miércoles, 9 de agosto de 2017

O GRAN DE AREA


    Non ten conciencia o gran de area cando se espeta no taco do zapato que o pisou. Non ten conciencia porque alí decide seguir e vai deixando as pegadas por onde pasa o Inocencio da Gándara. Este ben que oe un pequeno renxido, unha longa rabuñadura polo chan, pero pensa que o condenado gran xa se desapegará.

O Inocencio da Gándara, cando chega á súa casa, esquece de esfregar os pés contra o felpudo e entra no parqué como cabalo de batalla. Cando segue oíndo aquel rascar, aquel rabuñar xa é tarde. Xa ten a Ludivina da Piollosa rillándolle os oídos coa ladaíña do desastre, da desfeita, da porcallada, da nugalla, do sen sentido, do abandono, do descoido. O Inocencio da Gándara non lle queda outra que marchar máis rápido que á présa cara á porta para refregar unha e outra vez  os zapatos. Non contento con isto, saca o zapato, mira o taco e cunha uña arrinca o maldito gran de area que lle estaba a matar a cabeza por medio da verborrea da súa dona.

    Finca Fierro. Mércores, 9 de agosto de 2017

martes, 8 de agosto de 2017

A DOMINACIÓN DOS BÁRBAROS


    Desde que teño uso de razón, Baños de Molgas viviu case sempre, politicamente falando, baixo a influencia do conservadorismo, do totalitarismo, polo que sería raro que a miña vila se desbandase en asuntos, por exemplo, escandalosos ou algareiros; é dicir, uns santiños, un concello que seguiu sempre os regos marcados polo Estado.

Non obstante, hai pouco atopeime cunha nova do mes de novembro de 1887 que me deixou un chisco co sorriso nos beizos e coa alma rebelde. Semella que nesa época os meus antergos alborotaron de carallo a vila que alguén denunciou "unha nova manifestación tumultuosa e salvaxe, durante a que se proferiron insultos da peor caste, con xeral desagrado das persoas sensatas, que van perdendo a esperanza de que se poña remate a tan criminais excesos". Faise entón preciso que o señor gobernador civil chame ó alcalde de Baños de Molgas para cantarlle as corenta. Se non haberá que admitir que se iniciou nesa parte da provincia a dominación dos bárbaros. Houbo un tempo en que Baños de Molgas era rebelde.

    Finca Fierro. Martes, 8 de agosto de 2017

sábado, 5 de agosto de 2017

OS RONSEIS DE DOUS AVIÓNS


    Cansado de observar a páxina branca dun libro, Honorato Mol Sardiñeiro imaxinou unhas liñas escritas cos ronseis de dous avións que estaban a piques de chocar. Honorato Mol, O Aviador, escribiu sobre o ronsel esquerdo as coordenadas nas que intuía que os dous avións colisionarían.

Logo de completar a liña, Honorato Mol, O Aviador, escribiu outra máis sobre o ronsel dereito coas quilometraxes nas que intuía que chocarían os dous avións. Despois, entre parágrafos, O Aviador, deixaba que a súa imaxinación acougase entre as nubes brancas de algodón que asomaban alá ó lonxe, pódese dicir que moito máis alá do infinito. Entre liña e liña soñaba cun café cortado e toda unha tarde contemplado o ir e vir dunha rula polos camiños do alento ou do recordo. Honorato Mol, O Aviador, cerrou o libro e coas súas mans brancas quixo tocar os ronseis dos dous avións que estaban cada vez máis cerca. O único que conseguiu foi cubrir, tapar o percorrido desa incógnita. Abriu de novo o libro pola derradeira páxina e cun lapis de carpinteiro escribiu a palabra FIN.

    Finca Fierro. Sábado, 5 de agosto de 2017

viernes, 4 de agosto de 2017

DÚAS NOVAS MOI MALAS


    Deixando fóra o espectáculo dantesco dos incendios pola zona de Verín (precisamente para non criticar toda a trapallada desta eiva, desta lacra que acaba con nós, porque se nos cabrearían algúns e me censurarían outros), non queda outra que falar de dúas novas deportivas acaecidas a semana pasada. Por desgraza, as dúas malas, moi malas.


    A primeira, foi o falecemento de Ángel Nieto. Xa sei que morre moita xente e non se lle deu tanto bado, tanta pompa coma a que se lle deu a este, pero temos que empezar a diferenciar un personaxe público (e por que non, famoso) dun personaxe, digamos, privado. E a Ángel Nieto haille que recoñecer que tivo o seu aquel, a súa importancia; para o noso país e para moito xente. Confeso que incluso para este molgués que escribe, xa que a min nunca me chistaron as motos e grazas a el e ós que lle seguiron, hoxe son un fervente seguidor da Moto GP (e teño debilidade por Jorge Lorenzo). Os seus 12 + 1 aí estarán sempre para facernos lembrar que, deportivamente, foi dos máis grandes que tivemos no noso país. Descanse en paz.

