lunes, 12 de mayo de 2014

UN POEMA SEN POETA


              Quédate co silencio enlatado nun papel de periódico e que a melodía dun suspiro colla as curvas cerradas por entre unhas palabras con sabor a ferro. Loita por entre os fentos secos para que o paspallás voe cara ó Outeiro do Corno mentres o ruxerruxe da auga do río Arnoia conta a historia dun pescantín que non sabía pescar; collía ras en vez de peixes. Camiña pola carreira do Piual ó mesmo tempo que contas por pares os versos dun poema que queres escribir sen ser poeta. Para ser poeta tes que pensar na luz da lúa e no raio de sol. Máis ou menos. Contempla o título do poema que non atinas a desenvolver e debuxa nas páxinas en branco os números romanos dun reloxo que non anda. Ás veces o tempo detense porque si. Ou parece que se detén. Vai ti saber! Ninguén é profeta na súa terra. E ti, para máis aquel, non es nin tan sequera oriúndo de Baños de Molgas. Ser de aquí ten a súa categoría, o seu rango, a súa importancia. Ser de Baños de Molgas non che é calquera; cómpre polo menos saber amar a auga da burga. Pensou eu.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 7 de maio de 2014

sábado, 10 de mayo de 2014

OS CENIZOS DE RAJOY


              Domingo, 4: Todo o mundo falando do desenlace da liga española de fútbol, mentres en Ucraína unha guerra civil está practicamente en marcha e mentres en Afganistán un corremento de terras sepultaba a máis de 2.000 persoas. Que terán que ver os mortos co deporte rei?
Martes, 6: Malversación nas obras do AVE. Pois vaia novidade! Xa estamos tan acostumados a isto, que non sei para que o sacan nos medios. Á fin ninguén vai facer nada e, por suposto, ninguén vai pagar pola falcatruada.
Mércores, 7: Rajoy tacha de cenizos ós que non cren na recuperación económica. Que llo diga ós que levan xa un tempo queimados, abrasados, coa borralla afogándoos.
Xoves, 8: Cortoulle o pene a un can porque lle montou a cadela. E se o caparan a el por querer montar (só que fose de pensamento) a unha muller? Máis de 34.000 familias galegas non ten ningún tipo de ingresos (os cenizos de Rajoy). O 22,2% dos menores viven en situación de pobreza (máis cenizos para Rajoy)

Venres, 9: Inicio da campaña electoral para as eleccións europeas. É dicir,  mitins. a moreas para dicir mentiras, mentiras e máis mentiras. Ou sexa, promesas… rotas. E remato coa nova sangrante: cinco rapaces morren nun accidente de microbús en Badaxoz. Un nó no estómago por esta (teño fillos desas idades) e polas demais noticias

viernes, 9 de mayo de 2014

MÁIS ALÁ DO INFINITO


              Rebenta a flor do toxo e unha nube chove verbos que acaban na primeira conxugación. Ninguén entende nada. Pero o asubío dunha estatua de pedra espanta os sentimentos dun paxaro que pasaba por alí, Non se atreve a pousar sobre o granito esculpido. Case sempre pensamos que o firmamento vai máis alá do infinito. Pero é mentira. O infinito queda a poucos metros do quinto inferno. Quere o burro comer a flor do toxo, mais o verbo apandar métese na albarda que cae sobre o lombo do pobre animal. Algúns cren entender todo aínda que non saiban nada. A vida dá tantas voltas que, ó final, un chega mareado máis alá da fin do mundo. E qué máis dá que todo remate na reviravolta de calquera soño, de calquera empanada mental, de calquera curva do camiño! Non todos os camiños levan a Roma; algúns chegan ata a Pillamadoira, outros pasan polo Piual, en Baños de Molgas. Onde, se non? O que ten lingua tamén vai á Venecia ourensá e, por suposto, pode chegar ata máis alá do infinito.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Mércores, 30 de abril de 2014

martes, 6 de mayo de 2014

BEBE DAS PALABRAS ESCRITAS


              Estaba a piques de completar o traxecto de retorno, lendo. Pero Nadia Peranza Soles viuse sorprendida por unha pequena marmañeira que a obrigou a pechar o libro e acochalo debaixo dun lateral da súa cazadora. Para Nadia Peranza, A Páxinas, os libros eran tan sagrados que lle doía na alma velos murchar. De aí que só que vise como unha pinga de auga caía sobre a páxina que estaba lendo, un acto reflexo saltaba á velocidade da luz e o libro xa estaba baixo a protección de algo, incluso ás veces metido entre o pantalón ou a saia e a barriga, aínda que a molestase no pube. O alcume enténdeo calquera; xa desde a época do colexio lía tanto e tragaba tantas páxinas que a alguén se lle ocorreu chamala A Páxinas. Ó principio non lle facía moita graza, pero pouco a pouco, e máis sabendo o significado do alcuño, non lle importou e non lle importa que a chamen desa maneira. Ela vai ó seu, ou sexa, a pasar páxinas e páxinas nas súas lecturas diarias. Forra os libros, trátaos con agarimo e bebe das súas páxinas escritas.


              Café Paco Paz de Ourense. Martes, 29 de abril de 2014

domingo, 4 de mayo de 2014

O SOÑO DO CELTA




              Agora mesmo, ás 17.15 deste domingo, 04-05-2014 acabo de ler o libro “O soño do celta” (El sueño del celta, 2010), de Mario Vargas Llosa. A verdade é que tiña ganas de lelo e non me decepcionou. Moi bo libro e cunha historia da que eu non coñecía nada. Foron 454 páxinas escritas por todo un Nobel. Gran libro. Grata, moi grata lectura.

