Dá un paso cara adiante e dous
para atrás. Iso non é nada bo. Pero moitos o fan. É que hai moita xente parva.
Moita. Tamén hai moitos listos soltos. Moitos. Algúns pensan que, por moito que
corran, van chegar antes. Pois mira, debería ser así; que para iso corren coma
galgos. O peor é se tropezan no camiño. Ah, iso é o malo. Hai tantos atrancos...
Se tropezan levan unha boa esnafradura. Ou non. Imaxinade que caen sobre un
lameiro cheo de herbiña verde. Aí dá gusto caer. Lembro de rapaz, cando xogaba
de porteiro (quen non xogou de porteiro algunha vez na súa vida?), gustábame
tirarme aínda que fose nun campo de terra, por exemplo, na Carballeira de Baños
de Molgas, cómo non me ía gustar facer unha “palomita” no campo de herba de,
por exemplo, Allariz (naqueles tempos era o único de herba en toda a contorna)
Sabedes?; entre listos e parvos intenta navegar este relato. Dáme na espiña que
naufraga, que nin o punto final o salva do afogamento. Normal, xa se sabe que
os listos sempre venceron ós parvos.
martes, 12 de mayo de 2015
lunes, 11 de mayo de 2015
O DÍA DA NUGALLA
O pasado día 1, quen máis quen
menos, celebrou o día do traballo. Alguén, na sección dunhas cartas ó director,
preguntábase cando se celebraba o día do paro, do parado. Por desgraza, para
moitos, para demasiados ese tal día é todos os días. E agora eu, medio en broma
medio en serio, pregunto: e o día da nugalla, que? Porque segundo hai
traballadores e parados tamén hai nugalláns de carallo. A moitos ata lles custa
dicir que é un nugallán. Tamén é certo que algúns non é necesario que o digan;
véselles, nótaselles a leguas. E que demo!, son os que mellor viven. Pero por
poñer tamén podiamos celebrar o día do que “fai que traballa”. E hai moitos,
moitísimos. Estes si que son os peores, porque nin fan nin deixan, nin arre nin
xo. Polo menos o nugallán di que lle amarga facer algo e non o fai. Pero o que
di que fai que traballa, bota peito nas conversas, cómese o mundo e, logo...
pagan xustos por pecadores. Van de listos pola vida e viven á conta dos pombos.
Por iso sempre admirei un chisco ó nugallán; ese non mente, non fai nada e
punto. Nin di nin promete, nin vai nin estorba. Está aí quieto parado e, ale,
cóntame un conto. Hai que instalar o día do nugallán!
sábado, 9 de mayo de 2015
TODO EN DEMASÍA, CANSA
Aínda que a critique unha e outra vez, sei moi perfectamente que a
política é necesaria. Sen a política o mundo non avanza. Nesta semana que entra
si que vai avanzar de raio. Ímola ter ata na sopa. Este é o que penso o gran
problema. Que todo en demasía, cansa. Imaxinade a política; que tamén opino que
é tan só para uns cantos… elixidos ou non, iso xa non sei. Todo en demasía,
aburre. A min, por suposto, creo que o que máis. Xa teño confesado aquí sobre
varias novas que ó saír unha e outra vez nos xornais, chega un momento en que
xa me apestan, en que xa me cheiran a podremia. Coa política pásame exactamente
igual ou máis, e por moi necesaria que sexa. Así é que intentarei ler tan só as
letras gordas de todos os especiais que xa se están facendo sobre as eleccións
municipais. Sigo dicindo que con dous ou tres debates televisivos son
suficientes para que o votante escolla o camiño a seguir. E aforraríanse moitos
cartos e moitísimos máis cabreos. O dos cabreos vai polas famosas promesas duns
e doutros. Porque sabemos xa de antemán que o 90 por cento non se cumprirán. E
escoitaremos insultos, e gabanzas ficticias, e abrazos traidores, e mentiras a
darlle cun sacho. A política é necesaria… pero son tan falsos os políticos.
Non é falsa a imaxe dun neno dentro dunha maleta intentando pasar unha
fronteira. Isto si que é un asunto serio, e moi triste. Putas fronteiras do
carallo!
viernes, 8 de mayo de 2015
AS CAIXAS DO ABECEDARIO
Caixa negra. Caixa B. Caixa C.