    A segunda nova deportiva (non, non é sobre a fichaxe de Neymar) é a posta en liberdade de Ángel María Villar e os seus lambecricas. Creo que cando escribín sobre o seu encarceramento, precisamente tamén nun Recuncho Hebdomadario, dicía algo así de que a xustiza actuaba aínda que o fixese lentamente. Craso erro. Que carallo vai actuar! Polo que se ve, faino tarde, mal e nunca. Villar xa está fóra, e o seu fillo, e Juan Padrón. E agradecéndolle a moitos todo o cariño que lles dispensaron. Normal! Porque eses moitos son coma eles. Xa o dicía nese Recuncho: que non hai que ser linces para sentir e ver a mafia que hai metida nas federacións deportivas, coa de fútbol á cabeza, por suposto. Menos mal que xa estamos acostumbrados: a velos roubar e... "vivitos y coleando". Ai este país noso!

    Finca Fierro. Venres, 4 de agosto de 2017

THE TETAS´ VAN OU A REVOLUCIÓN EN FEMININO



            Desde o momento en que vin que se anunciaba nas redes sociais e no programa do concello de Barbadás "E no verán?... refréscate coa cultura" a actuación de The Tetas´ Van no parque da Solaina, de que era ás nove da noite e de que, aínda sendo xoves e me tocase traballar pola tarde na viña, souben ó momento que podía velas e que tiña intención de velas. Porque o que chegaba ós meus oídos sobre a súa música era cousa bonita. Despois, por sorte e por culpa do tempo climatolóxico, non fun á viña, pero, por desgraza, e tamén por culpa desa climatoloxía, a actuación houbo que pasala do parque da Solaina á Casa da Cultura Manuel María.
            De corazón, gocei escoitando a súa música, pero a The Tetas´ Van hai que escoitalas, gozalas e vivilas ó aire libre. A súa música é para bailar, incluso para poñerse un pouco tolos a causa do ritmo frenético dos seus temas. Normal, case todos eles pertencen ó xénero do rock. E xa sabemos como se vive o rock. Non obstante, tamén adoitan meter polo medio algo de swing e blues, por exemplo.
            En cada introdución ou limiar que se fai deste grupo, sexa nos medios de comunicación ou nas presentacións publicitarias, adoitan axuntar, engadir a coletiña de "chegou a revolución en feminino! (asegúrovos que si!). The Tetas´ Van somos un grupo de mozas na súa maioría -aínda que tamén contamos con algún raparigo nos nosos cabarets- que pretende reivindicar o papel da muller e da lingua galega no escenario. Aínda que somos especialistas en versións, o noso obxectivo é de divertir transmitindo, reivindicando e loitando contra as inxustizas (sabemos que hai moitas) que nos tocan a todos e todas a través da nosa lingua galega".
            O grupo formouse en 2011 para participar nun concurso musicando un poema de Carvalho Calero (Ricardo Carballo Calero) e así crearon o tema  "Luisa Sorriso". A formación inicial estaba composta por Paula Conde tocando o baixo, María Mendoza pasando os dedos polo teclado, Lorena (Lore) Negreira dálle que dálle á batería e Lucía Gil poñendo a voz. Axiña houbo colaboracións de distinitas persoas nos ventos, e na guitarra comezou Gundi Prol, que deixou o grupo un ano máis tarde, pero ficharon ó momento a Omar Reza. No abril do 2012 incorpórase Irene Somoza para darlle fol ó saxo. Cando marchou Paula apareceu Raquel Huete e cando marchou esta (porque a xente, a vida é un continuo ir e vir) asomou Pablo Supermirafiori co seu baixo colgado do pescozo. Por certo, este xa colaborara noutras ocasións. Resumindo, os que están hoxe, e que foron os que actuaron na Valenzá o xoves, 6 de xullo, son Lucía, María, Pablo, Lore, Omar e Irene.
            Lin por algún lado unha confesión de Lorena (a da batería) que me fixo graza ("O meu esquelete axítase e colle vida propia con calquera ritmo e o sorriso é o meu mellor agasallo"). Porque lede agora o que anotei eu a pé de escenario, con poca luz, nun pequeno papel que levaba no peto do pantalón, e antes de ler esa declaración súa: "Lore Negreira goza nos temas como nunha pascua e canto máis avanza a actuacíón máis grande se fai o seu sorriso. Non sei por que, pero dáme que é a alegría da casa". Creo que acertei de cheo.
            Sabemos que ata a algúns grandes se lles pon costa arriba vivir deste mundo musical ou da farándula. Imaxinade entón os que empezan; polo que, claro, nos lles queda outra que abrirse camiño, botar o pé adiante na procura doutras tarefas, doutras profesións. Así, Lucía, Lore e María son profesoras. Irene traballa nos servizos sociais como persoal sanitario. Omar traballa en temas relacionados coa automoción e Pablo seica é un "mañoso", un multitarefas, ata o punto de colaborar incluso en algunha rodaxe televisiva. Irene é da Coruña, María de Asturia e os demais son de aquí, de Ourense. A asturiana é compositora e acaba de recibir no gran París de Francia o segundo premio no concurso internacional de composición Helianthe coa súa peza "Devil´s dance" para saxo.
            Un dos grandes obxectivos de The Tetas´ Van (este nome saíu dunha enquisa que fixeron polo feisbuq) é o de visibilizar ás mulleres dentro do panorama musical, normalizando a súa presenza nos escenarios, xa que "segundo unhas estatísticas, a porcentaxe de participación de mulleres nos festivais en Galicia (e no resto de España) é moi baixa, o que nos fai reflexionar de que hai unha clara falta de referentes para as futuras xeracións que queremos romper", segundo declaracións da propia Irene Somoza. E así andan nun proxecto conxunto con Sacha na Horta, Oima e Habelas Hainas chamado "A verbena das Irmandiñas", que ten como meta normalizar a presenza da muller no escenario.

