronlle outros moitos, todos os cales foron éxitos internacionais. A súa obra traduciuse a trinta e cinco idiomas. En 2010 galardoárona en Chile co Premio Nacional de Literatura e en 2012, en Dinamarca, co Premio Hans Christian Andersen pola súa triloxía “Memorias da aguia e do xaguar”.
Outros títulos da autora:

“A casa dos espíritos”, “De amor e de sombra”, “Eva Luna”, “Contos de Eva Luna”, “O plan infinito”, “Paula”, “Afrodita”, “Filla da fortuna”, “Retrato en sepia”, “A cidade das bestas”, “O meu país inventado”, “ O reino do dragón de ouro”, “O raposo”, “O bosque dos pigmeos”, “Inés da miña alma”, “A suma dos días”, “A illa baixo o mar” e “O caderno de Maya”.

MEDO NO SILENCIO


              Ruído de disparo no silencio da noite. Medo na aldea. Quen anda a facer a guerra pola súa conta? Ouleo de cans para seguir coa inercia do estoupido. Corpos que se arrecunchan nas camas e minutos nos que moita xente deixa de respirar. Ninguén quere facer ruído. Anda o demo buscando algo polas palleiras. Quen é capaz de atopar un sedeño para prender os lamentos? Medo no silencio. Emporiso, uns ollos de rapaz son quen de contemplar unha sombra que se move polas rúas empedradas. Ollos que se abren de asombro ante o tamaño da escopeta. As costas do rapaz péganse á escuridade da noite. Quere flotar para non facer ruído. Medo no silencio. Mais non retrocede; segue coa ollada e acochándose entre sombra e sombra ó individuo que, fachendoso, busca algo para romper ese silencio nocturno. Outro ruído de disparo no silencio da noite. Nin o individuo sabe a qué lle disparou. Nin o rapaz colle folgos para fuxir; queda quietiño, respira moi devagarciño e reza para que o medo non faga ruído. Medo no silencio.


              Café Paco Paz de Ourense. Xoves, 3 de abril de 2014

sábado, 5 de abril de 2014

O AMARGO SABOR DA BILE


              Sóubeno o xoves pola noite, escribo este relato o venres pola tarde e estades a lelo o luns. Pois ben, estou por apostar que ese día (o luns) aínda terei mal corpo, aínda notarei a bile na boca e a angustia na alma. E aínda estou a preguntarme se non houbese sido mellor abandonar a viña cando aconteceu todo aquilo das xuntanzas, peches e manifestacións porque as bodegas non querían recoller a uva do Ribeiro. O xoves souben o que me van pagar por todo un ano de traballo, por todo un ano de loita, de paseos, de angustia incluso (por medo a perder a colleita por culpa dalgunha praga ou treboada) e de gastos e máis gastos. Prometo que ó momento pensei na conselleira de Medio Rural, no presidente da Xunta, no Consello Regulador do Ribeiro e nas propias bodegas e estou por apostar que sabedes cómo serían de “cariñosos” os meus pensamentos. Como se adoita dicir… nin para pipas. E penso no traballo que leva o meu sogro (que é quen realmente mantén en pé a finca) e cabréome aínda máis, claro. Máis quilos co ano anterior, pero nin tan sequera a metade do que me pagaron ese ano. Máis gastos, menos ganancias. Así de simple. A estas alturas, claro, tampouco a vou deixar, porque gran parte do traballo xa está feito. Pero tamén é certo que prometo que como para o ano que vén “o desastre” vaia a máis, non me pillan nun terceiro espolio (ata o sogro recoñece que hai que deixala). Agora tan só queda tragar esta bile e apandar como apanda sempre o labrego galego.


              Café Paco Paz de Ourense. Veners, 4 de abril de 2014

viernes, 4 de abril de 2014

O BULEBULE DUN TANGO


              Aínda penso no escornabois que me escornou de cando o bulebule dun tango me fixo bailar sobre unha aguillada de bidueiro. A aguillada leva no extremo máis delgado un aguillón (que é unha punta de chancas) para picar nos animais cando non queren andar. Eran tempos de cando se xunguían as vacas. Roxe a folla do amieiro no medio do silencio e o sapoconcho chíscalle un ollo á sinal que hai no medio e medio da Pitediña. Anuncia que se entra en Baños de Molgas, a vila que está pero que, hoxe en día, ninguén sabe dela. Pena de interese! Co bonito que sería vela medrar, vela rexurdir das cinzas da indiferenza, do silencio. Ninguén mete ruído. O silencio é o mellor bálsamo para que a calma aniñe na contorna. Polo río Arnoia van as troitas de pé; mais ninguén se atreve a correr. Por Barricobos ouleaban os lobos e croaban as ras para rachar o silencio. Non hai lobos nos montes de Baños de Molgas nin ras nas auganas do Arnoia. Hai cordeiros que balan coa nostalxia deitada nas carrancoñas das Mestras.


