lunes, 12 de septiembre de 2016

SAÍR DE CANDO EN VEZ


            Dicimos moitas veces que non é necesario saír de Galicia para ver cousas bonitas. É certo. Pero tampouco está de máis saír de cando en vez. Pois segundo en Galicia hai cousas bonitas, nos demais lugares acontece máis ou menos o mesmo. Así, sen parar mentes, e turisticamente falando, destaco o Mosteiro de Pedra en Zaragoza, o Canón do Río Lobos en Soria, as covas de Nerja en Málaga, Madrid en xeral, Mérida, o casco vello de Cáceres, Toledo, Salamanca, toda Galicia (faltaría máis!) e a ruta do Cares entre León e Asturias. Pero este domingo pasado collín o coche durante tres horas e media longas para cruzar o desfiladeiro de Vegacervera e furgar nas profundidades da Cova de Valporquero, en León. Que queredes que vos diga?... ante esta cova que se quiten todas as liñas que escribín anteriormente, incluso sentíndoo por Galicia e Toledo e Salamanca e o meu Madrid querido.
Sobre o desfiladeiro xa tería que percorrer de novo o dos Beyos, en Asturias, para optar polo de Vegacervera ou por este. Pero sobre a Cova de Valporquero... nin punto de comparación. Inmensa. Grandiosa. Impresionante. Fermosa. Dous quilómetros e medio de percorrido con diversas salas a cal máis fermosa, destacando, iso si, a sala Marabillas. Entendo perfectamente por que leva ese nome. Aínda que como mellor podo resumir esta visita turística é dicindo que os meus rapaces non son moi así de saír a ver mundo, e, non obstante, quedaron con ganas de volver, cando o río Torío leve moita máis auga. Queda dito.


            Finca Fierro. Luns, 12 de setembro de 2016

viernes, 9 de septiembre de 2016

CON ELAS FOISE O VERÁN


            Aínda non remataron as eleccións xerais (imaxino que ata o Nadal xa nada) e xa estamos con outras encima: as nosas. Non, non; sigo coa idea de non escribir sobre elas nin sobre política. Para non cabrearme, claro. Sobre os incendios, que dicir? É certo que o máximo culpable é sempre o propio pirómano, pero este, se non tivera qué queimar, é dicir, se todo estivese limpo... os incendios nunca se iniciaron polas copas das árbores. Sobre o descarrilamento do tren en Porriño, pésame para as familias e pregar que non volva suceder. Aquí quería chegar!; ó de pregar. Porque pregar pregamos a maioría dos da contorna de Baños de Molgas nas novenas á honra da Virxe dos Milagres. Alá foron xa. E con elas foise o verán.
Mirade, pode arder o mundo coa calor durante uns cantos días máis, que desde o momento en que rematan as novenas xa chegou o inverno, ou sexa, que quedamos os de sempre, é dicir, os do inverno. Nesta contorna as novenas marcan a división entre unha estacón e a outra. Só fun tres días a elas, dos cales ós dous máis importantes: Rosario das Antorchas e O Día 8. Por certo, este día, os que somos de por aquí, ninguén di que é a Natividade da Virxe María. Para nós foi, é e será sempre O Día 8. Ó Rosario das Antorchas fun algo máis cedo que outros anos, e sendo como era mércores, imaxinaba que non tería problemas de aparcamento na propia estrada. Mais tan axiña como desemboquei da de Baños de Molgas vin que errara abondo. Ata alí chegaban os coches! Menos mal que agora temos o que eu lle chamo O Lameiro. Moita xente. E iso que non houbo fogos de artificio (por perigo de incendio), e o rosario sen os fogos artificiais non é o mesmo Rosario das Antorchas.


