viernes, 8 de julio de 2016

OS CARREIROS DA INOCENCIA


            Teño medo de parir ansiedades de xoguetes brancos ou de tolear con rodas vellas de muíños. Cada camiño que leva pola escura sombra dun soño é como un niño de pardal sen ovos. Ou sen paxaros. Quen puidera mollar hoxe un cacho de boroa nunha cunca de leite quente! Ou migala nun prato de caldo para que absorba a graxa do unto. Teño medo de chorar pingas de orballo nun amencer de xeada. Quedaríanme conxeladas. É moito mellor rir a cachón con catro versos mal escritos e unha novela barata. Non todos sabemos escribir no latexo sinfónico dunha arca de pantrigo. Na que se gardaban os recordos dun tempo perdido. Ou non. Quen sabe o que é perder o tempo? Quen sabe aliñar os versos daquelas mañás no Medo? Que tempos! Ninguén quere pagar o prezo daquel vivir sen vivir no inferno.
            Teño medo dunhas pegadas que marcan as corredoiras da vida ou os carreiros da inocencia. Quen se atreverá a tirar a primeira pedra? Nin tan sequera o suspiro dunha fotocopia é quen de rosmar polo escrito orixinal. Chega con dicir que a semente dun recordo será o froito dunha realidade que alguén ten que escribir. Quen a escribirá? Nin o ruxerruxe duns parágrafos espertarán ó soño durmido dun conto que ó mellor non ten final feliz. Os carreiros da inocencia van e veñen polas leiras da nostalxia e polos montes da inercia.


            Café Brétema da Valenzá. Venres, 8 de xullo de 2016

TODO SEGUE IGUAL. A VIDA SEGUE IGUAL


            Manda truco en Baños de Molgas! Todo segue igual. A vida segue igual. Politicamente falando, as negociacións para formar Goberno semella que empezan a velocidade de cruceiro, é dicir, hai isto e o colles ou o deixas. Ata agora parece que se deixa, que queda en nada. Ou sexa, en caso de que se goberne, vai ser por minoría. Por esta vez seica se lle vai deixar formar Goberno ó PP. Vale. Iso é o que queren os pensionistas e os emigrados e os desempregados e os..., non sigo que senón van pensar que son un furafollas, un cachafello.
            Todo segue igual. A vida segue igual. En Estados Unidos principalmente. Alí aínda é peor que en España: que non aprenden. Armas para darlle cun sacho. E para que as usen calquera fillo de veciño. Despois pasa o que pasa. Despois asoman os gobernantes con isto e aquilo, pero... quen lle tose ós armamentistas! Nada, nada; disparar a carradas, ás moreas e que deus nos pille confesados. Logo, todo consiste en botar as mans á cabeza durante cinco minutos e... ata a próxima. Ou sexa, ata que asome outra escena de racismo ou outra miserable cabeza á que se lle cruzaron os cables. Claro que, se non houbera tanta pistola, os cables xa se desenlearían.
            Todo segue igual. Aínda que a vida non seguirá igual. Que vou facer agora sen fútbol! Máis dun mes sen fútbol! Angustia! Agonía! Que va, home, que va. Agora tocan as noites peliculeiras. Ou as lecturas bibliotecarias. Xa sabedes que, para un servidor, a cultura non rifa co deporte, ou viceversa. Sempre houbo un carneiro para máis dunha ovella.


