domingo, 11 de enero de 2015

PARA QUE NON AS LEVARA O VENTO



              Ata a min mesmo me entrou un pouco a risa cando me dediquei a escribir a iso das seis e pico da tarde, xusto ó acabar de traballar na viña. Mentres deixaba os aparellos na chabola e pechaba esta, estábanme roldando pola cabeza unhas ideas sobre os Reis Magos para un relato. E como desde a viña ata a casa non quero perder o tempo (sempre vou lendo pola estrada de Ramiras), tiña medo entón que mentres lese as ideas as levara o vento. Así é que, como sempre traio comigo un bolígrafo (incluso na roupa labrega) e como naquel momento tiña a miña libretiña metida no libro Monte Louro, de Luís Rei Núñez, collín o boli e a libretiña e alí mesmo, xunto á porta da chabola, empecei a escribir. A Nea quedou pasmada e empezou a ladrar para advertirme de que xa era hora. Eu nin caso. Seguín escribindo. Trasladadas as ideas ó papel, saín da viña. Pero tan axiña como pechei a cancela da finca, máis ideas na cabeza. Outra detención para escribilas. E a Nea desesperada. Tiña medo a que mas levara o vento.

viernes, 9 de enero de 2015

O HUMOR NUN ESPELLO



O humor é coma un espello: o seu reflexo é dramático. O humor sempre ten un fondo serio. O humor é coma a verdade: que a maioría das veces doe moito. O semanario francés “Charlie Hebdo” era de humor, ou sexa, serio, é dicir, que satiricamente cantaba ou, mellor dito, debuxaba as verdades. E estas doéronlle a uns fanáticos que se escudaron, que se escudan na relixión para levar a cabo un atentado con varias vítimas mortais. Pensaban eles que con esa acción ían enmudecer a un periodismo satírico, a unha sociedade con medo a unhas balas. Pero nunca se falou tanto dese semanario e das súas caricaturas en cuestión. Nunca se desprezará tanto a uns individuos, presuntamente relixiosos, que, coa súa barbarie, o único que fan é meter nun mesmo paquete a toda unha comunidade, a todo unha doutrina, a toda unha raza. Non debemos caer nesa trampa; nin todos os islamitas son terroristas nin todos os musulmáns son islamitas. Nin todos os vascos eran terroristas cando actuaba ETA. Nin, agora, todos os nacionalistas somos terroristas, como intentan clasificarnos algúns. Non deixemos que tres “mataos” nos corten os sorrisos cando certas caricaturas din máis que todo unha novela. Hai censuras que se intentan impoñer con sangue. Xa chegan ben aquelas que se atopan nas corredoiras da liberdade, cando algúns poñen atrancos para que a maioría non saiban das verdades.

TIÑAN QUE ESTAR PROHIBIDOS!


              Alá foron! As festas e os Reis Magos. Os Reis Magos. Tiñan que estar prohibidos! Si, moi bonitos. Para os que os reciben. E aqueles nenos que non levan nada, que? Lembro de rapaz cómo se me ían os ollos, cómo se me ía a vida véndollos “ós da carretera”. Porque, para máis aquel, os moi cabritos, levaban os agasallos, os xoguetes á misa, tan só para amolar ós do barrio da Igrexa, “ós das vacas”, ós labregos, ós pobres. Iso era moi triste! Xa chegaba ben pola mañanciña, que deixabas os zapatos no balcón a noite anterior, e cando ías correndo o día 6, zas, aqueles estaban cheos de xeada. Despois, xa digo, para rematala: “os da carretera” amosaban aqueles sorrisos que doían un carallo.

              Iso pasaba cando era rapaz. E agora de vello, que? Agora de vello os Reis Magos agasállanme cuns alicates para que manipula no arame da viña. Porca miseria! Tiñan que prohibilos por lei! Polos nenos, ós que se lles vai a vida vendo o que non alcanzan, e polos que somos escravos incluso nesas festas.

jueves, 8 de enero de 2015

SABER FILMAR A SOIDADE


              Pensei que xa se me escapaba. Pero non se me escapou. Xa quixen ver “A esmorga” o día da súa estrea no Festival de Cine de Ourense, pero claro, foi imposible. Despois, por unhas e outras cousas, foron pasando os días e non había unha data apropiada para vela. Porque tamén a quería ver o meu fillo máis vello. Eu, así coma quen non quere a cousa, dixéralle que o máis seguro é que no colexio o obrigasen a ler o libro. “Ah, pois entón vexo a película, que así resúmoa mellor” (Non lle gusta ler). Chegounos a salvación cando empezaron a proxectala no auditorio. Fomos xa o primeiro día. Non falei dela o sábado porque había que facer o resumo cinematográfico anual.
              Hai que ter bemoles para trasladar ó cine o novela de Eduardo Blanco Amor. Primeiro quixo telos Gonzalo Suárez, pero fallou no intento. E agora tocoulle a quenda ó noso director Ignacio Vilar. Este pódese dicir que seguiu de pe a pa a novela do escritor ourensán e haille que recoñecer que soubo plasmar perfectamente o mundo “blanco-amoriano” (tamén os da Academia de Cine pensan o mesmo, xa que acaban de incluír o filme nos Goya, no apartado de Guión Adaptado).
Todo o mundo fala marabillas das actuacións do trío protagonista (e con razón), pero “A esmorga” vai máis alá. Vai incluso máis alá desas típicas borracheiras que poden ser fáciles de filmar e interpretar, pero tamén hai que saber filmar a soidade, e o filme ten momentos de auténtica soidade que se ve e se le nos ollos de calquera dos protagonistas. É fácil soltar unha gargallada, pero hai olladas que doen, que mancan. Por iso “A esmorga” penso que é auténtico cine negro, pero feito en Galicia.