            Café Paladium da Valenzá. Venres, 9 de setembro de 2016

CORENTA ANOS DE OPERADOR DE CINE



            Logo de rematar os estudos, todos os estudos que teño no colexio dos Milagres, estiven sobre ano e pico ou dous parado, sen facer nada. Isto, por suposto, é un dicir, pois a finais da década dos 70 unha familia con tres vacas, un burro e uns cantos porcos nunca está parada. Ou sexa, que lle botaba unha man os pais. Pero iso non era vida. Así é que non quedaba outra que estudar unha oposición. Debido a que en Madrid tiña e aínda teño un irmán, para alá marchei a intentar a preparación dun futuro sustento. É outro dicir, xa que en vez de ir á academia, facía que ía: metíame no Metro e, ale, a ler en libros ou nas novelas do Oeste. A oposición, claro, non a aprobei. Normal.
            Agora mesmo creo que o único beneficio que saquei daqueles tres meses que botei na casa do irmán e da cuñada foi a amizade duns veciños seus. A primeira cousa que me sorprendeu desa amizade foi o medio co que nos comunicabamos con eles: uns suaves toques na parede divisoria dos pisos (ou o que é o mesmo, no tabique, xa que o de parede...) Tantos toques: pasade a tomar café. Tantos toques: estades aí?
            Ese foi o inicio. A continuación foi o cine. Porque o veciño, Eugenio Martínez del Rey, traballaba no cine Carlton, máis en concreto, era o operador. E claro, tan axiña como soubo da miña afección á sétima arte, o primeiro que fixo foi abrirme as portas de par en par do seu cine e incluso dos outros pertencentes á súa empresa, que eran uns cantos; algúns deles no chamado Pequeno Broadway na rúa Fuencarral, ós que, anos máis tarde (cando marchei definitivamente para Madrid), entraría eu coma Pedro pola súa casa.
            No cine que traballaba Eugenio non me chegaba con ver a película, senón que tan axiña como aparecía pola porta xa me estaba esperando para que subise con el á cabina. Como sempre ía con moita antelación puñámonos os dous dándolle á parola sobre o mundo cinematográfico. El asombrábase do que eu sabía de cine e eu alucinaba cando me contaba todo o que botara desde que empezara a traballar no Richmond, alá polo ano 1961, cómo lle chegaban as bovinas, cómo eran as máquinas e diversas anécdotas máis.
            Por certo, hai xusto uns días que acabei de fotocopiar tres cadernos nos que Eugenio tiña anotados todos os datos das sesións que se proxectaban en cada sala que estivo. Auténticas xoias!, pois non só anotaba o título do filme, senón os NO-DOS ou as curtametraxes que proxectaban antes, cos seus minutos de duración (tanto duns coma de outros), as súas distribuidoras, o sistema da película, a cor, o son etc. Non sei, imaxino que algún día farei algo con todo iso. Lémbrese que antigamente as películas botaban meses ou algunhas incluso anos na mesma sala. Descubrir hoxe iso ten que ser algo así coma un alucine.
            Así mesmo, lembro as dúas ou tres maratóns que levou a cabo nas súas salas e nas que, como non, asistía eu coma un heroe cinematográfico, aínda que na realidade non completei ningunha maratón porque asomaban polo cine o irmán e a cuñada e largábame con eles. Unha vez creo que chegara a ver cinco ou seis películas xuntas.
            Que gozada estar con Eugenio na cabina. Ás veces tan só ía para estar con el, para falar de todo o habido e por haber e, por que non, para entretelo un pouco. Tres ou catro sesións diarias era estar moito tempo de Cristo encerrado; e só. Nesas parolas souben da súa aldea, Tordelpalo, en Molina de Aragón (Guadalaxara), a onde me levou unha vez e quedei pampo, alucinado, non pola aldea en si, senón polo silencio reinante.
            Nesa aldea naceu o 15 de novembro de 1938. Estudou na súa escola e tamén na de Molina de Aragón, de onde o tiveron que sacar porque seica se dedicaba a xogar ás bólas, ó guá. Fixo a mili en Madrid, volveu a Tordelpalo, pero ós dous anos xa marchou definitivamente para a capital do Imperio. Coñeceu á súa muller, unha asturianiña cun corazón de ouro, practicamente no cine Richmond, xa que ela traballaba naquel bloque de edificios e, claro, de tanta ida e volta, de tanto subir e baixar, de tanto ola-que tal pasou o que pasou.
            Hoxe sería unha gozada poder botar uns días con el, pois viviu todo o que se pode vivir en relación ás salas cinematográficas; desde o seu máximo apoxeo ata a súa decadencia; de salas enormes pasaron a minisalas, de salas espectaculares pasaron a salas de xogos. O homiño sufriu vendo como pechaban as grandes salas. Normal, foron máis de 40 anos vivindo nelas, soñando nelas, porque o cine fai soñar a calquera.

