miércoles, 7 de junio de 2017

O CARREIRO DE BULLEIRO


Quero tirar pola rúa do medio, pero o que aparece ante min é un carreiro cheo de bulleiro. Non lle fago caso ó carreiro e tiro pola rúa do medio. A ver, para que están as ideas! Pola rúa do medio atópome con coches que circulan e con beirarrúas solitarias. Normal; son as tres da tarde e vai un sol de carallo.
Quero sentar nun banco de cor branca, pero como non lle dá a sombra sigo o camiño. Vou, non sei para onde vou; en principio teño intención de ir ata a fin. Ata a fin da rúa, se entende. Se fai falta tamén chego ata a fin do mundo. Pero tería que esperar a que baixara o sol un pouco. É certo que quenta pero non queima, pero, que raio, si que amouca, que aplana de verdade. E súas as catro pingas de suor. Ó mellor son cinco, pero non confundamos ó lector. Cheguei á fin da rúa e agora si que non queda outra que coller o carreiro cheo de bulleiro. Porque xa non hai rúas; nin á esquerda nin á dereita. Como non quero volver polo mesmo camiño, collo o carreiro e, claro, póñome coma un divino cristo.

Finca Fierro. Mércores, 7 de xuño de 2017

martes, 6 de junio de 2017

UN AFOGADO NO ARNOIA


Fochica de aquí e fochica de alá, acabas por encontrar. E atopei que a primeiros de xaneiro do ano 1901, é dicir, hai 116 anos (que non é moco de pavo) atoparon no río Arnoia, a uns 100 metros da ponte nova de Baños de Molgas o cadáver de Eduardo Carnicero.
Resulta que á altura desa ponte déuselle por cruzar o río montado na súa égua e, nun visto non visto, o pobre home caeu da cabalgadura e a corrente encargouse de desprazalo, de arrastralo eses metros citados, metro arriba, metro abaixo. Hai que lembrar que é inverno, que antes creo que chovía máis que agora e que, por esa zona, cando o Arnoia vai coa chea é certo que ten o seu aquel de potencia, de forza, de bravura. Tamén hai que lembrar que aí, precisamente aí, xa van xuntos tres ríos (o Sor, o de Tioira e o propio Arnoia), que tampouco é cousa de pouco. E desde a miña realidade, confeso que é a primeira nova que me atopo sobre un afogado na miña propia vila, no meu río.

Finca Fierro. Martes, 6 de xuño de 2017

UNHA BOA TRAMA POLICIAL

Non é que sexa unha obra mestra, nin quizais unha gran novela, pero “Sucios e malvados”, de Juanjo Braulio, faite pasar uns días de lectura moi entretidos. Nela combina unha trama policial cunha moi boa reflexión sobre o sexo, a xustiza, o poder e a violencia contra as mulleres, e coa cidade de Valencia manifestándose coma un personaxe máis.
“Sucios e malvados” quizais teña un pero: que ás veces semella que o autor mete páxinas que non veñen moito a conto, que se parecen máis a eses estúpidos diálogos de Telecinco neses programas de poñerse a parir uns a outros; nesas páxinas quere amosar quizais un mundo “pijo”, pero que non cadran ben no contexto da novela. Fóra diso, e a pesar do seu volume (seiscentas e pico páxinas), o libro está ben, bastante ben. O autor valenciano Juanjo Braulio xa asombrara á crítica coa súa primeira novela, “O silencio do pantano”, na que contaba mentiras para dicir verdades.

Maceda. Martes, 6 de xuño de 2017

domingo, 4 de junio de 2017

O CRISTO BENDITO


Eladio Cachaldora Suances abre a porta da cociña de ferro e mete dúas achas de carballo para apurar dunha vez por todas a pota de caldo que ten sobre a prancha. O caldo é de verza do país con tres chourizos e uns cachos de touciño. Dicir Eladio Cachaldora Suances é o mesmo que dicir O Cristo Bendito. Así o coñecen todos os veciños do lugar, da parroquia, do concello e de parte do estranxeiro.
Seica de rapaz, cada vez que vía algo sorprendente ou lle contaban algo interesante, aínda que fosen auténticas trolas, deixaba caer un "Cristo Bendito!" sonoro e alucinante. E xa se sabe o que pasa nas aldeas: que axiña bautizan a un. Agora mesmo, O Cristo Bendito colle unha banqueta e achégaa ata cerca da cociña; senta nela, abre a porta do forno e mete os pés para que lle entren en calor e para que se lle sequen. Acaba de vir de tornar a auga e púxose coma un divino cristo. Ó instante, os calcetíns empezan a fumegar e O Cristo Bendito deixa escapar un sorriso para axiña poñerse a topenear.

