viernes, 8 de enero de 2016

CAMPOS PETROLÍFEROS A MOREAS



 
               Cruzo as pernas. Esbirro. Pónseme o coiro de pita. Isto sempre. Cada vez que esbirro. No verán sempre esbirro cando miro cara ó sol. No inverno cando me colle o frío ou cando teño algo no nariz. Xa sabedes que. Non quero ser porco pero é o que hai. O que estea libre de pecado, que tire a primeira pedra. A mellor proba tédela nos semáforos. Parade, observade, contemplade e veredes campos petrolíferos a moreas. Poucos condutores se libran de furgar no nariz. Buscando petróleo. Ou o que sexa. Petróleo, home, petróleo; que van buscar! Non sexas mal pensado.
               Hai tempo, anos xa, non sei onde lera unha pequena nova que me chamara a atención: resulta que cando esbirramos, todo o que sae de aí parte a unha velocidade incrible (entre 50 e 70 quilómetros por hora) e cobre unha distancia que non é cousa de rir (uns 7 metros cadrados). Resumindo; que cando alguén esbirra, e como non poña a man ou algo diante, o tal espirro sulfata todo o que pille neses metros. E aí vai máis ca petróleo.
               Descruzo as pernas. Non volvo esbirrar. Non sulfatei a ninguén.

               Café Paseo d´Ramelox da Valenzá. Xoves, 7 de xaneiro de 2016

DE PISTOLA Ó CINTO Á CAPUCHA NA CABEZA



 
               A verdade é que o propio título asusta un pouco. Semella unha película do Oeste de serie B co Ku Klux Klan polo medio. Porque nel hai dous obxectos que non son cousa de rir; a pistola asusta ós adultos, a capucha impresiona ós nenos. A pistola dispara balas. A capucha mete medo. Non obstante, nada máis lonxe da realidade. José Fernández Carnero creo que nunca disparou a pistola e tampouco se “merendou” a ningún neno. Simplemente que o protagonista desta reportaxe foi garda municipal en Baños de Molgas desde 1959 ata 1995 (36 anos, aí é nada) e, sexa por obrigación ou por decoro, tiña que apandar co seu correspondente traxe cheo dos aparellos regulamentarios: porra e pistola ó cinto. José Fernández Carnero era O Aguacil. Así, como queda escrito. Moitas veces cometemos erros fonéticos e comémonos palabras. Ou non. Porque “aguacil”, como fonema, existiu antigamente, aínda que agora evolucionou para “alguacil”. É igual, con evolución ou sen evolución, hoxe é O Aguacil ou, faltaría máis, o José da Alicia. Algún día non quedará outra que preguntarlle polas súas aventuras ou anécdotas na súa etapa de alguacil, que teñen que ser moi ricas e variadas.
               Pero hoxe sácoo máis ben á palestra pola súa etapa de fantasma. Digo ben: de fantasma. Imaxino que, como moitos seres humanos cando se xubilan non saben moi ben que facer. Intúo que el, polo día, pensaría en algunha falcatruada e, pola noite, actuaba moito máis que na súa etapa de alguacil. A súa actuación consistía, nas noites de verán, en vestir unha saba branca por enriba (ou calquera trapo lle valía) e correr detrás dos catro ou cinco nenos que había nos anos 80 e 90 no barrio da Igrexa.
               Baños de Molgas era unha vila pequena e a voz correu como a pólvora: na Aira de Arriba había un fantasma! Baños de Molgas era e é unha vila pequena, pero no verán, e como moitas vilas galegas, multiplica a súa poboación (por sorte ou por desgraza, aínda que eu penso que é máis por desgraza, pois non hai peor desgraza para un país que a emigración) e triplica os nenos. Así, dos catro ou cinco cativos que empezaron coas escorrentadas do fantasma, axiña pasou a película a contar con ducias de nenos que subían, aínda coa cea na boca, a actuar para os velliños que asistían ó espectáculo.
               Imaxino, vexo a esas ducias de rapaces burlándose do fantasma do José da Alicia, pero ó mesmo tempo berrando e correndo espavorecidos por entre os palleiros e os canastros da aira. Imaxino, vexo a uns cantos apertando as pernas para premer con elas ou cos dedos a piroliña e aguantar a mexadela. Ás veces os nervios ou o medo traizoan a un coas augas menores. Imaxino, vexo o José da Alicia correndo detrás deses cativos, medio sufocado pero cun sorriso aberto por debaixo dunha capucha branca. Así noite tras noite.
               Segundo confesións dalgunhas nais dos rapaces, moitos destes xa non querían cear porque tiñan medo de perder o espectáculo, de correr o fantasma. “Imos correr o fantasma”!, berraban. E asomaban como pulgas por todo o barrio da Igrexa. Cando menos o esperaban, aparecía aquela saba branca que daba medo, pero que nunca merendou a ninguén.
               O José da Alicia. Quen o diría! De portar pistola ó cinto, semellando unha persoa seria, pasou a xoguete duns nenos que, como non, acabaron por adoralo. Agora tan só queda para aqueles nenos e para os que non somos tan nenos, o recordo, o bonito recordo dun home que durante uns anos se dedicou a divertir a todo un barrio: ós nenos porque eran nenos e os adultos porque nos volviamos nenos e eramos felices (aínda somos felices) vendo contentos ós nenos. Grazas, José.

