miércoles, 13 de abril de 2016

A NUBE PARVA


               Aí vén. O que? A auga. Quere chover, aínda que ó lonxe asoma o sol. É unha nube parva que quedou solta por aí. As nubes parvas adoitan deixar caer auga. Para molestar á parroquia. De aí que sexan parvas. As nubes listas ou boas son as de cor branco. Branca. Radiante. Inmaculada. A nube, non a noiva.
               Aí vén. O que? O vídeo musical. Un grupo asoma pola televisión e fai bailar un micrófono. O cantante; pois o batería fai bailar os pratos e o guitarrista a guitarra. Antonio Machín facía bailar as maracas. Ai as maracas de Machín! A acción do vídeo transcorre nunha praia. Nunha praia pequena. Máis ou menos a vulto, aseguro que non é a de Carnota. Vaiche boa! Cos seus sete quilómetros. Ou máis. Vai ti saber.
               Aí vén. O que? O sol. Xa dicía eu que asomaba ó lonxe. Xa está aquí. Porque a nube parva marchou. Ou morreu. Es as pingas de auga xa hai tempo que secaron sobre a beirarrúa e a rúa. Lembrade que hai rúa e beirarrúa. Lembrade que dicía que quería chover. O que significa que, brillando agora mesmo o sol, foron catro gotiñas que caeron dunha nube parva que xa liscou. Ou que xa se desfixo. Ou que xa morreu.

               Café Oren Express da Valenzá. Martes, 12 de abril de 2016

sábado, 9 de abril de 2016

QUE PAGUEN OS POMBOS, QUE VIVAN OS LISTOS


Papeis de Panamá. Paraísos fiscais. E os pobres desgraciados traballando para que, despois, Facenda te mire con cen ollos; e coidadño con que torzas o rego. Ía dicir catro listos, pero son miles os que, para máis aquel, se rin de nós, pois a maiores de ganar cartos a esgalla, sácanos de aquí para non tributar. E seguro que, logo, son os que máis protestan porque o país non ten nada de nada. Facenda somos todos. É un dicir. Facenda somos catro pombos para que miles de monos vivan á nosa conta. Miles porque se está vendo que non se salva ninguén.
Sempre intentei separar as actividades das persoas coas súas personalidades. Defendo o traballo de Charlton Heston ante a presidencia ou colaboración da Asociación do Rifle. Defendo o xogo de tal xogador ante as palabras ou feitos que se saen do normal. Pero cando nos tocan a economía, o suor da nosa fronte é moi difícil ás veces seguir defendéndoos. Lembro o detalle do humorista Pedro Ruiz que se mofaba de que, se podía, defraudaba a Facenda, ou a Lola Flores pedíndolle unha peseta a todos os españois para poderlle pagar ó organismo económico unha multa por evasión de impostos. É que aínda por encima, rinse de nós. Non podo mirar hoxe de igual maneira a todo un Nobel como Vargas Llosa ou a todo un crack como Messi ou o bo traballo interpretativo de Imanol Arias ou a ese inmenso Pedro Almodóvar, cando sei que lles estamos pagando hospitais, estradas, escolas… mentres eles acumulan cartos ou crean empresas falsas fóra do país. Que paguen os pombos e que vivan os listos. Así de simple. Así é. Así será.


