Doce e sete minutos da xa madrugada do domingo. Aínda que, para un
servidor, segue sendo sábado pola noite. Mentres non me deite será sábado pola
noite. Estou canso. Pero, ante todo, o deber. O deber de ter que escribir o
relato para o luns. Odio as fins de semana!, principalmente os sábados. Póñenme
nervioso aquelas persoas que, nas redes sociais, publican con carantoñas e trapalladas
aquilo de “por fin xa é venres!” ou “empeza a fin de semana!” e despois os luns
volven ás andadas co lado negativo do inicio semanal. Veña xa, home; co bonito
que é ser funcionario! Cafés! Xornais! Compras! Rañando a barriga! Hoxe o café
tomeino ás nove menos cuarto da noite, á mesma hora en que empecei a ler os
xornais, e, claro, ó ler os xornais, non lle puiden prestar atención ó partido
Sevilla-Barcelona. Despois, para máis aquel, ó chegar á casa, máis fútbol. Tocoulle
a quenda ó Celta-Raio Vallecano. Menos mal que aquí descarguei moito desa
angustia que sinto pola fin de semana, grazas ós seis goles que o Celtiña lle
encasquetou ó pobre Raio. Escribo moi tarde, pero o deber é o deber. Aínda que
non podo coa alma, escribo con gusto. Co mesmo gusto co que escoitei a música
polos auriculares mentres traballaba. É a única recompensa que teño na fin de
semana: a música. E algún que outro ratiño de lectura… da casa á finca e da leira
á casa. Odio as fins de semana! Co bonito que é ser funcionario!
domingo, 12 de abril de 2015
viernes, 10 de abril de 2015
UNS SEGUNDOS PARA O DESASTRE
Teño dous minutos para saltar. O
burro desbocouse. Algo o asustou. Quizais unha cobra que remexeu entre as
silvas do valado de Antonio, O Sabucedo, na carreira da Lama. O que fose. O
caso é que se botou a correr ós catro pés e aquilo xa non había forma de
detelo. “Xo, Jeremías, xo”. Nada. Empezaba a albiscar, a divisar alá ó fondo,
preto das Pedradarcas, a caldeira que cruzaba cara ós Piuais e as Lagoas. Sabía
que o Jeremías non conseguiría saltala. Porque xa o tiñamos intentado outras
veces e non houbera maneira. Agora era distinto. Ía desbocado. Non valía
tirarlle da corda que lle levaba atada ó pescozo; ó simple pescozo. Se aínda
lle arrodease o fociño. Pero nunca foi preciso facelo; o Jeremías era un bo
burro, que adoitaba obedecer cunha simple orde ou cun simple tirón de corda.
Tres segundos para o desastre. “Tírome para o lado dereito ou para o lado
esquerdo; para as silvas do Lucero ou para os toxos de Gervasio?”. De súpeto, o
carallo do burro freou de golpe. Axiña me vin voando por enriba das orellas de
Jeremías e aterrar cun escandaloso chop! na caldeira que vai dos Piuais ás
Lagoas, na vila de Baños de Molgas. O burro, con conciencia, esperou por min.
jueves, 9 de abril de 2015
CAGAR O DEMO NO CAMIÑO
Ó rapaz que facía castelos na
area cagoulle o demo no camiño porque tales castelos esborrallaron coma fariña
moída. O rapaz ó que lle cagou o demo no camiño chámase Abelardo Derivado
Cabestro, pero moi pouquiños saben que se chama Abelardo porque todos lle
chaman O Adoecido. E ninguén sabe por que. Porque O Adoecido non se queixa
nunca, aínda que lle batan na alma con toda a mala saña. Certo que é complicado
que lle batan, pois O Adoecido mide case dous metros e pasará xa dos cen quilos.
E aínda non é adulto. Tamén xa non é tan rapaz como para estar facendo castelos
na area, mais si o é o seu irmán pequeno que acaba de chegar xusto á súa beira.
Tampouco ninguén sabe que Bartolomeu se chama Bartolomeu, porque só o coñecen
por O Parraguesa. Neste caso si saben todos o motivo de tal alcume; resulta que
o cativo tiña e ten sempre na boca o dito ese de “parraguesa, pon a mesa”,
desde que vira por primeira vez a ese insecto ou bicho. Para O Parraguesa todos
eran bichos. Agora, os dous xuntos, intentaron de novo levantar un castelo de
area, pero unha vez máis cagoulle o demo no camiño.
miércoles, 8 de abril de 2015
PORQUE HAI QUE ESCRIBIR
Si, porque si, porque si, porque
hai que escribir. Da vida que dá moitas voltas e non se detén nunca. Da vida
que queda estancada nun instante, nun momento e non avanza. Da vida que é unha
carallada e que, ou non sabemos vivir ou a vivimos a tope. Algúns nin dunha
maneira nin doutra. Porque lla segan. Nas guerras. Nos atentados. Nos
accidentes.