CONTRAPORTADA:

“O soño do celta”, a nova novela de Mario Vargas Llosa, premio Nobel de Literatura 2010, describe a peripecia vital dun home de lenda: o irlandés Roger Casement. Unha aventura existencial na que a escuridade da alma humana aparece no seu estado máis puro e, polo tanto, máis enlamado.

SOLAPA DA PORTADA:

Roger Casement foi un dos primeiros europeos en denunciar os horrores do colonialismo. Das súas viaxes ó Congo belga e á Amazonía sudamericana quedaron dous informes memorables que conmocionaron á sociedade do seu tempo. Estas dúas viaxes e o que alí viu cambiarían a Casement para sempre, facéndolle emprender outra travesía, neste caso intelectual e cívica, tanto ou máis devastadora: a que o levou a enfrontarse a unha Inglaterra á que admiraba e a militar activamente na causa do nacionalismo irlandés. Tamén na intimidade, Roger Casement foi un personaxe con múltiples arestas. Heroe e vilán, traidor e libertario, moral e inmoral, a publicación de fragmentos duns diarios, de veracidade dubidosa, nos derradeiros días da súa vida, airearon unhas escabrosas aventuras sexuais que lle valeron o desprezo de moitos compatriotas.

SOLAPA DA CONTRAPORTADA:


Membro da Real Academia Española, novelista, articulista e ensaísta, Mario Vargas Llosa naceu en Arequipa, Perú, en 1936. Dos seus títulos primixenios cabe citar “Os xefes” (1959), “A cidade e os cans” (1963), “A Casa Verde” (1966), galardoada co premio Rómulo Gallegos e “Conversación na Catedral” (1969), obra coa que conquistaría o recoñecemento internacional. Co tempo, a súa creación literaria reuniría unha impresionante colección de relatos, novelas e ensaios: “Pantaleón e as visitadoras” (1973), “A tía Julia e o escribidor” (1977), “A guerra da fin do mundo” (1981), “Lituma nos Andes” (1993) –ganadora do premio Planeta-, “Os cadernos de don Rigoberto” (1997), “A festa do Chivo” (2000), “O paraíso na outra esquina” (2003), “A tentación do imposible” (2005) e “Travesuras da nena mala” (2007). Figura clave da narrativa en lingua castelá, a Vargas Llosa distinguírono co Príncipe de Asturias das Letras, co premio Cervantes e coa máxima distinción no mundo das letras: o premio Nobel de Literatura.

viernes, 2 de mayo de 2014

AS MIÑAS ANDAINAS PARTICULARES


              Cada vez que vexo nos xornais os anuncios publicitarios ou as novas sobre as andainas que se realizan pola nosa terra e que cada vez son máis (creo que xa non queda ningunha fin de semana libre no calendario), recoñezo que me entra un chisco de envexa por non poder asistir a ningunha, por aquilo de que as fins de semana as teño ocupadas, ou ben polos partidos dos rapaces ou ben, a maioría das veces, polos traballos na viña. Non obstante, é nesta cando caio da burra… por que quero realizar andainas cando, na realidade, lévoas a cabo dúas ou tres veces por semana? Para que quero máis? Doulle tantas voltas á viña, trepexo tanto as gabias que, sinceramente, gustaríame saber os quilómetros que ando cando dou o sulfato ou cando mato as malas herbas con herbicida. E agora que chega a época de atar; acabas nunha esquina da finca e xa tes que empezar polo outro recanto, porque as ramas medran cada día un cacho, e un cacho máis. E volta a atar as que medraron abondo. E volta a sulfatar porque xa pasaron dez ou unha ducia de días. Nunca fixen ningunha andaina, pero sei seguro que canso máis dos pés unha tarde atando que tres seguidas camiñando. Andar devagariño pola viña cansa moito máis que andar a boa marcha por esas rutas programadas. Ou sexa, que participo en andainas máis do que eu pensaba. Non podo entón cobizalas.


              Café Paco Paz de Ourense. Venres, 2 de maio de 2014

NIN TAN SEQUERA HAI PENAS


              Hai uns días lin por aí unha frase desas que axiña rechían cando chegas ó punto da mesma. E se renxen é porque cabrean e doen. Segundo os expertos, semella que “elevar as penas non disuade ós corruptos”. Madía leva! Porque aquí non hai xustiza. E non habendo xustiza, por iso non se elevan. Logo, como os corruptos non son parvos, seguen ó seu, pois saben que aínda que os descubran, as augas seguirán correndo para abaixo, ou sexa, para o seu rego. Hailles que recoñecer que saben facer os regos, incluso por aquelas terras máis remisas a ser abertas. Eles, os corruptos, bulen e bulen ata que se apoderan deses agasallos, deses poderes que lles ofrecen a mans cheas. Hai pecado, hai rezos, hai salvación. Así de claro. Un pouco de vergoña (se a teñen, que non creo) cando os descobren. Un perdón xudicial. Un silencio temporal. E volta outra vez ás andadas. Non hai castigo. Hai man branca, man aberta. Nin tan sequera hai penas. Para que se van elevar? Que sigan comprando e vendendo favores que, no noso país, a xustiza está como unha toupeira.


              Café Paco Paz de Ourense. Martes, 29 de abril de 2014