martes, 10 de junio de 2014

UN HOME CABAL


               O Piolloso é un home moi ocupado. Móvese de aquí para alá e do leste para o oeste, algo así como o sol, pero O Piolloso non é o sol. O Piolloso é Vitoiro Derivado Salmuera, veciño de Cachaldora do Río e con tan só tres dedos na súa man esquerda. Non, non se cortou nos outros dous; simplemente que naceu sen eles. A xente é rara. Digo isto porque non entendo nada sobre o seu alcume. Acaso non lle quedaba mellor O Manco, ou O Sindedos, ou O Tresdedos? Pois non; a xente é tan rara que lle puxo O Piolloso. E tampouco penso que fose porque criase piollos na súa cabeza, xa que o pobre de Vitoiro Derivado Salmuera estaba calvo, estivo sempre calvo... porque tamén naceu calvo. Unha desgraza detrás doutra. Emporiso, O Piolloso é feliz e el mesmo se presenta co alcume. A ver!, sabe que así lle van chamar por atrás, entón para que cabrearse? Eu mesmo recoñezo que, dentro da súa imperfección, Vitoiro Derivado Salmuera, O Piolloso, é un bo home, un home cabal.

 

               Café Aitana 39 da Valenzá. Martes, 3 de xuño de 2014

lunes, 9 de junio de 2014

Ó MONTE PÓNSELLE LUME


               Empeza a poñerse o tempo propicio para os incendios. Xa houbo uns cantos. A Xunta non reacciona e os concellos, ante a falta de medios daquela, empezan a tomar as súas propias medidas. A Xunta fai como a maioría das institucións ou organismos, que toman as medidas cando xa o burro levou as noces. Se alguén se mata nunha curva perigosa, arranxan a curva logo da catástrofe, póñenlle o parche á ferida. Cando se formen as cuadrillas, cando se lle dean os medios e cando cheguen ó monte, xa pouco teñen que apagar ou que limpar. Xa se encargaron as lapas de facer unha boa limpeza. O peor de todo é que practicamente todos os anos pasa o mesmo. No inverno sabemos que o verán está aí, pero... aínda estamos no inverno, non ves que chove, tede pouca présa. Logo, cando se acorda, xa será tarde. Porque na primavera o monte, se se lle pon lume, tamén arde. E ó monte pónselle lume. A ver se nos decatamos todos. Que ninguén venda causalidades ou accidentes ou despistes; ó monte pónselle lume. Para a madeira, para os pastos, para a limpeza, para o xabaril...

 

               Café Paco Paz de Ourense. Martes, 3 de xuño de 2014

viernes, 6 de junio de 2014

SON O REI DOS ALPABARDAS


              Calquera se pon a escribir da abdicación! Xa chega co carrusel político que se levou a cabo durante todo o día. Escribamos entón do birlibirloque da sucesión. Vaia oh, o que nos faltaba! De Guatemala a Guatepeor. Ou non? A ver se vai ser “de Madrid al cielo”. Cada tolo coa súa conciencia. Non son monárquico. Aínda que me sinta rei. Son o rei dos alpabardas que apandamos con todo o que nos meten polos ollos. Ata apandamos con toda unha reata de personaxes que nos chuchan o sangue e nós, en compensación, desculpámolos cun sorriso dentífrico, é dicir, cunha inercia asumida. Son o rei dos ineptos, que quedamos de brazos cruzados e cargamos cos feixes de ferraia que nos poñen ó lombo. Cada feixe é unha promesa rota. Cada carga é un feixe de palabras falsas. Pero non quero abdicar deste reinado. Porque eu tamén xa estou acostumado a ser o rei dos derrotados, dos insubmisos, dos pobres de espírito, dos que temos a alma encharcada das baballas dos outros.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Luns, 2 de xuño de 2014

