jueves, 10 de marzo de 2016

MILES DE MILLÓNS DE ANOS





               Sigo alucinado coas novas que se producen sobre o espazo. Agora resulta que o sol pasará ó mundo dos recordos dentro de non sei cantos miles de millóns de anos. Polo menos, uns cinco mil. É dicir, á volta da esquina. Teño que coidarme. Quero chegar a ver o acontecemento. Quero ver se rebenta, se se extingue, se se acocha detrás de algo ou se acaba de arder por completo. Sinceramente, gustaríame velo. A ver se eu durara tanto. Desde mañá mesmo empezo a buscar un antídoto que me faga louzán, garboso, gallardo, garrido e eterno. E, tranquilos, seguro que non morrerei tampouco logo de que rebente o sol. Para eses miles de millóns de anos xa haberá algo que supla ó sol. Seguro! Ó mellor chega con almacenar unha ducia de lóstregos. Ó mellor sacamos luz dunha simple pinga de auga ou da puntiña dunha estrela; se é que esta aínda non morreu. As estrelas tamén morren. O sol (que é unha estrela), xa dixen que morrería. Tan só eu espero, confío e desexo ser eterno. Si, non sei se non esaxeraría algo. Son moitos miles de millóns de anos. Pero, vai ti saber; ó mellor dentro de 100 anos (non estaremos todos calvos, non) xa se curan todas as enfermidades. Todas incluída a da vellez. Esta é a que máis amola. Pero, eu, seguro que chego alá. A ver rebentar o sol.

               Café Oren Express da Valenzá. Mércores, 9 de marzo de 2016

martes, 8 de marzo de 2016

NOITE E DÍA



 
               Noite no verso escrito dun poema sen alma. Día na pegada dun camiño que non leva a ningún lado. Que máis dá beber da nostalxia se ningún recordo emborracha! Aínda que hai recordos que te tomban, que te derruban. E soños que quedan en soños. Ouleo de lobo que se espalla por entre as carballeiras de calquera monte.
Pensamentos que acougan no niño da memoria. Verso na almofada dun soño. Canción para os contrabandistas do amor. Oxalá todas as reviravoltas dos camiños leven o escrito á consecución dun premio! Pero quen quere lucir unha gravata no escenario da melancolía? Noite na escuridade dunha páxina en branco. Día na pantalla sen película e no ronsel dunha estrela que non brilla. Noite e día. Día e noite. Só o tempo deixa pegadas azuis nun caderno cuadriculado. Silencio na exhalación dun suspiro. Ruído no latexo dun instante. Non todos os momentos teñen os seus silencios nin todas as accións os seus ruídos. Ninguén sabe o que vai pasar entre as rimas do poema. Cando todos sabemos que hai poemas que non teñen rima. Quizais a rula voe cara á poesía dun libro que está por escribir. Pénsase pola noite e escríbese polo día.

               Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Luns, 7 de marzo de 2016

lunes, 7 de marzo de 2016

A HISTORIA DE XENTE SEN HISTORIA





               Nunca te deitarás sen saber unha cousa máis. Iso din. E con razón. Se alguén, nunha conversa de bar, por exemplo, saca o tema dos escravos, ale, a memoria lánzase ás imaxes da serie televisiva “Raíces”, onde Kunta Kinte, pobriño, as pasaba apertadas. E fóra da imaxe televisiva do ano 1979, a escravitude é o mesmo que dicir “negro africano no país dos ianquis”. Quizais outra imaxe sexa a dos barcos transportando (a quen?)... ós negros africanos sucando o Atlántico camiño de Estados Unidos ou Inglaterra.
               Pero nunca te deitarás sen saber unha cousa máis. E quen nola fai saber é a escritora luguesa Elisa Vázquez de Gey, que cando presentou o seu libro “Unha casa en Amargura” na cidade das Burgas soltounos a gran bomba do día: que tamén houbo escravos galegos! Escravos galegos! E non no país da escravitude, se é que se pode opinar así dos Estados Unidos daqueles tempos, senón en Cuba! Deixounos un pouco abraiados. Aínda que o gran golpe chegaría cando nos contou que un dos grandes artífices da escravitude galega en Cuba foi un deputado a Cortes pola provincia de Ourense, máis en concreto de Viana do Bolo, Urbano Feijoo Sotomayor. Prometíalle ós ourensáns, ós galegos o santo e máis a esmola naquelas terras do Caribe e despois, xa alá, vendíaos ós grandes colonos cubanos.
               Elisa Vázquez asomou na libraría Eixo co obxectivo de presentar a novela, pero emocionouse tanto co tema que empezou a darnos toda unha clase de investigación e de anécdotas que se vía a leguas (tantas como pode haber ata Cuba) que gozaba explicando esas situacións. E nós, de pampos, coa boca aberta, porque vías que en cada historia había outra historia dentro. Era como esas caixiñas de monecas rusas.
               É moi fácil escribir sobre xente coñecida, xente que, por pouco que preguntes, aflora ás páxinas brancas dun caderno. Pero escribir a historia de xente sen historia é complicadísimo. Que historia podían ter uns pobres labregos que se lanzaban a buscar fortuna e que, para máis aquel, o único que atopaban era máis escravitude. Xente sen historia da que saíu unha trama moi ben construída. Retrata con mestría a vida dos escravos nas casas de familias crioulas habaneras e, por suposto, a súa loita pola liberdade. Marabilloso libro.

