lunes, 8 de febrero de 2016

O DÚO QUE NOS ENSINA A RIR



               Todos ó nacer asomamos chorando, polo que ó longo da nosa vida necesitamos aprender a rir. Se non sabemos, hai un dúo que nos ensina. Menos mal que eu xa sabía rir, porque creo que son de risa fácil; pero se non soubese, seguro que escachaba igual vendo a Mofa e Befa, ou o que é o mesmo, a Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. A palabra escachar incluso se queda curta; eu máis ben diría chorar. Porque non me importa confesar que o día 4 de decembro, cando os vin actuar, máis dunha vez chorei coa risa.
               Representaban a obra “Cociña Económica”, na que se recrea un estudio de televisión no que se está gravando un programa de cociña. Realizan pratos de cociña tradicional e internacional utilizando, faltaría máis, refugallos extraídos de colectores, xa que o lema do programa é “Todo se come. Nada se tira”. O presentador, Mofa, conta cun invitado especial, o tío Reveriano, quen preparará unha receita caribeña cos ingredientes que trae nunha bolsa de lixo.
               Non obstante, antes dese preparado especial da cociña tradicional, hai uns sketchs nos que foi onde realmente me partín de risa. Versaban en elaborar unhas receitas coas vogais do abecedario. Semella unha trapallada, verdade? Pois hai que ter bemoles para falar durante uns longos minutos dunha receita e da súa propia preparación usando tan só, por exemplo, a vogal “e”. En cada palabra que usaban non existía ningunha outra vogal. E, ollo ó dato!, tanto Evaristo como Víctor falaban á velocidade da luz. Sempre usando unha soa vogal! Si, pódese dicir que son actores e que teñen a memoria acostumada a recitar textos. Pero hai textos e textos. Os de Mofa e Befa semellaban moitas veces auténticas trabalinguas, e con tan só unha vogal!
               Nos sketchs das vogais “e” e “o” escachei coa risa. Pero foi ó cuspir receitas coa vogal “a” cando pensei que me partía e cando os ollos se me encheron de orballo. Non me sae da cabeza a palabra machaca!, machaca!, machaca!; e a imaxe de Víctor Mosqueira dálle que dálle á palma da súa man esquerda.
               Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira formaron o dúo Mofa e Befa no decembro de 1992, hai 23 anos, e desde aquela traballaron en multitude de espectáculos humorísticos, chegando incluso a rodar unha curtametraxe muda en 1995: “Mofa e Befa en Gran liquidación”, dirixidos por Jorge Coira. Ó mesmo tempo, tanto xuntos como por separado, compaxinan os seus espectáculos con outros proxectos televisivos, desde series galegas como “Mareas vivas” ata cruzar o Padornelo para participar en series de, principalmente, Antena 3.
Evaristo Calvo Valcárcel, coruñés nado en 1961, tamén cofundou varias compañías de teatro e participa en guións para a televisión. José Víctor Lorenzo Mosqueira, que naceu en Corme (Ponteceso) o 9 de abril de 1962, rodou así mesmo longametraxes co citado Jorge Coira, con Patricia Ferreira e co alemán Hannes Stöhr en “Galatasaray-Dépor”.
               Agora tan só queda esperar que, como Mofa e Befa, asomen de novo por algún escenario da contorna para ir correndiño a escachar ou chorar coa risa. Sóame de que van actuar no Barco o 4 de marzo e na Rúa o 27 do mesmo mes. Se queredes aprender a rir, non os perdades. Seguro que rides!

               Café O Chicote da Valenzá. Domingo, 13 de decembro de 2015

Publicado en La Región o venres, 05-02-2016

viernes, 5 de febrero de 2016

PASEÍÑO SEMANAL


Non entendo cómo pode ser noticia que o concello de Ferrol retirará o busto do rei Juan Carlos I da fachada do edificio consistorial. Aínda está aí! Xa non é rei. Non ten porque lucir aí nin en ningún lado. É máis, non lle chegaba cun simple cadro, non; imaxino que será toda unha pedra da fachada… que non se quita así como así e que haberá que colocar outra, con gastos a cargo das arcas municipais, ou sexa, do paisano de a pé.
Seguen os atropelos á orde do día. Desgraciadamente. E non só na cidade das Burgas, senón incluso fóra da provincia. Os de fóra das cidades case sempre son por despiste do peón; porque cruza por onde non debe. E despois, a moitos, principalmente á xente maior, trabállalles máis a cabeza có corpo. Ven un coche ó lonxe e a cabeza dilles que lles dá tempo. Pero as pernas, ai as pernas! Certo, aínda así, se andásemos máis a modiño moitos atropelos evitaríanse, incluso eses nos que non hai culpa.
Segue a corrupción (cando se foi?) do Partido Popular. E por esta vez non estou alucinado por iso, senón polo parvos que somos: aínda é o partido máis votado! Falando claro; que nos gusta que nos dean polo detrás. Porque nos están dando. E ben. Todos os días asoma unha nova sobre as súas falcatruadas.
Acabou o soño copeiro do Celtiña. Penso que nin unha milagre o salvará. Pero aínda así, fóra deses fallos defensivos ocasionais, sigo gozando do seu fútbol. Que siga xogando así aínda que perda algúns partidos. Ale, remato o paseíño semanal.

Café Pela 6 do Campus Universitario de Ourense.