Si, porque si, porque si, porque
hai que escribir. Do silencio que deixou de ser silencio para converterse en
ruído. Do ruído que se volve barafunda porque somos coma cans ladrando, ou
aínda peor, coma lobos ouleando. Do ruxerruxe traidor e falso. Do dixomedíxome
falso e traidor. Do tren que me leva pola beira do Miño, segundo Andrés do
Barro.
Si, porque si, porque si, porque
hai que escribir. Da camisa a cadros que leva un servidor porque non a leva
branca. Do pantalón vaqueiro porque non é de pana. Do ruído dos coches porque
non son motos. Do respirar acougado porque non hai sufoco. Do pelo de Sansón
porque alguén llo cortou. Fóronselle as forzas. A algúns vánselle pola boca.
viernes, 3 de abril de 2015
O FILÓSOFO
Móvense
as herbas verdes empurradas polo vento do oeste e catro coches pasan veloces
pola estrada que transcorre cara o infinito e máis alá. Xácome Variado Suárez
pensa que o tempo está quieto e que as herbas tan só se moven porque si, porque
o aire e moito aire e porque os coches alguén os puxo aí para que corresen. Por
algo lle chaman O Filósofo. Desde rapaz soltaba cousas que deixaba ó interlocutores
coas bocas abertas. “Ti estás aquí porque viñeches”, dicíalle a calquera… e con
toda a razón do mundo. Xácome Variado Suárez, O Filósofo, ensinaba os dentes
nun grande e longo sorriso logo de deixar caer “as súas filosofías”. Era bo
rapaz. Non se metía con ninguén. Só lía e nas conversas andaba ó seu: “Fuches ó
perruqueiro porque cortaches o pelo”. Mais non contento con isto… “ó mellor
cortaches o pelo porque fuches ó perruqueiro”. O Filósofo cae na conta de que o
estou observando e de que, ó mesmo tempo, escribo. “Ti estás escribindo porque
o teu bolígrafo baila sobre o papel cuadriculado”. E ensíname os dentes co seu
enorme sorriso. Este Filósofo…
TODO SE VOLVE UNHA PORCALLADA
Non quero pecar de pesimista, pero todo se volve unha porcallada. A nosa
sociedade, se entende. A política, por suposto. Inauguracións que xa foron.
Menos mal! Aínda que agora empezarán os mitins, é dicir, as parolas, os discursos
dos tramposos… porque ofrecen o santo e máis a esmola para quedar todo, logo,
en auga de bacallau. Falemos dos mitins. Para que son os mitins? De que serven?
A eles tan só van aqueles partidarios do partido que os lanza polos
altofalantes, aqueles que os votarán de seguro. Para que perder tempo e
diñeiro. O de tempo é o de menos, pero o diñeiro, os cartos si que se tiran con
esas trapalladas, con esas falsidades. E berran e din e afirman e insultan e
critican e prometen e volven dicir e seguen berrando para un público fiel. Non
sería mellor aforrar ese diñeiro e invertelo noutros asuntos de maior interese.
O mellor mitin sería un ou uns debates polas televisións e punto pelota.
Outra porcallada: o accidente que non fai tal accidente. É certo que os
mortos son os mesmos e que xa non hai volta de folla, pero a acción cambiou de
raio, ata creo que a dor é outra dor. Non é o mesmo un simple accidente que un
accidente provocado.
Máis porcalladas: hai tantas… segue o maltrato ás mulleres, segue o
maltrato ós árbitros. Quieto parado! Tamén se pode dicir que é o mesmo, polo
menos a palabra maltrato. Pois non! Non é o mesmo. O maltrato ás mulleres sae
en todas as portadas e provoca incluso manifestacións (que vexo lóxicas),
mentres que o escarnio que se lle fai á arbitraxe sae nun recantiño das páxinas…
dos xornais deportivos!
miércoles, 1 de abril de 2015
CUN SIMPLE VIVIR
Deixa que o suspiro caia coma un
lóstrego de esperanza no firmamento e que un lobo oulee por entre os codesos do
monte Medo. A esperanza chega cando pensas que todo está perdido. O ouleo sae
cando o luscofusco asoma polo outeiro da chaira de Pinouzos. Non todo chega con
pensalo; ás veces tes que escribilo e seguir esperando. E cando chega sabes que
o asubío non caeu en saco roto; por iso lle buscas un recantiño á memoria para
que alí acouguen os lóstregos da harmonía e do bo facer. Deixa que o silencio
se deite, a modiño, entre as sabas brancas do ruído. Non hai mellor harmonía
que aquela na que a realidade chega, espera e asenta sobre os soños soñados,
sobre os versos rimados. Non todo chega con escribilo; ás veces cun simple
vivir alcanzas a esperanza solicitada, o latexo do instante, a alma do poema. Cada
quen que goberne a súa vida e que cada átomo da inocencia bule por entre as
nubes dunha infancia que nunca marcha. Queremos vivir entre o resplandor da lúa
chea e acabamos saloucando en cuarto minguante. Cun simple vivir, vives sen
medo.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)