               Elisa Vázquez de Grey naceu en Lugo en 1955 e xa era coñecida por ser a autora da única biografía autorizada sobre o personaxe da Princesa de Kapurthala, Anita Delgado. Estudou Filoloxía na Universidade de Santiago de Compostela e desde 1984 mestura as súas actividades entre a docencia e a creación literaria. Empezou como case empezamos todos ós que nos gusta escribir: coa poesía, da que lle saíron tres libros: “Versos sen rímmel” (1984), “Queimar as meigas: Galicia 50 anos de poesía escrita por mulleres” (1988) e “Atentamente súa” (1994). Pero axiña colleu os camiños das biografías, con “Anita Delgado, Maharaní de Kapurthala” (1998) e “A Princesa de Kapurthala” (2008) e das novelas históricas, con “O soño da Maharaní” (2005) e esta “Unha casa en Amargura”, que é a causante desta reportaxe.
               Sinceramente, o de escribir  biografías e novela histórica ten o seu mérito; pois unha novela de, chamémoslle, ficción pode ser fácil escribila; inventas e punto. Pero a novela histórica é outro cantar. Si, podes facer ficción con ela, pero dentro dunha marxe. Outra explicación mellor: a novela de ficción, se queres, pódela escribir en meses ou incluso días, pero a histórica... a histórica xa precisas meses só de preparación. Ou anos. A autora vese que as prepara a conciencia.

               Café Oren Express da Valenzá. Luns, 18 de xaneiro de 2016

Publicado en La Región o venres, 04-03-2016

domingo, 6 de marzo de 2016

COMO UN SOÑO EN LIBERDADE



              Non podo. Non podo estar cerca dunha biblioteca. Cando levei a un rapaz ó adestramento de baloncesto no pavillón dos Remedios, polo camiño, no coche, solteille todo un monólogo de que non, de que hoxe non pasaría pola biblioteca porque aínda tiña dous libros para ler, e se collo outros, pois o típico: os prazos bótanseme enriba para a súa devolución. E non fun. Durante case unha hora. Porque aínda non transcorrera unha hora cando me dixen que vale, que unha ollada non me facía mal ningún, ou que vale, que aínda que collera un tampouco era gran cousa. E fun. Empecei a fochicar e a consultar unha listiña que teño comigo. No estante das novidades non había ningún da lista. É igual… xa que fun. Pero non pillei un, nin dous… foron tres! Un deles de 700 páxinas. Viva o monólogo que lle soltei a Xoel! Non vou. Teño para ler. Xa irei outro día. Predícame cura, predícame frade. Non podo evitalo! É superior ás miñas forzas! Un libro é algo máis que unhas páxinas escritas. É como cando se ilumina a pantalla dun cine. Un libro é como un soño en liberdade. Agora toca soñar a marchas forzadas porque os prazos están aí. Pero soñar é tan bonito! Por certo, vou soñar.