               Café Oren Express da Valenzá. Martes, 24 de novembro de 2015

miércoles, 6 de enero de 2016

Á VELOCIDADE DA LUZ


              Empezo a entender que Fernando Alonso non sexa tan rápido nos circuítos da Fórmula I. Nin tan sequera Louis Hamilton. Machiños, non hai como o camaleón! Que acelera a súa lingua de 0 a 100 nunha centésima de segundo. Deus, é que nin tempo dá vela! Zas! Xa está. Aquí te pillo, aquí te mato. Perdón, aquí te trago. Imaxinade que fose un asasino a soldo. Nun santiamén non deixaría candea acesa. Sinceramente, é que nin tempo hai de dicir zas! A 100 nunha centésima de segundo!
              Case, case algo moi semellante ós nenos no momento de abalanzarse sobre os agasallos dos Reis Magos. Empezan cunha caixa e, á velocidade da luz, xa están abrindo o segundo paquete, e o terceiro, e o cuarto, e así ata dez. Porque os nenos españois recibiron unha media de dez agasallos polos Reis. Pensade agora un chisco: moitos recibiron 20 ou 30; porque sabemos perfectamente que tamén habería moitos que non levaron ningún. Unha pena. Nin tanto, nin tan pouco. Xa podía o camaleón roubarlle, á velocidade da súa lingua, algún agasallo a eses que lles sobran para os que non teñen.


              Café Oren Express da Valenzá. Martes, 5 de xaneiro de 2016

martes, 5 de enero de 2016

MÁIS BOMBO Á FRASE


 
               Vinte e un graos na cafetaría. Fóra chove. Leva toda a mañá chovendo. Case é lei de vida. Porque estamos no inverno. O de case é porque hai unha seca de mil pares de narices. Practicamente todo o 2015 sen chover. Un par de esaxeracións: a de mil pares de narices e a de todo o 2015. Menos pares de narices e máis auga que a dita no ano pasado. Pero sempre é bo esaxerar un chisco. Dáselle, algo así, como máis bombo á frase. A esaxeración ben sendo como recalcar algo que queremos que chegue á xente. Aínda que pola metade do camiño che digan “que besta”. Tamén hai que saber deixar caer as esaxeracións. Se as deixas caer así, con fantasía, con alegría, a xente acéptaas mellor que se as deixas caer con cara de vinagre ou cun rápido pestanexo de ollos. Ese movemento delata. Penso eu. Ó mellor erro. Aínda que case non erro nunca. Vedes, esta é unha esaxeración de presumido e que non cre ninguén. Porque o ser humano erra sempre. Máis de dúas veces e de tres. Se non a que vén a expresión: tropezou na mesma pedra. Tropezamos, enfociñamos e, de parvos, volvemos pasar por alí. Ata esaxeramos os nosos erros. Sabemos que os cometemos e esaxerámolos outra vez.