Finca Fierro. Sábado, 9 de abril de 2016

viernes, 8 de abril de 2016

AS PRIMEIRAS ANDAINAS


 
               Seguen de moda as andainas. Acabo de realizar dúas. As dúas no mesmo lugar: A Costa da Gándara. Metro arriba, metro abaixo foron 10 quilómetros ou máis en cada unha. Xa é unha boa marcha, non si? A diferenza coas coñecidas, coas famosas é que nestas a camaradaría reina en todo o percorrido, porque a xente adoita ir en cuadrilla ou con veciños ou con amigos. Ás dúas que fun eu realiceinas só e, para máis aquel, cunha máquina de sulfatar ó lombo.
O que vén significando que, de camaradaría, nada de nada. E de carallada moito menos. Outro inconveniente a maiores: que na miña andaina, aínda que o terreo era chan, a terra das gabias estaba tan branda que me atugaba, o que dificultaba de raio a marcha. Pois ben, aínda así, os 10 quilómetros ou máis percorrinos en menos de tres horas. Aí inclúense, por suposto, as típicas paradas para encher a máquina cos 15 ou 17 litros de auga. Non obstante, os 10 quilómetros ou máis da segunda andaina, si me levaron as tres horas xustas, porque o líquido que cuspía a máquina tiña que abarcar máis terreo, máis espazo que o do día anterior. Máis dunha vez me invitaron a algunha camiñada desas coñecidas. Desisto, claro, porque eu xa teño a miña propia andaina. Acabo de empezar coas dúas primeiras. Es as que me quedan...

               Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 7 de abril de 2016

O CINE: A LAREIRA CON HISTORIAS



               Hai dous asuntos sobre os que non me amarga nada escribir: Baños de Molgas e o cine. De Baños de Molgas hai escritos por aí a moreas (e os que haberá) que amosan o meu amor, cariño e nostalxia polo lugar que me viu nacer e crecer. Do cine, basta con dicir que este xornal tenme reservada unha columna todos os sábados para que deixe caer críticas ou ruxerruxes sobre a sétima arte. E como afeccionado que son ó cine, eu xa coñecía a Ignacio Vilar, principalmente polo filme “Pradolongo”, que penso que foi o que realmente o deu a coñecer ó gran público. Logo xa, no ano 2012, rodou “Vilamor” e pasou pola Valenzá a presentala. Porque aquí hai que sinalar que cando empezas, e máis se é nunha cidade que está no cu do mundo (Galicia), non che queda outra que patear todo aquilo que che deixan trepar; desde bibliotecas ata baixos miserentos nos que poidas presentar a túa obra, sexa unha exposición de algo, unha obra de teatro, unha actuación musical ou unha película cinematográfica.

               E Ignacio Vilar é dos que pasean de carallo o camiño. Acaba de demostralo co bombazo de “A esmorga”. Bombazo que, penso, moito estivo niso, nese percorrer escuro e duro por toda a xeografía galega, española e incluso boa parte da forasteira. Se mesmo semellaba un acaparador de votos para unhas eleccións: de porta en porta. Ignacio Vilar presenta os seus filmes aquí e alá porque el ben sabe que no noso país se non es un ianqui cinematográfico telo negro.
               Pero grazas a este tesón, a este traballo que moi pouquiños ben (só vemos a butaca e a pantalla branca na que asoman imaxes que nos fan soñar espertos), hoxe, e grazas a Deus, Ignacio Vilar xa case ou sen case pode presumir de ser un director consagrado na cinematografía nacional. Creo que non esaxero se digo que hoxe é un dos mellores ou o mellor director de cine que ten a provincia de Ourense.
               Porque Ignacio Vilar naceu na aldea de Castrofolla, en Petín, no ano 1951 e por aqueles anos as aldeas eran as mellores escolas para un cativo. Bastaba con prestarlle un chisquiño de atención “ós máis vellos do lugar”, como se adoita dicir, para imprimir das súas parolas toda unha enciclopedia. E seica o noso protagonista lle prestaba realmente a atención. De aí a súa afección polas historias. E polas novelas. Descubriu “A esmorga” no colexio dos Maristas, o libro de Blanco Amor que tiñan moi pouquiños pais que traían de Arxentina, porque no noso país aínda estaba prohibido. Di que o libro o marcou. E tanto debeu facelo que aí está: gran homenaxe a que lle fixo rodando unha moi boa película moitos anos despois.
               Estudou cine en Barcelona e empezou como montador para ir pouco a pouco cara ó documental. No ano 2008 é cando se afasta do documental para rodar “Pradolongo” e catro anos máis tarde a xa citada “Vilamor”, a causante de que, na súa presentación, un servidor coñecera persoalmente a este director que xa lle está dando moitas alegría ó cine galego, feito en galego e para o mundo enteiro. Porque as imaxes ben rodadas vense igual en Baños de Molgas, en Petín ou ata na lúa inversa. Outra cousa é chegar alá, ó satélite. Estes ianquis...
               No 1991 fundou a produtora Vía Láctea Filmes e con ela anda a traballar no seu novo e, por agora, último proxecto: “Sicixia”, que ten como principal escenario a Costa da Morte e algunhas escenas en Sabucedo coa súa famosa Rapa das Bestas. O título provén dun termo de astronomía que nomea a posición na que os centros do sol, a terra e a lúa están en liña recta. Esperámola con ansia. Como el esperaba as historias que se contaban baixo as lareiras das casas.

