martes, 9 de junio de 2015

AS ESCAMAS DUN SALOUCO



 
               Queda a nube colgada do faiado do silencio para que, máis tarde, catro pingas de auga mollen as escamas dun salouco. Queda a tarde deitada nunha soidade teatral para que soñe co encordio ou dunha película mal rodada. Ou co esperpento dunha novela mal escrita. Máis ou menos é o mesmo. Todos os sentimentos dunha troita de 100 gramos desovan nas augas do río Arnoia para que uns cágados leven a fartura ó limbo dos seus diaños. Todos os ruxerruxes das follas dos amieiros queren calar ante a rula das primaveras, pero é máis grande o asubío dun merlo que o cri-cri dun grilo. Quen entende os bambeos dun ir e vir dun verbo? E os camiños empinados que colle un adxectivo? Ou as corredoiras salvaxes dunha metáfora?Todo choca contra as escamas dun salouco e ninguén é capaz de amosar un sorriso para que o camiño vaia dereitiño ata máis alá do infinito. Non hai camiños eternos nin vidas que corran polos carreiros da nostalxia. Tan só as escamas dun salouco aguantan as treboadas dos contos.

lunes, 8 de junio de 2015

OS ASUBÍOS DOS SABUGUEIROS




               Rite dos bugallos que asoman á beira dun buraco e baila cunha laverca na punta dun castiñeiro. Un macaco quere voar e eu quero voar por entre as restrebas de Tallós e por entre os codesos do Caneiro. Voar con ás debe ser bonito. Voar coa imaxinación é marabilloso. Por iso creo que cae ben Superman. Heroes hai moitos. Pero heroes que saiban voar hai moi poucos. Non obstante, sempre me gustou máis Mad Max.
               Berra catro pareados para encher un poema. Un pobre poema, pero poesía pura. Na poesía, os soños xogan cos bugallos e as lavercas fan de princesas nas lameiras das Pedradarcas. Na poesía mestúranse os latexos dos versos co suspiro do punto final. Quizais non todos sabemos ser poetas. Nin heroes. É certo, é moi difícil ser heroe neste libro aberto que é a vida. Pobre daquel que teña o libro pechado. Co bonitas que son as palabras escritas, os pensamentos ditados e os soños espallados por un cento de páxinas en branco. Rite dos asubíos dos sabugueiros. Eran a música de jazz da infancia.

domingo, 7 de junio de 2015

ACONTECEMENTOS QUE ARRASTRAN



Era nos tempos de Maricastaña, nos tempos en que televisaban o baloncesto, nos tempos de Corbalán e Iturriaga e Epi e Chechu Biriukov cando gozaba con ese deporte. Despois a televisión española deixou de emitir partidos e, claro, fun perdendo contacto co baloncesto. E si creo que perdín bastante porque creo que foi un deporte que evolucionou moito, principalmente nas súas regras. Agora volve a miña afección porque xogan a el os meus dous rapaces. Non obstante, podo dicir que non entendo nada. Sinceramente, non distingo as dobres dos pasos, as faltas persoais (a non ser que un lle zosque ó outro un lapote de categoría) dos tiros libres (se son dous ou tres) Sei o que é campo atrás. A ver se agora pensades que… Pero é igual; non fai falta entender para gozar coma un anano. Que foi o que fixen o martes pasado vendo ó COB contra o Breogán. Máis polo ambiente que polo partido e si. Aquel foi o que me fixo escribir este recuncho. Nunca vira tal no Paco Paz. Nunca vira a tanta xente de Ourense tan feliz. Agora creo niso de cando din que “aínda que non che guste isto ou aquilo, hai acontecementos que te arrastran”. É verdade. Emporiso, tiven un recordo para os lugueses: imaxinei a súa viaxe de volta. E déronme pena. Si, son un sentimental, pero… O peor é se o gozo queda nun pozo. Xa sabedes, a cuestión económica para estar na ACB. Ó mellor custa máis que o sangue, suor e bágoas que se derramou durante todo o ano.

viernes, 5 de junio de 2015

DESDE O PAVILLÓN DO ALFABETO



 
               Deixo que baile na folla de loureiro un verso con catro palabras conxugadas e un latexo de harmonía. Racha a pedra con dúas bágoas de orballo, con tres saloucos de desespero e asubía a rula desde a galla dun salgueiro. Quen se colga do corno esquerdo da lúa? Corro en zigzag pola estrada da Z e lánzome en paracaídas desde o pontón da T. Escribo no pavillón do alfabeto.
               Os anteollos quedan abertos sobre a mesa e miro sen ver o espazo perdido da ignorancia. Encho o baleiro con puntos e comas para romper o ritmo do suspense da novela. Suspense que non é tal. Tan só catro palabras escritas ou dúas ideas atrofiadas e cheas de faltas de ortografía. É igual; a vida complétase cun simple título.
               Oulea o lobo por entre os codesos da existencia e treme o carneiro acochado entre os fentos da angustia. O medo vai máis alá dun simple desexo. O berro esgarra a tranquilidade da inocencia que se perdeu entre catro penedos do silencio

miércoles, 3 de junio de 2015

SEN BUSCAR REVIRAVOLTAS




               Hai pedras que rachan cando se lles dá un golpe detrás doutro. Hai xente que pensa que eses golpes van dirixidos a eles. A xente, moitas veces, quere buscarlle tres pés ó gato, cando realmente non hai ningún gato.Hai carballos que se torcen porque ninguén os endereita. Hai persoas que identifican, que comparan eses detalle coa educación. O máis seguro é que non se endereitara a árbore porque quedaba demasiado lonxe. Ou porque outro carballo máis grande lle ganou a batalla da loita para conquistar o sol. A sombra é negra e á beira dela é malo crecer. Moitas veces pensamos que se usan símiles ou semellanzas porque si, porque a ver que pensa a mente humana. A mente humana algunhas veces simplemente queda en branco e deixa a vida pasar sen buscarlle máis reviravoltas. Somos complicados en todo. No pensamento moito máis. Por que un carballo non pode crecer torto? Por que unha pedra non pode rachar cun simple golpe? Por que pensamos que é o que non é? Por que nos embarullamos moitas veces? Por que complicamos tanto a vida?

lunes, 1 de junio de 2015

UN SILENCIO ANGUSTIOSO E TERRIBLE


 
               Silencio. Sempre me gustou a palabra silencio. Pola palabra en si e polo seu significado. Tranquilidade, sosego, calma. O silencio dunha sala de cine (antigamente; agora entre os flocos de millo e o volume da película xa non existe tal silencio) O silencio entre os penedos da Cidade Encantada, en Cuenca. O silencio da noite.
               Pero o silencio, ás veces, tamén mete medo, tamén impresiona, tamén pon os pelos de espeto. Sucedeu o xoves 28, na final da Liga Europea no Estadio Nacional de Varsovia entre o Dnipro e o Sevilla, cando un xogador brasileiro do equipo ucraíno caeu coma un fardo sobre o céspede. O silencio apoderouse do estadio. E foi aí onde caín na conta dese significado terrorífico do silencio: non é nada fácil facer calar de golpe a 56.000 persoas. Non é unha cantidade calquera. Durante dous ou tres minutos o silencio non tivo nada de tranquilidade nin de bonito. Durante ese curto período de tempo o silencio fíxose angustioso e terrible. O silencio espallouse por entre 56.000 almas que temían o peor. Tan só cando Matheus empezou a mover os brazos o silencio fíxose ruído. E volveu ó significado de calma.