              Café Oren Express da Valenzá. Martes, 1 de abril de 2014

jueves, 3 de abril de 2014

O CASO É DICIR BURRADAS


              O líder do PPdeG, ou sexa, o presidente da Xunta de Galicia, é dicir, Alberto Núñez Feijoo, afirma que votar ó BNG é facelo a Bildu; que votar a Anova é facelo a IU; e que votar ó PSOE é facelo a Zapatero. Ante esas afirmacións tan categóricas, tamén eu podo dicir (categoricamente) que votar ó PP é facelo a Franco, non si? O caso é dicir burradas. Cando hai medo axiña demonizamos incluso ós máis santos. Certo, na política non hai ningún santo. Pero moito menos no Partido Popular. O caso é desviar a atención da xente. Se ves unha ponte sobre o río Arnoia, os do PP son capaces de aconsellar goldrar o río porque a ponte igual se pode vir abaixo, por exemplo, por culpa da enfermidade do cemento. Ou se non cruzalo pola pasarela de madeira, que para iso a construíu o PP. Se votas ó BNG es da ETA; se votas a Anova es comunista e se votas ó PSOE é fundir o país. Vota ó PP para asentar a corrupción. Por burradas, aquelas, e por verdades, esta, que non quede.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Luns, 31 de marzo de 2014

miércoles, 2 de abril de 2014

A MELODÍA SILENCIOSA


              Como che vai? Ah, moi ben; estou aquí sentado, sen facer nada e contemplando o ruxerruxe dunhas follas. A ver, oh!, o ruxerruxe non se contempla; o ruxerruxe escóitase. Que va! Quen che dixo iso! Eu vexo moverse as follas e xa sei que fan ruído, que fan algo así como un ruxerruxe ou como un asubío silencioso. Outra vez! Como un asubío vai ser silencioso! E logo non!; a min chégame con contemplar a postura dos beizos para saber que por aí sae un asubío, unha melodía que ninguén canta, é dicir, unha melodía silenciosa. Para! Para! Para! Non volvas á ladaíña de ser o que non é. Como queiras, homiño; xa sei que non te convenzo cos meus razoamentos, pero, xa sabes, aquí paz e despois gloria. E tan contentos. E tan amigos, non si? Isto, que significa, que chegamos á fin da conversa? Máis ou menos; xa me cansei de estar sentado e non facer nada. Vou deitarme ó sofá... tampouco teño ganas de facer algo. A verdade é que cansei bastante coa conversa.


              Café Paco Paz de Ourense. Xoves, 27 de marzo de 2014

martes, 1 de abril de 2014

A PERSONALIDADE DUN INDIVIDUO


              Xa sei que é caer na redundancia, pero o tema dos árbitros é algo que me impresiona bastante, por ser os grandes sacrificados, os grandes “energúmenos” do deporte en xeral. Amais, no trato que se lles dá ós árbitros é onde se aprecia tamén a personalidade dun individuo. E se o árbitro é un neno de dezaseis anos? Como se cualificaría a un individuo que ataca a un neno de dezaseis anos? Aconteceu en León, nun partido de prebenxamíns (nenos de seis e sete anos), cando o pai dun dos nenos do equipo do Bosco B agrediu a un árbitro de tan só dezaseis anos. Non caeu na conta de que, ó mellor, dentro de dez anos o seu fillo pode arbitrar un partido. O rapaz tivo que ser hospitalizado. E se non chegaba con esa ruindade, un segundo individuo inmobilizou á vítima para que “o valente” zoupase a gusto, a un neno que podía ser seu fillo. É normal entón que me repita no tema arbitral. Se sempre defendín ós adultos, ós profesionais do chifre, do asubío, do pito, como non vou defender ós que empezan, ós que son nenos aínda!


              Café Paco Paz de Ourense. Xoves, 27 de marzo de 2014