Ignacio Vilar amosa unha moi lograda atmosfera na que se ve un excepcional traballo de ambientación, acompañado dunha boa fotografía e localizacións que tiñan que ser á forza esas, precisamente esas. No filme vese o universo murcho, desesperado, amargo e desolador de Eduardo Blanco Amor. Non É unha simple historia de borrachos. É unha historia de amor, de inquietudes, de dúbidas e de destrución. Cataclismo que se intúe xa desde o principio. Gran cine, non só galego, incluso español. Oxalá a maioría das ianquis foran como esta pequena xoia.

lunes, 5 de enero de 2015

NO DESCANSO DO PARTIDO


               Mesas ocupadas por xente que está vendo o partido.. Mostrador ocupado por xente que está tomando algo. Fóra vai un frío do demo. Descanso no partido. E no descanso, o que adoita acontecer dun tempo para acá: que os móbiles suplen ás xogadas do fútbol con outros xogos informáticos. Ou con guasaps. Ou con vistas e mensaxes polas redes sociais. A nai dunha nena limpa a mesa cun pano de papel, pois a pisada do vaso de laranxada deixou alí unha boa marca. Dous vellos conversan. Xoel manipula no móbil. Un servidor escribe. Xente que entra e xente que sae. Para mirar ó lonxe poño os anteollos. Para escribir, quítoos. É lei de vida. Perdón, de idade. Pouco a pouco os anteollos van a menos. Outro perdón, o que vai a menos é a vista. É o gran medo que tiven sempre; que, se por un casual, chego ós 123 anos, conseguirei ler ata alá? Creo que se me falta a lectura fáltame todo. E a escritura? Pois o mesmo. Aínda que esta podo ditarlla a alguén. Si, tamén me poden ler, pero non é o mesmo. Necesito abrir o libro, pasar as páxinas, ler mentalmente e, por suposto, imaxinar, debuxar o que leo.

viernes, 2 de enero de 2015

A IGNORANCIA DA ADMINISTRACIÓN



              Hai novas que, ó lelas, queda tan só no pensamento o titular. Este poida que chame un chisco a atención pero, a volta de páxina, xa queda acantoado no esquecemento. Os lobos matan e devoran a un becerro de 250 quilos en Maceda. Xa está. Un bo becerro. Un ataque devastador. Pobre! E xa está. Aí acaba todo. Pasa páxina. Pero hai que poñerse na pel do gandeiro, nos gastos que ocasiona a crianza dun xato e no que che pagan por el; máis ou menos o mesmo dos anos sesenta e setenta. A Xunta protexe o lobo. Paréceme ben. A Xunta subvenciona os danos que este ocasiona. Sub que? Entendo que non lle pareza ben ó gandeiro, porque as cantidades son ridículas. Por desgraza eu mesmo cubrín esa solicitude de subvención e vin, notei, sentín, intuín o sufrimento do gandeiro, a rabia do gandeiro, a angustia do gandeiro, as penas do gandeiro; como notas e intúes a ignorancia da administración ante certas situacións. Intúes despachos nos que se toman medidas sen facer estudos de campo, estudos sobre o terreo. A administración nunca protexeu ó gandeiro nin ó agricultor.

VIVIMOS NUN PAÍS DE INCONGRUENCIAS


É o normal. É o de sempre. Que cada vez que remata un ano, aplicámonos nos desexos do próximo, nos bos desexos. E sentenciamos que oxalá o 2015 non sexa peor có 2014. Iso é o que queremos. Pero nunca se cumpre. Por moito que a moitos lles vaia ben, sempre haberá uns cantos ós que lles vai peor. Por exemplo, a Obama iralle ben porque xa deixou dito que necesitaba o campo de golf onde quere xogar xusto o día no que unha parella do exército tiña intención de casar nese club militar de Hawai. Nin brancos nin negros, nin xitanos nin paios, nin cristiáns nin ateos, nin occidentais nin orientais; cando alguén ten o poder úsao ó seu antollo, para as súas comenencias. O desexo de Obama cumprirase, mentres que os desexos da parella quedará en auga de bacallau.

Por exemplo, o noso presidente Feijoo pídelle ó novo ano unidade para “limpar a vida pública”. E pídea en plural, é dicir, a todos nós, coma se foramos os que embulleiraramos a vida pública. Agora temos que loitar contra a corrupción. Que loiten os do seu partido, que son a inmensa maioría dos que luxaron a nosa sociedade. Vivimos nun país de incongruencias: piden limpeza precisamente os que emporcan. Tanto el coma os demais presidentes autonómicos, coma o Rei mesmo, son os menos indicados para solicitar bos desexos. Farano para disimular.