martes, 9 de septiembre de 2014

MERECEN O NOME


               Dóeme o pescozo. De mirar para a televisión. A Volta Ciclista a España. Unha etapa onde subían ó santuario de San Miguel de Aralar. Porto de primeira categoría. Con zonas dun 14% de desnivel. Unha animalada. Pero os esforzados da ruta aí están; rinchando os dentes e pedaleando, dando bandazos e pedaleando. Ganou un italiano, Fabio Aru. Pero quen manda na carreira é Alberto Contador. En principio. Hoxe, por certo, eliminou definitivamente a un rival, a Airo Quintana, que caeu onte e volveu caer hoxe. A de hoxe seica foi de upa; tanto que xa tivo que abandonar.

               Dóeme o pescozo porque a tele estaba colgada na parede e demasiado cerca. E non valía desviar a mirada de cando en vez ou cambiar de postura. Ó final tiña que atender máis á carreira que á propia incomodidade da cabeza. É que es últimos cinco quilómetros estiveron moi pero que moi interesantes. Cada vez admiro máis este deporte; do sol á chuvia, das chairas ás alturas, da contra o reloxo ás escapadas, dos abanicos ás caídas. Sinceramente merecen o nome de esforzados da ruta.

lunes, 8 de septiembre de 2014

POLA CACA DUNHA VACA


               Non sei se é cabreo, se é indiferenza, se é mala uva ou se é pena, pero o caso é que noto un certo sabor amargo na boca e unha pequena dor nas entrañas. E aínda que vos pareza mentira, todo por unha vaca. Ou aínda mellor, pola cagada, pola caca dunha vaca. Aconteceu no concello de Santiago, onde un veciño denunciou a outro porque as súas vacas defecaban nas pìstas cando saían para o monte. Agora, a denuncia  pódelle custar ó gandeiro uns 750 euros. Escribir isto aínda me altera máis o sangue. Así é que sentencio eu mesmo a tal denuncia: que se son eu o xuíz ou a persoa que rexistra a devandita renuncia, collo esta e métolla na boca ó denunciante e, con mala uva, mándolle limpar a el as cacas de todas as vacas da comarca e non ó gandeiro. En Galicia!, meterse cunha vaca!, cando tiñamos que facer coma na India: adoralas. Por Deus bendito, se foron e son as que levantan o país da merda na que vivimos! É máis, en Galicia unha vaca debería ser unha deuse e un burro un deus. Así de simple e de sincero.

sábado, 6 de septiembre de 2014

ESPERPENTO NA AUTOVÍA DE CELANOVA



              A maiores de que hoxe, precisamente hoxe, é o gran acontecemento que comentaba a semana pasada neste mesmo recuncho ( o das Novenas e, por suposto, o do día 8), a semana tamén nos deixou outras novas que, sinceramente, case paso por enriba delas. O tema dos yihadistas é algo que me altera os nervios, tanto pola culpa destes como pola culpa dos ianquis; aquí non se sabe cales son os máis culpables. Sobre o tema catalán, dá igual que opine ou non; a maioría dos lectores non me farán caso porque eu son partidario do desexo daqueles, e a min paréceme que o desexo daqueles é a súa independencia. Sobre o asunto Pujol, aquí si creo que estamos todos de acordo: que o tío meteu man ata o fondo do máis fondo do saco. Tamén creo que estaremos de acordo no aspecto deportivo: no baloncesto dirixímonos á velocidade do AVE cara á unha medalla… ata creo que de ouro. No fútbol, igual de acordo: que nos falta moito, principalmente gol, para chegar á orquestración futbolística de anos atrás. E xa rematamos con noticias locais: o máximo esperpento asoma na autovía AG-31 ou a de Celanova, que a pouco máis de ano e medio da súa inauguración, xa precisou de dous parcheados, de dous arranxos en parte do seu percorrido. Vese que a empresa escapoulle de carallo ós materiais. E a Xunta contratou a unha empresa de pacotilla.

