viernes, 13 de mayo de 2016

MATABA O TEMPO FACENDO COROZAS



               Moitos, ó longo de toda unha vida, e neses chamados “momentos libres”, dedicámonos a escribir, a ler, a coleccionar obxectos ou trapalladas, a correr, a visitar museos, a facer bricolaxe..., algúns incluso se dedican a ver cómo se asenta a nugalla nas súas vidas. E hai uns cantos que matan, que mataban o tempo facendo corozas. E non me refiro ás corozas das vacas (por certo, quedará hoxe algún lugar no que aínda lle poñan as corozas ás vacas?), senón a esas corozas que valen para vestir á xente. Pedro Quintas Rodríguez, o Pedro da Marina, era dos que se dedicaban a estas últimas.

               Nos seus momentos libres que lle deixaba o seu traballo nunha cerámica de Xunqueira de Espadanedo ou, máis tarde, cando realizaba diversas tarefas, principalmente, na construción, na albanelaría, ía polos lameiros adiante na procura de xuncos. Medio en broma medio en serio, aconsellaba que os xuncos se tiñan que cortar coa lúa chea de agosto (Dicir que as xuncas eran para as corozas das vacas). Logo, o Pedro da Marina metíase nun recanto que tiña no baixo da súa vivenda de Baños de Molgas e alí empezaba a manipular de tal maneira nos xuncos, que paso a paso, ás petadas entretecía eses xuncos de tal maneira que a auga da chuvia esvarase pola superficie sen calala, sen enchoupala. Lémbrese que, hai anos xa, os paraugas, ás veces, brillaban pola súa ausencia, ou mellor dito, pola ausencia de reais ou pesetas na vida dos máis modestos.

               Para facer as corozas, Pedro Quintas deixaba primeiro secar ben os xuncos e logo mazáballe as puntas ata que quedaran ben esfiañadas. Entón collía un a un e entretecíaos pola base deica facer un a xeito de lenzo ou cortina dun longo bastante para que lle dea a volta ó corpo dun home. Deste xeito facía varias que logo se unían unhas por debaixo das outras armándoas sobre cordas feitas tamén de xuncos entretecidos.

               Adoitaba confeccionalas en tres partes; unha exterior que cobre os ombreiros e chega ata a cintura, e dúas interiores que comezan desde os ombreiros e chegan ata os pés ou ata máis abaixo dos xeonllos. Na parte inferior das pernas púñanse as polainas. Despois xa, o paisano, e pola conta que lle tiña, puña unha boas chancas feitas de coiro e con sola de madeira. Para que o tal paisano non se mollase nadiña,  Pedro da Marina remataba a faena cunha carapucha feita en capas do mesmo material para cubrir a cabeza. E se chove que chova!

               Claro que, se a coroza se empapaba moito, tiña a dificultade do seu peso. Pero, que era ese peso para un labrego acostumado a apañar feixes de nabos ou sacos de patacas desde algún que outro quilómetro de distancia.

               Aínda que non era traballo dun día, nin de dous, nin de tres (lémbrese, nos momentos libres), Pedro Quintas axiña acumulou unhas cantas e axiña empezou a ter demanda delas. Mais xa se sabe o que acontece nas vilas pequenas, que regalou máis que vendeu. Algunhas desas corozas están hoxe espalladas por varios lugares da xeografía española e incluso estranxeira. Sei de polo menos unha que está en Suíza. Outra regaloulla a un sobriño político que este axiña a deu a coñecer por diversos lugares madrileños cando había algunha queimada polo medio. No momento de ler o famoso conxuro vestía todo orgulloso, todo estirado esa peza que se fixo coma quen non quere a cousa, pero, iso si, con todo o cariño dunhas mans que sabían moi ben o que facían. Hoxe, esa coroza colga no baixo dunha vivenda de Méntrida, en Toledo. Por certo, a ese sobriño, uns franceses seica lla intentaron mercar por moitos cartos. Naqueles tempos! Non a vendeu.



