domingo, 9 de julio de 2017

CANDO CHEIRAN A TINTA


Osorio Castañuela Langrán baixa do coche ó mesmo tempo que lle di adeus a súa dona. Métese no café Dos Yemas, pilla o xornal de Ourense, senta nunha mesa e pide un café. Osorio Castañuela sempre pide un café. Le as primeiras páxinas e non se decata de nada. Porque xa é tarde, sobre as nove da noite, e a estas horas non lle apetece ler o periódico. Osorio Castañuelas, O Cura, sempre di que os xornais hai que lelos á primeira hora, cando ó abrilos aínda cheiran a tinta.
Osorio Castañuelas Langrán non é cura; pero el sabe que lle chaman O Cura e non sabe por que. Ata llo pregunta a algún que outro amigo, e ninguén lle sabe responder; nin por que lle chaman así nin quen lle puxo ese alcume. É igual, a el dálle igual. Sempre asumiu os alcumes porque sabe que practicamente todo o mundo ten o seu. É lei de vida, digo, das aldeas. Detense un tempo na derradeira páxina porque se pon a estudar a programación da televisión. Engurra o fuciño. Non debe ter nada para ver. O Cura, sen dirixirse a ninguén en particular, lanza un "ata logo" e sae. Vai andando para a súa casa.

Finca Fierro. Sábado, 8 de xullo de 2017

viernes, 7 de julio de 2017

A NOITE É LONGA


Non hai unha película decente para ver. Non queda outra que escribir. Xa o fixen. E sigo escribindo. Ó mesmo tempo, claro, coa música nos oídos. Esta que non falte nunca! Grazas a Deus non me falta. Agora mesmo son Radio Futura co seu álbum "La canción de Juan Perro". Antes fora o jazz de Charlie Byrd e Stan Getz. Dentro dun cacho volverá o jazz de Ben Webster. Porque aínda queda moita noite. A noite é longa. Incluso ata penso que teño tempo para uns minutos de lectura.
Remata Radio Futura. Imos con Ben Webster e, por exemplo, co seu álbum "King of the Tenors". E como empeza, Deus! Como para flotar nesta noite longa. Nesta noite na que a mesa sobre a que escribo está cheíña de papeis, e carpetas, e dicionarios, e libros. Cada vez que me poño a escribir co ordenador lévame unha tira de tempo e máis o colocarme, xa que como o fago sobre a mesa da cociña (axéitome moi ben a ela), teño que espallar sobre ela todo iso que digo e, ás veces, algunhas cousas máis. A tira de tempo volve ser a mesma cando chega a hora de recoller. Que todo sexa polo pracer de escribir, de contar.

Finca Fierro. Venres, 7 de xullo de 2017

SOLIDARIEDADE CON XUNQUEIRA DE AMBÍA


A ver agora que din e que fan aqueles que falan mal dos funcionarios, cando dentro duns meses se presenten, a maioría deles, ás 20.000 prazas que se acaban de convocar para este ano e ás 4.000 para o ano que vén. Porque se presentarán. Moitos deses que badúan, que esbardallan unha e outra vez daranse, agora, labazadas para acadar unha praza e así soster ó país mercando xornais polas mañas e tomando cafés a esgalla, ás moreas. Moita crítica, moita crítica pero seguro que se presentan máis de 100.000. Despois, xa, se aproban, caerán da burra e verán que non todo o mar é peixe, principalmente nos soldos dun simple auxilar administrativo. Sobre o traballo, hai de todo; uns é verdade que rañan un chisco a barriga, pero outros tamén é certo que nin poden respirar. De todo hai na viña do Señor.
Sempre criticando que Galicia tal e que Ourense cal (xa sabedes, o de o cu do mundo e o ollo do cu), cando na realidade, en algunhas cousas, estamos por enriba da media española. Por exemplo, os carburantes. Custan en Galicia un 4% máis que no resto de España. E Ourense lévase a palma. Ai logo! Por fin en algo somos os primeiriños. A ver!, tanta miseria, tanto abandono... e resulta que pagamos o petróleo a prezo de... petróleo! Ufff; moitísimo máis cara có ouro. Para que despois digan que somos uns coitadiños, uns apoucadiños!
O derradeiro parágrafo deste Recuncho vai para os de Xunqueira de Ambía. Este molgués solidarízase completamente coas súas xentes ante a desfeita que levou a cabo o pedrazo do outro día. Sei o que é perder toda unha colleita. Por H ou por B, pola xeada ou pola saragana o labrego sempre é o máis prexudicado nas hecatombes naturais. Agora alguén choutará por aí dicindo: ah, que as tiveran aseguradas... coma se che puxeran fácil asegurar as colleitas. E non lle boto a culpa a ninguén porque se me emperrenchan algúns xefes. Aquí, en Galicia e en España, a culpa sempre foi, é e será do cha-cha-cha. Ánimo, veciños!