Caixa de zapatos. Caixa de mistos. Moitas caixas nos arrodean. O que pasa é que
as Caixas do Abecedario son as que realmente nos funden. Falar da caixa negra
dun avión... malo!, accidente, xeralmente, mortal ó canto. As caixas de
zapatos, xa o dicía Nancy Sinatra: son para camiñar. E os camiños tamén sabemos
moi ben a onde nos poden levar. Hai camiños bos e malos, pero aí está o detalle
noso: o de escollelos. Os que si escollen ben son, por suposto, os das caixas
do abecedario, por agora B e C. Mais sei seguro que hai outras caixas máis,
moitas máis. As caixas de mitos; a dicir verdade, estas xa case pasaron á
historia. Agora úsase máis o chisqueiro e a electricidade. As caixas B e C son
as que arman o auténtico barullo, son as que demostran que no noso país hai
algo máis que unha mafia, sexa política ou sexa persoal. Moitos aínda non o
queren ver, ou mellor dito, o ven, pero descúlpano, asimílano. É lei de vida,
pensarán. Ten que ser así. Os pombos sempre traballarán para os aproveitados. E
aquí paz e despois... gloria bendita! Para eles, claro.
miércoles, 6 de mayo de 2015
A SEMENTE DA PERSOA
A metade do planeta segue sen ter
acceso á educación. Dato arrepiante, impresionante. De auténtica pena. Na
educación é onde está practicamente todo, incluso ata a propia vida. Ante este
dato, á maioría da xente a mente váiselle a África e ós países máis pobres.
Mais ante unha análise profunda descobres que aínda hai bastantes zonas de
países, que se entende subdesenvolvidos, nos que a educación brilla pola súa
ausencia. Ante isto non che queda outro remedio que pensar que, case a outra
metade, se dedica precisamente a amordazar, atar, censurar, botar para atrás a
educación. Ou ben por medio de guerras, ou ben por medio de mentiras políticas,
ou ben por medio de ditaduras que só pensan no seu benestar. A educación: a
base dunha mente humana, a semente da persoa. Logo, o talo, a planta pode saír raquítica,
torcida ou podre; pero se non hai semente é imposible que saia algo. Medio
planeta está abandonado, semella un deserto onde ninguén quere espetar unha
semente. Hai que saber que o deserto, se se coida, tamén dá o seu froito.
martes, 5 de mayo de 2015
O PENEDO BALEIRO DUN SOÑO
Pedra sobre o penedo baleiro dun
soño. Folla de amieiro que aterra nunha tira de papel con catro garabatos mal
escritos. Silencio no bulebule dun pensamento. Hora de reloxo que marca o infinito
e máis alá. Oxalá todos os heroes se sentiran anxos no purgatorio da ansiedade.
Quen quere escribir un conto sobre o que foi e non volverá? Quen lle asubía a
catro pardais que están pousados sobre o arame dun título de crédito? Hai
películas que pasan polas meniñas dos ollos e non nos decatamos. Toxo sobre a
cama mol dunha alegoría que ninguén sabe contar. Sacho que cae sobre a terra
dura dunha vida apagada, dunha vida que quere rexurdir por entre os reflexos
dun espello roto. Cada quen que moldee a súa figura para que as liñas do seu
debuxo marquen o instante, o momento da resurrección dun trono... e dun
lóstrego. Verso sobre o encerado dunha mañá sentimental, na que o lapis de
lousa percorre os camiños na procura dunha paz silandeira e dun proceso evolutivo
que vai e vén, que anda e para, que acouga e traballa. O penedo baleiro dun
soño dorme sobre un libro aberto que ninguén quere ler.
sábado, 2 de mayo de 2015
LABAZADAS POR UNHA COR
Andou, anda e imaxino que aínda andará por un tempo nos distintos medios
de comunicación e nas redes sociais o famoso vídeo da nai que lle da unhas
labazadas ó seu fillo para sacalo da manifestación á que asistía en Baltimore.
A min tamén me coincidiu velo nun café de Baños de Molgas cando o estaban
proxectando nun telexornal e, sinceramente, tamén me fixo graza. Porque me fixo
pensar na miña nai. Esta non andaba con días santos e levábate para a casa
aínda que fose ás labazadas (máis dunha vez nos foi buscar ó bar do José Benito
porque fuxiamos da sesta polo balcón para ver a serie de Bonanza) A nai coraxe Toya Graham fixo o mesmo co seu fillo. Mais ó
día seguinte xa non me causou ningunha graza a súa acción, logo de ler as súas
declaracións. É máis, causoume pena e admirei a súa valentía, o seu coraxe. Ela
non quería que o seu fillo morrese por enfrontarse á policía ianqui. Ela sabía
que, en América, por ser negros, tes 21 veces máis posibilidades ca un branco
de caer morto ás mans das forzas da orde. Moi forte este dato! Como si penso
que ten toda a razón do mundo, entendo agora a súa forma de actuar. Lembremos
que, aínda que nas fotos e imaxes, e coa cara tapada cun pasamontañas, o
manifestante semella un home; a realidade amosa a un rapaz de tan só 16 anos.
Calquera nai solta labazas á eito con tal de salvarlle a vida ó seu fillo. Ó
seu fillo negro. Que non é o mesmo que un fillo branco.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)