martes, 8 de diciembre de 2015

OUTRA DE HEROES ANÓNIMOS


              Estamos a todas as horas, en todos os parladoiros falando de Messi ou Cristiano Ronaldo, de Harrison Ford ou Tom Hanks, dos Beatles ou de Ennio Morricone porque os temos como eses heroes que nos fan soñar nesta realidade brutal. Pero non nos decatamos deses heroes que, eles, si que viven a auténtica realidade brutal. A estes chamareilles sempre heroes anónimos. Vou coa historia dun máis. Carlos Vidal Fariña é un mozo do concello de Carballo que preside o club de fútbol no que xoga (un da 3ª autonómica da Costa da Morte), que pinta o campo e que, uns minutos antes de que empecen os partidos que xoga no seu estadio, enche a cantina para que os espectadores teñan onde pasar o tempo se o partido se pon aburrido. Logo, para máis aquel, a súa nai lava a roupa gratis de todo o equipo. El si é un heroe. A súa nai é outra heroe. Anónimos, pero heroes. A este mozo si que lle admitiría que non soubese que tal ou cal xogador non podería xogar certo partido por acumulación de tarxetas. Bastante ten o pobre con ter na cabeza todos os cometidos que ten que levar a cabo antes de cada partido. Pero nós ó noso: que por unha mexericada, por un simple despiste nunha casa de centos de empregados, non van expulsar o Madrid da Copa do Rei.


              Café O Chicote da Valenzá. Martes, 8 de decembro de 2015

lunes, 7 de diciembre de 2015

O PALEONTÓLOGO CON CALIDADE FOTOGRÁFICA



               Pensei que non o volvería ver, pero vino. O 5 de novembro de 2013, na casa da cultura da Valenzá, asistira á inauguración dunha exposición fotográfica dun tal Román Montesinos, coruñés, que me gustara tanto que non me quedou outra que plasmar nun papel o que realmente sentira naqueles momentos. Ese paso dos pensamentos ó papel saíu publicado neste mesmo xornal o 14 dese mesmo mes de hai dous anos. Como diría no relatiño dunha ducia de liñas, acababa de contemplar uns soños visuais, unhas metáforas visuais que marcaban, que deixaban un moi bo sabor de boca. Pero, repito, iso foi hai exactamente dous anos.
               En dous anos, a vida dá moitas voltas, incluso, a memoria, ás veces, dórmese nas pallas e, recoñézoo, o tal Román Montesinos quedaba xa para un simple recordo, e sempre cando me atopase con ese relato que lle escribín. “Ah si, aquela exposición que vira…”. A mellor proba é que haberá pouco máis dun mes vin anunciada pola Valenzá unha nova exposición de fotografía co gallo do Outono Fotográfico que se realizou pola nosa cidade e parte da provincia, pero nin idea de quen era o tal fotógrafo. Síntoo.
               Ó pouco recibín unha chamada da casa da cultura da Valenzá. Que o autor quería que eu estivese presente (se podía) na inauguración da nova exposición. Que seica te le e que dálle que tumba, que tal e que cal. Quedei un chisco pampo cando me dixeron isto; quen me pode ler a min na Coruña? Non obstante, empecei a desconfiar ó momento cando o encargado da casa da cultura, Alfonso, me dixo que xa expuxera unha vez aí. Botei man dos meus arquivos. Axiña apareceu o relato que sinalo ó principio. Entón si, entón a memoria espertou e lembrei. Prometín asistir. E asistín. E… como Pedro pola súa casa, ou como a frase final fetiche de Casabranca: “este pode ser o comezo dunha fermosa amizade”.
               Alí estaban de novo outras preciosas e fermosas metáforas visuais de Román Montesinos, o paleontólogo que se afeccionou á fotografía de tal maneira que xa case (ou sen case) lle dedica máis tempo a esta que á súa actividade de docente na Universidade da Coruña. Naceu hai 63 anos nesa fermosa cidade. Vive en Culleredo e ten o seu estudo fotográfico no Graxal, en Cambre. Cursou os estudos superiores en Santiago e en Oviedo.
               Explico. A fotografía de Román Montesinos non se basea tan só no típico encadramento e no sinxelo clic. A fotografía do coruñés evoca distintos tipos de sentimentos nos que conxuga o material co anímico. Para a conxugación, prepara o material (físico) e dálle mil voltas antes de deixar caer o dedo sobre o clic. Despois xa asoman ante os ollos auténticas marabillas cunha sinxeleza tal que ten que ser o propio autor o que che explique a foto. Cando o fai, non queda outro remedio que exclamar: “é certo, que sinxelo é o seu significado!”. De aí o de sinxeleza.
               Sendo estudante en Oviedo empezou coas súas exposicións e… “lo que te rondaré, morena”, o que lle queda. Non tardará en chegar ó cento delas. Chegará. Porque ten cabeza e porque a súa obra ten moita pero que moita calidade.