               Café Oren Express da Valenzá. Luns, 22 de febreiro de 2016

Publicado en La Región o venres, 08-04-2016

lunes, 4 de abril de 2016

IMITANDO A FRED ASTAIRE E GINGER ROGERS



               Xa o dicía Rubén Blades naquela marabillosa canción titulada “Pedro Navaja”:  “la vida te da sorpresas, sorpresas te da la vida, ay, Dios!”. E tanto. Cando coñecín a Genibel Gutiérrez, aquela rapaza que levaba ós adestramentos de baloncesto ó seu fillo, toda coitadiña e calada, non me imaxinaba que, anos máis tarde, me lembraría o verso do cantante panameño. Porque non só na cancha do patio do colexio Filomena Dato me parecía unha moza reservada, senón que incluso véndoa na biblioteca máis tarde me daba aquela imaxe que, actualmente, me sorprende.
               Foi, unha vez máis, a rede social do feisbuq quen me descubriu a auténtica vocación de Genibel Gutiérrez. Neste punto xa a coñecía algo máis, tanto a ela como ó seu home Raúl Rodríguez Pereira, porque o seu rapaz pasou do Barbadás ó ABO, como lle pasou ós meus a causa da desaparición das categoría de base daquel club. E as esperas nos adestramentos máis os seguimentos dos partidos, quéirase que non, unían pouco a pouco unha amizade que empezaba, sen nos esquecer do “coleguismo” laboral: funcionarios. Que isto ata moito. A ver!, cando nos atacan tanto, intentamos facer piña, cubrirnos as costas.
               Aínda así seguía imaxinando a ese matrimonio dentro da normalidade de calquera matrimonio de clase media, é dicir, ela de funcionaria e el cun traballo laboral normal, do montón e, iso si, coma min e coma moitos, de marionetas cos rapaces dun lado para o outro. Foi no feisbuq onde o verso de Rubén Blades empezou a asomar por medio das fotos que subían, que colgaban nesa rede social: os dous bailando.

               Pois vaia novidade, vaia sorpresa que dá a vida! O normal é que a todos os mozos lles guste o baile. Claro que é normal. Pero as fotos non amosaban discotecas destas roqueiras nin concertos de xente desguedellada. As fotos dábanme a impresión de que eran bailes “de salón”. En cada unha que colgaban notaba máis e máis que se dedicaban a outros bailes que se saen un chisco desas idades. Craso erro o meu. Teño a imaxe de que os bailes de salón son para xente máis, chamémoslle, maior. A idade de Geni e Raúl non xunguía aí. Repito: erro meu.
               Vaia se xungue. Agora sei que non son os únicos. Agora sei que esta parella anda de salón en salón imitando a Fred Astaire e Ginger Rogers. E están intentando probar todas as categorías ou modalidades dos bailes afrolatinos, desde a salsa ata o bachata e pasando polo kizomba. Tampouco andan con mixiricadas ante o merengue e o chachachá, nin lle poñen mala cara ó semba e ó zouk. Segundo confesión propia, ó que mellor lle dan é ó kizomba, un ritmo orixinario de Angola.
               O Fred Astaire e a Ginger Rogers ourensáns colleron tan a peito esta afección bailadeira que xa case se esquecen por completo dos partidos de baloncesto do seu fillo. Porque mentres este xoga, os condenados, estanlle dando ó esqueleto (pero, iso si, coa elegancia deses ritmos) por esas pistas de baile espalladas por toda a xeografía galega. Porque pouco a pouco empezan a participar en concursos e en esparexer esa forma de vida que, me parece ben, vai máis alá da dun matrimonio sedentario. Para un servidor, sorpresa agradable e confianza no bo facer e na imitación de Fred Astaire e Ginger Rogers, aquela parella cinematográfica realmente espectacular. Como Geni Gutiérrez e Raúl Rodríguez.