              Café Pabellón de Ourense. Venres, 4 de marzo de 2016

sábado, 5 de marzo de 2016

TAN HIPÓCRITAS COMA SEMPRE


Hipócritas.Seguen os medios de comunicación sendo tan hipócritas coma sempre. Igual que a maioría dos seres humanos. Tanto loitar contra a discriminación racial, e somos máis racistas que nunca. Tanto baduar pola intolerancia cara os homosexuais, e a prensa dálle que dálle ó bico de Pablo Iglesias e Xavi Domènech. Hipócritas. Farsantes. Tan hipócritas coma sempre. En Rusia é costume. Aquí son maricóns. Artigos de opinión a favor da liberdade sexual ou en contra dos ataques á mesma, para, agora, non falar doutra cousa que o bico entre dous homes, con foto incluída, “que deixou pampo ó resto dos deputados”. Que asco de xente, carallo, que asco! Que asco de xornais! Mañá aparecerán dúas ou tres páxinas cunha reportaxe sobre a discriminación á que se vén sometidos certos colectivos de rango sexual, por exemplo. Poñeranse como unha brasa: que se un país inculto, que se un país terceiromundista, que se a liberdade sexual, que tumba e que dálle. Emporiso, despois, racharanse as vestiduras ante un bico inocente, ou emocionante, ou amigable, ou incluso aloumiñeiro. Canta hipocrisía xunta!
Aviso para navegantes. Eses que tanto barallan, que tanto latrican contra os funcionarios, aí teñen a súa ocasión: A Xunta seica convocará unhas 3.000 prazas. Así é que menos nugalla e a fincar os cóbados para presentarse en Silleda.
Entoo o mea culpa. Porque cando o xoves faltou a luz en Maceda empecei a soltar pestes contra uns e outros (normal; non hai mes no que non nos quedemos uns minutos ou uns segundos sen luz; e ás veces chegan uns segundos para mandarche todo á aquel sitio). Mais resulta que os causantes do apagamento foron as cegoñas. Contra estas non me meto. Son tan bonitas!


Café O Chicote da Valenzá. Xoves, 3 de marzo de 2016

miércoles, 2 de marzo de 2016

UNHA LEIRA BEN ARADA


              Non quero andar para atrás. Creo que ninguén quere andar para atrás. A vida é algo máis que un paso adiante. Tamén é certo que a vida, ás veces, non lle queda outra que quedarse quieta. Temos que aprender a movernos. Polos camiños dereitos e sen buracos. Sempre aparecerá alguén que che poña atrancos. Non quero andar para atrás. Tampouco quero desprazarme de lado. Non son un cangrexo. Son un home que intenta arar dereito e sen curvas ó final dos regos. Aínda que xa sabemos que, a vida, é como unha semente: que se non a abonamos, se non a regamos non medra. Quero que o meu saber medre, que a miña experiencia asente os actos que me arrodean ou que levo a cabo. Cada un é como é. Ou como me fan ser. Ou como me deixan ser. Depende de quen me mire, de quen fale. Pero para ben ou para mal, sempre tirarei para adiante. Non quero andar para atrás. Ninguén quere andar para atrás. Creo que, aínda que algunha vez teño que dar un paso para atrás, fareino mirando cara adiante. Seguro que vexo o rego dereito. Porque a vida ten que ser unha leira ben arada. Quero que sexa unha leira ben arada.

              Café Paseo de Ramoleox da Valenzá.

              Mércores, 2 de marzo de 2016

martes, 1 de marzo de 2016

GARDAR DAS RISAS PARA AS CHORAS


 
               Raúl Consejero, o fillo de Sacristán de Aldea, gardaba das risas para as choras. Era tan previsor que non saía da casa sen lle dar antes tres ou catro voltas, para saber se todo quedaba no seu sitio. E non digamos xa cando chegaba ós petos do pantalón. As chaves aquí, a carteira deste lado, o pano das mans no dereito, os anteollos no da chaqueta. Logo de todas as previsións habidas e por haber, saía da casa. Pero saía tamén con todo previsto. Sabía de antemán por que beirarrúa pasearía e os lugares exactos nos que se detería. E xa podía cruzarse no camiño co seu mellor amigo que, el, “falamos naquel banco”. Naquel banco tiña que ser. Non no que estaba ó lado. Naquel, e punto. Aínda que no que máis previsor era, xa sabedes en que... nos cartos. Faltaría máis! Non gastaba un céntimo a maiores porque, como dicía el: “tes que gardar das risas para as choras”. E vaia se gardaba! Antes de gastar ese céntimo de máis, miraba e remiraba, regateaba ata que aburría ó dependente. Cos prezos xustos aínda lle buscaba as pulgas a quen fose. O caso é que lle confesaba a verdade a quen o quixera oír: “Tes que gardar das risas para as choras”. Ó mesmo tempo ensinaba o seu sorriso ó que lle faltaban dous dentes.

               Café O Pabellón de Ourense. Luns, 29 de febreiro de 2016