lunes, 9 de enero de 2017

CAMPIÓN DUN DEPORTE MINORITARIO



               Maldito tempo! O tempo pasa e todo cambia. E iso que sendo neno nunca pensabas que aquela etapa tería fin; que as rúas de Baños de Molgas, que as airas de Baños de Molgas e que os amigos e veciños de Baños de Molgas non cambiarían nunca, estarían sempre alí. Mais axiña o tempo che di que nin rabo de peixe, que diso nada. E non queda outra que emigrar. Uns e outros. Ó emigrar perdes pouco a pouco o contacto coa xente.
Tivo que haber unha revolución, chamémoslle informática, para que eses contactos, tamén pouco a pouco, empezaran a aboiar de novo. E volveu ser o maldito e bendito feisbuq o que me descubrise que temos todo un camión molgués polas terras vascas. E eu sen decatarme! Alguén publicou unha foto e uns comentarios dun tal Alberto Ferreiro. Anda carallo, o fillo do Legión!, exclamei ó momento. E mira ti o que fai, a que se dedica! O que fai o pobre rapaz é ser campión dun deporte que, pobriño tamén, moi pouquiños coñecen (algo moi semellante á reportaxe que fixera sobre Julián Sorga, que está metido no culturismo): o squash. O que? O squash. E iso que é? Algo así coma o tenis, pero contra unha parede, ou coma o frontón pero con outras raquetas e outras pelotas. Ah, vale, vaia trapallada! Si, aquí, fóra do fútbol, o demais… unha quimera, toda unha trapallada.
               Furguei un chisquiño por aquí e por alá e, claro, só que fose por iso do “minoritarismo” xa creo que merece unha liñas, un recoñecemento a eses esforzos que, mirade vós por onde, case ninguén lle vai recoñecer. Así é que non houbo outra que poñerse en contacto con el. Foi fácil: solicitude amizade feisbuquiana ó canto e, normal, como somos veciños, é dicir, molgueses, axiña contestou. Afirmativamente, claro. Faltaría máis!
               Tamén moi rapidamente me mandou un extenso currículo sobre a súa vida e as súas actividades. Fíxome moita graza o primeiro parágrafo cando me escribe que é fillo de José Ferreiro e Dolores Iglesias, coma se eu non coñecese ben ós seus pais. O Legión e a Lolita! Aí é nada! O pai do Legión era curmán da miña nai e veciños case de porta con porta, ou veciños de aira, que no seu caso así se pode dicir. E coa familia da Lolita, ufff, non fun veces con eles para o monte. Principalmente seu tío Canea!
               A ver, levo catro parágrafos falando de Alberto Ferreiro coma se fose de Baños de Molgas. Creo que el mesmo recoñecerá que é… aínda que non o sexa. Porque este campión de squash naceu realmente na localidade suíza de Basilea o 2 de xullo de 1975 (41 anos), aínda que, creo, ós seis anos xa se viñeron para Éibar, no País Vasco, onde seguen. Non obstante, como a maioría dos emigrantes, volven ó seu lugar de nacemento (no caso del, o dos pais) cada dous por tres, é dicir, tan axiña como poden. Logo, para máis aquel, casou coa neta dun molgués. Ou sexa, que as raíces seguen furgando pola vila termal.
               Alberto Ferreiro Iglesias é campión vasco dun deporte minoritario, pero, ai logo!, empezar empezou no fútbol. Pasou por varios equipos e varias categorías do fútbol rexional guipuscoano. E non foi ata os 27 anos cando se lle deu polo squash, a nivel afeccionado. Meteuse no Benedikta Squash Club de Sestao para facer un curso de iniciación. Pero o seguinte curso xa largou para Tarragona para que o adestrase o propio seleccionador nacional de squash, Tino Casas. Foi a partir de aí cando se desenvolveu a súa evolución, que, por certo, foi meteórica. Empezou a ganar trofeos e torneos a darlle cun sacho.
               No 2007, con varios xogadores de Éibar, creou unha Comisión de Squash dentro do Club Deportivo Éibar e hoxe en día ostenta a presidencia desa Comisión. Un ano máis tarde, a directiva da federación vasca dimitiu en bloque. Alberto, sen andar con días santos ou sen torcer o rego, recolleu o testemuña e asumiu o cargo de director deportivo.
               Fóra dos despachos segue gozando dese fermoso deporte, do que din que é un dos máis rápidos e extenuantes que existen, tanto que as propias compañías aseguradoras o catalogan como “deporte de alto risco”. (Ai, neniño, ten conta!) A base de traballo, de tesón e dun forte espírito de competitividade, aí están os seus campionatos absolutos de Euskadi nos anos 2014 e 2016, e os seus subcampionatos no 2010, 2012 e 2013. Todo un crack!

               Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Xoves, 15 de decembro de 2016

Publicado en La Región o venres, 06-01-2017

domingo, 8 de enero de 2017

CATRO GOLPES DE AIXADA


Catro golpes de aixada e o soño dun rego que se cría dereito fíxose cachizas. Todos sabemos que nada hai dereito nesta vida que se torce. Sempre se torce. A bomba que ía caer nun arsenal de armas, cae nunha escola de nenos. A velocidade dun coche para presumir ou para chegar axiña, rebenta contra un valado, contra un carballo ou contra un poste de formigón que estaba alí, naquel punto concreto.
Catro golpes de aixada e un ril escarallado. Porque hai golpes que fan escachar cousas, incluso o ritmo dun suspiro ou o golpe dun latexo. Sábese que hai aparellos de labranza que che len a cartilla en dúas chantadas e que son capaces, si, de endereitar os regos, pero tamén de torcelos. Como esa vida feliz. Como esa vida escarallada. Catro golpes de aixada e a melancolía dun tempo que xa foi. Agora, a nugalla, torce o sentimento de calquera. A aixada debuxa regos sobre a extensión dunha finca e sobre a pel dunha vida.

Finca Fierro. Domingo, 8 de xaneiro de 2017

viernes, 6 de enero de 2017

COAS BOTAS CHEAS DE SOÑOS


Que bonito é soñar cos Reis Magos! Canta ilusión fai pensar nos Reis Magos! A noite do xoves ó venres deixeille as dúas botas xunto á porta a ver se caía algo, se caía a bicoca. Deixeille as dúas, por se acaso, por se non querían deixar algo na esquerda que o deixasen na dereita. Deixeillas ata as doce da mañá, por aquilo de se se atrasaban, xa que entendía que tiñan unha noite de moita trasfega. Nin ás doce da mañá, nin nas dúas había nada de nada. Non hai dereito, me cago no mundo! Os Reis Magos é unha quimera!
Lembro que de rapaz non recibía nada porque non quererían pasar pola corte. Igual luxaban os mocasíns. Agora non recibo nada de nada porque vivo nun piso sen ascensor e, os moi cabritos, non quererán subir escaleiras. E iso que vivo nun primeiro. Estou convencido de que se nunca recibín agasallos foi por eses dous inconvenientes. Porque creo que son un bo molgués, coas botas cheas de soños e con toda a ilusión do mundo posta neles. Pero non hai tu tía. De rapaz incluso era tan inocente que todo o que ganaba cantando os reis, de parviño, dáballo á nai. Xa non vía unha cadela, claro. Había algún ano que, sabendo que logo non vería un can, mentres os cantaba, mercaba un paquete de Celtas ou de Peninsulares e fumábao enteiro, non fose que logo o atopase a nai. Era o único agasallo que recibía deses Reis Magos que son tan cómodos que non se luxan nunha corte nin se cansan ó subir unhas escaleiras. O peor de todo é que aínda sigo crendo neles. Para o ano que ben déixolle unhas sandalias, a ver...

Finca Fierro. Venres, 6 de xaneiro de 2017

jueves, 5 de enero de 2017

AS ESCALEIRAS DA ROLA


Ola. Chámome Salvador Cristo Rupérez, O Chancas, e quero sentar nas escaleiras de pedra de Zoraida Graciosa Caraseria, A Rola. Fágoo no terceiro banzo, precisamente no terceiro, porque o segundo queda libre e no primeiro deixo caer ou meu 42 de chancas de madeira. Son o derradeiro habitante de toda a vila que calza chancas, que non é cousa de pouco.
As escaleiras da Rola están moi ben situadas; miran cara ó leste e polo mediodía, se non fora porque son de pedra, case se derretían. A ver, o de derreterse é no verán. Entenderedes, non si? No inverno xa non falaría delas porque... calquera se senta na pedra con ela medio xeada. Nas escaleiras da Rola dei o primeiro bico, precisamente a unha rula que aterraba á miña beira. A moi condenada non se asustou un carallo. Lembro que a mirei de esguello, baixei a cabeza e planteille un bico no pico. Puido aterrar na aira, pero non, fíxoo nas escaleiras da Rola. Alá ela. Ganouse un bico, o meu bico.