               Café Oren Express da Valenzá. Venres, 12 de febreiro de 2016

Publicado en La Región o venres, 01-04-2016

domingo, 3 de abril de 2016

QUE O DÍA TEÑA MÁIS HORAS


              Imos alá. A escribir. Sobre o que sexa. Porque levo tempo sen facelo. Á veces non hai tempo. E por moito que digan que os funcionarios temos todo o tempo do mundo… para tomar café, para ler os xornais. Hai algúns que é verdade, que o teñen. Adoito escribir polas tardes. Adoito facelo mentres os rapaces adestran ó baloncesto. Pero levo tardes que, por circunstancias, non os acompaño e non podo escribir. Nin tan sequera ler. Aínda será peor cando empece a viña a volverme viticultor. Necesito polo menos que o día teña unhas 30 horas. Ó mellor é porque tamén quero abarcar demasiado (quen moito abarca, pouco aperta). Eu que sei! Con actividades que non é que me leven moito de comer á boca, pero é que son tan bonitas, pásoo tan ben. Ler, escribir, ver películas.
Cambiaba o traballo da viña por calquera desas tres. Vaiche boa! Por exemplo, agora mesmo estou a pasalo ben. E cando remate seguirei a pasalo ben, porque lerei un pouco antes de levar a Alán a xogar un partido de baloncesto. É domingo. Pola mañá xogou Xoel. Agora tócalle ó outro. Medio día case metido no mesmo pavillón. Que o día teña máis horas, por favor.

              Cafetaría Oren Express da Valenzá. Domingo, 3 de abril de 2016

viernes, 1 de abril de 2016

NON HAI COMPARACIÓN!


Home rico, home pobre. Branco, negro. California, corno de África. Anverso, reverso. Ateo, relixioso. Paio, xitano. Bruxelas, Paquistán. Aquí quería eu chegar! Non é o mesmo un atentado en Bruxelas que un atentado en Paquistán. Non é o mesmo uns mortos europeos que uns mortos do Oriente Medio (para que rime). Aínda que as bombas ou as balas fagan o mesmo dano, o tal dano non é igual nun lugar como no outro. Vaiche boa! Días e días os medios de comunicación dálle que dálle con páxinas e máis páxinas sobre o atentado de Bruxelas, mentres o atentado de Paquistán ocupaba un recantiño de nada. Certo, o primeiro día, ó mellor, ata chegou a encher unha folla, unha páxina enteira… pero por catro ou media ducia do de Bruxelas. Neste ata chegamos a saber das vidas e das obras dalgúns falecidos. Sobre as xentes de Paquistán, pobres infelices!, a quen se lles ocorre pertencer a eses países, se mesmo semellan uns salvaxes, que andan sempre a tiros. E mira como visten. E mira como oran. Como se, por exemplo, as procesións nosas de Semana Santa se destinguiran moito dos fanatismos, que se din, desas xentes.

Bruxelas, Paquistán. Tamén só se me ocorre a min comparalos. Os países. Os atentados. As xentes. As culturas. Chito, por Deus, mira que che gusta buscarlle tres pés ó gato. Que terá que ver a xente de Paquistán coa de Bruxelas. Pero ti non ves que sempre se están pelexando. Europeo, Oriente Medio. Capitalista, miserento. País civilizado, país inculto ou bárbaro ou salvaxe ou ignorante. Cala, oh, mira que es furafollas, cachafello.


Finca Fierro. Venres, 1 de abril de 2016