lunes, 8 de mayo de 2017

UN, DOUS, TRES


Un, dous, tres. Quen lle asubía a aquel xabaril que foza entre o bulleiro da diverxencia? Quen se achega a aquela sombra que se alonga, que se alonga? Quen mente para que creamos que di a verdade? Todos os apóstolos viaxaron na procura dunha doutrina que alguén lles predicou. O problema está en que xa non saben quen foi. Ben prosmeira é a memoria cando queremos que se acenda entre as sabas brancas dun recordo.
Un, dous, tres. Ó mellor ninguén calza alpargatas de cor marrón e todos usan botas de becerro con taco alto. Claro que, uns cantos, andarán descalzos. Por que o paso que dá unha alpargata é máis lene, máis livián que a pegada dunha chanca de madeira? Por que os amallós de coiro contemplan as pingas de orballo cando un paisano, calquera paisano, cruza polo lameiro do veciño. Hai que ser retorcidos; sempre esmagamos a herba da conciencia que está á nosa beira. O noso sentimento deixámolo que acougue durante tres minutos. Un, dous, tres.

Finca Fierro. Luns, 8 de maio de 2017

sábado, 6 de mayo de 2017

PROGRAMACIÓN POBRE E REPETITIVA


Con todas as canles televisivas que hai e levo case unha semana sen ver películas. A programación é tan pobre e tan repetitiva que me digo que estou moito mellor escribindo, escoitando música ou lendo. E iso que son dos que vexo as mesmas películas unha e outra vez. Pero claro, se a maiores de velas xa varias veces, se xunta que a calidade non é nada do outro xoves, pois morra o conto.
É verdade que ás veces o fútbol adoita acabar cando xa algunha película está empezada, pero aínda así hai outras canles nas que dá tempo de velas logo do partido, pero... para que?, para aburrirme? Máis dunha vez se me alporiza a alma porque sei de todas esas películas catalogadas de obras mestras que ninguén se atreve a proyectar porque, economicamente, non compensan. Tamén me anoxa moito que as novas xeracións non saiban nada do cine mudo ou do cine negro dos anos 40 ou das grandes películas musicais. Hoxe en día, trapalladas de acción e trangalladas de terror.

Finca Fierro. Sábado, 6 de maio de 2017

ATRANCOS ÁS AXUDAS DO VIÑEDO


O venres espertei coa nova deste xornal de que a Consellaría do Medio Rural se nega a dar axudas ó viñedo por culpa das xeadas de hai máis dunha semana. Se digo que quedei alucinado mentiría un chisco porque xa lera outras manifestacións de que tal estamento non estaba para a labor, é dicir, que non me colleu de sorpresa. Claro que aínda que a conselleira non houbese comentado nada, eu xa desconfiaba de que todo sería auga de bacallau, e máis partindo dunha (seica) filla de labregos, porque no noso país sempre fomos así de chulos e tiramos as pedras contra o noso propio tellado. Medio Rural enténdese que está aí para apoiar precisamente ó campo e non para poñerlle atrancos como llos está pondo. Parece mentira que unha filla de labregos non queira ver agora a problemática do campo.
Un deses atrancos ás axudas do viñedo semella que é porque, en proporción, os danos non son tan cuantiosos, que tan só veñen alcanzando un 30% en todo o Ribeiro. Pero non analizan que a moitos viticultores o dano foi do 100 por 100. E esta xente do 100 por 100, ollo ó dato, non só van perder a colleita deste ano, senón que xa veremos se conseguen recuperar algo, e digo algo, para o seguinte. Ese mesmo venres, pola noite, asistín a unha reunión sobre esta catástrofe (señora Ángelez Vázquez, aínda que lle custe asimilalo, foi unha auténtica catástrofe) e confeso que quedei impresionado pola cantidade de xente á mesma (coidadiño entón co do 30%) e pola preocupación que se vía debuxada nos seus rostros. Repito, non é a perda dun só ano. Así é que, filliña ¿agricultora?, non queda outra que manifestarse.

