domingo, 9 de abril de 2017

IMOS ALÁ


Veña, imos alá. A dicir o que non se ten que dicir. A mirar o que non debemos mirar. Se digo que chove, minto. Porque vai un sol do carallo. Se miro para as plumas do paxaro que vai de carballo en carballo, seguro que son as patas dunha bolboreta que pousan sobre unha coíña do camiño.
Veña, imos alá. A sentarnos no valado dun tempo que xa non volve. A bambearnos nunha galla de castiñeiro que o tempo converteu xa nun esquelete natural. Porque o tempo pasa e todo cambia. Ata cambiamos do lugar no que estamos para o que imos. Veña, imos alá. Imos imaxinar que estamos en Siria e que catro bombiñas de nada caen porque teñen que caer, porque as mandan caer. Imos imaxinar que estamos en Estocolmo e que un Fittipaldi de merda altera o vivir de moitos que non saben de que vai o conto. Imos imaxinar que a vida é o que é e que non queda outra que vivila, estando quietos ou en movemento continuo. En principio, hai que moverse. Imos alá.

Finca Fierro. Domingo, 9 de abril de 2017

viernes, 7 de abril de 2017

OS FEITOS DANME A RAZÓN


Ai logo!; ás veces poida que sexa un pamemiño, pero pouco a pouco os feitos empezan a darme a razón. Hai moitos anos que veño dicindo aquilo de que Galicia é o cu do mundo e Ourense, o ollo do cu. E unha vez máis outro episodio está claramente aí para corroborar as miñas sentenzas: o AVE circulará desde Taboadela por un trazado provisional ata o ano 2024. Trazado provisional. Ano 2024. É dicir, o dos atrasos iso non é nada. Atraso é, por exemplo, o ano 2019. Pero o ano 2024!? Que son cinco anos máis? Nada... un lustro e punto. Que si di axiña: lustro. E xa está. Un suspiro.
A verdade non sei de que me queixo; hai xente que ten o cu bonito. Galicia é guapa e como tal ten un cu lindo. Ourense... xa non digo nada de Ourense; coas súas augas quentes, que cheiran... coma o ollo ese. E agora xa en serio: coidadiño con ese 2024. Cando sae á palestra a noticia, e por experiencia, eu aínda lle botarei ó mellor outros cinco anos máis. Temos a proba da autoestrada A52 e a da propia liña do AVE; que se remataban en tal ano ata que concluíron e rematarán unha tira de anos despois. E algún máis. O de que somos os últimos monos, iso xa hai tempo que quedou desfasado. Xa o temos tan asumido que... que vivimos coma Deus na selva. É coma a corrupción; témola tan recoñecida que ata nos parecerá xa mal que haxa por aí algún pamemiño que non sexa corrupto. Será parviño! Pois o dos retrasos nas obras (e en todo) a Galicia, puuuffff, que máis nos dá cinco anos arriba como cinco anos abaixo. E dentro de Galicia está Ourense, que xa é outra feira, moito máis feira. Ale, a poñer o cu. Para iso.

