martes, 9 de diciembre de 2014

OS NERVIOS... Á FLOR DE PEL

 

               Mans de manteiga. O balón que se perde. Volta a empezar. Corren para recuperalo. Suor nas frontes. Berros nas bancadas. Silencio ante o ruído. Corren para adiante. Corren para atrás. Canastras que se fallan. Puntos que soben ó marcador electrónico. Tempo morto. Debuxos nun encerado. Xestos de rabia. Xestos de comprensión. Berros de ánimo. Palmas que ferven.

               Ruído na cancha. Moito ruído. Falta persoal. Tiros libres. Silencio. Alegría ou decepción. É igual; os nervios seguen á flor de pel. Descanso no partido. Calma nas ansias dos pais. Ruxerruxe na afección. Comentarios sobre tal ou cal xogada. Recordos sobre momentos que puideron cambiar o resultado. Pero aínda queda outro tanto de partido. Quecemento suave. Probando tiros. Fallos. Acertos. Risas. Árbitros conversando. Tensión no novo inicio. Suor. Faltas. Perdas de balón. Mans de manteiga. Tripla que fai rebentar a gorxa dun pai, dunha nai. Rebotes. Mates. Berros. Final do encontro. Corazóns que se calman. Saúdos amigables. Ata a próxima tensión.

lunes, 8 de diciembre de 2014

SOBRE FONTES E PASEOS



              Case sempre me poño a andar porque me dá a gana. E cando algo sae das entrañas, o mellor é deixar que flúa. Tamén flúe a auga dunha fonte. Aínda que hai fontes que secan; ou ben porque non chove ou ben porque tampouco lles dá a gana. Hai uns meses fixen varios intentos para afondar unha poza existente á beira dunha pequena fonte, e esta condenada deixaba de fluír porque, penso, que lle daba a gana. Debeume ver con ansias de cavar, de afondar e de poñerme coma un divino cristo, que era como se dixese: ai si, pois hoxe seco e, ale, que afunda máis. Por certo, por onde andaba cando inicie o relato? Xa lembro… que me puxera a andar porque me dera a gana. E estou andando. E cruzo vales e montañas, valados e aramados, leiras e lameiros. Sigo andando. Creo que xa percorrín uns non sei cantos quilómetros. Moitos. Porque un val non se percorre así como así. E non digamos xa unha montaña, coas súas subidas e baixadas. Normal. Ó subir hai que baixar e ó baixar hai que subir; non si?

viernes, 5 de diciembre de 2014

COMA QUE NON OEN


              Aquí Radio Macuto. Desde os estudios da clandestinidade informamos que: Rajoy seica exculpa á ex ministra Ana Mato e nega que exista corrupción xeneralizada. Puxémonos en contacto co correspondente que temos máis alá da realidade e soltounos un exabrupto: que dixo que!. Vale, ten razón; non é xeneralizada: ti e máis eu e catro máis non somos corruptos, pero para de contar, vale? O correspondente preguntounos se Rajoy dixera iso con cara seria ou se se rira polo baixiño. Nós, claro, dixémoslle a verdade: rírase polo baixiño. Xa me parecía a min…!
              Radio Macuto no seu dial. Unha maldición está a perseguir ó BNG do concello de Ourense. De un tempo para acá dimitiron xa varios dos seus compoñentes por ser ou estar imputados nunhas ou noutras causas. Mais, segundo as novas que coñecemos, ningún deles foi aínda culpado de algo. Contactamos agora co correspondente que leva os asuntos dos concellos de toda España. Aí, aí, aí é onde se demostra a categoría duns e doutros. Os do BNG, ante a menor insinuación, dimiten; mentres que os dos outros partidos fan coma que non oen. E mira que hai unha morea e un cento máis de imputados!

              E para que non se nos alporice máis o correspondente, pasamos a unha cuña publicitaria. Aquí paz e despois gloria. Para que imos revolver a feira política?