Finca Fierro. Venres, 5 de maio de 2017

viernes, 5 de mayo de 2017

MARÍA ORUÑA, BAIXO O TALENTO NARRATIVO

O venres, 7 de abril, tireime ata a media tarde co dilema de a que presentación literaria asistir. Resulta que ese día celebrábanse en distintos lugares da cidade das Burgas tres ou catro presentacións de libros e, para máis aquel, practicamente á mesma hora. Ata a propia muller se deu conta da miña angustia, da miña loita interior. É máis, lembro que fomos andando ata o centro de Ourense e no Xardín do Posío aínda non sabía a que acto iría. Finalmente optei pola presentación do libro "Un lugar a donde ir", da autora viguesa María Oruña.
Certo que sempre estivo no meu pensamento un grao máis arriba das outras presentacións (pero eu son dos que cambio axiña de parecer; nos cines ía con moita antelación para non facer cola ó sacar a entrada e, ó mellor, dous minutos antes de abrir, zas, mandaba a película a tomar vento), digo que estivo un grao máis porque lera no seguimento que lle fixera polo San Guguel que María Oruña xa publicara un libro titulado "Puerto Escondido", que tivera un gran éxito e que xa o traduciran a algúns idiomas estranxeiros, que, por certo, para ser a primeira novela non estaba mal, nada mal. Moitos autores botan media vida para que os lean fóra das nosas fronteiras. A outros nin tan sequera os len no noso país.
Tomada a decisión teño que dicir a día de hoxe que non estou nada arrepentido de asistir ó café El Cercano, porque alí presenciei unha das presentacións máis amenas e máis simpáticas de todas ás que teño asistido. A María Oruña notábaselle que non era das primeiras veces que se enfrontaba ó público. Logo, para máis carallos, era simpática e guapa. Con desenvoltura, con moito xeito fixo as presentacións dos dous compañeiros de faladoiro que a arroupaban (Nacho Guisasola e Lourdes Álvarez, do blog literario Planeta Eris) e, logo, falaría da súa novela e da súa vida. Pero antes foron os seus compañeiros os que debullaron un chisco a novela "Un lugar a donde ir", mesturándoa con "Puerto Escondido". Porque aínda que esta non é unha continuación daquela, si ten ós seus personaxes principais na mesma.
En "Un lugar a donde ir" axiña nos atopamos co talento narrativo da autora e descubrimos ó momento unha historia de ficción moi entretida, pero, iso si, moi seria. Novela híbrida, con misterio, aventura e acción, que reflexiona con pingas de literatura cara á onde nos diriximos. Novela coral con tres fíos argumentais: presente, pasado e reflexións dun personaxe. Os procedementos son reais, practicamente todo está baseado na realidade, aínda que a acción se presente coma un xogo. É unha auténtica potencial viaxe no tempo, con moitas tramas e subtramas. A verdade é que o libro é tan especial que, incrible, xa vai pola segunda edición.
Certo que tanto éxito vén amparado pola súa primeira novela, a citada "Puerto Escondido", que viu a luz hai dous anos, no 2015. Pero, ollo!, antes tirouse máis de medio ano mandándolle correos a todas as axencias literarias do país ata que unha aceptou representala e fíxoo tan ben que axiña lle vendeu os dereitos de "Puerto Escondido" a Destino e a outras editoriais estranxeiras. Aí é nada.
Antes, un chisco antes xa escribira un libro con abondo contido xurídico (María Oruña é avogada laboralista e mercantil), "La mano del arquero", que ben falando sobre a amizade e a maternidade e que tende a explicar que é o acoso laboral e poñendo os medios legais e humanos para enfrontalo. A autora axiña se pasou á novela negra ou de misterio. Colleu dous personaxes principais, a tenente da Garda Civil Valentina Redondo e Oliver Gordon e con eles pódese dicir que empezou todo. Perdón, coa calidade literaria de María Oruña. Agora mesmo xa anda coa terceira aventura desta parella protagonista. E logo xa quere meterse cunha que se desenvolva en Galicia, porque estas dúas últimas están a descubrirnos a comarca de Cantabria (o pai da autora é de alí e desde pequena visita de continuo esa rexión)
María Oruña naceu en Vigo o 25 de novembro de 1976 (41 outonos). Estudou bacharelato e COU no colexio Salesianos da cidade olívica. Pola UNED sacou a carreira de Dereito e exerceu de avogada, primeiro, para entidades bancarias e, logo, para un bufete internacional durante varios anos. Foi tras a súa maternidade cando se lle deu por poñerse a escribir, a pesar de que di que "escribir é unha exposición brutal". Imaxino que porque aí asoma todo o que levamos dentro, creo que é algo así como espirse ante o público, con todo o que isto implica. Documéntase durante meses, fai esquemas, busca e rebusca en moreas de libros e, o máis importante, que é como unha lupa fixándose en todo o que desenvolve ó ser humano, desde os xestos e as maneiras ata as accións e os actos que leva a cabo, porque "saco os personaxes para os libros da vida real". Será unha gran escritora. É xa unha gran escritora.


