domingo, 9 de noviembre de 2014

A TRISTURA DOS PIORNOS



              Non hai silencio no espazo do ruído. Tampouco hai parafusos en paredes de formigón nin a flor do toxo no alto dun castiñeiro. Non hai ruído na soidade dun nicho. Ou dunha tumba. Aí si que tan só hai silencio. Nin tan sequera o renxer dos ósos ó descompoñerse fai ruído. É como as noites de lúa vella nas que os lobos oulean de pena. Por moi profundo e triste que sexa o ouleo non consegue romper o silencio da noite. Porque hai noites que, a pesar de todos os ruídos, transcorren en silencio, caladas, calmas. Din que a melancolía é o pracer de estar triste. Por iso os piornos teñen a aparencia de tristeiros; choran de melancolía porque saben que a flor do seu compañeiro toxo ten máis fama cá súa. Non lle alcanza para pensar que o burro adoita comer o toxo. Non hai silencio polo leito do río Arnoia, e iso que cando transcorre por Baños de Molgas faino paseniño, calmo; pero chegan as burbullas das augas á altura da burga para que o ruído asome aínda que sexa en silencio.

viernes, 7 de noviembre de 2014

SOBRE A CALIDADE DOS CÁTERING



              Seguen as queixas das nais e dos alumnos de colexios e institutos sobre as comidas que se lles ofrecen. Agora tocoulle ó instituto Xesús Ferro Couselo de Ourense (o Quinto) ó queixarse sobre o cátering que lle distribúen. Ó mellor non son o máis apropiado para criticar tal calidade, por ser parte interesada no asunto, xa que teño nese centro ós dous rapaces. Mais podo usar para a crítica as dúas caras da moeda: por unha cara está un rapaz que, a verdade, non é de bo bico, polo que debo absterme un pouco da súa opinión sobre a calidade do xantar dos luns, xa que para el todo é noxento (ollo!, o mesmo di sobre a comida da casa). Pero na outra cara asoma o outro rapaz que, como se adoita dicir, come a Deus polos pés, e de todo. Emporiso, cando este me di que o cátering é máis que noxento, teño, entón, que crelo. Moitos pais seica asistiron o pasado luns ó xantar (invitados pola propia empresa) e as críticas seguíronse alzando sobre a mala calidade dos alimentos. Mala calidade ese día que asistían os pais, imaxinade como será cando ninguén analiza a fondo o que se sirve. Educación parece que empeza a estudar o asunto. Isto aínda ten máis pecado có deixamento da empresa (ó fin e ó cabo anda ó negocio), pois sábese xa desde hai tempo que os comedores andan tan mal que algúns institutos fixeron folgas e sentadas por un bo servizo. A Consellaría de Educación empeza a estudar a situación, como se as protestas xurdiran de súpeto. A administración sempre vai uns pasos por detrás da realidade. En todo. E na educación xa non digamos. Hai que recortar para que outros teñan de onde mangonear.

OS APELIDOS DO PROTAGONISTA


               Teclea o paisano sobre o portátil negro e unha voz de muller asoma pola porta da cafetaría. O paisano chámase Héitor Pobo Rexedor porque o trae marcado na fronte. É un dicir. Sei o seu nome porque é veciño e porque é fillo do Silabario. O Silabario, que en realidade chámase Ignacio, ten de apelido Pobo. A nai de Héitor responde ó nome de Dánae e ó alcume de A Subela, porque ninguén conseguía chamarlle Dánae. A algúns escapábaselle Danae, sen o acento na esdrúxula, e como ela engurraba o fociño ante tal chamamento, a xente, coma en calquera aldea galega e española, axiña optou polo alcuño. A Subela era máis fácil de dicir. Todo o mundo galego sabía o que era unha subela. Sabía. Agora non creo que o saiban. A xuventude de agora non sabe nada das ferramentas que máis se usaban antigamente. Dicía que Dánae, A Subela, levaba de apelido Rexedor. De aí os apelidos do noso protagonista. O de protagonista tamén é un dicir, simplemente está escribindo nun portátil mentres eu tomo un café e mentres a muller que falaba ó entrar na cafetaría xa sentou nunha cadeira e toma outro café.

jueves, 6 de noviembre de 2014

FALTA COMUNICACIÓN ORAL!