            Café Brétema da Valenzá. Xoves, 18 de agosto de 2016

Publicado en La Región o venres, 09-09-2016

martes, 6 de septiembre de 2016

ANDA REVOLTA A FEIRA


            Quixo a pinga de orballo ser aire na contorna de Sudalomba, pero a laverca que planaba pola Chaira de Pinouzos picou nela e espallouna polo Río Vello adiante. Tan só o ruxerruxe dun suspiro foi quen de alzar a voz para que as tres vacas de Nicanor, O Pailán, outeasen o horizonte e, unha delas, a Garbosa, erguese o rabo e fuxise dos  tabáns que zoaban á súa beira. “Patas, para que vos quero”, pensaría o animal. E nun santiamén abeirou cara a Baños de Molgas deixando ó Pailán a velas vir. Menos mal que puido xunguir ás outras dúas para levar o carro dos toxos que collera en Barricobos. Quixo a Garbosa meterse na leira dun veciño para comerlle as verzas que tiña por entre as patacas. E meteuse e comeu as verzas. Axiña lle chegou o recado ó Pailán de parte do dono da finca, Román, O Piolloso. A aquel tan só lle quedou o desculparse, meterse logo na corte, coller a tranca da porta carral e... A imaxinación é libre, querido lector.
            Quixo outra pinga de orballo ser luz na noite escura na Aira de Arriba, pero o son da campá da igrexa de Baños de Molgas pegoulle tal susto que a pinga saíu esparexida polos terreos da Cortiña, tras o cemiterio parroquial. “Hai que ver, anda revolta a feira”, pensou o orballo que abrolla de mañá cedo ante tales adversidades. O Pailán e O Piolloso chegaron a un acordo; aquel pagaríalle a desfeita da vaca en especies. Os tempos!, que diría aquel.


            Finca Fierro. Martes, 6 de setembro de 2016

sábado, 3 de septiembre de 2016

MERECEN QUE OS GABEMOS


            Veño de sulfatar. Estou canso. Son as dez da noite do sábado.Teño que cumprir co deber: o de escribir este recuncho. De política non quero falar porque hai xente moito máis entendida ca min para analizar toda esta carallada de formar goberno, para analizar unhas presuntas novas eleccións que semella que non teñen fin. Así é que... falemos de ciclismo.
Un deporte polo que sinto auténtica devoción, incluso más có propio fútbol, que xa é dicir. Aproveitando que anda por aí a Volta Ciclista a España, falemos de ciclismo. Por exemplo, da gran ocasión que tiven de coñecer a eses grandes heroes das estradas en Maceda, o día que saíu desa vila a sétima etapa. Alí me plantei diante do palco das sinaturas, móbil en man, para eternizar o momento, para lembrar co paso do tempo a Froome, que, recoñezo, hoxe é o máis grande, a Contador, a Quintana, a Valverde, a Omar Fraile, a Roberto Losada e algún que outro máis. Non imaxinaba tanto público nunha vila tan pequena. Pero claro, normal, Maceda, nos últimos anos, é ciclista case cen por cen. Non obstante, a gran aglomeración de xente penso que foi porque a aquel que lle guste o deporte tenlle que gustar o ciclismo, ten que gozar con este deporte que, ás veces, vai máis alá incluso das lágrimas, e dos golpes (mirade que non hai caídas), e dos suores. Ver a subida do Ézaro ou a subida da Camperona e ver a eses rapaces cómo fan esas eses agónicas, eses zigzags é como babexar en branco e negro.
Son as dez e media da noite. Hoxe foi a etapa raíña. Por culpa do sulfato non a vin en directo. Pero vouna ver dentro dunha hora en diferido e, aínda que xa sei cómo quedou máis ou menos todo (polas novas da radio), teño que vela igual. Porque esta xentiña merecen que os gabemos e que os vexamos e que os amemos. Son os esforzados da ruta.