            Cafetaría Paraxe da Farixa, Ourense. Luns, 10 de xullo de 2017
            Cafetaría Paraxe da Farixa, Ourense. Venres, 14 de xullo de 2017

jueves, 3 de agosto de 2017

O DÍA DE BAÑOS DE MOLGAS

Xa poden caer as festas de Baños de Molgas no mes de xullo ou no mes de xaneiro, xa pode saír petróleo polo cano da burga, xa pode aterrar un extraterrestre no campo de fútbol da Chaira ou xa pode dar un concerto Barbra Streisand na Pitediña que o auténtico, o verdadeiro día especial para a miña vila é o día 6 de agosto, o día de San Salvador, o patrón de Baños de Molgas. Xa pode incluso a Virxe dos Milagres asomar na miña vida o 8 de setembro que o día 6 de agosto segue a ser especial. É o patrón de Baños de Molgas!
Cada vez son menos crente, pero este día non perdoo a procesión. Non sei, o Santo co acio das uvas colgadas da man dereita e vendo como se abanea, o desfile polas rúas da vila, os veciños todos coa felicidade debuxada nos seus rostros, as campás repicando por todo o percorrido e, iso si, os foguetes estourando sobre o ceo molgués para darlle un sentido especial á mañá. Non obstante a tal día non o asimilo á relixión, senón a un día festivo, especial no que non ten por que meterse o catolicismo polo medio. É “o día” de Baños de Molgas. E con isto está dito todo.

Maceda. Xoves, 3 de agosto de 2017

martes, 1 de agosto de 2017

A SANTA COMPAÑA EN SATURNO


    A nave Cassini observa luces fantasmais no polo sur do planeta Saturno. A verdade é que observou moi pouco, quizais ó mellor a que o zoom non ía moito alá que digamos. Porque se se fixara ben ou se observara mellor vería que por alí andaba eu arrastrado parsimoniosamente pola Santa Compaña. Normal entón que vise tantas "luces fantasmais". De todos é sabido que un galego, que os galegos estamos en todas partes. Ata no medio dunha escaleira para amolar, para xiringar ós casteláns non dicíndolles se subimos ou baixamos.

Por certo, xa confirmo que en Saturno flotamos. De aí tamén que as luces fantasmais se movesen tanto e quizais por isto á nave Cassini se lle escapou un chisco o asunto. A ringleira da Santa Compaña hai que recoñecer que era longa de carallo. Eu ía non medio. Nin dos primeiros nin dos últimos. Para non chamar a atención. Sempre me dixeron que procurase non destacar moito no que fose. Ó mellor tamén foi por isto polo que a nave Cassini non me viu ben. Vai ti saber! Seguín arrastrado pola Santa Compaña cara ó polo sur de Saturno.

    Finca Fierro. Martes, 1 de agosto de 2017