               Café Perla 6 do Campus Universitario de Ourense.
               Venres, 6 de novembro de 2015

domingo, 6 de diciembre de 2015

A FELICIDADE DOS OURENSÁNS


              Os ourensáns son os galegos máis felices co seu medio de vida. Madía leva! Que remedio nos queda! A ver; xa o teño dito varias veces: que Galicia é o cu do mundo e Ourense é o ollo do cu. E entón non queda outra que coller todo isto de carallada ou coa típica retranca que nos caracteriza. Se non o collemos desta maneira, xa me diredes. Imaxino que a tal noticia saltaría á palestra a causa dalgunha enquisa. E imaxino, tamén, a contestación de moitos: que por non berrar coa rabia e por non chorar de miseria, soltamos a mofa: que vivimos coma Deus!. Faltaría máis, home! Vivimos tan ben que ó mellor non tardamos moito en vivir media provincia no estranxeiro. Vivimos tan ben que tragamos fel e ensinamos un sorriso moi aberto na cola do paro: “xuntámonos aquí para falar das vidas laborais de cada un, xa que hai algúns que as teñen moi ricas”. Somos felices porque alguén nos preguntou que qué tal e, a ver!, non iamos ser desconsiderados e tampouco queremos que algúns se decaten das nosas miserias. Que temos o noso orgullo, oe! Ademais, na cola do paro non lle facemos mal a ninguén. Os ourensáns somos felices con pouquiño.

              Café Paseo d´Ramoleox da Valenzá.

Venres, 4 de decembro de 2015

viernes, 4 de diciembre de 2015

ESPERPENTO NO REAL MADRID


Unha vez máis hai que sacarse o sombreiro ante Valle-Inclán por ser o gran descubridor ou o gran publicista do esperpento. Porque hai que recoñecer que somos un país esperpéntico. E polo que se ve o tal esperpento alcanza a todas as profesións ou actividades habidas e por haber. Chega ata o propio fútbol. Caso Cheryshev. A un equipo como o Real Madrid. Eu entendería que fose un despiste se acontecera nun equipo modestiño onde, por exemplo, é o propio presidente o que se ten que encargar de todo, ata de zurcir ó mellor as medias dos xogadores e non pensaría en se algún xogador ten ou non tantas tarxetas amarelas. Pero que todo un Real Madrid non saiba da misa nin a metade, iso xa é máis que esperpento. Pois aínda así, algúns sóbense polas paredes ante a eliminación do equipo branco da Copa do Rei. Coincidiu de que esa mesma noite vin un cacho de faladoiro na televisión sobre o acaecido e ese… periodista? chamado Roberto Gómez pedíalle consideración ó Cádiz para que non denunciase a aliñación do xogador madridista. A can fraco, todo se volven pulgas; non chegaba que lle marcara gol un que non podía xogar, senón que, segundo Gómez, cómo vai quedar eliminado todo un Real Madrid por culpa dun simple despiste. Para un servidor, que ben fixo o equipo andaluz… sacou tallada co Madrid e, se ten sorte, pode sacar outra se lle toca outro grande. Para unha vez que pode soñar esperto…