A RESPONSABILIDADE DOS REXEDORES


               Ante os afogamentos intentamos buscar coma sexa unha táboa salvadora e agarrámonos, se non a atopamos, incluso á orellas. O caso é salvarse das augas. E as augas, na política, sempre andan revoltas e, hoxe en día, asoman torrencialmente. O candidato do PP en Petín quere entrar, sen mollarse, na alcaldía do seu concello. Paréceme moi ben. Pero que tampouco intente empapar ós demais. Culpa ó ex presidente Aznar da alta débeda municipal, e por aquilo de que este é do seu partido, intenta lavar un chisco a imaxe culpando tamén a Felipe González (xa choveu) e a Zapatero, ós que acusa por non controlar os concellos. Quen xestiona os concellos? Quen gastou de máis para acumular tal débeda? Imaxino a todos os alcaldiños gastando a todo tren, principalmente nos períodos electorais, porque despois xa nos axudará o Estado. Ti incha os presupostos. Incha as facturas. Xa sairán dalgún lado; ó mellor incluso debaixo das pedras. É certo que todos os presidentes teñen a súa responsabilidade, pero tamén os rexedores teñen a mesma co seu concello.

jueves, 4 de diciembre de 2014

DEITARSE CO SOL


               Idalia Sol Querubín di todos os días que se deita co sol porque, seica, tamén todos os días, madruga moito. Iso é o que di ela. Eu nunca a vin antes das once da mañá. Tamén é verdade que eu érgome sempre a esta hora. Idalia Sol Querubín naceu por enriba dunha corte, moi preto da igrexa parroquial de Baños de Molgas. Hoxe a tal corte non existe. Ela non quere dicir a idade, pero toda a vila sabe que anda máis cerca dos sesenta que dos cincuenta. Agora, en Baños de Molgas, practicamente non queda ningunha corte, tal como se entendían antes as cortes. Agora seguirá habendo, iso si, algúns cortellos. Idalia Sol Querubín, cando chegan as nove da tarde do verán e as oito da noite do inverno dille a todos que se vai durmir. Si, xa sei que me deito co sol, pero é porque madrugo moito, adoita dicir sempre. Tampouco o seu veciño Naftalí Loito Compresas a viu nunca antes das once. Pero é que este nunca se levanta antes da unha do mediodía. Lacazán! Son as oito menos cuarto da noite de finais de novembro. Idalia Sol Querubín prepárase para ir á cama.

martes, 2 de diciembre de 2014

BERRO QUE RACHA


               Berro seco. Ouleo de can. Pasan as nubes devagariño e o silencio na pedra do outeiro vólvese ruído co estrondo dun trono. Ninguén pode presumir de correr polas cores do arco da vella; tan só deixamos que os ollos debuxen un verso sobre, por exemplo, a cor rosa. O poema enteiro acouga na flor do toxo.. A novela asenta na cama da carqueixa.

               Berro forte, e longo. Carreira de coello. Parsimonia da tartaruga. Cando miras para arriba e ves o lóstrego na distancia, pensas que o asubío do vento viaxa ata a cara oculta da lúa. Quen puidera ser astronauta nesa película que se rodará en tres dimensións para que as estrelas non se acochen detrás dunha luz sideral.

               Berro que racha. Berro que é berro. Berro que mete ruído. Berro que rompe o silencio. Berro de rabia e de compromiso, de envexa e de ineptitude. Berro político. Berro deportivo. Berro social. Berro que berra para rachar o silencio. Berro que queda escrito entre as corredoiras da nostalxia e os camiños da infancia. Berro por entre os piornos do monte Medo. Berro que racha o silencio.

lunes, 1 de diciembre de 2014

QUE SE ZURZAN AS BACTERIAS!


               Un bico longo, máis ou menos duns dez segundos, transfire 80 millóns de bacterias. Aí é nada! E alá vai o burro coas noces! Non se pode mexar porque en cada pinga de urina seica asoman máis de 100 enfermidades. Agora non podemos “darnos o lote” porque as bacterias acirran, empurran por todos os lados. E digo eu: se en vez de ser un bico longo “morreamos” tan só cun biquiño? Que serían, 40 millóns de bacterias? Aínda son bacterias de carallo! Castidade, xentiña! Moita castidade! Pero que é a vida sen un bico? E non me refiro ás mostras de cariño, senón a eses bicos longos coma os días de maio. As neuronas ínchanse, o sangue bule, e a autoestima aumenta. Guerra ás bacterias con “longos” desexos de felicidade! Dentro de nada algúns quererán meternos o medo no corpo con tantas pestes no seme que, claro, aniquilarán os espermatozoides. Vaiche boa! Sería o que nos faltaba! Co bonito que é o sexo! E este empeza, como non, cuns bicos longos. Así é que... que se zurzan as bacterias! Por non dicir outra palabra sexual.