Finca Fierro. Venres, 7 de abril de 2017

CULTURACTIVA, DISTRIBUIDORA DE SOÑOS

Que bonito é soñar espertos! Díxeno, dígoo e direino sempre. Algúns facémolo vendo unha película, outros lendo un libro, algún máis escoitando música e, por que non, tamén os hai que soñan co imposible. O caso é soñar. E hoxe aseguro que, ou ben dunha maneira ou ben doutra, Culturactiva fainos soñar a todos con calquera das súas actividades. É máis, xa leva no que vai deste mes de abril facéndonos soñar en algunha das cinco localidades coas que planificou unha aventura que imos destripar nesta reportaxe. Por certo, as cinco localidades son Allariz, A Rúa, Baños de Molgas (coidadiño!, palabras maiores), Barbadás (palabras especiais pero máis pequenas) e Verín.
Durante este mes de abril a distribuidora Cultuactiva, Sociedade Cooperativa Galega, xunto co mago Teto, sacaron á palestra, ou sexa, a esas vilas o programa Terra Máxica, que, como o seu nome indica, xa imaxinades de que van os soños. Porque a maxia... a maxia vaia se fai soñar!; moito máis incluso que coas artes que dicía no anterior parágrafo. O soño desas artes, máis ou menos, imaxínalo. Pero o soño da maxia é que o ves!
Culturactiva é unha distribuidora de espectáculos teatrais, circenses (anda que non fai soñar o circo!) e musicais. Así mesmo, desenvolven proxectos propios coma, por exemplo, o Festiclown, ou o que é o mesmo, o Festival Internacional de Clown de Galicia que, pouco a pouco, xa se espallou por todos os territorios non só españois, senón tamén mundiais. Esta distribuidora pode sentirse orgullosa de darlle a coñecer ó respectable a xente coma Guadi Galego, Leilía, Coanhadeira, Sergio Pazos, o incrible Leo Bassi e Fran Rei, que, este, a maiores de facernos soñar coa súa maxia, xa nos fixera soñar na propia Valenzá co espectáculo "Falar sen Cancelas", nesta ocasión acompañado de dos monstros chamados Isabel Risco e Pedro Brandariz, e que, faltaría máis, tiveron a súa correspondente reportaxe neste Testemuñas alá polo 30 de setembro pasado.
A Cuturactiva ocorréuselle o programa de Terra Máxica pensando precisamente que Ourense é unha provincia na que non hai moita programación cultural fóra do que é a cidade (e se só fora iso...). Así é que seguiron o lema de Mahoma: se a montaña non pode ir a Mahoma que vaia este á montaña. Ou ó revés. É igual. Culturactiva colleu e mandou ós seus profetas para que espallasen a palabra de Deus polas vilas ou os soños dos nenos e non tan nenos polos concellos. E niso están.
A mellor proba: que o pasado domingo, día 2, xa iniciaron a súa andaina, o seu camiño dos soños polas terras da Rúa, onde actuou o mago Paco co seu espectáculo "Ledicias". Nesta localidade terán as actuacións os domingos. Tamén os domingos 9, 23 e 30 haberá actuacións ou soños na Casa da Cultura de Allariz. Para Verín escolleron o Auditorio Municipal e optaron polos sábados, 8, 22 e 29, nos que saltarán á palestra Fran Rei e os magos Teto e Xacobe.
Que si, que xa fixen adrede deixar para o final os dous concellos que se escriben, que os escribo con palabras especiais (maiores e máis pequenas) porque... Barbadás xa case se pode dicir que é o meu concello de adopción e Baños de Molgas, ai Baños de Molgas!; a estas alturas non precisa ningunha presentación pola miña parte. Dádevos por resabidos dos meus sentimentos cara á esa vila que me pariu e me criou. Na Casa da Cultura Manuel María de Barbadás os de Terra Máxica actuarán os venres 7, 21 e 28.
A Baños de Molgas pásalle practicamente o mesmo que comentaba parágrafos atrás sobre a provincia de Ourense: que non hai moita cousiña, que somos pobres, e punto. Porque en Baños de Molgas só haberá unha actuación, a de Dani García, que o fará o venres 14 (Venres Santo) ás seis da tarde. Actuará no edificio multiusos da Estación. Que significa iso? Que polo lugar no que actúa e en compensación por haber tan só unha actuación na miña vila!, na Venecia ourensá!, estou seguro que Dani García ou ben fai desaparecer os vagóns de tren que haxa xunto ó aparcadoiro ou nun amén máxico fai que pase o AVE coma un lóstrego,coma un suspiro por diante dos narices do respectable. Ese instante será único e irrepetible en Baños de Molgas. Será o celme, o gran soño dunha vila inmensa. Entón, para que carallo queremos máis días!
Bromas á parte; chapó para Culturactiva por levar soños a concellos que, aínda que semella que non existen, están aí, que sempre estiveron aí. Grazas por facer soñar espertos a nenos e non tan nenos coa maxia que os levará a máis alá duns xogos internautas e duns aparellos de labranza, que de todo hai na viña do Señor.


Café Oren Express da Valenzá. Venres, 31 de marzo de 2017


Publicado en La Región o venres, 07-04-2017

martes, 4 de abril de 2017

ESCOITANDO UN ÁLBUM


Estou escoitando o álbum "Cosmopoly", de Andreas Vollenweider e a verdade é que relaxa abondo. Ás veces incluso tanto que penso que vou flotar. O que demostra que a música é unha arte máis que marabillosa. Un tema pode poñerte frenético e o seguinte tranquilizarte. Cun tema podes bailar pegadiño e co seguinte choutar como as cabras e sen vir a conto. Un tema musical pódelo escoitar coa conciencia tranquila e o seguinte pode a carraxe subirche polas entrañas.
A música amansa ás feras. É verdade. Pero tamén é certo que pode converter a un nun salvaxe con catro metais e moitas ganas de desbocarse. Tamén se ten dito que cada momento ten o seu tema musical ou algúns temas musicais teñen o seu momento. Poida que si. Hai momentos nos que a música non pode ser outra que catro baladas ben cantadas ou catro trompetas ben tocadas. En "Cosmopoly" reina a tranquilidade nesta noite de primavera na que os seus temas relaxan o meu corpo logo dun día de moito bregar, de moito labrar.