Finca Fierro. Venres, 4 de decembro de 2015

jueves, 3 de diciembre de 2015

QUERO SER VINGATIVO



 
               Non quixera ser vingativo, pero teño que ser e quero ser vingativo: oxalá todos os que mandaron e os que mandan no concello de Ourense, xunto cos concelleiros de Obras ou de Urbanismo ou Do Que Sexa tiveran que pasar pola rúa Concello con puntos de sutura nas súas barrigas, nos seus peitos ou onde cadrase. Ían saber o que é bo. Ían saber o que é choutar sobre un coche cando percorre ese traxecto. Agora, para máis aquel, tamén está feito un desastre a rúa Parque de San Lázaro e o inicio da rúa Bedoya, polo menos ata a altura da rúa Valle-Inclán. Nin indo a modiño se pode evitar que o vehículo se bambee para todos os lados. Non se pode evitar que o familiar que levas ó lado se queixe porque os puntos de sutura están a piques de rebentar. E por iso, tampouco podes evitar (asegúrovos que non o evito) o lembrar ós correspondentes responsables (e en parte das súas familias) por ver e sentir o calvario que padece o acompañante. Si, xa sei que se aprobou o arranxo desa viacrucis, mais cando o leven a cabo xa é noite. Hai un bo tempo diso e aínda non hai asomo de que se inicien as obras. Así é que, primeiro, aínda toca seguir sufrindo. Había que enterrar a uns cantos baixo o pavimento. Non quedou outra que ser vingativo.

               Café Oren Express da Valenzá. Martes, 1 de decembro de 2015

miércoles, 2 de diciembre de 2015

ESCUNCHAR CROQUES



 
               O ruído da televisión non lle deixaba a Ultreia Adiante Suárez escunchar croques. Tiña moito sono, pero aquel ruxerruxe metíase no seu cerebro e non había maneira. Daba voltas na cama, unha e outra vez. Ultreia Adiante erguérase cedo, ás catro da mañá para ir traballar á fábrica de cerámica que estaba a uns vinte quilómetros de onde vivía.. O seu home Nadir Oposto Suave, como estaba no paro, levantábase ás tantas e, claro, despois, pola noite, non tiña présa ningunha. Poñía a televisión e as noites para Ultreia eran un calvario. Non valía que lle dixera unha e mil veces que lle dera menos voz ou que puxera uns auriculares. Nadir Oposto, O Torto, facía uso do seu alcume e non lle facía caso ningún. Era torto como o demo. El ben sabía que a súa muller quería, debía e necesitaba escunchar croques, pero tan axiña como se escangallaba no sofá, esquecía as necesidades de Ultreia. O peor de todo era que, aínda caendo na conta desas necesidades da muller, el deixaba escapar un sorriso cheo de maldade. Si que era torto. E con querenza, con tendencia ó maltrato. Calquera día a muller durmiríase ó volante.

               Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 26 de novembro de 2015

martes, 1 de diciembre de 2015

ENSINANDO EDUCACIÓN



 
               Bo día teña vostede. Igualmente, señor. Que tal pasou a noite? Ai, moi ben; moi amable. É vostede moi educado. A culpa élle dos meus pais, sabe vostede? Sempre me ensinaron unha boa educación. Ai fillo, sé educado. Trata sempre ós maiores de vostede. E nunca lles contestes de mala maneira. Se entras a un sitio onde hai asentos ou cadeiras, cédellos a quen lle custe estar de pé. Se coincides na porta cunha muller ou con maiores, ábrella e cédelles o paso. E mais cousas que xurdan sobre a marcha. Pois si que o ensinaron ben. Grazas, señor, é vostede tamén moi amable. Quere vostede un café? Invítoo de corazón. Ai, por Deus, neno; pero que ben educadiño me es! Mira, pois só por iso, son eu o que te invito. A ver, camareiro, ponlle aquí un café a este mozo! Que o ten máis que ganado. Cale, cale, que me vou poñer colorado. Sabe que é un pracer falar con vostede? Facemos o que podemos. Ás veces non temos con quen falar e cando nos atopamos a alguén coma vostede, espraiámonos un chisco. Pero a min non me trate de vostede, que aínda son un neno. É que os meus pais tamén me ensinaron moita educación. Xa se ve, xa. Veña, boa noite. Igualmente, señor.

               Café Oren Express da Valenzá. Luns, 30 de novembro de 2015