               Café Oren Express da Valenzá. Domingo, 13 de marzo de 2016



Publicado en La Región o venres, 13-05-2016

jueves, 12 de mayo de 2016

DOUS PAXAROS DUN TIRO


            Xa o dicía aquel... que o que anda para adiante non vai cara atrás. Para andar para atrás ten que dar a media volta e... andar cara adiante. Ten o seu aquel, ten. E Pancracio Restituto Solaris andaba sempre para adiante. Cando lle dicían que retrocedese, el, todo parsimonioso, daba a volta e tiraba para adiante. Nunca lle tivo medo a nada. Nin á súa muller, “que xa é dicir”, remataba el. Pancracio Restituto Solaris tiña 70 anos. Nin más nin menos. A proba é que estaba de aniversario.
Estaba a celebralo no bar de Restituto Sandiós Salado. O nome deste servía de broma para o apelido de Pancracio. Pero as bromas só eran ante o noso protagonista, pois Restituto Sandiós non era dos que aceptaban moita broma que digamos. Era bo home, pero o xustiño para unha parola seria e para poñer, iso si, o viño ou o café sobre a barra. Pancracio Restituto Solaris tamén se puña serio cando alguén quería satirizar o nome da súa dona: Edulcorada Suárez Salamino. A súa dona, e a pesar de que non lle tiña medo, era moi especial para el. Para iso levaba con ela xa 50 anos xustos. De aí que tamén estivese ela no bar de Restituto; para celebrar o aniversario del e o aniversarios deles. Dous paxaros dun tiro.


            Finca Fierro. Xoves, 13 de maio de 2016

martes, 10 de mayo de 2016

NO ESPELLO DO TEMPO


            Hai silencio no espazo cerrado dun salouco e un ruxerruxe de bágoas queda reflectido no espello do tempo. Alguén pensa que a vida vai máis alá dun soño. Ou dun conto. Mais a vida amosa todo un poema cos versos dun sentimento. Dun sentimento tan só. A vida é como un tema de jazz que soa baixo o abrigo dun codeso. Ou dun amieiro. Hai silencio no faiado dunha infancia e a ollada perdida dun recordo pasa a fronteira do tempo. Quen soña? Quen canta? Quen chora? Quen corre polos outeiros do monte Medo? Cada paso que se dá na dirección do vento é como un latexo que vai e vén polos delicados momentos.
A vida, ás veces, non é un conto. Nin tan sequera un chiscar de ollo. A vida é como a caspa de amargura que viaxa polo universo... chea de reviravoltas para acabar desfacéndose en silencio. Ou sen facer ruído. Quen puidera soñar. Quen puidera cantar. Quen puidera chorar. Soñan os que nunca pensaron. Cantan os que nunca bailaron. E choran os que nunca sentiron. Hai silencio na pinga dun orballo e a tristura dun verso cae sobre o papel branco dun sentimento que foi, que está, que será. Quen puidera adiviñar de que pé coxea o ritmo dun pestanexo.


            Finca Fierro. Martes, 10 de maio de 2016

lunes, 9 de mayo de 2016

POR VIXILANCIA ILÍCITA


            Ás veces é complicado dixerir, asimilar unha noticia que, segundo o seu titular, ves que é esperpéntica á forza. Resulta que absolveron a uns narcotraficantes por vixilancia “ilícita” da policía. A ilegalidade seica estivo porque os axentes usaron uns prismáticos sen ningunha autorización.
Moi ben, vale, pero imaxinade agora a mesma situación cun obxectivo distinto: un asasinato. Se os axentes contemplaran un asasinato desa maneira, como actuaría a xustiza? Tamén deixarían libre ó asasino ou asasinos? Sería tamén a culpa dos prismáticos? Perdón, da autorización? Non sei vós, pero a min isto cabréame moito. Nunca asimilarei a realidade do que se fai co detalle da intención. Non quería facer aquilo, perdoámoslle o asunto, pero o caso é que o fixo. Así de simple. Que máis dá que alguén roube cunha luva branca ou cun guante negro. O caso é que roubou. Por iso é que moitas veces tamén penso que hai xuíces que non son dignos do cargo que ostentan, do que deberían de representar; o de impartir xustiza. Matou a unha persoa co coche, porque cando ía coller a moto, esta estaba pinchada e, claro, que culpa tiña o pobre, se toda a culpa é da moto.


