lunes, 23 de noviembre de 2015

TRES MANEIRAS DE ESCRIBIR




               Teño tres maneiras de escribir. A primeira é deixando correr a tinta sobre o papel. A segunda é pensando nun tema para plasmalo no papel. E a terceira é escribindo porque me dá a gana, cómo me dá a gana e cándo me dá a gana sobre trapalladas que, faltaría máis, deixaría caer, así coma quen non quere a cousa, sobre o papel. Dedución: que para escribir, a tinta e máis o papel, teñen que ir xuntos. Antes era a pizarra e o pizarrín. Agora tamén pode ser (é máis, incluso creo que está vencendo ó boli e ó papel) o dedo e a pizarra informática ou o dedo e o móbil. Os tempos pasan e todo cambia. Éche lei de vida. Quen o ía dicir! Naqueles tempos da pera ou de mariacastaña. Mira que xa choveu. E máis en Galicia. Aínda que este ano... a chuvia case brilla pola súa ausencia. Non sei que maneira usei para escribir. Creo que a primeira: deixando caer a tinta sobre o papel. A terceira non conta porque no momento en que deixei caer o caderno na mesa da cafetaría era xa coa intención de escribir. A que de verdade non usei foi a segunda: este relato non estaba pensado. Como para pensalo; coa parvada que é.

               Café O Chicote da Valenzá. Martes, 17 de novembro de 2015

viernes, 20 de noviembre de 2015

QUE NON SE NOS SUBAN ÁS BARBAS


As dúas novas máis importantes da semana pasada creo que son fáciles de resumir, aínda que difíciles de analizar. O asunto de Francia. Unha desgraza. Pero hai desgrazas practicamente todos os días en case todos os lugares d mundo, e para estes non espertamos á nosa conciencia. Témola tan domada, tan sometida que aínda que leamos que houbo centos de vítimas no Oriente Próximo ou miles de esfameados e mortos de fame no corno de África, non se nos ocorre acender unha vela nin gardar minutos de silencio. Para que?; se non son da nosa contorna. Pasa o mesmo que coa corrupción política, que está tan arraigada que xa a asumimos como tal. Tan só espertamos se nos toca moi pero que moi de cerca. Os franceses, ianquis e demais europeos occidentais (nin tan sequera meto xa ós europeos orientais, que son distintos, son “outros”) son xente civilizada. Todo o resto, incluída América Latina, son borralla á que deixamos podrecer sen ningún cargo de conciencia. É mais, para que esta non esperte, facemos uso da lei do talión e, ale, bombas a esgalla. Non vaia ser que se nos suban ás barbas.
O Festival de Cine de Ourense. Alá foi a 20 edición. Xa son anos, non si? Pois aínda se seguirá criticando en 20 máis. Porque o presuposto é ridículo. Porque o presuposto sae dos nosos petos. Porque non traemos famosos (non digo xa estrelas). Por que demo traemos ós famosos! O de menos é analizar, descubrir, presumir de cultura. Para que queremos cultura se despois toda esta vertémola nas bombas e acentuamos a diferenza de clases entre países ou seres humanos.

Café Perla 6 do Campus Universitario de Ourense

Venres, 20 de novembro de 2015

viernes, 6 de noviembre de 2015

UNHA NOVA PARA ESQUECER A REALIDADE


Unha semana máis (e van…) segue na palestra o asunto da escisión de Cataluña e dos refuxiados que chegan a Europa. O de Cataluña semella que o bolo de neve vai a máis e do que, eu, sinceramente me alegro; e o dos refuxiados, pois o típico, que segue sen ter nome o que está a acontecer con eles.
Pero tamén, como case todas as semanas, sempre hai algunha nova que alegra un pouco a alma e que nos libra un chisquiño desa realidade política, traidora e, por que non, porca e pesimista. A nova que me chamou a atención, por simpática e orixinal, foi a dunha muller austríaca de 85 anos que esgazou, que desfixo por completo un millón de euros en billetes para non ter que deixarllos ós seus herdeiros. Fixo ben, carallo! Vai ti saber, ó mellor estes non o merecían. Seguro que non. Cando nos llos deixou… E non chegándolle con iso, tamén escachizou as contas de aforros. Veña, lambóns, á miña conta non ides vivir, tal como me tratastes. Certo que a mulleriña puido deixarllos a alguén ou a algunha institución que realmente os necesitase, antes de esnaquizalos. Pero ó mellor igual pensou que se llos deixaba a alguén igual se volvía cobizoso, avarento e nugallán coma os seus. Mira, mellor é que os esgace e que cada quen se busque a vida como poida. E rachounos. Fixo ben, carallo!
Contada a anécdota, toca volver á realidade; que non é outra que aturar, a partir de agora, a todos eses políticos que xa iniciaron a súa campaña electoral. Queda un mes e hai que disparar a treu, sen orde nin xeito.