Finca Fierro. Domingo, 4 de xuño de 2017

DEIXAR O FÚTBOL A UN LADO


Puiden escribir este Recuncho o sábado pola tarde, pero esperei á noite polo do final da Liga de Campións entre a Juventus e o Real Madrid. Confeso que me saíu a pascua en venres. Así é que non queda outra que cambiar de terzo, deixar o fútbol a un lado e dicir, por exemplo, que seguen os atentados terroristas con enormes moreas de mortos, moitas máis co acaecido en Manchester hai xa dúas ou tres senmanas, pero como aqueles acontecen fóra do "mundo civilizado" é polo que pasan con pés de manteiga pola nosa sociedade. A nosa, digo. Hai sociedades e sociedades. Coma mundos e mundos, aínda que só haxa un.
Deixo o fútbol a un lado para dicir, por exemplo, que seguen os asasinatos pola violencia de xénero e que cada vez son máis dolorosos, máis sórdidos porque son os nenos os que empezan a pagar os erros dunha convivencia imposible entre os seus seres máis queridos. E son estes precisamente os que optan pola vinganza no que máis doe. Temos a alma chea dun veleno chamado inquina, xenreira.
Deixo o fútbol a un lado para dicir, por exemplo, que non me queda outra que deixar tamén a outro lado a política que bule hoxe polo meu Baños de Molgas. Doe ver que saímos nos medios por unha mingurria de nada, por unha mexericada. Co bonito que é falar! E son dos que digo que, falando enténdese a xente.
Deixo o fútbol a un lado para dicir, por exemplo, que cada vez odio máis os días dedicados a (a nai, o pai, os namorados, etc), ou esas celebracións tan pomposas de aniversarios, bautizos, comuñóns e, ultimamente, graduacións nas que empezamos a actuar coma se se nos acabase o mundo e influenciados por eses grandes comercios que o único que queren é que te desboques en ostentosidade. Deixei o fútbol a un lado e deixo xa o Recuncho acabado.

Finca Fierro. Sábado, 3 de xuño de 2017

viernes, 2 de junio de 2017

TEÑEN A SÚA ELEGANCIA


A pega fixo ruído, moito ruído. Deixei de ler e contemplei o alboroto. A pega ou intentaba pillar algo a través dunha tea metálica ou quería cruzar esa tea metálica. Axiña vin como a cabeza dunha serpe asomaba pola parte superior do muro e se lanzaba ou caía ó baleiro.
Collín o marcapáxinas, coloqueino onde ía lendo e pechei o libro. Fun inxdagar. Axiña a vin, no fondo do camiño. Era longa. Podía dicir que medía dous metros e pico, pero como sei que ninguén me vai crer, direi que non andaría lonxe do metro. Ás veces é certo que as serpes dan algo de arrepío, pero se as contemplas con calma, parsimoniosamente, teñen o seu aquel, a súa elegancia, a forma de reptar, de buscar un buraco e de erguer a cabeza. Certo que eu non facía ruído para non asustala, para que non fuxise. E así ía serena ó longo do muro, buscando un acocho, un buraco, algo onde estivese resgardada do ataque da pega. Esta, claro está, mentres eu estiven alí, non apareceu, pero non andaba lonxe. Tiven que marchar e... non sei a fin da historia.

Finca Fierro. Venres, 2 de xuño de 2017

jueves, 1 de junio de 2017

UN ALIENÍXENA EN BAÑOS DE MOLGAS


Cando me dixeron que había un alieníxena en Baños de Molgas peguei tal bote que pensei que daba no teito da oficina. Por fin unha nave extraterrestre non aterraba nos Estados Unidos de América! Subín ó Pancracio e en cinco minutos estaba na vila na que me pariron.
Tiñan ó alieníxena nas Mestras, atado a un carballo. Deume pena. Ós veciños díxenlles que como quero ser astronauta, teño outra sensibilidade para tratar cos de máis alá das estrelas. Achegueime a el e faloume nunha linguaxe que non coñecía pero souben que me dicía que viña en son de paz. Ti es un amigo, carallo! Así lle soltei. Abraceime a el con moito coidadiño, porque, sinceramente, era pouquiña cousa. Tamén eu lle falei nunha linguaxe que nin eu mesmo coñecía: amigo meu, tiveron que darche mal as coordenadas porque a túa nave non aterrou nos Estados Unidos de América; alí a tes, na Pitediña de Baños de Molgas. Se ves que tes frío pola noite, aí cerquiña méteste no piote da burga, que ten a auga quente. Díxenlle ós veciños que o soltaran e foi el agora o que me deu o abrazo. Pouquiña cousa pero cun gran corazón... se o ten. É un alieníxena.

Finca Fierro. Xoves, 1 de xuño de 2017