Finca Fierro. Venres, 7 de xullo de 2017

jueves, 6 de julio de 2017

TORMENTA SOBRE MOLGAS EN 1887

Agora mesmo acabo de ler neste xornal os avisos de alerta amarela por fortes tormentas. Esperemos que non sexan como a acaecida o luns, 11 de xullo de 1887 (hai 130 anos), que arrasou campos e acabou con moitas cabezas de gando no concello de A Gudiña.
Tal treboada aumentou de intensidade segundo se achegaba ó val de Allariz. Arrastrou catro pontes entre Baños de Molgas e Allariz, levándose a unha muller que estaba lavando a roupa no río Arnoia e que a salvaron de milagre nunha presa. A quen non puideron salvar foi a un rapaz que estaba na beira esquerda do río e que acabou afogándose. Tamén morreu un mozo alcanzado por unha chispa dentro da súa propia casa. Non fará falta dicir os danos que causou na agricultura. Imaxino toda a Pitediña e Os Campos inundados, así como a auga baixando polas rúas do barrio da Igrexa e pola Ladeira. A tempestade seguiu polo val da Rabeda, Ourense, Moreiras e Ribadavia, a onde chegou xa moi mansiña.

Maceda. Xoves, 6 de xullo de 2017

miércoles, 5 de julio de 2017

ENTRE A BORRAXEIRA

Néboa que asoma pola fiestra da esperanza e unha persiana a medio baixar oculta a punta dun carballo vello que sinala os tempos remotos nos que un asubío facía bailar os recordos dun neno.
Son as nove menos cuarto da mañá e Alexandre Desplat enche o recanto no que estou coa música que lle fixo á película “Argo”. O tictac dun reloxo rompe o silencio e unha morea de papeis esperan a que o movemento se faga dono dun instante que ha de chegar. Todo chega nesta vida chea de arcos da vella ou de treboadas que mollarán as penas. Nada, a solución é sinxela: todo consistirá en sacalas a secar; á luz do sol ou ó aire que zoa por entre as gallas dese carballo vello. Néboa que segue apousentada sobre a saudade dun libro que queremos ler pero que nos custa abrir pola primeira páxina en branco. Co fácil que é empezar pola primeira liña e seguir coas palabras que van atadas a un soño. Os parágrafos son os contos que se desenvolven nunha mañá entre a borraxeira.

Maceda. Mércores, 5 de xullo de 2017

lunes, 3 de julio de 2017

A RULA E O PITORREI


Tempo de que a rula voe por entre os carballos da Costela e de que o pitorrei acougue un momento para contemplar o instante dunha historia que puido ser e non foi. Tempo de relax nun tempo que non pasa. O único que pasa son os acordes de Fats Waller mentres un escritor pensa que catro liñas ben escritas van cambiar o mundo. Pero quen escribe ben catro liñas? Non é tan fácil cambiar o mundo. Como non é fácil que o pitorrei lle escriba un soneto á rula que pousou na carballeira de Rogelio, O Carabinas.
Tempo de barullo nunha noite escura, na que o silencio debería ser o descanso do guerreiro; ou do heroe que se sente incapaz de estar quieto. Todo se move; incluso o silencio que quere atravesar o ruído. Tempo de que a rula aterre na mesma galla do pitorrei, que leva xa tempo sen facer ruído. Tan só unha pequena raxada de vento é quen de mover unha pluma do pitorrei. O pobre quedou pampo e encollido ante a presenza da súa adoración. Quixo choutar para a carballeira de Salustiano, O Primavera, pero non quería perdela. Á rula.

Finca Fierro. Domingo, 2 de xullo de 2017

domingo, 2 de julio de 2017

ESTE MUNDO NON É SERIO


O domingo 25 asomaba nos xornais a nova de que un derrubamento de terras sepulta a 120 persoas nunha aldea de China. O luns 26 asomaba nos medios de comunicación a noticia de que a explosión dun camión cisterna en Paquistán deixou máis de 150 mortos. Estas dúas noticias se as poñemos xuntas na columna dun periódico non alcanzan para completar toda a columna. Polo menos nos dous xornais que leo diariamente non alcanzaron cada unha nin a metade da columna. Mentres que, cando aconteceu, por exemplo, o incendio dun edificio en Londres, no que morreron unhas 30 persoas ou algo máis (dise que aínda non se sabe a cantidade exacta), os medios de comunicación tiráronse días falando desa "hecatombe", desa desgraza, que si, é unha auténtica catástrofe, pero ó ser no mundo civilizado xa vai moito máis alá dunha simple calamidade.
Total, o de sempre: que hai mortos e mortos e que non todas as penalidades son iguais. Os chinos son unha morea deles e pouco lles afectan 120 habitantes máis, a maiores de que están moi lonxe e teñen un rostro raro, unha faciana achinada. Sobre os paquistanís... uffff; todos eles uns talibáns. Ó mellor ata nos libramos de 150 suicidas poñendo bombas por aí. Mentres que os ingleses, ai os ingleses, aínda que sempre andan ó revés, están aí ó lado, teñen unha lingua tan bonitiña que nos vai conquistando así coma quen non quere a cousa. E, o principal, son europeos, é dicir, civilizados. Sinceramente, este noso mundo non é serio. Cando empezamos a distinguir ó ser humano pola súa condición da raza, do sexo, da cor, dos países, alá van os dereitos humanos da ONU a cazar biosbardos. Cando o ser humano empeza a dividir con muros e fronteiras, alá vai a liberdade a meterse entre as reixas dun cárcere feito a conciencia. É que xa obviamos o primeiro artigo de tal declaración, aquel que di que todos os seres humanos nacen libres (ai que me parto!) e iguais en dignidade e dereitos (xa!) e, dotados como están de razón e conciencia (principalmente conciencia), deben comportarse fraternalmente os uns cós outros (tal cal)
Finca Fierro. Sábado, 1 de xullo de 2017