Café Perla 6 do Campus Universitario de Ourense.

Venres, 6 de novembro de 2015

ADMIRACIÓN POLO SCHWARZENEGGER OURENSÁN



               Quen me ía dicir que coñecería, que sería incluso amigo do Schwarzenegger ourensán. Quen me ía dicir que aquel rapaz, que de cando en vez entraba na pizzaría Vivaldi da Valenzá e se achegaba ata o último recanto da barra, case timidamente, sería a día de hoxe o único culturista ourensán de certa categoría. Aquel rapaz non é que falase moito. Creo que simplemente pasaba para saudar á súa nai ou quizais para matar un pouco o tempo. E se algunha vez se soltaba comigo ou con alguén máis era para falar, como non, do fútbol e máis en concreto, faltaría máis, do Real Madrid. Nunca imaxinei a Julián Conde Sorga facendo culturismo.
               E seguín sen imaxinalo máis de cinco anos ou así, porque, como o tempo pasa e todo cambia, a nosa relación foi quedando para o recordo ata que o mundo feisbuquián o trouxo de novo á miña actualidade, á miña vida. Que somos hoxe sen as redes sociais? Hai que recoñecer que nada.
               Entrou no meu mundo informático, tecnolóxico pois case como se fora, é dicir, como amigo por ser o fillo da camareira onde eu era cliente habitual para os meus cafés cortados. Mal podía imaxinar que ese mundo, que ese feisbuq sería o que realmente me dixo a qué se dedicaba Julián Sorga (prescindiu do primeiro apelido para o nome deportivo). Como coido que facemos todos cando nos atopamos cun “amigo” máis nesa rede social, pegueille un repaso ás súas fotos e foi aí onde descubrín a actividade, o deporte ó que se dedicaba.
               Recoñezo que o meu primeiro pensamento foi compadecerme del. A quen se lle ocorre escoller un deporte ó que incluso moitos nin tan sequera saben que existe. O culturismo! Que é iso? Ah, sí; eses “cachas” ós que semella que lle rebentan os músculos. Ah, si; “esa cousa” á que se dedicaba Arnold Schwarzenegger na súa Austria natal. Meu neno, sabes que a nosa sociedade pouco vai máis alá que do fútbol.
               Julián Sorga naceu un 8 de outubro de hai 32 anos e iniciou os estudos no colexio de Vilar de Barrio (procede de Porto), pasando polo do Couto, polo San Fernando do Xardín do Posío e pola Farixa para rematar FP no colexio Valle-Inclán. Cóntame que desde cativo facía kick boxing ata acadar o cinto negro, pero como se vía moi delgado quixo coller algo de peso e empezou a compaxinar ese deporte xaponés (mestura de boxeo e algunha arte marcial) coas pesas. Axiña que viu os primeiros resultados, optou xa definitivamente polo culturismo, por poñerse “cachas”.
               E vaia se o conseguiu! Xa no ano 2008 empezou a competir tan en serio que quedou subcampión galego. Aí é nada! Do 2009 ó 2013 non se baixou para nada do podio entre segundos e terceiros postos en todos os campionatos que participou, principalmente en Galicia e no norte de España. Este ano volveu acadar o subcampionato galego. A súa alegría foi tal que, sen andar con días santos ou sen pensalo dúas veces, alí mesmo, sobre o escenario de Valga, na provincia de Pontevedra, pediulle matrimonio a Tatiana Conde Sainz, a súa parella. Nunca tal se vira!. E eu pensando que era tímido!
               Se dicía ó principio que me compadecía del por dedicarse a este deporte tan minoritario, tan minoritario; agora mesmo teño que confesar que si, que aínda que me siga compadecendo del, non me queda outra que admiralo precisamente por iso, por loitar contra todas as adversidades coas que se atopa realizando esa actividade que moitos nin coñecen e que, polo tanto, descoñecen o sacrificio que hai que levar a cabo para que algúns te teñan en estima. Si ten a miña.