               Cafetaría Beker de Ourense. Luns, 4 de xaneiro de 2016

lunes, 4 de enero de 2016

FACER XEITO



 
               Se che fai xeito, cando chegues ó cruce das Pedradarcas, colle cara á esquerda e achégate ata as Lagoas para botarlle unha ollada ós castiñeiros que plantei na miña finca, díxolle Odilo Servidor Deus a Pársifal Lenda Lendoiro, é que teño medo que os corzos ou os xabarís fagan das súas e acaben con eles. Odilo era nugallán e custáballe incluso dar un paseo ata a leira, polo que estaba sempre atento a ver se pillaba a alguén iniciar o paseo pola carreira da Lama. Tan axiña como vía ó paisano ou á paisana berráballe e dáballe o recado da primeira frase. Sempre usaba a expresión “se che fai xeito”. Incluso ás veces collía ós cativos e, ale: Se che fai xeito, átame esta chanca; se che fai xeito, mira alí a ver se vén alguén; se che fai xeito mércame uns plátanos no súper que despois xa chos pago. De quen máis botaba man era de Pársifal, ó que lle chamaba Paisa, porque o de acentuar Pársifal non lle ía nada ben. Usaba a Paisa para todo, porque eran como uña e carne (aínda que ás veces tamén eran coma o can e o gato) e, claro, a súa nugalla era a culpable de que abusase del. Se che fai xeito, quítame aquí estas pallas...

               Café Oren Express da Valenzá. Domingo, 3 de xaneiro de 2016

domingo, 3 de enero de 2016

RADIANDO O QUE PASA


              Chove. Hai fútbol pola televisión. Escribo. Estou completamente só na cafetaría. Nin está a camareira, que está metida na cociña. A través dos cristais vexo como pasan os coches pola rúa. A boas velocidades. Normal que haxa atropelos. Entre o descoidados que somos uns e regotados os outros, logo pasa o que pasa. Non temos ningún respecto polo ser humano. Ningún.
              Chove. Vai aire. Xa anunciaban temporal. Aquí non estamos na costa. Pero, quéirase que non, os restos dos naufraxios sempre chegan. Unha parella de mulleres senta na terraza. A ver!, o día non está para terrazas; pero o vicio é moito. O do tabaco, claro. O de fumar, por suposto. Entrou unha das rapazas. Para pedir uns cafés. A camareira non as vira porque seguía na cociña. Ía avisala eu pero xa vin entrar á rapaza e calei. En boca cerrada non entran moscas.
              Chove. Descanso no partido que televisan. Sen ambiente nas beirarrúas. Normal; coa tarde que está. De cando en vez é bo radiar o que pasa ó meu arredor. Radiei. Punto final.


              Café Oren Express da Valenzá. Domingo, 3 de xaneiro de 2016

viernes, 1 de enero de 2016

PALABRAS CON SIGNIFICADO NEGATIVO


Semella que hai por aí institucións que se dedican a buscar a palabra máis significativa de todo o ano que se foi. Neste 2015 que acabamos de deixar xa para o recordo, a campioa, logo da enquisa que se lle realizou a unhas 1.700 persoas, foi a palabra “Refuxiado”. A verdade é que tal adxectivo estivo moi de moda. Porque entraron na Unión Europea un millón ou máis de refuxiados fuxindo dos conflitos bélicos. É unha pena que tal podio sexa para unha acción tan negativa. Pero tamén, así a bote pronto, sei dalgunhas palabras que están continuamente na boca de todos e, así mesmo, cun significado negativo. As tres das que vou falar rematan en “ón”: emigración, subvención e corrupción.
Emigración: quizais a maior e peor desgraza dun país. Cando hai que emigrar… malo! Algo non funciona. A xente non se larga ós países estranxeiros pola aventura. Como se adoita dicir, vaise por necesidade. Subvención: outra que tal. Moi semellante á anterior. Cando hai que subvencionar algo é porque o paisano non consegue subsistir. Penso nos gandeiros. Recoñezo que, hoxe, sen as subvencións non saen adiante. Chega con dicir que os animais que venden teñen o mesmo valor que tiñan máis ou menos nos anos 60 e 70, que xa é dicir. E os produtos que mercan… non quedaron estancados, non. Cada ano soben algo máis. Corrupción: que máis dicir. Nada. O mellor é quedar en silencio, seguir comportándonos como pombos e asumir que temos unha xustiza rañicas, de pacotilla.


Café O Chicote da Valenzá. Xoves, 31 de decembro de 2015