               Pensei que a medida sería máis contundente, pero quédase a medio camiño. A Xunta vai prohibir o uso de teléfonos móbiles nas aulas. Hai moitos colexios e institutos que xa prohiben iso. Son partidario da súa prohibición en todos os recintos escolares, e non polo feito de prohibir, se non pola comunicación que se está apoderando de nós. A ver se me explico; hai máis comunicación ca nunca... por medio de guasaps, feisbuq, tuiters, etc. Pero falta a comunicación oral. E nas olladas e nas falas está a esencia dunha persoa ou case da propia vida. Quen se comunica agora cun berro? Ninguén! Antes berrabamos desde un outeiro de Sudalomba e contestábannos desde Portugalego ou a Tapada Nova. Quen asubía agora cos dedos? Ninguén! Asubiábaslle a alguén desde as Costelas e contestábanche co mesmo medio de comunicación desde as Lagoas. Se te comunicas con alguén polo guasap non lle estás mirando ós ollos. E ó falar haille que mirar ós ollos ó interlocutor para ver a súa reacción. Hoxe, demasiada comunicación para non entendernos de ningunha maneira.

miércoles, 5 de noviembre de 2014

A EMBARGARLLES A ALMA


               Xa dicía nun dos meus escritos que ó mellor había que volver á corrupción. Volvo escribir sobre a corrupción. Porque está á orde do día. Porque, en vez de amainar, vai a máis. O PSOE e o PP son incapaces de pactar contra a corrupción, din os xornais. E dis ti e digo eu: que teñen que pactar? Que os corruptos non vaian ó cárcere? Porque outra cousa... Aínda que son capaces de pactar coa dimisión dos corruptos por un soldo vitalicio para estes. Ou se deixades o escano, ou a alcaldía, ou a concellaría, ou o sindicato, ou a patronal, ou calquera poltrona (porque neste país tododeus está untado) buscámosvos un bo sitio na empresa tal ou na compañía cal. Pobriños, non ides quedar sen nada. Sinceramente, non entendo qué pacto queren facer, a que queren chegar. Tan só aceptarei que pacten máis medios a disposición da xustiza para que esta “espabile” e nun santiamén consiga meter a todos os corruptos no cárcere, despois de devolver todo o que roubaron, por suposto. E se xa dilapidaron todo, pois a embargarlles a alma, se fai falta.

martes, 4 de noviembre de 2014

O SOÑO PERFECTO


               Sempre sentín fascinación polo espazo sideral, polo universo, por esas alturas, polo silencio que ten que imperar por ese lares, pola frase de Buzz Lightyear: ata o infinito e máis alá. E como este personaxe de Pixar voaba, eu imaxino o infinito (e máis alá) pois por esa bóveda celeste, por ese espazo misterioso e creo que fermoso. Hai 470 millóns de anos un obxecto de 200 quilómetros de lonxitude seica chocou entre as órbitas de Marte e Xúpiter, polo que se desfixo en varios fragmentos. Dous destes cachos viaxaron xuntos durante 12 millóns de anos ata que chocaron na Terra. A causa do choque parece ser que asomou a actual Suecia. Como me é imposible poder vivir eses millóns de anos, opto por un soño no que daría todo un mundo por poder viaxar con ese obxecto e, despois, con calquera deses fragmentos que se espallaron polo universo. Non pido de viaxar os millóns de anos, pero si o de ir a cabalo dos elementos para contemplar a magnitude dese espazo no que a visión do infinito e a calma do silencio sería como o soño perfecto.

lunes, 3 de noviembre de 2014

NUNHA SIMPLE PINGA DE URINA!


               Ata agora case sempre falei da podremia da clase política, porque sinceramente o merece. Pero hoxe vou falar doutra clase de podremia: a da nosa saúde. Non sei se non estaremos aínda máis podres cós propios políticos. Resulta que cunha simple pinga de urina pódense desvelar ou descubrir máis de cen enfermidades. Máis de cen enfermidades! Nunha pingueira! E eu que mexo de aquí a mañá! Se nunha gota hai o que hai, imaxinade nun regato de mexo. Ata os vermes se asustarán ante tanta podremia! E, non obstante, síntome coma un boi tirando do cambón. Ó mellor é a mala uva que teño dentro a que contrarresta esa contaminación que levo na urina. Emporiso, hai que tocar madeira; as enfermidades logo aparecen. Ás veces demasiado axiña. Lembro que o 13 de novembro de 1980 á unha do mediodía estaba ben e á unha da noite xa me quitaran un cacho de bandullo; perforación de estómago. Seguro que foi unha simple pinga de urina!