               Café Bran de Ourense. Luns, 19 de outubro de 2015

Publicado en La Región o venreds, 06-11-2015

jueves, 5 de noviembre de 2015

XA NON ME QUEDA TEMPO


              Estou só na cafetaría. Xa hai un bo cacho que tomei o café. Lin un xornal e repasei uns datos dun personaxe que quero sacar en Testemuñas da Memoria. Ía escribir sobre el, pero o tempo pasa e xa non me queda tempo. O tempo, cando quere, é o demo, é dicir, pasa de présa. Outras veces pasa a modiño. Pero ese é outro asunto. Sigo só. Os vídeos musicais da televisión sucédense nesta soidade tranquila. Si, hai soidades terribles, espantosas, tremendas. Esta é tranquila. O tempo pasa e teño máis cousas que facer. Hai que mercar para comer. Hai que ler un pouco antes de recoller ós rapaces. Fóra, agora mesmo, non chove. Pero é coma se chovera… apálpase, nótase a humidade. Unha moza canta e baila na televisión. O ritmo da canción é rápido. Entrou unha clienta, pediu e saíu para a terraza. Ou sexa, sigo só. Escribindo, claro. Outeando o horizonte, é dicir, a rúa; non hai máis alá. Máis alá só están os edificios da outra beirarrúa. Agora é outra moza a que chouta uns valos noutro vídeo musical. Dixen que os vídeos sucedíanse uns a outros? Pois iso. Sigo só. Voume. Queda isto sen clientes.


              Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 5 de novembro de 2015

miércoles, 4 de noviembre de 2015

UN CARBOEIRO VASCO NA TERRA DA CHISPA



               A prensa cinematográfica e os afeccionados á sétima arte sempre foron moi propensos a elaborar listas das mellores películas, dos mellores actores, actrices, directores, etc. A isto sempre me neguei porque se digo “Cidadán Kane” cómo vou deixar fóra “O acoirazado Potemkin”? e se digo Spencer Tracy cómo non vou dicir Laurence Olivier? Non obstante, recoñezo que non me importa unha lista, unha clasificación para o cine español. Aquí non teño ningunha dúbida: “Tasio”. E xa adianto que si, que as hai mellores e incluso moito mellores ( de Bardem, de Berlanga, de Buñuel). Pero a “Tasio” téñolle un cariño especial; quizais pola sinxeleza con que o director Montxo Armendáriz conta a historia dun carboeiro vasco. Vin a película, de estrea, no cine Conde Duque de Madrid, o 21 de setembro de 1984 e nela descubrín ó actor Patxi Bisquert. Hoxe en día aínda é a película na que máis éxito tivo, e penso que sigue sendo a súa mellor actuación.
               Nunca imaxinei que 25 anos despois lle chocaría a man a aquel rapaz. Aconteceu exactamente o 11 de febreiro de 2010 na casa de cultura da Valenzá. Patxi Bisquert presentaba a súa curtametraxe “Terra de millo”, unha bonita historia dos felos de Maceda como símbolo de liberdade, ós que sigue no seu percorrido por eses camiños da serra de San Mamede. A piques estiven de deixar pasar a ocasión. Lembro que todo o día pensara nunha reunión da ANPA no instituto dos rapaces e no último suspiro amargoume ir alá e optei polo cine, sen imaxinarme que ía parrafear, parolar co director da curtametraxe. Pero é que cando entrei ó salón de actos e vin que tan só estabamos tres ou catro espectadores (ó final seriamos algún máis, é dicir, seis) fóiseme a alma ós pés. Imaxinei, supuxen ó momento cómo estaría Patxi. Deume tanta pena que, a pesar da miña timidez coa xente que aínda non teño confianza, non me quedou outra que achegarme ó actor para desculpar ou para xustificar un pouco o baleiro da sala.
E así foi como coñecín ó carboeiro vasco e como souben un chisco da súa vida na terra da chispa, onde tiña unha Casa Rural na parroquia de Armariz, concello de Nogueira de Ramuín, acondicionada tamén para facer de asadeiro-sidraría. Lembro, así mesmo, o día que se me presentou na Cámara Agraria de Maceda para seguir conversando e para que lle abrise un pouco as portas dos concellos desta vila e de Baños de Molgas, onde quería seguir proxectando, dando a coñecer a súa curtametraxe. Despois, como o tempo pasa e todo cambia, o contacto foise perdendo (fóra dalgún que outro correo electrónico) ata que iniciei estas testemuñas da memoria e axiña pensei que o actor vasco podía perfectamente ter cabida aquí. Niso estamos.
               Patxi Bisquert naceu en Zizurkil (Guipúscoa) e chegou a Ourense no ano 2001 porque coñecera “a unha galeguiña”, como di el, nuns encontros de cine en Santiago. Optaron por acabar vivindo no medio rural, máis concreto en Armariz, “porta de entrada a esa marabilla natural que é a Ribeira Sacra”, segundo a súa confesión, ata o mes de novembro do ano pasado, que marchou de novo para a súa terra e tamén para o medio rural, porque el, Patxi, naceu e pertenceu sempre ó medio rural.
               Tampouco podía eu imaxinar que, véndoo en “Tasio”, tivese problemas para seguir traballando no mundo da sétima arte. Emporiso, sábese que o mundo do cine tamén é moi traidor e, por unhas e outras cousas (a que máis se intúe é por causas políticas, xa que de mozo tivo os seus achegamentos ó radicalismo vasco), os produtores e directores non confiaron moito nel. Así, logo da década dos 80 (a máis frutífera), os seus traballos cinematográficos distanciáronse considerablemente uns dos outros e, para máis aquel, con tan só pequenos papeis. Pero Patxi Bisquert soubo tirar cara adiante e entre Pascuas a Ramos non lle caeron os dentes: traballou como metalúrxico, na construción, na hostalaría, na escritura de guións, dirixindo curtametraxes, vendendo libros e el mesmo escribiu unha novela titulada “Rosa” e publicada no 2012. Sei seguro que ó carboeiro de “Tasio” aínda lle ten que chegar o seu gran momento, pois todos sabemos que a veteranía é un grao e a pesar dos seus traballos esporádicos, a súa experiencia non pode pasar inadvertida para aqueles que fan cine. E oxalá volva polas nosas terras para seguir latricando, barallando con el. Todo un personaxe.

               Café O Chicote da Valenzá. Martes, 6 de outubro de 2015

martes, 3 de noviembre de 2015

UNHA TARDE DEMASIADO ESCURA


              A tarde está tan nubrada, tan encapotada, tan escura que semella noite. Son as cinco en punto da tarde. Dunha tarde que aínda non é noite. Semella que si, pero non é. As semellanzas ás veces son coma quimeras, é dicir, que non valen nada de nada. Seméllase a… pero. Pero aí está o quid: que non é igual. Que demo!, xa o dicía Shakespeare: ser ou non ser (el dicíao en inglés: to be or not to be; creo) Pois iso, ou se é ou non se é. Non hai semellanza que valga. No nariz seméllase ó Ignacio de Cachamuíña. Pero non é o Ignacio de Cachamuíña, senón que é o Evaristo das Teixugueiras. Se o balón non dera no traveseiro, entraba. Deu no traveseiro e marchou para fóra. Puido dar igual no traveseiro e entrar, pero non o fixo. E punto. Se non fora o rabo, empreñaba a burra. Ou a vaca. Pero para iso estaba alí o rabo, para que non empreñasen nin a burra nin a vaca. Ser ou non ser. É ou non é. Nin a sorte nin a semellanza existen. O es parvo ou es estúpido. A tarde sigue nubrada, encapotada. Non sei se esta escuridade me está afectando. Semella que si, pero…


              Café O Chicote da Valenzá. Martes, 3 de novembro de 2015