Finca Fierro. Martes, 4 de abril de 2017

lunes, 3 de abril de 2017

CONTEMPLAN A VIDA PASAR


Sei de dous lagartos que contemplan a vida pasar. Desde o alto dunha casopa perdida entre os outeiros da soidade. Un deles outea, esculca os confíns do monte mentres o outro segue os seus movementos. Móvense por entre as tellas derruídas, por entre as paredes esborralladas e de cando en vez deixan que as súas barrigas temperen as ansiedades dun soño.
Pero non sempre a calma é total nas horas nas que máis sol vai. Ás veces oen ruídos e ven movementos que non saben se son dun reloxo que anda ou dun tempo que morre sinxelo e en silencio. Eles mesmos procuran non arrastrar os rabos para non facer ruído polas tellas. Nun chiscar de ollos, o máis pequeno chouta de tal maneira que mesmo semella que participa nas olimpiadas dunha tarde pachorrenta e aborrecida. A acción pon ó outro frenético e foxe coma can con vincha ó rabo ata o outro recanto da chabola. Ó unísono erguen os pescozos, asexan e, pouco a pouco, acougan, sosegan para contemplar a vida pasar.

Finca Fierro. Luns, 3 de abril de 2017

domingo, 2 de abril de 2017

QUE GOZADA O RECORDALOS!


Logo de ler un cacho pola estrada que vai de Baños de Molgas a Os Milagres, opto por subir, andando, pola "Calle" ata o barrio da Igrexa. Pero xusto ó chegar á entrada da vila lémbrome daquelas noites nas que chegaba do monte cantando. Sempre cantando.
Antes de chegar á altura da Pitediña cantaba, que carallo, por medo, para correr o medo. A ver!, sempre me gustou dar a nota chegando de noite pecha; había veces que tiña que botarme a correr para ver onde ía a primeira vaca, pois desde a cola da fila que armaban (si, só eran tres vacas, pero non ían todas ó mesmo paso) non alcanzaba a ver o principio. Logo da Pitediña xa cantaba para, por que non, presumir un pouco. "Aí vén o Chito. Mira que lle gusta vir tarde do monte". E, ó mesmo tempo, para dar a coñecer as cancións de Camilo Sesto, Víctor Manuel e Juan Pardo, os grandes daquela época para este molgués. Estamos a falar dos anos 70. Tempos que foron e que xa non volverán, pero que gozada o recordalos!

Finca Fierro. Domingo, 2 de abril de 2017

sábado, 1 de abril de 2017

UN NÓ DE ANGUSTIA E XENREIRA


Desde hai moitos anos ou o que é o mesmo, desde que os fillos se apoderan da vida de cada un, non volvín ver "o parte" ou "as noticias" en condicións. Porque, ante a mesa (enténdese que os telexornais proxéctanse máis ou menos nas horas de xantar e cear), eles foron e aínda son os donos e señores do mando a distancia. E tamén se entende que como cativos e como adolescentes, para eles, as noticias nin fu nin mu. Así é que de moitas cousas non me decato. Perdón, non as vexo; xa que os xornais si os leo todos os días.
Non obstante, o outro día mentres tomaba o primeiro café da mañá cheguei a ver e a oír a testemuña dunha muller maltratada. Neses momentos estaba lendo precisamente este xornal e non me quedou outra que erguer a cabeza, poñer os anteollos e escoitar a terrible declaración dunha muller á que case non se lle entendía nada por culpa dos saloucos que deixaba escapar. De verdade que se me puxeron os pelos de espeto e un nó de angustia e xenreira subiu ata a gorxa. Logo, deuse a casualidade que á media mañá volvín ver e escoitar a noticia noutra televisión. E,o que son as coincidencias, volvín a escoitar eses saloucos, eses terribles choros ás tres e pico da tarde nun café de Baños de Molgas. En cada unha das veces, e como se adoita dicir, puxéronseme de gravata. Como serían os maltratos que non lle quedou outra que tirarse por la ventá, quedar parapléxica e o malnacido a seguir mallando nela porque non se movía. Para unha vez que vexo a televisión (ás noites só atendo ás películas), vexo o que non debería ver en tal cantidade. Oxalá non volva presenciar nin escoitar outra noticia desta índole. E oxalá, por suposto, ese malnacido, ese infame, ese levado do demo pague polo que fixo.

Finca Fierro. Sábado, 1 de abril de 2017