Finca Fierro. Sábado, 3 de setembro de 2016

viernes, 2 de septiembre de 2016

MUXICAS, O GRUPO QUE SENTE O TEATRO



            Nas primeiras reportaxes que escribín para estas Testemuñas da Memoria falaba das heroicidades de certas persoas ante cometidos que se saían un pouco do común: xente que arriscaba incluso a vida na posguerra, persoas que loitaban soas e sen axudas ante obstáculos ou atrancos que se lles poñía polo medio para que tropezasen unha e outra vez...
            Pero tamén hai xente que, con axudas ou sen elas, están aí loitando contra os elementos máis diversos e adversos cos que alguén se pode atopar no camiño. Porque, deixándome de andrómenas: é unha auténtica heroicidade traballar, orientar, conducir, dirixir e aconsellar a un grupo de persoas cunha discapacidade visual grave, tan grave que algúns actores están cegos por completo. E hoxe en día, os adaís de todo isto son Melania Cruz (actriz) é Tito Asorey (director e actor) que fan de chantón, de guía, de puntal do Grupo de Teatro Muxicas de Ourense.
            Como dixen, este grupo está formado na súa maioría por actores e actrices cegos ou practicamente cegos, polo que, ó momento, me fan pensar nesa heroicidade a partir dos seus ensaios e das súas representacións, nos seus bandazos, nos seus cabreos ó non atinar nas colocacións, nos disimulos que levarán a cabo para que non se lles note moito a discapacidade. Heroicidade porque resolven todo iso con sacrificio, traballo e, iso si, moita ilusión. E despois está o propio ser, a propia personalidade que, segundo confesión de Tito Asorey, dá gusto compartir eses momentos de ensaio, de traballo, de semente con ese grupo de xente que son fabulosos e que queren seguir e seguir, logo de tropezar e de engarrar, ata que acadan o froito que, unha pena, non ven, pero si senten. E isto é o máis importante.
            Certo, hoxe os heroes son Melania Cruz e Tito Asorey, pero antes destes houbo tres heroínas máis encargadas de levar a bo porto a este taller de teatro da delegación da ONCE de Ourense, que empezou a funcionar no ano 1998 da man da actriz e directora teatral Sabela Gago, que tamén estaba, e aínda está, vinculada á compañía Sarabela Teatro, e que sempre realizou unha importantísima labor de pedagoxía teatral, destacando a Aula de Teatro Universitaria de Ourense.
            Desde o momento da creación da compañía Teatro Muxicas, un pequeno pero moi fiel grupo de actores e actrices estiveron vinculados ano tras ano a esta experiencia. Sabela Gago cedeulle a encomenda a Matilde Vázquez durante catro anos, do 2001 ó 2004, onde o grupo puido continuar a súa formación e poñendo en escena varias montaxes. No 2005 é Mónica Sueiro (pedagoga teatral cunha ampla experiencia no teatro afeccionado) a que se encarga de guiar a eses actores que, aínda que non ven ben, si viven os seus soños e as súas realidades a través duns personaxes que lles serven de guía.
            Rematado o período de Mónica Sueiro, é, no 2007, Tito Asorey o que se fai cargo da dirección do taller, axudado por Melania Cruz. Con estes a compañía logrou unha maior solidez e consolidación, tanto a nivel de número de integrantes como a nivel de alcance dunha liña estética propia. O nivel podo asegurar que é grande, moi grande. Polo menos así mo demostraron cando os vin actuar na Valenzá coa obra “Arsénico por compaixón”. Axiña pasas de pensar que a están representando uns actores con discapacidades visuais fortes. Grazas ó seu traballo, ó seu bo facer (e por que non, á súa dirección) empezas a ver a uns auténticos actores profesionais e, o que é mellor, que pouco a pouco, vaste esquecendo desa súa discapacidade. Aí está o seu valor, a súa importancia: facerche crer que son auténticos, que están aí por méritos propios, porque souberon choutar a barreira, o atranco que se lles puxo no camiño. Ante isto, non queda outra que metelos no recuncho ese dos heroes anónimos (a eles e á dirección) que, en silencio e á modiño, fanlle cambiar o pensamento ós demais mortais.
            Así, da man para o pé, levan representadas as obras “Círculo vicioso”, de Antonio Martínez Ballesteros; “A zapateira prodixiosa”, de García Lorca; “Baby Boom no paraíso”, de Ana Istarú; “A voda dos pequenos burgueses”, de Bertolt Brecht; e “A visita da vella dama”, de Friedrich Dürrenmatt, entre outras. O que demostra que traballan e que saben moi ben o que fan. Eu, sinceramente, xa teño ganas de velos noutra.

            Café Brétema da Valenzá. Domingo, 7 de agosto de 2016

Publicado en La Región o venres, 02-09-2016

jueves, 1 de septiembre de 2016

ARSENIO LIXEIRO ANDOU LIXEIRO


            Arsenio Lixeiro Cortapisa deixou ó rapaz no instituto e quixo facerlle honor ó seu primeiro apelido: ir andando á biblioteca municipal na rúa Concello desde o Paco Paz de Ourense. E tiña que ir lixeiro porque o rapaz podía saír do exame en calquera momento. Pegoulle ritmo ás súas pernas e pasaba o tempo coa música nos oídos e contemplando as matrículas dos coches. Arsenio Lixeiro sempre tivo un non se sabe que polas matrículas dos coches. A proba é que coñece a xente coa que se cruza moitas veces nas estradas polas matrículas. Incluso a aqueles que son descoñecidos. Chega con verlle a matrícula unha ou dúas veces para quedarse con ela para sempre.
En media hora xustiña, Arsenio Lixeiro entrou na biblioteca, e foi ó buscar nos libros que quería coller cando se deu de conta do que realmente andou, pois axiña asomou á súa pel, a toda a súa pel gotas de suor de caían a chorro. E iso que Arsenio Lixeiro nunca foi moito de suar. Claro que ás catro e pico da tarde a temperatura pasaba bastante dos 30 graos na cidade das burgas. Non escolleu moito porque as présas eran enormes. Así é que case os tres primeiros libros que mirou foi os que levou. E volta para o instituto Ferro Couselo. Vendo que intuía que chegaba a tempo, minorou a marcha, máis polo propio cansazo que polo tempo (se o rapaz saía, que esperase). A volta levoulle un chisquiño máis de media hora. Despois aínda tivo que esperar outra media hora máis. Xa esperou lendo e chorreando aínda suor e máis suor. Arsenio Lixeiro Cortapisa andou lixeiro.


Finca Fierro. Xoves, 1 de setembro de 2016