viernes, 11 de noviembre de 2016

RUBÉN RIÓS, UN RAPAZ INCOMBUSTIBLE



            Empecei a coñecer a Rubén Riós nas noticias que asomaban nos xornais sobre as películas de Ignacio Vilar, e aínda que ó principio non o vía como actor protagonista por aquilo da súa xuventude e do que eu pensaba falta de experiencia, axiña me dei cun canto no peito cando o vin en “Vilamor”. E foi aí, ó presentar o filme na Valenzá, cando xa o coñecín persoalmente co típico saúdo da miña presentación para escribir, máis tarde, a crítica do filme. Ata que volveu presentar, outra vez na Valenzá, o seu proxecto “Vida” e “Máis ca vida”. Aí xa me deixou tan apaiolado, tan apampado co seu traballo que non me quedou outra que volver a presentarme para unha futura reportaxe nesta miña sección. Esta reportaxe.
            Sabía que me sobraban os datos que me cuspira o San Guguel para falar de Rubén Riós, pero por outra banda tamén tiña ganas de quedar con el, de falar con el e escapar un chisco desa vida que pode descubrir ou consultar calquera. Así é que hai uns días quedei con el no Liceo ourensán. Durante unha hora xusta. E que hora! Intensa, exhaustiva, emocionante e sincera.
            Meu Deus!, se eu saín do Liceo coa cabeza fervendo, non quero pensar como está a del. Porque é un home, un rapaz ó que os miolos non lle acougan. Ten a súa cabeciña chea de ideas! De boas ideas! De ideas que, para máis aquel, lévaas a cabo. Que xa é dicir. Non me estou referindo só á sétima arte, senón ó amor que lle tributa ó medio rural, ó mundo infantil, e a ese carácter solidario, fraternal que foi o que máis me engaiolou e conmoveu durante a conversa do Liceo..
            Aínda que xa mo demostrara con “Vida” e “Máis ca vida”, curtametraxe e documental cun forte marcado carácter social e cultural, protagonizado por persoas con capacidades especiais e tamén con grandes actores do panorama galego como Luis Iglesia, Cristina Castaño e o máis coñecido Javier Gutiérrez, entre outros.
            Rubén Riós chámase en realidade Rubén Rodríguez Rodríguez. O de Riós xa intuídes de onde vén... de que naceu nese concello da nosa provincia en 1980. Alí creceu e estudou ó mesmo tempo que lle botaba unha man ós pais no ultramarinos que tiñan. No ano 2000 ingresa na Escola Municipal de Teatro de Vigo, onde durante tres anos estuda arte dramática. Axiña empeza a traballar en programas e series da TVG. Catro anos máis tarde entra na mítica serie “Libro de familia”, que foi onde se deu a coñecer. A partir de aí chegaron as rodaxes con Ignacio Vilar: “Pradolongo” e “Vilamor”.
            No 2007 sae da súa cabeza o Festival das Artes Escénicas de Riós, que tres anos máis tarde, co falecemento do actor Abelardo Gabriel, pasa a chamarse Festival das Artes Escénicas Abelardo Gabriel, como homenaxe ó seu íntimo amigo e practicamente mestre. Recordo que cando naceu ese festival engurrei un chisco o fociño porque me dicía que un festival desas categorías en Riós... non sei, non sei. Alégrome errar nos desconfiados e suspicaces pensamentos; porque hoxe en día o festival segue. E con éxito.
            Como auxe está collendo a súa faceta no sector agroalimentario, máis en concreto, sobre o castiñeiro, ese produto tan noso e tan milenario. Como di el:  Se Cannes teñen as palmas e Nova York o paseo da fama, por que Riós non pode ter un evento nos soutos dos castiñeiros? Se Rubén Riós di isto é porque se pode. Porque el pode. Vaia se pode! É incombustible!
            Non teño espazo para falar de todos os seus proxectos, de todos os seus traballos por facer, de todos os seus premios, que os tivo e os que aínda lle caerán. Só me queda recomendar que se algún día o podedes escoitar, non deixedes de facelo. Labia, locuacidade ten a Deus dar e veredes que dos seus xestos, dos seus ademáns  e do brillo dos seus ollos saen bosquexos ou esbozos que axiña se farán realidade. Á parte de convencerte, cumpre. Ánimo, rapaz, e tira para adiante! Es incrible!

            Finca Fierro. Domingo, 30 de outubro de 2016

Publicado en La Región o venres, 11-11-2016

miércoles, 9 de noviembre de 2016

NO SUPERMERCADO


Indalecio Sillón Mesa colleu camiño do supermercado porque tiña que mercar para comer. Lembraba cando a súa nai lle dicía que para vivir hai que comer. E Indalecio sempre lle tivo moito respecto á súa nai. Claro que cando non llo tiña, zas, labazada que estouraba na súa cara. "A letra con sangue entra, meu neno", tamén lle espetaba.
Indalecio Sillón empezou pola sección de verduras para coller un repolo. Sobre o repolo necesitariamos toda unha conferencia para saber o que realmente sentía polo mesmo o noso protagonista. Colleu café, colleu unha barra de pan. Colleu cachos de carne mesturados de porco para comer co repolo. Colleu un bote de fabas. Colleu queixo e chourizas e xabón para lavar a louza e xabón para lavar a roupa. E pagou. Marchou para a casa asubiando unha canción dos anos sesenta.