Finca Fierro. Xoves, 5 de xaneiro de 2017

lunes, 2 de enero de 2017

BUSCAR NIÑOS Á PILLAMADOIRA


Pasa o río Arnoia, calmo, por debaixo da ponte vella e Salustiano Salud Sanado contempla os amieiros da marxe dereita e soña con aquelas tardes nas que buscaba niños na Pillamadoira. Moi pouquiñas veces. Porque a súa nai non o deixaba "andar de can" e porque, tamén, o traballo agrícola e gandeiro non llo permitía. Aínda que era neno, con tal de que puidese cun sacho xa chegaba. Calquera neno labrego que puidese cun sachou ou cunha aixada ou cunha fouce xa a tiña clara, é dicir, unha vida escura de traballo e, por que non, de miseria.
Agora Salustiano Salud Sanado deixa escapar un sorriso; pero sabe que na súa infancia o que escapaba dos seus ollos eran bágoas de impotencia. Impotencia ó ver como outros nenos saían correndo para buscar niños pola, por exemplo, Pillamadoira. Salustiano observa a ponte vella e pensa nas veces que cruzou por ela para ir segar o centeo a Tallós. Era o traballo que máis odiaba: a seitura.

Finca Fierro. Luns, 2 de xaneiro de 2017

domingo, 1 de enero de 2017

A PRIMEIRA QUE QUEDARÍA NO PASADO


Á pesar de durmir ben ou incluso moi ben pola mañá, Gabriel Sarallo Garmendia tivo que botar a sesta; un pouco porque é costume que ten (cando pode, claro) e o outro pouco por matar a tarde. A tarde era unha tarde dominical e, para máis aquel, de ano novo; o que significaba estar practicamente todo o tempo na casa, xa que a maioría das cafetarías non abrían. Lémbrese que as resacas da noitevella adoitan ser de moito pendello. Logo da sesta, púxose a ler durante un tempiño, pero non tardou en tentalo de novo o sono. A verdade é que ler deitados é unha auténtica tentación para que os llos vaian dicindo: basta!
A Gabriel Sarallo ocorréuselle entón largar a ver a parte da súa familia e así tamén felicitarlles o ano. Falou coa súa dona Lucrecia Sálvora Salvada e alá marcharon andando. Soubo entón de verdade que entre ida, parolas e volta, a tarde do primeiro de xaneiro sería a primeira do 2017 que quedaría xa no pasado.

Finca Fierro. Domingo, 1 de xaneiro de 2017

CO QUE EU LLE QUERÍA


Alá marchou o ano 2016. E acaba de subírsenos á chepa o 2017, un novo ano que todos desexamos que veña cargado do típico de sempre. Polo de agora os que tamén se subiron á chepa foron uns cantos impostos e semella que van subir uns cantos xuízos pola corrupción. Non sei, non sei; non sei se non será unha inocentada que nos están metendo. Seguro que subirán tamén os conflitos bélicos... porque non interesa que diminúan. Volverán subir os incendios... porque tamén interesa que os haxa; por unhas ou outras causas, móvense moitos cartos. Por subir, a algúns, estes días, ata lles subiría o colesterol. Agora durante outras cantas semanas dedicaranse a esprintar por entre as corredoriras da suor.
Alá marchou o ano 2016. Un ano que, a este molgués, lle deu un pau alá polo mes de marzo e que, aínda hoxe, doe de carallo. Como non vai doer, co que eu lle quería, co que representou para min e co que nos unía, co que nos une. Non houbo un maldito día dese ano que non pensara nela. Seguirei pensando nela neste 2017 (porque o farei sempre), pero sabendo que a vida ten que seguir e que ela mesma sería a primeira en dicirme que... adiante! Así que, benvido 2017, ano no que o teu pipioliño de neto será a táboa de náufrago na que aboiaremos, na que flotaremos todos. Vai por ti, cuñada.

Finca Fierro. Sábado, 31 de decembro de 2016