Café Oren Express da Valenzá e Finca Fierro. Domingo, 16 de abril de 2017


Publicado en La Región o venres, 05-05-2017

miércoles, 3 de mayo de 2017

PECADOS MORTAIS E VENIAIS


Se alguén te busca é porque quere atoparte. Aínda que o detalle está en que para que te busca? Uuuii, xa empezan a ser palabras maiores! Pode que te busque para darche un premio, por exemplo. Pero o peor é se é para darche unhas labazadas. Tede conta que cando se dan unhas labazadas, queda un moi agustiño.
É o mesmo coma cando se bota un pecado. Por certo, non caedes na conta de que, xeralmente, ó escribir usamos a palabra insulto en vez de pecado? Será porque vou vello, pero, antigamente, non insultabamos; botabamos pecados. Despois había a distinción dos pecados mortais e os pecados veniais. Seguro que os rapaces de agora non saben que había esa diferenza. E non era o mesmo confesar uns e outros. Para confesar os veniais pódese dicir que ata ías contento falar co cura. Mais se eran mortais, moito ollo!, aquilo xa daba medo e, por suposto, moita vergonza. Solución: que lle mentías ó cura, que carallo! Non botes pecados, Chito! Por certo, estou só; ninguén me atopou.

Finca Fierro. Mércores, 3 de maio de 2017

martes, 2 de mayo de 2017

A PONTE DAS CEPAS


A carballeira non deixa pasar o sol e Dionisio Salmerón Salgado senta sobre o mazadoiro do muíño do Dositeo. Acaba de chegar cunha saca de millo que descargou do burro Evaristo. A saca pesaba de raio e os ósos de Dionisio resentíronse.
Como o muiñeiro aínda non chegara, O Alpabardas (a ver, quen se non máis ca Dionisio, quen se libra dos alcumes nas aldeas?), logo do descanso, optou por achegarse ata a Ponte das Cepas, esa mole ferroviaria que, desde arriba, e contemplando o río Arnoia, espaventa un chisco. Pero antes de chegar, O Alpabardas fíxase nos cinco impresionantes arcos e imaxina a un caza pasando por alí á velocidade da luz. É verdade, para onde carallo vai ir o caza se xa nin hai xente para guerrear!. É igual, Dionisio Salmerón Salgado (veña, dío: O Alpabardas) segue imaxinando ó seu pai -de cando traballou na Ponte das Cepas-, deixando caer un penedo sobre o imaxinario caza e esnaquizándoo contra as rochas do río Arnoia. Vaia pensamentos do homiño! Cun sorriso nos beizos regresa para o muíño.

Finca Fierro. Martes, 2 de maio de 2017

lunes, 1 de mayo de 2017

OS PENDÓNS DO MILLO


Quero contemplar os pendóns do millo, pero os ollos tan só se me van para a igrexa de Baños de Molgas. Estou no fondo da Pitediña, sentado baixo a sombra dun amieiro que bebe das augas do río Arnoia. Hai uns minutos que deixei de ler e agora estou a facer tempo para marchar. O remusmús da corrente envurúllame nunha morriña que, a verdade, nunca se foi.
De esguello quero examinar eses pendóns do millo que hai na leira do Sandiós, pero o barrio da Igrexa, aínda que está máis distante, faise grande, morriñento e, por que non, bonito. A igrexa coa súa torre de 30 metros de altura. A Aira de Arriba cos seus canastros e a fantasía dos palleiros de herba seca e de palla. A infancia pululando, bulindo polos xogos que levabamos a cabo por entre eses canastros e palleiros antes de entrar ó rosario, por exemplo. Rosario diario, por suposto. Pasou o tempo. Teño que marchar. Ergo. Os pendóns do millo quedan atrás e paso a paso métome nas mesmas entrañas de Baños de Molgas.

Finca Fierro. Luns, 1 de maio de 2017