Café O Chicote da Valenzá. Mércores, 9 de novembro de 2016

martes, 8 de noviembre de 2016

OS PALLEIROS DA INOCENCIA


Deixo que o aire circule por entre os pensamentos dun soño, mentres o canto dunha chicharra vaia de aquí para alá ou dun lado para o outro. Nunca se sabe ben por que cando cambiamos de dirección o facemos practicamente de forma repentina. Quizais o instinto pica nas neuronas da memoria ou a inercia opta por ir por libre. Deixo que o aire leve o po dos meus recordos, porque non sempre adoitamos lembrar o que fixemos. Ás veces tamén é certo que non facemos, que deixamos que a nugalla se apodere da nostalxia. Ou da melancolía. E co bonito que é soñar por entre os palleiros da inocencia.
Non quero que a noite me pille escribindo sobre os tornaratos dun canastro nin ser testemuña dos azos dun covarde. Cada un vai pola vida ou polas airas da súa morriña, ou sexa, da súa existencia. Deixo que o aire busque por entre os palleiros da inocencia o pecado dun inocente que se sente culpable.

Finca Fierro. Martes, 8 de novembro de 2016

lunes, 7 de noviembre de 2016

ALGO MÁIS QUE PARENTE


Non ten nada que ver que a súa avoa fose curmá da miña nai. Non ten nada que ver, polo tanto, que sexamos aínda parentes. Chega con vela de cando en vez ou de Pascuas en flores ou de figos a béveras para saber que é algo máis. Cando vou a Baños de Molgas a ver ás miñas sobriñas, aí está ela. Sempre está ela. Ou fisicamente. Ou no feisbuq.
Se lle dou uns bicos a Iria ou a Noa, tamén lle teño que dar uns bicos a Tere. Desde cativa. Desde nena. Sempre coas miñas sobriñas. Como non lle vou querer entón! Como non vai ser especial! É máis que unha simple emparentada. Cando dicimos parente xa se entende que é unha relación algo afastada do tempo. Pero dicir sobriña, olliño!, xa case é sangue do sangue. E Tere Iglesias Ferreiro, para min, é unha sobriña máis. Como non vai ser unha sobriña máis vendo a relación que mantén coas curmás mencionadas e co cariño que tamén me amosa cando me ve. Neniña, téñote como unha sobriña máis!

Finca Fierro. Luns, 7 de novembro de 2016

domingo, 6 de noviembre de 2016

A ESCUSA DO TEMPO


Teño as mans frías. Teño os pés fríos. Vai frío. Cambiou o tempo. Entrou o inverno. Por fin! Certo, axiña nos cansaremos del. Pero algo hai que dicir. Ademais, sempre foi a escusa perfecta, o pretexto máis sinxelo para iniciar unha conversación con alguén. Logo do ola-que tal, sempre asoma o tempo climatolóxico. Sempre. Pois mira que frío. Pois vaia que sol. Despois si, despois xa cada un mexa fóra do cacho ou fala da morte da burra. Pero o xeo sempre o rompe o tempo.
Entras a mercar o pan e, dálle, que non sei que da neve. Entras a tomar un café e, tumba, hoxe dan alerta amarela por, polo que sexa. Non digamos xa nun ascensor. Aí case nunca se fala con descoñecidos, pero se se fala, iso xa é matemático: o tempo. O tempo, é coma os burros ou as vacas en Galicia: que foron os que nos salvaron da miseria. O tempo é o que nos salva no inicio dunha conversa.

Finca Fierro. Domingo, 6 de novembro de 2016

sábado, 5 de noviembre de 2016

JULIO IGLESIAS SEGUE EN AUXE


Xa temos novo Goberno. Xa rematou o Festival Internacional de Cine de Ourense. Xa chove, é dicir, xa entrou o inverno, polo que todo isto significa, máis ou menos, que xa todo volve á normalidade, ou sexa, que Julio Iglesias segue en auxe con "A vida segue igual". Tamén xa temos outra pequena ventá aberta para a polémica: a morte dunha nena de 12 anos por coma etílico nun botellón. Así mesmo asomou a gran carallada sobre os datos dos incendios forestais: seica tres de cada catro son intencionados. Non me digas! Hai que ser uns linces para chegar a tal conclusión. Lembro de rapaz que faciamos probas coa herba chamada "pelo de zorro" e non ardía nin a plena luz do sol; imaxinade polas noites ou de madrugada, que é cando adoitan empezar os incendios.