TRES, CATRO, CINCO, SEIS


              Tres dedos na fronte e o pensamento posto sobre unha lápida con inscricións en arameo. Vai o ruxerruxe pegado ó vento para espallar as ideas daqueles que nin tan sequera saben pensar. Quen dá?  Quen pide? Quen expande? Quen acocha? Non todos os gatos de noite son pardos nin todos os políticos, honrados. Estes cóntanse cos dedos das mans. Perdón, dunha man tan só. De cinco a dez políticos honrados xa son moitos. Mirade se hai podremia na política. Seica tamén a hai no río Barbaña, que se asemella máis a un vertedoiro que a un caudal de auga. “La Giralda de Sevilla, cuatro tontos y una silla”. Hai mestres que cunha figura e catro palabras ensínanche un mundo. Don Graciliano chamou a catro cativos e díxolles que ergueran unha cadeira de catro patas (collendo cada un o pé dela), e lanzou a ensinanza: “La Giralda de Sevilla, cuatro tontos y una silla”. Agora tócalle a unha monxa: “Cosa más fácil válgame Dios, área del círculo π·r 2”. Aí quedan sempre na memoria as ensinanzas máis simples. Cinco lobos ten a loba… porque non pariu nin máis nin menos. Aínda así ten máis concelleiros co alcalde de Santiago, Ángel Currás. Emporiso, négase a dimitir a pesar de pedirllo a cúpula do PPdeG. É que hai poltronas que teñen pegamento Imedio. Seis é o número que se fará rei a partir do día 19. E dis ti e digo eu: para que queremos rei? Certo, ó mellor ti si queres un rei. Síntoo.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Venres, 6 de xuño de 2014

VIVIR SEN VIVIR

 

               Soraya Castañuelas contemplo o neno que está a xogar cun globo vermello e pensou no seu fillo. Naquel fillo que fora vítima dun accidente e que na estrada deixara a súa vida. Nunca pensara que unha persoa podía acumular tanta dor dentro. A cinco anos da desgraza aínda lle doía o peito en cada pensamento, en cada salouco. A súa xoia. O seu fillo único. A súa vida. Aquel día algo dela morreu. Soraya Castañuelas bebe do café e queda coa ollada perdida no globo. Prefire mirar o globo e non o neno. Calquera neno lle recorda ó seu ben. Pouco tempo gozou del; tan só tres aniños. Tres aniños nos que viviu na gloria para tan só, nuns segundos, trasladarse ó inferno, fundirse na nada, acocharse no silencio. Soraya Castañuelas acende un cigarro e non quere saber nada de ter máis fillos. Por isto xa hai meses que deixou ó seu home para dedicarse a vivir sen vivir. Unhas pequenas bágoas asoman ó seus ollos. Límpaas con disimulo, deixa cartos para pagar a consumición e marcha en silencio. Pensa no seu carrouchiño.

 

               Café Aitana 39 da Valenzá. Venres, 30 de maio de 2014

martes, 3 de junio de 2014

POLOS SOÑOS INFANTÍS



 
              Olladas que caen no espazo sideral dun planeta que xira sobre si mesmo. Palabras de auga sobre unha feira literaria que arrinca en datas próximas a un eclipse de lúa. Murmurios que veñen e van polos camiños que atravesan chairas e corredoiras. Xentes que se deteñen ante penedos que atrancan os carreiros da memoria. Os atrancos hai que vencelos cos recordos do pasado pero con perspectivas de futuro. O presente tan só se vive. Olladas. Palabras. Dixomedíxomes. Xentes. Atrancos. Ninguén pensa que o tempo é aquel recordo no que a nostalxia se bambea entre retrincos, entre fragmentos de melancolía. Ninguén soña cunha viaxe por entre as estrelas dun universo cheo de meteoritos de cor branca. Que bonito é navegar polos soños infantís, de cando o pirata era capitán e o barco unha nave estelar. Hai camiños que levan ata máis alá do infinito e temos momentos nos que unha estrela nos ensina a distancia entre unha letra maiúscula e o punto final. Nesa distancia está o parágrafo, o relato, o conto, a novela, o libro.

              Café Paco Paz de Ourense. Xoves, 29 de maio de 2014

lunes, 2 de junio de 2014

O TEMPO PASA, A VIDA CORRE


              Chíscalle o ollo á agulla do reloxo e contempla como pasa. Non se detén. O tempo pasa. O tempo pasa e todo cambia. Iso din. A agulla máis seguro que se deteña en algún momento, algún día; ou ben por falta de pilas ou ben por non lle dar corda. Pero aínda así, o tempo segue. E con este tamén corre a vida. Esa vida chea de recordos e de traballos e de nostalxias e de amarguras e de alegría e de dor e de cancións e de inxustizas e de xente que vale e de xente corrupta e de heroes e de asasinos. Para! Para! E o escritor para. Porque o tempo segue. Chíscalle o outro ollo á agulla do reloxo. Que nos marca os segundos, os minutos, as horas. Que nos marca a inercia de non pensar no tempo, a inercia de non ver correr a vida. Pero corre. E pasa. A vida ás veces pasa en silencio. Pero tamén pasa con ruído. Certo, neste tema é moito mellor aquela vida que pasa en silencio que a que mete ruído. Xa se sabe: moito ruído e poucas noces. Pasa o tempo, detense o relato, corre a vida.


              Café Aitana 39 da Valenzá. Xoves, 29 de maio de 2014