            Finca Fierro. Luns, 9 de maio de 2016

viernes, 6 de mayo de 2016

POR PROBLEMAS DE ATENCIÓN


            É complicado analizar calquera noticia das acaecidas a semana pasada. Porque non se pode analizar o que non se le. Ou o que practicamente non se le. É certo que ningún día me deito sen ler dous ou tres periódicos. Pero tamén é verdade que esta semana pasada, os que lin, foi coma se non os lera. Incluso este que tedes nas mans (é o primeiriño que leo á moi primeirísima hora), cando o acabo, non sei moitas veces o que lin. Porque deste e doutros, esta semana, pasaron polos meus ollos tan só os titulares en letras moi grandes. E non por problemas coa vista (son capaz de lelos con lentes e sen eles), senón por problemas de atención.
Teño tanto traballo que ó ler o primeiro (La Región) estou pensando precisamente nese traballo, e ó ler os outros que caen nas miñas mans, a maioría das veces nin tan sequera consigo lerlle todas as páxinas; pois a pesar de ser funcionario, detéñome xusto o tempo necesario de tomar o café. (Para que despois se diga que os funcionarios, todos os funcionarios se dedican a ler os xornais e a botar tres horas tomando café). É certo que tiña as tardes. Pero tamén botei unha temporada que, por circunstancias da vida, nin estas. Así é que andei un pouco pobre, informativamente falando. Nas comidas e nas ceas, que é onde podes informarte de algo polos telexornais, non son dono nin señor da tele. No coche, camiño do traballo, entre sete e media e oito, escoito as novas, pero ás veces o tráfico cabréame moito e, claro, mando a atención a que vaia dar unha volta pola personalidade ou pola familia deses condutores que me rebentan. Outros tamén me porán a parir, pero.. Total, que non sei o que pasou no mundo. Aínda que, perdinme algo?


            Finca Fierro. Venres, 6 de maio de 2016

CONDUTOR DUNHA ESCOLA DE SOÑOS



               Vivimos nun país no que hai que ter bemoles para iniciar unha actividade cultural. Para iniciala e para levala a cabo durante anos xa. E nin tan sequera meto polo medio o tan famoso e maldito 21% do IVE. Auténtica atrocidade e sangría. Pois aínda así, hai xente que, con axudas ou sen axudas, lánzase ós ruedos, non como toureiros, senón como auténticos bois bravos. Que foi o que fixo Andrés Rodríguez Yáñez alá polo ano 1995. Agora mesmo non me sabe dicir se foi a alegría do nacemento da súa filla ou a tristura do falecemento do seu pai nun desgraciado accidente o que o motivou a formar un grupo de teatro. Ó mellor foi a mestura dos dous sentimentos.

               No colexio Santo Ángel do barrio do Couto da cidade das Burgas empezou a fraguar unha escola de teatro para persoas de todas as idades, sen excluír a ninguén, nin tan sequera non tendo dotes interpretativas e aceptando, por suposto, a persoas con discapacidade tanto física como psíquica. Para un servidor, un gran tanto ó seu favor, pois faime lembrar o club de baloncesto dos meus rapaces (o ABO), no que lle dan cabida a todo aquel que lle guste o mundo da canastra, saiba ou non poida xogar.

               Andrés colleu o asunto da escola tan a peito que axiña formou varios grupos: dous de introdución á arte dramática, un grupo infantil, outro grupo para adultos e, o máis serio, o máis profesional, o Caixadesastre. Este leva 11 anos xa, desde 2005, co que, pouco a pouco, paso a paso, representación tras representación empeza a acumular premios teatrais, tanto a nivel provincial como autonómico e incluso nacional. Aí é nada!