            Café Brétema da Valenzá. Venres, 8 de xullo de 2016

NA AEMET NON QUEREN FALAR SÓ DO TEMPO


            Contemplade a foto. Non coñezo a ninguén. E, non obstante, teño unha relación con eles desde hai máis de 20 anos. Rectifico un chisco: coñézoos desde hai pouco máis dun mes, de cando me mandaron a foto. E mandáronma porque lla pedín para esta reportaxe. Axiña vin que esa relación podía dar unha bonita historia para contar. Unha relación de 20 anos non é moco de pavo. E para máis aquel, epistolar tan só.
            Quen son? Xente que traballa na Delegación de AEMET (Axencia Estatal de Meteoroloxía) da Coruña, ex Centro Meteorolóxico. Que teñen que ver comigo? Pois desde que o mundo é mundo, é dicir, desde que eu saiba, ese Centro Meteorolóxico tiña e ten unha colaboración con Agricultura, onde se atopaban as Sindicais ou Cámaras Agrarias ou Extensións Agrarias ou Oficinas Agrarias Comarcais, tanto cando unhas pertencían ó estado como outras á Xunta, logo das transferencias. Esta cooperación consistía e consiste en atender unha pequena estación meteorolóxica que hai en Maceda, no Toural.
            A estación está composta dun pluviógrafo (aparato que rexistra as precipitacións nun papel) e dun termógrafo (rexistra as flutuacións da temperatura). A maiores ten un pluviómetro no que se recolle a auga caída. O meu cometido consiste en achegarme ata alí todas as mañás dos luns e cambiarlle “as gráficas”, os papeis que van enroscados ós cilindros dos dous aparatos, sobre os que unhas agullas soben e baixan marcando os cambios ou a marcha das temperaturas. Logo, os datos desas gráficas, antigamente, pasábaas a unhas cartolinas e, hoxe en día, métoos xa nunha aplicación informática. Todos os luns.
            A principios de cada mes é entón cando remito todos eses datos (das catro semanas), por medio dun correo electrónico (antes, por correo normal) á Delegación da AEMET en Galicia, á Coruña. Por correo normal mandaba as cartolinas, e punto. Pero por correo electrónico non sei que me daba achegar tan só os dous arquivos (pluvio e termo)... e co laretas que son eu. Así é que, agora, cada primeiros de mes inicio a parola: “baixo unhas nubes negras que andan sobre o ceo macedán, achego os datos climatolóxicos de tal mes”, ou “baixo a influencia dun sol de carallo neste día de feira, aí van os datos...”, etc. E logo dese encabezamento, pois, ás veces, como unha persiana. Que si, que sempre me gustou “enrollarme” na escritura. Axiña me contestaron que: “por fin!; hai alguén que nos entretén con algo máis que números”. “Sempre é agradable ler outras cousas que non sexan graos ou milímetros”. Vaia, home!; foi dicirme iso para, xa, ós seguintes envíos, mandar ruxerruxes ou trapalladas con tal de entretelos un chisco, de entreter a Marisa Orro, que seica é a que máis atende ós correos electrónicos.
            Máis de 20 anos sen coñecernos pero coñecéndonos. Agora xa podedes coñecelos tamén, como os coñecín eu, por medio da foto que me mandaron e que son, de esquerda á dereita: Rafa Sánchez, de Villares de Yeltes (Salamanca), nado en 1967. Aínda que é o máis novo, seica é o máis veterano na sección de Climatoloxía. Pablo Gómez naceu en Pontevedra en 1962 e leva na Delegación da AEMET desde 1993. Marisa Orro, a que máis se comunica comigo, hai 51 anos que naceu na Coruña e antes de pasar a Climatoloxía pasou por tres aeroportos: Villanubla (Valladolid), Lavacolla e Alvedro. E Carmen Estévez, que sae seria na foto (“pola solemnidade da ocasión”, segundo Marisa), pero que seica lle gusta amosar os seus brancos dentes en grandes sorrisos, ou sexa, que é chistosa. É nosa paisana, de Ourense, de Quintela de Canedo, desde hai 57 anos, aínda que desde cativiña vive na Coruña. Traballou en Correos durante 24 anos e xa leva 14 na AEMET.
            Todos eles ocúpanse de todas as estacións meteorolóxicas de Galicia para ver, manipular, depurar, arquivar todos os datos que lles mandamos os colaboradores, así como controlar as estacións automáticas, observatorios, etc, coas súas avarías, lagoas, emisións e erros. Están a recuperar datos antigos das estacións principais e daquelas que deixaron de funcionar. Elaboran avances e boletíns climatolóxicos mensuais, estacionais e anuais. Neles analizan o comportamento do clima en Galicia. Pero, ollo!, non teñen a culpa de que aquí sempre chova ou de que aquí faga un sol do carallo. E, por último, sobre todas as cousas, aténdenme a min, aguántanme a min coa verborrea que lles solto.  Que xa é ter mérito. Grazas, amigos xa coñecidos.

            Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Domingo, 19 de xuño de 2016


Publicado en La Región o venres, 08-07-2016

jueves, 7 de julio de 2016

IR Á MALLA E VIR MALLADA


            Valentina Forte Subiela tenta enganar ó seu home Eifonso Cadayo Libretas dicíndolle que marcha a ver á súa irmá Xacinta, pero onde realmente quere ir é á burga de Baños de Molgas para parolar coas súas veciñas e facer algo así como un “sálvame” universal. O seu home, ó principio, creu que era verdade, pero cando regresou e lle viu aquel sorriso nos beizos, soubo que non estivera coa súa cuñada Xacinta, pois cada vez que viña de xunto a ela chegaba á casa cabreada. Por discrepancias familiares. Así é que Valentina Forte Subiela foi á malla e veu mallada.
Adoita suceder. Mellor fora que lle dixera que ía ó “sálvame”. Aínda que a Eifonso Cadayo dáballe igual. Como dicía el mesmo: en asuntos de mulleres non me meto. E nos da súa menos. E non se metía. Pero dicir, díxollo: fuches á malla e viñeches mallada. Que dis, oh, se a min non me mallou ninguén. Ti vesme algunha mazadura, algún negrón? Ás veces Valentina era inocente. Ou facíase a inocente. Vai ti saber! Ela mesmo recoñecía que facía e desfacía ó seu antollo. Pero fóra desas mentiras piadosas, desas mallas, a súa vida, a dos dous, era como unha balsa de aceite, como auga mansa.


            Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 7 de xullo de 2016

domingo, 3 de julio de 2016

DEPORTES E CULTURA


            Dicionarios sobre a mesa. Libros sobre a mesa. Tempo que corre, que pasa. Música que soa. Unha alpargata que quere caer do pé dereito. Non a deixo. Un asubío na rúa. E aplausos polos auriculares nun concerto de jazz de Stanley Jordan. A muller que empeza a fochicar pola cociña, preparándolle a merenda ós rapaces. A televisión está apagada. Hai pouco mantívena acendida para ver a segunda etapa do Tour de Francia. Que marabilla!; está a piques de acabar a Eurocopa de fútbol, pero empeza o Tour. Señores, o Tour é o Tour. E tamén temos os Xogos Olímpicos á volta da esquina. Deporte e máis deporte.
Tamén terei tempo para ler, e para ver películas, e para traballar na viña. Nesta, se non hai tempo, hai que sacalo de onde sexa. Que remedio! Onte tocou sulfatar. Mañá tocará limpar os balados. Pasado mañá ou outro día calquera tocará eliminar as herbas. Polo medio de todo iso, algúns cafés, algúns escritos, algunha obra de teatro se se terza, ou algún concerto. Isto xa é cousa da Casa de Cultura Manuel María de Barbadás. A ver!, hai representacións teatrais ou concertos por outros lugares; pero xa non estou para eses trotes, e moito menos  se chego de dar golpes cun fouciño ou cunha fouce na Costa da Gándara. Rematou de soar o jazz de Stanley Jordan. Tamén rematei o relato.


            Finca Fierro. Domingo, 3 de xullo de 2016

viernes, 1 de julio de 2016

NIN VISTO NIN OÍDO



            Nin visto nin oído. O repaso que nos pegou Italia nos oitavos de final da Eurocopa. E chegoulle tan só o primeiro tempo. Sobroulles medio partido. Que forma de xogar! Para a casa. A buscar culpables. Coma sempre: un culpable tan só. Se fora todo o equipo xa se falaría de fracaso. Pero de fracaso, nada de nada. Que na primeira fase seica bordamos a fútbol. Contra un equipiño chamado Turquía, no que ata nin Arda Turan estivo ben. É dicir, contra catro mataos. Así é que o equipo non fallou. Errou tan só un compoñente. Ou De Gea ou Del Bosque ou Sergio Ramos. É igual; agora xa está. Así, cos cartos que se aforran, énchense máis e máis as arcas de Ángel María Villar.
            Nin visto nin oído. Nos medios de comunicación. O atentado do aeroporto Atatürk de Istambul. Total, que son 44 mortos? Nin punto de comparación cos 137 de París. Vaiche boa! Por iso os de París saíron unha e outra vez nos medios, case, case coma se fora a fin do mundo. Que demo, os turcos son turcos! Outra raza. Tamén outro ataque talibán a un autobús policial deixou 38 mortos en Kabul. Onde? En Kabul; non o viches na prensa?. Viña alá nunha esquiniña da páxina tal. Total; onde queda iso... nunhas terras cheas de terroristas. A eses estalles ben empregado. Outra cousa é que foran europeos. Ou sexa, civilizados.
            Nin visto nin oído. O esperpento da mente española. Canto máis fundidos estamos, máis apoiamos ós que nos funden. Falo das eleccións. E sae o que eu digo: que temos tan asumido o da corrupción que animamos a que nos sigan roubando. É dicir, que nos dean. Por algo tamén dixen sempre: Galicia, o cu do mundo e Ourense, o ollo do cu. Por ese sitio nos dan. Son un profeta.


            Cafetaría Rey Chipirón da Valenzá. Venres, 1 de xullo de 2016

POLAS CARBALLEIRAS DA MELANCOLÍA


            Charlie Parker deixa caer polos auriculares a súa música de jazz para que un servidor saia á ventá, contemple a noite e pense que non todo é como se pensa. Non. Ás veces saen os tiros polas culatas. O peor é se non te atopas no Oeste; se estás, por exemplo, nun campamento sioux, que non ten nin winchesters nin colts. Alí, o máis seguro é que saian as frechas para atrás. Pois coidadiño cos ollos! É igual, no Oeste ou no alto do Himalaia tamén se torcen as cousas. Coma nos eidos. Bótalle unha ollada ós sucos dun eido, de calquera eido, e verás como sempre hai algún que saíu torto. É que a vida ás veces dáche cada tremor, cada susto que te ladeas, que te torces. Ou que coxeas. Máis ou menos.
Segue o saxofón de Charlie Parker para que eu siga divagando porque de algo hai que morrer, digo que algo hai que facer, sexa en liña recta ou sexa dando reviravoltas polas carballeiras da melancolía. De que melancolía, oh, de que melancolía? Da que sae dese saxo que viaxa polos soños dun papel en branco. Pero hai papeis que están máis esborranchados co demo. A cuestión está en como estivo, está ou estará o demo. O demo é algo máis que unha representación dun espírito maligno con rabo e cornos. O demo vai máis alá do inferno. Digo eu. Penso eu.


            Finca Fierro. Xoves, 30 de xuño de 2016