Rajoy formou un Goberno de continuidade. É igual. Para min, todos os seus compoñentes son máis ca malos. Creo que todo iría ben se fose eu quen gobernase. Pero como o meu can non collerá esa mosca, así nos vai. Perdón, así me vai. A outros vailles que nin...
Xa empezo a restar os días (como se facía na mili) para a chegada da 22 edición do Festival de Cine de Ourense. Xa sei que aínda queda, pero, olliño!, ás veces o tempo é un suspiro.  O tempo pasa, amigos. E se non, tempo ó tempo.
O da nena do botellón non creo que ela teña moita cuilpa. Non sei como lles traballará a conciencia ós pais. Se é que a teñen, que o dubido moito. E sobran máis comentarios.

Café O Chicote da Valenzá. Venres, 4 de novembro de 2016

viernes, 4 de noviembre de 2016

DE VACAS, MÁIS ALÁ DAS SPICE GIRLS



            Hai poucas semanas saía nestas Testemuñas da Memoria unha reportaxe sobre un dúo musical (Blues do País) que versionaba, con moita retranca, temas do blues e do jazz. Hoxe tócalle a un cuarteto que versiona, con moita brincadeira e máis simpatía temas venerados polas masas e maltratados pola historia. Estou a falar de De Vacas, o grupo vocal formado pola Pinta, a Marela e a Morena (segundo a cor de pelo de cada unha), ó que se lle agregou o guitarrista Guillerme Fernández, que foi un dos fundadores e compoñentes de Berrogüetto, ese grupo que xa é historia viva na música galega.
            A ver, cando De Vacas asomaron coa su actuación pola Valenzá, desde un principio, souben que tiña que velas, aínda que só fose polo nome. Tireime media vida entre vacas e a outra media aínda se pode dicir que sigo con todo o relacionado con elas. E iso, quéirase que non, ata, ata moito. Sempre fun un admirador das vacas. Como di a Pinta: "identificámonos con elas, co seu ritmo lento e con toda a vinculación que ten coa nosa cultura e coa nosa contorna". Principalmente con todo o que representaron para o rural galego. Ata penso que as vacas, en tempos, foron o sustento de todo un país, do noso país.
            O grupo De Vacas naceu o ano pasado, 2015, coa idea de facer un grupo de versións unicamente de cancións das Spice Girls, das que aseguran que foron un referente da súa infancia. Pero tan axiña como o guitarrista Guillerme se uniu ó trío feminino convenceunas para ampliar o abano musical. E daquela fan versións todo o que se pode versionar, desde cancións en coreano ata o inglés, pasando polo romanés, brasileiro, castelán... e galego, faltaría máis!
            O traballo que levan a cabo adoitan dividilo en dúas fases: a primeira é a máis complicada, que é a de elixir os temas, que ademais teñen unha produción marcadamente comercial. Teñen que extraer a esencia e darlle un carácter persoal sen desvirtuar a canción. Despois, na segunda fase, entra a parte vogal, na que aparecen, claro está, Faia, Inés e Paula, que bordan as versións porque, a maiores de ser guapas de carallo, cantan coma os anxos.
            Hai un ano tan só que empezaron, pero xa son todo un fenómeno, grazas ás actuacións que levan a cabo por cada recanto das aldeas, vilas e cidades e, principalmente, pola Internet, o mellor medio de comunicación existente hoxe en día. De aí que, en principio, hoxe aínda non teñan intención de gravar ningún disco. Quérenlle ó público e débense ó público. En directo. Como debe ser.
            Paula Romero (A Morena) naceu en Santiago de Compostela e ós catro anos xa comezou apuntándose ás clases de pandeireta e canto tradicional galego que ofertaban no seu propio colexio. Logo estudou canto moderno e coñeceu ás súas dúas amigas cantando no Coro da Ra.
            Faia Díaz (A Pinta) tamén naceu na capital de Galicia e na súa casa hai unha vinculación moi forte coa música. Lóxico!, o seu pai é un dos compoñentes de Fuxan os Ventos. (Neniña, nos anos oitenta, os veciños do edificio no que vivía eu en Madrid tiveron que quedar de Fuxan os Ventos ata os mesmos "cataplíns", porque as súas cintas facían ferver a miña casete; practicamente todo o día con Fuxan os Ventos a voltas). Faia estudou no conservatorio algo de piano e tamén canto lírico.
            Inés Salvado (A Marela), tamén de Santiago. Os seus estudos colleron o camiño do audiovisual e das artes escénicas. Ós nove anos meteuse no conservatorio para estudar clarinete. Na Universidade descubriu o Coro da Ra e pasouse á música vogal.
            Guillerme Fernández é o único do cuarteto que non naceu en Santiago, fíxoo en Vilagarcía de Arousa. Igual que Faia, na súa casa tamén se vivía a música. e confesa que grazas ós vinilos do seu pai o seu achegamento á música foi total. E tanto!, pois como xa dixen, ser fundador e compoñente de Berrogüetto non é moco de pavo. A maiores, tamén colabora con Xabier Díaz, Espido e Guadi Galego, que tamén xa son palabras maiores.
            De Vacas, un grupo de versións malas para acomodalas en plan de coña a uns termos lúdicos e que van moito máis alá das súas queridas Spice Girls.

            Café Oren Express da Valenzá. Domingo, 23 de outubro de 2016

Publicado en La Región o venres, 04-11-2016