viernes, 5 de septiembre de 2014

OPOSICIÓNS A ASTRONAUTA


               Ásanse os paxariños. Expresión que se di cando quenta moito o sol. Quenta moito o sol. Quenta de raio. Ou sexa, que abrasa en cada raio que proxecta. Cantos raios proxecta o sol? Uff, vai ti saber! Ó mellor un cento. Ó mellor. Ou unha ducia, é dicir, doce. Vai ti saber! Gustaríame esprintar ata alá arriba para contalos, pero... queda tan lonxe; nin unha escada dos bombeiros daría para chegar alá. Desde aquí non consigo contar os raios porque tan axiña como empezo, o maldito sol cégame. E non me gustan os anteollos escuros. Gústame mirarlle á cara. Pero en plena canícula calquera se atreve. Quixera ser astronauta para ir ata alá. Mais é moi difícil ser astronauta. Non sei, imaxino que haberá que facer unhas oposicións. Oposicións a astronauta, claro. Eu xa non estou para estudar, e moito menos para estudar oposicións a astronauta. Que bonito sería navegar polo espazo e contarlle os raios ó sol! Penso que pasan dun cento. E un cento abrasando é moita quentura do demo

miércoles, 3 de septiembre de 2014

ALERTA AMARELA


               Lume. O sol; non o lume de fogo. Veño agora mesmo de ler pola beira dereita do Barbaña (a de máis sombra no traxecto do Paco Paz) e nin así. Lume. Auténtico lume a tarde de hoxe. Xa o dixeron: alerta amarela. Aínda que se nos guiamos pola sensación térmica, penso xa na alerta laranxa. E iso que son dos que soporta bastante ben o sol. Practicamente toda unha vida lendo ó sol pola estrada de Baños de Molgas ós Milagros, á altura da Pitadiña e Entreloríos, e estou bastante afeito. Tamén é verdade que a idade me vai poñendo no lugar correspondente, e este consiste nas sombras e unha gorra, por se asoma algún traxecto no que dá o sol. Agora xa nin intento aquelas animaladas de ler ó sol sen camisa e tan só cunha pobre gorra cubrindo a testa. Outra verdade: agora, aínda que quixera pasar as tardes lendo ó sol, non podería. Non teño todas as tardes libres como as tiña antes. Xa se sabe, o tempo pasa e todo cambia. Ata das temperaturas normais do agosto pasamos ás alertas do setembro. Lume. Auténtico lume.

martes, 2 de septiembre de 2014

OPINIÓNS COMA TRIÁNGULOS ISÓSCELE


               Estou pensando no balón que roda. O balón é redondo. Algúns pareceres son cadrados e moitas opinións incluso son coma triángulos isóscele. Sempre somos moi amigos de opinar ata do que non sabemos que se está a falar. E logo!, o caso é dicir algo, meter baza no asunto. Digo que o balón é redondo e a memoria está machucada nos recantos do rectángulo. Hai que poñerlle sabor á vida. Sabor de amora, ou de amorodo; ata se lle pode poñer sabor de limón, así como amargo, si, para que amargue un chisco. Quen non tivo ou non ten  momentos amargos na súa vida. As costas galegas tiveron a súa amargura co Prestige. Pero que terá que ver a marea negra co balón redondo ou co rectángulo achatado ou co sabor amargo? Quizais porque o petróleo que saíu das súas bodegas o fixo por uns buracos escachados por hexágonos de ineficacia, de ineptitude que pasaron coma flashes polas mentes duns alpabardas. Roda o balón. Porque é redondo.

lunes, 1 de septiembre de 2014

A SOLUCIÓN MÁIS SINXELA


               Raña a ferida que lle proe e deixa vagar a ollada por entre as gallas dos piñeiros e dos carballos. Non busca nada en concreto, pero mira porque se non tería que pechar os ollos. Se pecha os ollos, dórmese. Nótaselle a leguas que ten sono, que lle pesan as pálpebras; de aí esa ollada perdida. Cando unha persoa está esperta, as miñas dos ollos bailan, brillan, relocen. As del vense amorfas, cansadas, medio mortas. Intenta fumar un cigarro pero ata lle custa unha barbaridade levantar a man para buscar o paquete de tabaco. Nin tan sequera o intenta. Recóstase na cadeira e deixa que pouco a pouco os llos se lle pechen. Volve rañar a ferida, xa cos ollos pechados. Nun santiamén a cabeza ladeouse sobre o ombreiro dereito. Pero o ruído dun golpe sobre unha mesa sobresáltao e coa man esquerda refrega toda a cara, facendo máis fincapé nos ollos. Non consegue aguantar sen durmirse. Opta pola solución máis sinxela: levantarse e emprender unha camiñada polas rúas da cidade. É o que fai.