               Caixadesastre, hoxe en día, ten dúas obras circulando por aí: “Soños”, un drama que xira ó redor do secuestro dunha rapaza, mentres o seu noivo desespera pola súa ausencia. Está baseada nunha mítica canción de Pink Floyd: Wish You Were Here. Con esta obra acadou premios polas interpretacións e o Buero á mellor obra.

               O outro traballo que teñen sobre as táboas é “Soldados de chumbo”, polo que coñecín a Andrés, o día que presentou a obra na casa de cultura da Valenzá. Outro drama no que se mestura o maltrato de xénero, o maltrato e abusos infantís, a relixión, a homosexualidade, os celos e ata o asasinato.

               O dito: escola de teatro, varios grupos, pero o líder, o argalleiro, o condutor é Andrés Rodríguez Yáñez, nado en Loiro, Barbadás. Os estudos iniciounos na escola das Teixugueiras, en Cartelle, porque era onde a súa nai, mestra, daba clases. Ó rematar a escola quixeron amarralo no seminario, pero non lle debeu gustar nada o ambiente que fuxiu axiña para Os Milagres, outro de curas. Pero, que queredes que vos diga; todo o que sei hoxe é grazas a don Graciliano e ós curas dos Milagres. Así é que, outro tanto a favor de Andrés: que estudou onde eu me tirei toda a infancia e adolescencia. Aínda máis, unha veciña de Baños de Molgas é natural das Teixugueiras. Todo ata. E se hai teatro, ou sexa, cultura polo medio, aínda máis.

               Foi alí, nos Milagres (onde, se non?) onde di que medrou a súa forma de ser (é que o aire do Medo...) e onde empezou a coquetear co mundo da interpretación. Bendito colexio! Despois estudou maxisterio en Ourense e diplomouse en Educación Infantil en 1987. Tamén pasou pola UNED de Pontevedra para facer pedagoxía. E xa na actualidade, o que se intúe desde o principio: mestre de educación infantil no Santo Ángel. E algo máis... condutor, responsable dunha arte que, ó abrirse o pano de calquera escenario, os soños fanse realidade na acción e no espectador.



               Café Oren Express da Valenzá. Martes, 8 de marzo de 2016



Publicado en La Región o venres, 06-05-2016

martes, 3 de mayo de 2016

OBXECTOS DE MUSEO


 
               Ás oito e pico da mañá tiven que baixar a persiana porque o sol reflectía con tanta forza sobre o cristal da ventá, que amolaba. Molestaba tanto que non me deixaba ver a pantalla do ordenador. E hoxe en día, sen ordenador, non facemos nada de nada, nin cruzándonos de brazos. Vimos na época dos ordenadores e dos móbiles. As eixadas e os sachos, nun chiscar de ollos, pasarán ó museo do pobo galego. Por certo, un consello: aqueles que aínda teñan estes aparellos de labranza, que os deixen colgados nas palleiras que, co tempo, serán auténticas reliquias. Así tamén polo menos se lle dá utilidade ás palleiras e alpendres... xa que cobran por eles.
Me cago no demo, estou pensando que ata o bolígrafo acabará sendo obxecto de museo. Hai que coidar os dedos, amigos, hai que coidalos. Se nos falta algún dedo para manexar os teclados dos móbiles e ordenadores, malo! Coas aixadas e os sachos manexabamos os riles e punto. Sempre acababan doendo, pero... nas Lagoas e nas Pedradarcas e nas Cortiñas e nas Costelas e nos Xeixales e nos Agros quedaba o estrés soterrado sobre sucos, ás veces mal feitos, pero sucos que, no día de mañá, daban o seu froito. O sol xa non reflicte sobre o cristal da xanela. Xa  non molesta. A traballar, lacazán!

               Maceda. Martes, 3 de maio de 2016