Venres, 5 de febreiro de 2016

ENTRE O AVE E O EXPRESO



               É certo que o tempo pasa e todo cambia.. O primeiro AVE da nova liña a Madrid emprega tan só catro horas e 28 minutos no seu percorrido. Ai Deus!, aínda lembro os días nos que me levaba nove horas chegar a Madrid desde o meu Baños de Molgas. Nove horas! Case medio día. Collía o expreso das 12 da noite e chegaba á estación de Príncipe Pío ás nove da mañá. Xa ía dereito para o traballo. Moito peor cando era ó revés, de Madrid a Baños de Molgas, que saía ás oito ou oito e media para chegar á miña casiña ás cinco ou cinco e pico, e coller a gadaña para ir dereitiño a segar a herba ó Río Vello, por exemplo. Non era sempre, pero si moitas veces; xa que se non era a sega da herba era outra labor. E ir segar ou traballar logo da animalada das nove horas naqueles trens que ou te asabas ou te conxelabas ou te tirabas medio camiño ou máis de pé porque ía a tope; digo que ir segar logo diso fundía a calquera na desolación e, por suposto, nunha canseira enorme sen aínda tirar tan sequera da gadaña. Hoxe, se pillo o AVE, non sei, pero ata penso que iría asubiando para segar a parcela do Medo. Claro que hoxe, nin viaxo no AVE (prefiro o coche) nin sego os lameiros. Si, o tempo pasa e todo cambia.

               Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Martes, 2 de febreiro de 2016

jueves, 4 de febrero de 2016

A EVOLUCIÓN URBANA DE OURENSE




               Non hai nin media hora que a vin, e xa me poño a elo, a falar dela. Porque me gustou de raio. A exposición Alicerces. Sobre a evolución urbana de Ourense do século XVI ó XX. Entras na sala de Afundación, na Praza Maior, e xa se nota que entras noutra época. Inmensas fotos nas que alucinas como era Ourense en séculos pasados. Non sei..., chamoume a atención a que amosa o convento de Santo Domingo, hoxe a Delegación de Facenda. E a estación do ferrocarril de Canedo, moi preto da actual do Empalme. Vense pezas expostas por toda a sala e uns planos en imaxes virtuais que mostran o rueiro, cos seus principais monumentos ou puntos de referencia, e a evolución do casco vello, é dicir, da cidade. Ves como século a século ía medrando. En vitrinas amósanse bandos, ordenanzas, avisos, algúns incluso simpáticos. O Campo da Feira estaba no que hoxe é a Praza Maior. Pero é no século XIX cando se producen as transformacións máis importantes, cando se deixa atrás a estrutura medieval e créanse novas áreas de expansión e empezan a regularizarse as rúas. Ourense medra e acaba de abrirse por completo ante a chegada do ferrocarril. Fermosa e moi interesante exposición.

               Café Bran de Ourense. Luns, 1 de febreiro de 2016

miércoles, 3 de febrero de 2016

ACTUANDO A CEGAS



               Baile sexy na pantalla da televisión. Nubes negras no ceo. Coches que pasan correndo. (É que hai outros que están parados, aparcados) Así entendémonos. Xente que entra. Xente que sae. Outro vídeo musical. Un cantante tocando o piano sobre un terreo seco, agreste. Unha señora que pasa pola beirarrúa. Un móbil que soa. Unha perna que treme. A miña. A dereita. Porque a esquerda cabalga sobre aquela. E os nervios, ou o ritmo da música, ou porque si faina tremer. Tamén a Xoel lle tremen moito cando vai no coche. Sempre penso que lle me pasa algo ó vehículo ata que caio na conta de que é o rapaz que non está quieto un carallo. Unha moto que funga. O silencio dun instante. O ruído que xa volve. O relato que avanza. Ninguén debería ter dereito cuspir cara á arriba. Imaxinade onde vai parar o esgarro, o  esputo. Pero hai xente que non pensa nas consecuencias. Ás veces, ou quizais moitas veces, actuamos a cegas. Un microbús que pasa, lentamente. “Así empeza o malo”, de Javier Marías, disposto a entreterme o resto da tarde e parte da noite. Depende. De que depende? Das actividades dos rapaces. De se van ou non van. Se van, leo ou escribo. Se non van, entón si que leo. Na cama ou pateando pola cociña. Remato. Marcho. Adeus.

               Café Oren Express da Valenzá. Luns, 1 de febreiro de 2016

martes, 2 de febrero de 2016

MOITO MELLOR SÓ



 
               Eu son do parecer do alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, que defende que o BNG vaia só ás eleccións autonómicas. Andando faise camiño. Os de fóra sempre poñen atrancos. Por iso “paso” moitas veces de chamarlle ou escribir PPdeG ou PSOEdeG, xa que, nestes, quen realmente manda son os de Madrid. E ante os de fóra non fai falta ser moi listos para saber que Galicia non conta para nada. Non contou para os propios galegos (Franco, Fraga, Rajoy, Feijóo), imaxinade para os foráneos. Ademais, sóubose sempre: a convivencia entre moitos é moi complicada. Caro custa entenderse entre dous...
               O BNG, aínda que lle custe, debería camiñar só. Nas autonómicas e en todas as demais. Non creo que caia xa máis abaixo. Se se fan ben as cousas tan só queda empezar a subir. Estou seguro que, aínda que sexa lentamente, subirá. Porque ten que subir. Porque andando faise o camiño. Porque creo que é o único que representa mellor ós galegos. Polo menos vexo que son os que máis traballan; tanto na Xunta como na capital do Imperio. E, faltaría máis, sempre defenderei ós máis perseguidos, ós máis atacados, ós máis pequenos.

               Café Oren Express da Valenzá. Luns, 1 de febreiro de 2016